DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 13 de febreiro de 2004 Páx. 1.930

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2004 pola que se convoca un seminario sobre transporte de mercadorías perigosas (Plantrasgal).

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun seminario sobre o transporte de mercadorías perigosas. Plantrasgal, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Facer unha posta en común de determinados aspectos sobre o transporte e mercadorías perigosas e o Plan de Emerxencias por Accidente no Transporte de Mercadorías Perigosas da Comunidade Autónoma de Galicia (Plantransgal) e a súa aplicación e desenvolvemento.

Segunda.-Destinatarios.

O seminario vai dirixido a:

-Técnicos e responsables de seguridade, prevención e planificación de empresas e actividades afectadas.

-Técnicos e responsables das administracións públicas (Administración xeral do Estado en Galicia; Administración autonómica e Administración local) que teñan que ver directa ou indirectamente coa prevención e planificación contra os riscos tecnolóxicos.

-Organizacións, entidades, asociacións que estean interesadas e relacionadas con este tema.

-Responsables de agrupación que teñan o seu ámbito de actuación en vías de tránsito de mercadorías perigosas.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este seminario é de 60.

2. Duración e datas: o seminario desenvolverase durante o día 25 de marzo de 2004, en xornada de mañá e tarde.

O horario será o seguinte: das 9.45 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

3. Lugar: o seminario realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste seminario deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 16 de marzo de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación ou xefe do organismo ó que estea adscrito, e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse os seguintes temas:

1. Normativa legal, control administrativo no transporte de mercadorías perigosas por estrada en Galicia.

2. Medidas preventivas e normas de actuación no transporte de mercadorías perigosas por estrada de substancias inflamables.

3. Normativa legal e transporte de mercadorías perigosas por ferrocarril en Galicia.

4. Transporte de substancias radioactivas por estrada. Grupo 7.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do seminario exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á súa realización. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Ó remate do seminario entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a el.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do seminario para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 4 de febreiro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade