DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 13 de febreiro de 2004 Páx. 1.925

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xaneiro de 2004, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de hospitalización e internamento.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de hospitalización e internamento, con nº de código 3600755, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-1-2004, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Sanatorios e Clínicas Privadas de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG o día 17-12-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 20 de xaneiro de 2004.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial para o sector

de hospitalización e internamento da provincia

de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas deste convenio rexerán en todo o territorio da provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Para os efectos previstos no artigo anterior, regula as relacións de traballo entre as empresas ou establecementos sanitarios destinados á hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises, sexa cal for a norma adoptada tanto na súa constitución como no seu nome, e o persoal que neles preste os seus servicios e estea comprendido no eido de aplicación da ordenanza laboral de hospitalización, consulta e asistencia, aprobado por O.M. do 25 de novembro de 1976.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

Este convenio terá unha duración de dous anos contados desde o 1 de xaneiro de 2003, rematando os seus efectos o 31 de decembro de 2004.

Entrará en vigor ós quince días da sinatura, ben que os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 2003.

Entenderase prorrogado por períodos anuais, agás denuncia por unha das partes, cunha anticipación mínima de tres meses á data de vencemento.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións económicas establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto, poderán ser compensadas nas xa existentes no momento da súa entrada en vigor. No caso de que iso supoña conxelación salarial, aboarase o 50% do incremento pactado a aqueles traballadores que se atopen na dita situación. En todo caso, serán compensables as gratificacións voluntarias concedidas polas empresas a título persoal.

Non poderá ser absorbido ningún complemento salarial que figure no recibo oficial de salarios.

Así mesmo, poderán ser absorbidos por calquera outra condición superior que, fixada por disposición legal, convenio colectivo, etc., pudiese aplicarse no sucesivo.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas estrictamente ad personam aquelas condicións máis beneficiosas que teña o traballador concedidas pola empresa, por pacto ou costume.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

Todo o persoal afectado por este convenio observará o disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais ó respecto.

A xornada anual será de 1.791 horas de traballo efectivo nos anos 2003 e 2004. Cando a súa distribución supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose, en todo caso, o tempo máximo anual mencionado.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

Procurarase efectua-las horas mínimas extras indispensables e, en todo caso, cos límites que determina o Estatuto dos traballadores.

En cada empresa, empresario e traballadores poderán pactar que as horas extraordinarios se aboen na contía determinada na lexislación laboral vixente ou a súa compensación por tempo de lecer, de acordo co previsto no Real decreto 2001/1983.

Artigo 8º.-Remuneracións.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, deberá rexerse nos anos da súa vixencia, polas táboas salariais anexas, que supoñen un incremento dun 2,5% para o ano 2003 e dun 3% sobre as táboas salarias vixentes no 31 de decembro de 2003, para o ano 2004.

Para o ano 2003, no caso de que o índice de prezos de consumo (IPC), establecido polo INE, rexistrase un incremento superior ó 2,5%, efectuarase unha revisión da táboa salarial, a partir do momento en que se constate oficialmente a dita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra.

Para o ano 2004, no caso de que o índice de prezos de consumo (IPC), establecido polo INE, rexistrase un incremento superior ó 3%, efectuarase unha revisión da táboa salarial, a partir do momento en que se constate oficialmente a dita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra.

Artigo 9º.-Compensación pola supresión da antigüidade.

No convenio do ano 1999 acordouse a supresión definitiva do concepto e tratamento do complemento persoal de antigüidade, tanto nos seus aspectos normativos como retributivos.

Como consecuencia do dito acordo, asumiron, así mesmo, ámbalas partes e como contrapartida os seguintes compromisos:

1. Os traballadores manterán e consolidarán os importes a que tivesen dereito polo complemento persoal de antigüidade, a 30 de xuño de 1997. Os ditos importes manteranse como un complemento retributivo ad personam, extinguíndose xuntamente coa extinción do contrato do traballador afectado coa empresa. O dito complemento retributivo ad personam reflectirase nos recibos oficiais de salario coa denominación de antigüidade consolidada.

2. Para compensa-la desaparición do complemento de antigüidade nos termos citados aplicarase:

a) A todo o persoal afectado por este convenio que adquirise o dereito a 30 de xuño de 1997 a percibir un premio de antigüidade de acordo coas condicións do anterior convenio, un incremento lineal de 120,2 euros ó mes, para tódolos niveis profesionais das táboas salariais. Este incremento distribuirase en 5 anos da seguinte maneira:

Ano 1998: 18,03 euros ó mes.

Ano 1999: 18,03 euros ó mes.

Ano 2000: 24,04 euros ó mes.

Ano 2001: 30,05 euros ó mes.

Ano 2002: 30,05 euros ó mes.

b) A todo o persoal afectado por este convenio, con contrato fixo antes do 30 de xuño de 1997, e que ata a dita data non adquirise o dereito a percibir un premio de antigüidade de acordo coas condicións do anterior convenio, un incremento lineal de 60,1 euros ó mes para todos os niveis profesionais das

táboas salariais. Este incremento distribuirase en 5 anos da seguinte maneira:

Ano 1998: 9,02 euros ó mes.

Ano 1999: 9,02 euros ó mes.

Ano 2000: 12,02 euros ó mes.

Ano 2001: 15,03 euros ó mes.

Ano 2002: 15,03 euros ó mes.

Ademais, terán dereito a recibi-lo importe equivalente á parte proporcional da antigüidade que o traballador tivese devengada e non cobrada á data do 30 de xuño de 1997, e que terá a consideración de antigüidade consolidada de acordo coa alínea (a) deste mesmo artigo.

c) A todo o persoal afectado por este convenio que antes do 30 de xuño de 1997 estivese ocupando un posto de traballo, baixo unha modalidade contractual temporal e a que posteriormente se lle transformase en contrato fixo, un incremento lineal de 60,1 euros ó mes para tódolos niveis profesionais das táboas salariais. Este incremento distribuirase da seguinte maneira:

Ano 1998: 9,02 euros ó mes.

Ano 1999: 9,02 euros ó mes.

Ano 2000: 12,02 euros ó mes.

Ano 2001: 15,03 euros ó mes.

Ano 2002: 15,03 euros ó mes.

Artigo 10º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de xullo e Nadal consistirán, cada unha, nunha mensualidade do salario base, incrementado coa antigüidade e co complemento de antigüidade recoñecidos.

Artigo 11º.-Complemento de postos de traballo. Complemento de toxicidade.

Por mor da maior especialidade, toxicidade, perigosidade ou penosidade, establécese un complemento retributivo, equivalente a un 20% sobre do salario base do convenio, a favor de persoal sanitario dos grupos I, II, III que establece a ordenanza laboral, o cal desenvolve posto de traballo nalgunha das seguintes seccións ou departamentos: quirófanos, radioterapia, medicina nuclear, laboratorio de análisis, unidades de coidados intensivos, psiquiatría, ril artificial, bacterioloxía ou pavillón de enfermidades infecto-contaxiosas.

Artigo 12º.-Complemento de nocturnidade.

Establécese un complemento de nocturnidade na contía do 25% sobre do salario base de cada traballador, o cal se percibirá sobre as horas traballadas de noite, entendéndose ó respecto como xornada nocturna a comprendida entre as 22.00 e as 8.00 horas.

Artigo 13º.-Complemento de posto de traballo.

Tódolos traballadores que presten servicios en centros hospitalarios o número de camas dos cales sexa superior a 300, percibirán un complemento de tra

ballo de 54,09 euros mensuais, aboándose igualmente nas pagas extraordinarias de xullo e Nadal.

Así mesmo, establécese un complemento de 15,03 euros mensuais para a categoría de auxiliar de axuda a domicilio.

Artigo 14º.-Complemento de transporte.

Tódolos traballadores afectados por este convenio terán dereito a un complemento de transporte que consistirá nas seguintes contías:

a) Para o ano 2003:

* Xornada continua: 39,85 euros por mes efectivo de traballo.

* Xornada partida: 55,17 euros por mes efectivo de traballo.

b) Para o ano 2004:

* Xornada continua: 41,66 euros por mes efectivo de traballo.

* Xornada partida: 57,68 euros por mes efectivo de traballo.

Artigo 15º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito a un período de vacacións anuais dun mes natural de vacacións retribuídas. No caso de que non aproveitasen o dito período de forma continuada, terán dereito a 30 días naturais.

As vacacións aproveitaranse preferentemente durante o período de maio a setembro (ámbolos dous inclusive).

En cada empresa establecerase unha orde rotativa de preferencia, de tal maneira que un traballador que un ano foi o primeiro á hora de elixir quenda, pasa a se-lo último no ano seguinte.

Artigo 16º.-Licencias e permisos.

Os permisos retribuídos a que teñen dereito os traballadores son os seguintes:

1. No caso de falecemento de parentes de primeiro e segundo grao por consanguinidade ou afinidade, e parellas de feito debidamente documentadas, establécese en función do lugar en que ocorra o óbito: 3 días se ocorre na localidade ou na provincia de Pontevedra, 4 fora da provincia de Pontevedra e 5 fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de efermidade grave, debidamente acreditada, das persoas do número anterior, tanto parentes como parellas de feito debidamente documentadas, en función do lugar en que suceda o feito: 3 días se ocorre dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e 5 días se acontece fóra.

3. No caso de intervención cirúrxica das persoas do número (1), coa debida xustificación, en función do tipo de intervención: un día no caso de intervención con anestesia local, e dous días por intervención con anestesia xeral e epidural.

4. Por matrimonio, 15 días naturais.

5. Por parto da esposa, 3 días naturais.

6. Por cambio de domicilio, 2 días naturais.

7. Para acudir ó médico con fillos menores a cargo e por razóns de urxencia debidamente acreditadas polo pediatra, os traballadores terán dereito a un permiso polas horas necesarias. No suposto de que o pai e a nai traballen no mesmo centro, só un deles terá dereito a este permiso.

Os ditos permisos serán retribuídos e en ningún caso poderán ser descontados das vacacións correspondentes nin concedidas recentemente.

Ademais destes permisos, desfrutarán de 3 días de libre disposición para asuntos propios, que non afectarán o cómputo da xornada anual.

Artigo 17º.-Aviso previo para o peche.

Observarase o que establecese a ordenanza aplicable e o Estatuto dos traballadores.

Artigo 18º.-Excedencias.

* Excedencia maternal: os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a 3 anos para atender ó coidado de cada fillo contando desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que viñese gozando. Cando o pai e nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Os traballadores terán, neste caso, dereito a reincorporación ó posto de traballo reservado, sempre que o soliciten cunha antelación de 30 días á finalización da excedencia.

* Excedencia voluntaria: a empresa estará obrigada a conceder a todo o persoal fixo que o solicite e leve na empresa o tempo mínimo de dous anos de servicio, a excedencia voluntaria, a cal terá unha duración mínima de 6 meses e máxima de 5 anos, quedando a empresa obrigada a reserva-lo posto de traballo durante un máximo de 13 meses. Solicitado o reingreso, de non ter posto vacante, a empresa comprométese a contrata-lo traballador en excedencia cada vez que necesite contratar algún traballador.

Artigo 19º.-Permiso oficial non retribuído.

A empresa concederá un permiso non retribuido ata un máximo de 7 días ó ano a aqueles traballadores que o soliciten por escrito xustificadamente, cunha antelación ó menos dunha semana.

Artigo 20º.-Incapacidade laboral transitoria.

As empresas complementarán ata o 100% do salario as prestacións económicas derivadas de accidente laboral.

Artigo 21º.-Revisións médicas.

A todo o persoal afectado por este convenio efectuaráselle un recoñecemento médico anual obrigatoriamente e unha revisión xinecolóxica voluntaria cada seis meses ó persoal feminino logo de nego

ciación, en ámbolos dous casos, entre o comité de empresa ou delegados de persoal e a dirección do centro para a elección do lugar que deba realiza-la revisión indicada. A revisión inclúe a obrigatoriedade de realizar ó persoal de radioloxía as probas específicas legalmente establecidas para eles.

Artigo 22º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo de existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas sustituídos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 23º.-Formación e promoción profesional.

As empresas facilitarán os medios e colaborarán na formación e promoción profesional do persoal afecto ós seus centros dentro das dispoñibilidades deles e fóra das horas de traballo.

Artigo 24º.-Contrato por acumulación de tarefas.

Segundo o establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores (modificado polo Real decreto lei 8/1997, do 16 de maio), os contratos de duración determinada, por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos poderán ter unha duración máxima de 12 meses dentro dun período de 18 meses.

Artigo 25º.-Período de proba.

De acordo co establecido no artigo 14 do Estatuto dos traballadores, o período de proba non poderá exceder 6 meses para os técnicos titulados e 2 meses para o resto dos traballadores.

Artigo 26º.-Dereito de reunión.

Fíxase un tempo de 12 horas retribuídas ó ano para a celebración de asembleas, comprometéndose os representantes legais dos traballadores a garanti-lo funcionamento dos servicios imprescindibles, os cales serán determinadas entre estes e a dirección.

Deberán observarse as normas previstas no Estatuto dos traballadores e, concretamente, as que se indican a seguir.

De conformidade co disposto co artigo 4 desta lei, os traballadores duna mesma empresa ou centro de traballo teñen dereito a xuntarse en asemblea.

A asemblea poderá ser convocada polos delegados de persoal, o comité de empresa do centro de traballo ou por un número de traballadores non inferior ó 33% do cadro de persoal. A asemblea será presidida, en todo caso, polo comité de empresa ou polos delegados de persoal mancomunadamente, que serán responsables do normal desenvolvemento dela, así como da presencia na asemblea de persoas non pertencentes á empresa. Só poderán tratarse nela asuntos que figuren previamente incluídos na orde do día. A presidencia comunicará ó empresario a convocatoria e os nomes das persoas non pertencentes

á empresa que vaian asisitir á asemblea e acordará con este as medidas oportunas para evitar prexuízos na actividade normal da empresa.

Cando por traballar a quendas, por insuficiencia de locais ou por calquera outra circunstancia non poida xuntarse simultáneamente todo o cadro de persoal, sen prexuízo ou alteración no normal desenvolvemento da producción, as diversas reunións parciais que deban celebrarse consideraranse como unha soa e datadas no día da primeira.

O lugar de reunión será o centro de traballo, se as condicións deste o permiten.

O empresario deberá facilita-lo centro de traballo para a celebración da asemblea, agás nos seguintes casos:

1. Se non se cumpren as disposicións desta lei.

2. Se transcorresen menos de dous meses desde a última reunión celebrada.

3. Se aínda non se resarcise ou afianzase o resarcimento polos danos causados en alteracións ocorridas nalgunha reunión anterior.

4. Peche legal da empresa.

As reunións informativas sobre convenios colectivos que lles sexan de aplicación non estarán afectados pola alínea (b).

A convocatoria, con expresión da orde do día proposto polos convocantes, comunicaráselle ó empresario con corenta e oito horas de antelación, como mínimo, debendo este cursar recibo.

Cando se someta á asemblea por parte dos convocantes a adopción de acordos que afecten o conxunto dos traballadores, requirirase para a validez daqueles o voto favorable persoal, libre, directo e secreto, incluído o voto por correo, da metade máis un dos traballadores da empresa ou centro de traballo.

As empresas ou centros de traballo, sempre que as súas características o permitan, porán a disposición dos delegados de persoal ou do comité de empresa un local axeitado en que poidan desenvolve-las súas actividades e comunicarse cos traballadores, así como un ou varios taboleiros de anuncios. As posibles discrepancias serán resoltas pola autoridade laboral, logo de informe da Inspección de Traballo.

Artigo 27º.-Cota sindical.

A requirimento dos traballadores afiliados a algunha das centrais sindicais asinantes, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado na realización de tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito en que expresará con claridade a orde de desconto, a central sindical a que pertenza, a contía da cota, así como o número da conta corrente da caixa de aforros ou entidade bancaria a que debe ser transferida a correspondente cantidade. As empresas efectuarán

as anteditas detraccións, agás indicación en contrario do traballador, durante períodos dun ano.

Artigo 28º.-Acumulación de horas sindicais.

Os delegados de persoal ou membros do comité de empresa disporán do crédito de horas mensuais retribuídas determinadas pola lei. Nas empresas estableceranse pactos ou sistemas de acumulación de horas dos distintos representantes legais dos traballadores, nun ou en varios dos compoñentes, sen excede-lo máximo total que determina a lei.

Artigo 29º.-Roupas de traballo.

As empresas facilitarán anualmente ós traballadores a roupa e o calzado sanitario necesario de traballo, coa obriga do lavado pola propia empresa.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

Créase a comisión paritaria do convenio, que terá as funcións e fins regulados pola normativa vixente, a cal estará presidida polo presidente da comisión deliberadora e estará composta por igual número de vocais representativos dos traballadores e técnicos, por unha parte, e de empresarios pola outra, a designación concreta dos cales recaerá sobre as mesmas persoas e en igual número de vocais titulares que os que foron nomeados para a negociación deste convenio.

Artigo 31º.-Cláusula de desvinculación salarial.

As porcentaxes de incremento salarial establecidas no convenio poderán non aplicarse para aquelas empresas que acrediten obxectiva e de forma evidente e a súa situación de déficit ou perdas mantidas nos exercicios contables oficiais dos dous últimos anos, téndose en conta as previsións para o seguinte exercicio.

Nestes a empresa trasladará ós representates dos traballadores e á comisión paritaria a proposta de fixación do aumento salarial. Para valorar esta situación teranse en conta circunstancias tales como o insuficiente nivel de facturación ou a perda incontrovertible de clientela, e atenderanse os datos que resulten da contabilidade das empresas, dos seus balances e das súas contas de resultados. De producirse acordo entre a empresa e a representación dos traballadores, este deberá ser comunicado á comisión paritaria. O dito acordo deberá conte-los seguintes requisitos:

* Que se manteña o nivel de emprego.

* Que os incrementos futuros se apliquen sempre sobre o convenio e non sobre os novos salarios da empresa.

* Non prolonga-la desvinculación por máis dun ano, renovable por outro máis sempre e cando houbese acordo entre a empresa e os representante dos traballadores.

En caso de discrepancia poderán utilizarse informes de auditores ou censores xurados de contas atendendo ás circunstancias e dimensións das empresas.

O custo que supoña será aboado pola parte que o solicite.

A determinación, se for o caso, das novas condicións salariais producirase mediante acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores ou delegados sindicais, estando obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos a que tivesen acceso como consecuencia do establecido na presente cláusula, observándose respecto de todo isto sixilo profesional. Naquelas empresas que non teñan elixidos representantes dos traballadores, a negociación efectuarase no seo da comisión paritaria.

Artigo 32º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o que dispoñía a ordenanza laboral de hospitalización, consulta e asistencia, o Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais de xeral aplicación.

Artigo 33º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio as centrais sindicais CIG (Confederación Intersindical Galega), CC.OO. (Comisións Obreiras), e UGT (Unión Xeral de Traballadores) en representación dos traballadores, e a Asociación Provincial de Empresarios de Sanatorios e Clínicas da Provincia de Pontevedra, en representación dos empresarios do sector.

Táboas salariais para 2003 e 2004

Categorías

2003

(incremento

2,5% s/2002)

2004

(incremento

3% s/2003)

-Persoal técnico sanitario
Director técnico968,66 euros997,72 euros
Xefe de servicios880,76 euros907,18 euros
Médico xefe de sección ou adxunto874,36 euros900,59 euros
Médico interno837,91 euros863,04 euros
Farmacéutico, psicólogo837,91 euros863,04 euros
Fisioterapeuta, logopeda766,57 euros789,57 euros
Axudante técnico sanitario/DUE738,59 euros760,75 euros
Asistente social738,59 euros760,75 euros
Xefe de enfermería837,91 euros863,04 euros
Auxiliares sanitarios especializados, coidadores de centros especiais

678,03 euros

698,37 euros

-Persoal subalterno sanitario
Coidadores, sanitarios, auxiliares clínica650,04 euros669,54 euros

-Persoal de cociña
Xefe de cociña707,23 euros728,45 euros
Cociñeiro de primeira684,37 euros704,91 euros
Cociñeiro de segunda657,90 euros677,64 euros
Axudante de cociña633,65 euros652,66 euros
Xefe de economato669,33 euros689,41 euros
Reposteiro659,99 euros679,79 euros
Fregador/a625,72 euros644,49 euros
Axudante de economato625,72 euros644,49 euros

-Persoal de servicios xerais
Encargada657,90 euros677,64 euros
Subencargada657,90 euros677,64 euros
Auxiliar de axuda a domicilio *650,04 euros669,54 euros
Pasadora de ferro, costureira, lavandeira625,72 euros644,49 euros
Limpadora625,72 euros644,49 euros

-Persoal de servicios varios
Fotógrafo, electricista, conductor, mecánico, xardineiro, albanel, pintor, carpinteiro

696,45 euros

717,34 euros

Peón de xardinería, albanelería, etc.625,72 euros644,49 euros
Conserxe657,90 euros677,64 euros
Porteiro625,72 euros644,49 euros
Telefonista636,11 euros655,20 euros

-Persoal administrativo
Administrador663,60 euros683,51 euros
Xefe de contabilidade663,60 euros683,51 euros
Oficial administrativo658,62 euros678,38 euros

Categorías

2003

(incremento

2,5% s/2002)

2004

(incremento

3% s/2003)

Técnico documentación sanitaria658,62 euros678,38 euros
Auxiliar administrativo625,72 euros644,49 euros

-Persoal de pisos
Camareiras634,30 euros653,33 euros

* Funcións recollidas na Orde do 22 de xullo de 1996 da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais