DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 13 de febreiro de 2004 Páx. 1.916

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 2 de febreiro de 2004 pola que se convocan axudas para discapacitados e maiores en estado de necesidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no seu artigo 33.2º, establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, recolle nos artigos 50 e 52 a posibilidade de conceder de maneira singular prestacións económicas non periódicas a persoas en estado de necesidade.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da propia consellería, é o organismo competente en materia de servicios sociais.

Un dos obxectivos básicos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais é a de mellora-la calidade de vida das persoas con discapacidade e maiores, mediante actuacións que lles axuden a acada-las máis altas cotas de autonomía e independencia, así como a satisface-la súa aspiración de participar na vida económica e social da súa comunidade.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establece-las bases reguladoras da concesión de axudas económicas non periódicas a maiores e persoas con discapacidade en estado de necesidade, acompañadas da convocatoria destas axudas para o ano 2004, de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que establece os requisitos xerais das axudas e subvencións concedidas pola Administración, normativa á que, en consecuencia, se adapta esta orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988 e o Decreto 20/2003, do 18 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras da convocatoria para a concesión de axu

das individuais, de carácter non periódico, para persoas con discapacidade e maiores en estado de necesidade, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas recollidas nesta orde consideraranse subsidiarias de calquera outra que se poida conceder para a mesma finalidade por calquera outro organismo ou Administración pública.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde:

a) Persoas maiores de 65 anos que acrediten a necesidade dunha axuda que non estea incluída no ámbito doutras liñas de protección social ou que, estándoo, non lles fora concedida.

b) Persoas con discapacidade que:

-Cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 620/1981, do 5 de febreiro, sobre o réxime unificado das axudas públicas a diminuídos.

-Estean afectadas por unha minusvalía recoñecida cun grao igual ou superior ó 33%.

-Soliciten unha axuda ou servicio derivado da súa discapacidade.

-Non superen os 65 anos.

-Non percibisen axudas doutras liñas de protección social para a mesma finalidade.

2. En calquera caso, para ser beneficiario das axudas reguladas nesta orde deberá acreditarse o cumprimento das obrigas impostas con carácter xeral ós beneficiarios de axudas públicas no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que establece os requisitos xerais das axudas e subvencións concedidas pola Administración.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Persoas con discapacidade.

As persoas con discapacidade poderán solicitar axudas económicas, cos límites máximos que se sinalan para:

1.1. Rehabilitación.

a) Atención temperá:

-Por cada tratamento particular: 90,15 euros (mensuais).

-Por conxunto de tratamentos: 228,19 euros (mensuais).

b) Fisioterapia, psicomotricidade e terapia da linguaxe.

-Por cada tipo de tratamento: 90,15 euros (mensuais).

-Polo conxunto de tratamentos: 228,18 euros (mensuais).

c) Psicoterapia: 90,15 euros (mensuais).

1.2. Asistencia especializada.

a) De desenvolvemento persoal: 2.404,05 euros.

b) Adaptación funcional do fogar: 2.404,05 euros.

c) Institucionalizada fóra da Comunidade Autónoma en réxime de internado: 390,66 euros (mensuais).

1.3. Mobilidade e comunicación.

a) Adquisición de vehículos de motor: 2.584 euros.

Para estes efectos, enténdense por vehículos a motor subvencionables os seguintes, consonte a descrición e demais características técnicas establecidas no anexo II do Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, que aproba o Regulamento xeral de vehículos:

-Cuadriciclos lixeiros: vehículos de catro rodas cunha masa en baleiro inferior a 350 kg, sen conta-la masa das baterías no caso dos vehículos eléctricos, cunha velocidade máxima por construcción non superior a 45 km/h e cun motor de cilindrada inferior ou igual a 50 cm para os motores de explosión, ou cunha potencia máxima neta inferior ou igual a 4 kW para os demais tipos de motores.

-Vehículo para persoas de mobilidade reducida: vehículo cunha tara non superior a 350 kg e que, por construcción, non pode acadar en superficie chá unha velocidade superior a 45 km/h, proxectado e construído especialmente (e non meramente adaptado) para o uso de persoas con algunha disfunción ou incapacidade física.

b) Adaptación de vehículos a motor: 2.584 euros.

Dentro desta liña, poderanse subvencionar tanto as adaptacións dirixidas a facilita-lo acceso e permanencia no vehículo da persoa con mobilidade reducida e, se é o caso, da súa cadeira de rodas, sexa ou non o conductor do vehículo, como aqueloutras dirixidas especificamente á adaptación dos elementos da conducción ás persoas con mobilidade reducida.

c) Eliminación de barreiras arquitectónicas ou de comunicación: 2.405 euros.

d) Adquisición de axudas técnicas: 2.405 euros.

1.4. Axudas complementarias de rehabilitación.

a) Transportes:

-Transporte especial: 90,15 euros (mensuais).

-Transporte: 54,09 euros (mensuais).

2. Persoas maiores.

As persoas maiores poderán solicita-las axudas económicas, cos límites máximos que se sinalan para:

2.1. Atención especializada:

a) Adquisición de próteses dentais: 480,81 euros.

b) Adquisición de axudas técnicas: 480,81 euros.

c) Atención en residencias ou vivendas comunitarias para anciáns afectados de graves discapacidades: 480,81 euros (mensuais).

d) Atención en centros de día para anciáns afectados de graves discapacidades: 240,41 euros (mensuais).

e) Adquisición de próteses auditivas: ata un máximo de 450,76 euros.

2.2. Adaptación funcional do fogar: ata 1.322,23 euros.

Dentro deste epígrafe atenderanse preferentemente as persoas que non son beneficiarias de axudas para situacións de emerxencia social por conceptos semellantes ós desta orde.

3. Para os efectos desta orde, enténdese por axuda técnica aquel utensilio, dispositivo ou equipo de diferente grao de complexidade, que permite suplir ou diminuí-las limitacións ou as carencias funcionais das persoas con discapacidade.

4. Para as solicitudes por adquisición de audiófonos requírese ser maior de dezaseis anos.

5. Só serán obxecto de financiamento actuacións que se realicen no ano 2004.

6. As axudas para as que este artigo fixa unha contía en cómputo mensual (rehabilitación e as súas complementarias, atención en centros de persoas maiores e con discapacidade) poderán ser obxecto de prórrogas de vixencia anual, consonte o que se dispón nesta orde.

Artigo 4º.-Crédito orzamentario.

A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito consignado para estes fins nos orzamentos desta Comunidade Autónoma para o ano 2004. As partidas que soportarán o gasto serán as seguintes:

-16.02.212D.480.4, con 459.041 euros.

-16.02.212D.482.5, con 401.656 euros.

-16.02.212A.780.2, con 60.000 euros.

Artigo 5º.-Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes, debidamente asinadas polo beneficiario ou o seu representante legal, formalizaranse consonte o modelo que se xunta como anexo e presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ou por calquera das canles previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O modelo oficial da solicitude estará á disposición dos interesados na Dirección Xeral do Maior e Persoas con Discapacidade e nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

3. O prazo para a súa presentación será de 40 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Malia o antedito, poderán admitirse e tramitarse fóra do prazo establecido no parágrafo anterior, e como data límite o 30 de setembro, as demandas de axuda que non admitan demora, dada a súa natureza, sempre que se acredite a aparición da necesidade con posterioridade ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. Cando se solicite a prórroga dunha axuda, haberase acompaña-lo impreso de solicitude, debidamente cuberto, dunha declaración xurada de que non variaron as circunstancias que, no seu día, motivaron a concesión da axuda. No caso de existir variación, deberá acompaña-la documentación acreditativa de tal circunstancia.

Todo o antedito enténdese sen prexuízo das facultades administrativas de comprobación dos datos declarados e de determinación da procedencia da axuda.

As solicitudes de prórrogas terán que presentarse inescusablemente dentro dos dous derradeiros meses do ano.

Artigo 6º.-Documentación.

1. As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación xeral:

a) Fotocopia compulsada do DNI, partida de nacemento ou outro documento análogo do beneficiario e, se é o caso, do representante legal.

b) Certificación do padrón municipal de habitantes, comprensivo de tódolos conviventes.

c) Informe social emitido por un traballador social dos servicios sociais de atención primaria. O dito informe non será necesario, agás que a Comisión Provincial de Valoración o considere conveniente, nas prórrogas das axudas (rehabilitación e as súas complementarias e atención en centros), na adquisición ou adaptación de vehículos de motor e na adquisición de próteses dentais e auditivas a persoas maiores.

d) Orzamento detallado do gasto que se vai realizar.

e) Declaración do imposto sobre a renda da unidade familiar correspondente ó último exercicio. No caso de non te-la obriga de presentala, deberán achegar certificación negativa da correspondente delegación da Axencia Estatal de Administración Tributaria, así como declaración xurada da totalidade de ingresos do beneficiario e dos restantes membros da unidade familiar, acompañada dos correspondentes xustificantes.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, consonte o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Documentación específica:

2.1. Axudas para adquisición e adaptación de vehículos de motor: informe médico emitido pola Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez, da imposibilidade de utilización do transporte público colectivo.

Nos casos de solicitude de axudas para a adquisición de vehículo, ou para a adaptación en elementos da conducción, coa solicitude, ou, en calquera caso, antes do pagamento, o beneficiario deberá achega-la copia do permiso de conducción A1 ou, no seu defecto, da autorización de ciclomotor, segundo corresponda, consonte o establecido na normativa de seguridade vial como requisito para a conducción de cada clase de vehículo.

2.2. Axudas de tratamento: informe da Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez, en que se especifique que necesita o tratamento para o que solicita a axuda e que o dito tratamento non pode recibilo en calquera outro centro ou organismo público.

2.3. Axudas para adquisición de próteses auditivas: informe médico emitido por un otorrinolaringólogo que xustifique a necesidade da prótese, no caso de que a dita necesidade non conste no informe da Sección de Cualificación e Valoración de Minusvalidez.

Artigo 7º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude non reunise os requisitos establecidos nesta orde para cada caso concreto, o interesado será requirido, para que no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición e procederase ó arquivo do expediente, nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación da axuda, segundo os criterios obxectivos recollidos nesta orde e nas demais normas de desenvolvemento.

2. A Comisión Provincial de Valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente: o secretario da delegación provincial.

b) Vocais: o xefe do Servicio de Axudas e Programas e un funcionario designado polo delegado provincial.

c) Secretario: o vocal que para tal función designe o delegado provincial.

Ás reunións da comisión convocarase un traballador social dos servicios de atención primaria e un representante da Intervención Territorial, ámbolos dous con voz, pero sen voto.

Se por calquera causa algún dos seus compoñentes non puidese asistir ás reunións, será substituído polo que designe o órgano competente para o outorgamento das axudas, debendo recae-lo nomeamento, sempre que fose posible, noutro funcionario do mesmo servicio que o substituído.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Para a elaboración da proposta de adxudicación das axudas, a Comisión Provincial de Valoración terá en conta os seguintes criterios:

a) Nivel de renda familiar: serán preferentes na concesión das axudas os peticionarios con ingresos familiares per cápita inferiores ó 70% do salario mínimo interprofesional vixente.

b) Continuidade na prestación outorgada en exercicios anteriores no caso de prórrogas, sempre que se acredite suficientemente a persistencia da necesidade.

c) Circunstancias familiares e sociais dos solicitantes.

d) Carencia de servicios sociais especializados no ámbito de residencia do solicitante.

Artigo 10º.-Resolución.

1. Unha vez emitido o informe da comisión, o delegado provincial dictará a resolución que proceda, de acordo co disposto na Orde do 19 de maio de 2003, sobre desconcentración e delegación de competencias nos órganos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. O prazo máximo para dictar e notifica-los interesados da resolución expresa será de seis meses, contados desde a solicitude.

O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución da concesión determinará cando menos o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de axuda que corresponda dentro dos límites establecidos nesta orde e o importe da axuda concedida.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, perante o mesmo órgano que as dictou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del, por existir fondos provenientes de recursos de axudas inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

3. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 12º.-Xustificación das axudas.

1. Sen prexuízo do referido no artigo 15 do referido Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o beneficiario deberá ter realizadas e xustificadas as actuacións que fosen obxecto de axuda antes do 30 de novembro de 2004. No caso das axudas correspondentes ó mes de decembro, que pola peculiar natureza do pagamento (mensual, diario, etc.) non poidan ser xustificadas naquela data, disporán de prazo ata o día 30 do dito mes.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais aboaranlles ós beneficiarios a contía das axudas concedidas, logo da presentación das facturas correspondentes e os xustificantes requiridos, se é o caso, na resolución da concesión.

3. No momento da xustificación da execución total da actuación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para unha mesma actuación, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. A falta de presentación desta documentación entenderase como renuncia á axuda concedida e, logo de audiencia ó interesado, procederase conforme o disposto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, en relación co artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederase ó reintegro total ou parcial da contía percibida xunto ós xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da axuda sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas ós beneficiarios con motivo da concesión da axuda.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos

ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza co previsto nos artigos 19 ó 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 14º.-Control. Infraccións e sancións.

1. Os beneficiarios destas axudas quedan obrigados a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. Será de aplicación ós beneficiarios das axudas recollidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, de acordo co procedemento previsto no capítulo VII do Decreto 287/2000, de 21 de novembro.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a orde da Consellería de Asuntos Sociais do 9 de abril do 2002 (DOG do 23 de abril), pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas a discapacitados e maiores en estado de necesidade en réxime de concorrencia competitiva, así como a Orde do 8 de xaneiro de 2003 (DOG do 21 de xaneiro), de convocatoria das devanditas axudas para o ano 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2004.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais