DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 13 de febreiro de 2004 Páx. 1.907

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 4 de febreiro de 2004 sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ó servicio da Administración de xustiza en Galicia.

A Lei orgánica do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, prevé que por razóns de urxencia ou necesidade poderán nomearse funcionarios interinos, que desenvolverán as funcións propias dos corpos de funcionarios ó servicio da Administración de xustiza, mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios de carreira ou permanezan as razóns que motivaron o seu nomeamento (artigo 472.2º).

O réxime estatutario dos funcionarios de carreira seralles aplicable a estes funcionarios interinos no que sexa adecuado á natureza da súa condición. En realidade, concédenselles ós nomeados interinos os mesmos dereitos e deberes dos funcionarios, agás a fixeza no posto de traballo; perciben as mesmas retribucións básicas e complementarias, salvo trienios, pero non lles será aplicable o réxime de clases pasivas e estarán integrados no réxime xeral da Seguridade Social (artigos 474.2º e 495.2º, 489.2º da LOPX).

En virtude da transferencia de funcións á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de medios persoais ó servicio da Administración de xustiza, realizada a través do Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, e do Decreto da Xunta de Galicia 438/1996, do 20 de decembro, os funcionarios dos corpos de médicos forenses e dos novos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial dependen organicamente da Comunidade Autónoma. Esta dependencia instruméntase a través da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, á que lle corresponden as competencias nesta materia, segundo o Decreto 226/2003, do 11 de abril, polo que se aprobou a súa estructura orgánica.

Neste marco legal, correspóndelle á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local regular con criterios obxectivos o nomeamento de funcionarios interinos -que deberán posuí-los requisitos e a titulación necesarios para o ingreso no corpo respectivo-, o prazo de toma de posesión, así como o seu cesamento (artigo 489 da LOPX).

Esgotada a vixencia das bolsas de interinos anteriores, procede efectuar unha nova convocatoria, adaptando a regulación ó novo réxime estatutario que resulta da Lei orgánica 19/2003.

Polo anteriormente exposto, e logo da negociación coas organizacións sindicais máis representativas no sector,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é a regulación do nomeamento de funcionarios interinos ó servicio da Admi

nistración de xustiza en Galicia, para desempeña-las funcións legalmente reservadas ós corpos nacionais de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial.

2. Esta regulación comprende a selección dos candidatos, a formación e integración destes en bolsas de traballo, así como a ordenación do procedemento para o seu nomeamento e o seu cesamento como funcionarios interinos.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. As disposicións contidas nesta orde serán aplicables ó nomeamento de interinos para traballar en tódolos centros de destino da Administración de xustiza radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, desempeñando funcións dos corpos xerais de funcionarios ó servicio da dita Administración.

2. Quedan excluídos do ámbito de aplicación desta orde o nomeamento de secretarios e persoal dos xulgados de paz que non estean dotados con cadro de persoal ó servicio da Administración de xustiza.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos do disposto nesta orde, entenderase por:

a) Bolsa de traballo: conxunto de candidatos seleccionados para seren designados funcionarios interinos, ordenados nunha lista en función da puntuación obtida por méritos. Seguindo a orde da lista produciranse os nomeamentos. Durante a súa vixencia a lista retroalimentarase cos integrantes que cesen como interinos.

b) Bolsa de reserva: listaxe ordenada das persoas que poderán ser nomeadas funcionarios interinos se se esgota a bolsa de traballo.

Artigo 4º.-Normas xerais.

1. Por razóns de urxencia ou de necesidade a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, a través da Dirección Xeral de Xustiza, poderá nomear interinos para desempeñar tarefas dos corpos de funcionarios mencionados no artigo 1 desta norma, mentres non sexa posible o seu desempeño por funcionarios de carreira.

2. Os nomeamentos de interinos produciranse, de acordo coas necesidades do servicio e coas dispoñibilidades orzamentarias, para ocuparen provisionalmente postos vacantes ou para suplir ausencias de titulares. Tamén poderá acordarse como medida de apoio cando por causas obxectivas, de carácter urxente, sexa necesario reforza-los cadros de persoal.

Capítulo II

Formación das bolsas de traballo

Artigo 5º.-Bolsas de traballo e bolsas de reserva.

1. A selección dos que desexen ser chamados para cubrir postos con carácter temporal realizarase mediante a inclusión das persoas que acrediten máis méritos en bolsas de ámbito provincial.

2. Cada bolsa estará integrada polos candidatos seleccionados, ordenados nunha lista en función da puntuación que obtivesen de conformidade co previsto no artigo 10 desta orde.

3. Formarase unha bolsa de traballo por cada corpo de funcionarios; seguindo a orde de lista desta bolsa produciranse os nomeamentos como funcionario interino para desempeña-los postos de traballo.

4. Se se esgotase a bolsa de traballo chamaranse os integrantes da bolsa de reserva.

No caso excepcional de esgotarse tamén a bolsa de reserva, mentres non se formen novas bolsas, ofreceráselle-la posibilidade de aceptar voluntariamente a provisión de postos nunha provincia diferente ós integrantes da bolsa da provincia máis próxima á localidade sede do centro de destino.

5. Só se poderá estar incluído nunha bolsa; se é o caso, o interesado deberá optar por unha bolsa de conformidade co previsto no artigo 12.3º desta orde.

Artigo 6º.-Composición e vixencia das bolsas de traballo.

1. O número de integrantes das respectivas bolsas determinarase aplicando as seguintes porcentaxes en relación cos cadros de persoal vixentes:

a) Postos reservados ó corpo de xestión procesual e administrativa: para a bolsa de traballo un 10% dos postos, para a bolsa de reserva un 5% dos postos.

b) Postos reservados ó corpo de tramitación procesual e administrativa: para a bolsa de traballo un 15% dos postos, para a bolsa de reserva un 8%.

c) Postos reservados ó corpo de auxilio xudicial: para a bolsa de traballo un 10% dos postos, para a bolsa de reserva un 5%.

2. Reservarase o 5% dos postos de cada lista para persoas cun grao de minusvalidez recoñecido igual ou superior ó 33%, sempre que acrediten a compatibilidade funcional co desempeño das tarefas propias dos funcionarios dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza.

3. As bolsas de traballo terán unha vixencia de dous anos, salvo que se esgote algunha das súas listaxes ou que, por modificacións lexislativas ou por circunstancias especiais, sexa necesario realizar unha nova convocatoria. Esta convocatoria anticipada requirirá a previa consulta á comisión paritaria mencionada no artigo 16 desta orde.

Artigo 7º.-Condicións xerais dos candidatos.

Os candidatos a seren incluídos nas bolsas de traballo deberán reunir, na data en que remate o prazo de presentación de instancias, as condicións xerais seguintes:

a) Seren españois, maiores de idade, menores de 65 anos e atoparse no pleno exercicio dos seus dereitos civís.

b) Figuraren inscritos no servicio público competente como demandantes de emprego ou para mellora de emprego, agás os que se atopen traballando como interinos na Administración de xustiza.

c) Que non fosen condenados, nin estar procesados, nin inculpados por delicto doloso, a menos que obtivesen a rehabilitación ou se dictase na causa auto de sobresemento.

d) Non estaren inhabilitados para o exercicio das funcións públicas.

e) Que non fosen separados, mediante procedemento disciplinario, do servicio dunha Administración pública, nin suspendidos para o exercicio da función pública en vía disciplinaria ou xudicial, salvo que fosen debidamente rehabilitados.

f) Non teren causa de incompatibilidade para o exercicio da función pública na Administración de xustiza.

g) Que non fosen sancionados por falta moi grave, nin cesasen como interinos por falta de capacidade ou rendemento nos últimos tres anos.

h) Non padeceren defecto físico ou enfermidade psíquica ou física, ou calquera outra circunstancia que os incapacite para o posto de traballo.

i) Teren residencia na Comunidade Autónoma galega.

Artigo 8º.-Condicións específicas segundo as bolsas de traballo.

1. Os candidatos deberán posuír, ou estar en condicións de obter antes de finaliza-lo prazo de presentación de instancias, a seguinte titulación:

a) Para postos do corpo de xestión procesual e administrativa: diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente.

b) Para postos do corpo de tramitación procesual e administrativa: título de bacharelato ou equivalente.

c) Para postos do corpo de auxilio xudicial: graduado en educación secundaria ou equivalente. De acordo co disposto na orde do Ministerio de Educación e Cultura do 4 de novembro de 1996, considéranse equivalentes os títulos académicos oficiais de graduado escolar e certificado de estudios primarios expedidos con anterioridade ó remate do curso 1975-1976.

2. Para a inclusión nas bolsas ás que se refire a letra b) anterior deberá acreditarse experiencia en mecanografía. Considérase acreditada esta experiencia respecto dos que nos últimos tres anos desempeñasen nalgún momento postos de oficial interino ou auxiliar interino na Administración de xustiza, ou tamén de auxiliar administrativo nas distintas administracións públicas. Así mesmo, considerarase acreditada esta experiencia respecto das persoas que aprobasen probas de mecanografía en procesos selectivos para ingreso nas administracións públicas nos últimos tres anos, así como respecto daquelas que presenten unha certificación ou un diploma acreditativo, expedido por un centro de formación acreditado oficialmente.

Artigo 9º.-Condicións para o desempeño dos postos de traballo.

As condicións mencionadas nos dous artigos anteriores deben posuírse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes de inclusión nas bolsas e tamén no momento de tomar posesión no posto de traballo.

Así mesmo, é requisito para obte-lo nomeamento como interino para un posto concreto non ter, para o seu desempeño, causa de incompatibilidade por razón de parentesco ou matrimonio.

Artigo 10º.-Ordenación dos interesados na bolsa de traballo.

1. Os candidatos que reúnan as condicións establecidas nos artigos anteriores serán seleccionados en función dos seus méritos; aqueles que acrediten máis méritos integrarán as bolsas de traballo. A puntuación por méritos determinará a posición dos seleccionados na lista da respectiva bolsa de traballo.

2. A valoración dos méritos xerais rexerase polo seguinte baremo:

a) Tempo de servicios: 0,25 puntos por cada mes completo de servicio como funcionario interino da Administración de xustiza naquel corpo funcionarial onde solicite ser incluído na bolsa de traballo; computarase a antigüidade desde o ano 1992, cun máximo de 18 puntos. Valoraranse na bolsa de xestión procesual e administrativa, se é o caso, os servicios como oficial interino; na bolsa de tramitación procesual e administrativa, os servicios prestados como auxiliar e como oficial; na de auxilio xudicial, os servicios como axente e como auxiliar.

b) Superación dos exercicios das últimas oposicións conclusas, para os corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza: 5 puntos cando se superase o primeiro exercicio da última oposición conclusa, e 5 puntos se tamén se superou o segundo exercicio. Para a bolsa do corpo de xestión procesual e administrativa valoraranse exclusivamente os exercicios da oposición de oficiais; para a bolsa do corpo de tramitación, os da oposición de auxiliares; e para a bolsa do corpo de auxilio xudicial, os da oposición de axentes. A puntuación máxima total será de 10 puntos.

c) Coñecemento da lingua galega: 0,20 puntos polo curso de iniciación á lingua galega; 0,40 puntos polo curso de perfeccionamento de lingua galega ou polo curso básico de linguaxe xurídica galega; 0,50 puntos polo curso medio de linguaxe xurídica galega; e 0,70 puntos polo curso superior de linguaxe xurídica galega. Só se valorará o curso de maior nivel dos presentados. Tampouco se lles valorarán os cursos de iniciación e perfeccionamento ás persoas que acrediten o curso básico de linguaxe xurídica. Só se lles concederá validez ós cursos ou titulacións homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d) Coñecementos informáticos: 0,3 puntos por un curso oficial de informática de ata cen horas e 0,5 puntos por un curso superior a cen horas. De posuíren varios cursos, só se puntuará un deles. No caso de que non figure o número de horas no certificado achegado, aplicarase a menor valoración.

e) Cursos de formación continua: 0,10 puntos por cada curso de formación continuada convocado pola Dirección Xeral de Xustiza ou cursos homologados impartidos polas organizacións sindicais de duración mínima de 20 horas. A puntuación máxima nesta alínea será de 0,30 puntos.

f) Titulación académica diferente da necesaria para o acceso á bolsa de traballo: 1 punto pola licenciatura en dereito e 0,50 puntos por diplomatura en criminoloxía, relacións laborais, traballo social ou xestión e administración pública ou a superación do primeiro ciclo da licenciatura en dereito. Na bolsa do corpo de xestión non se valorará a diplomatura universitaria esixible de conformidade co previsto no artigo 8.1. a) desta orde, pero si se valorará no caso de acreditar máis dunha diplomatura.

3. No suposto de empate, desfarase pola maior puntuación obtida segundo a orde establecida nos méritos xerais. De continua-lo empate, terase en conta, se é o caso, a puntuación obtida no primeiro exercicio de acordo coa alínea b), ou, no seu defecto, observarase a prioridade alfabética comezando pola letra correspondente á última oferta de emprego para os corpos da Administración de xustiza.

Artigo 11º.-Convocatoria das bolsas de traballo.

1. A Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia é o órgano competente para a constitución das bolsas de traballo.

2. A convocatoria para a formación das bolsas de traballo publicarase no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes presentaranse nos lugares e no prazo que indicará a resolución da convocatoria.

Artigo 12º.-Formación das listaxes e aprobación das bolsas de traballo.

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o Servicio de Xerencia de Xustiza estudiará a documentación achegada polos solicitantes, así como a que consta en poder da Administración, puntuará os aspirantes conforme o baremo establecido no artigo 10 desta orde e publicará as listas provisionais de puntuación dos aspirantes admitidos, con expresión dos seleccionados para integra-las bolsas e dos incluídos na cota de reserva respectiva. Nestas listaxes deberán figurar tódolos aspirantes con nome, apelidos e número de documento nacional de identidade. Respecto dos admitidos, publicarase a puntuación detallada obtida na bolsa respectiva. Os seleccionados figurarán nunha listaxe ordenada segundo a puntuación obtida. En canto ás persoas non admitidas, indicarase a causa da exclusión.

2. As listas provisionais publicaranse nos taboleiros oficiais da Dirección Xeral de Xustiza, do Servicio de Xerencia de Xustiza, das delegacións provinciais da consellería, do Tribunal Superior de Xustiza, das audiencias provinciais e dos xulgados decanos das capitais de provincia e das cidades de Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela e no sitio web da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

3. Os interesados terán dez días desde a publicación das listas provisionais para reclamar sobre calquera dos datos contidos na listaxe perante o órgano que realizou a convocatoria.

Os incluídos en máis dunha lista optarán, no mesmo prazo, a escolle-la bolsa á que queiran pertencer. De non facelo, incluiranse de oficio naquela na que ocupen a mellor posición.

4. Rematado o prazo previsto no punto anterior, o Servicio de Xerencia de Xustiza elaborará a proposta de listas definitivas de seleccionados que se lle enviarán á Dirección Xeral de Xustiza para a súa aprobación, xunto co seu informe respecto das reclamacións formuladas.

5. As listaxes definitivas de seleccionados aprobaranse por resolución da Dirección Xeral de Xustiza, que se publicará nos lugares establecidos na alínea 2 deste artigo.

Artigo 13º.-Selección e chamamento para un posto concreto.

1. Cando proceda o nomeamento dun interino para un posto concreto, a Dirección Xeral de Xustiza, a través do Servicio de Xerencia de Xustiza, seleccionará o candidato que corresponda respectando a orde de prioridade establecida na respectiva bolsa.

2. Cando o chamamento corresponda a unha persoa que nese momento estea a desempeñar funcións como interina na Administración de xustiza, pasaralle a vez e quedará situada ó final da lista, excepto no suposto previsto no artigo 15.2º desta orde.

Artigo 14º.-Exclusión das bolsas de traballo.

1. Se a persoa a quen correspondese o chamamento para un posto concreto non acepta o seu nomeamento, non presenta en prazo a documentación prevista no artigo 21 desta orde ou non se presenta para tomar posesión, entenderase que renuncia ó nomeamento e quedará excluída da bolsa de traballo.

2. Non obstante, non se producirá o efecto de exclusión da bolsa de traballo cando a persoa seleccionada acredite:

a) Incapacidade temporal, mediante certificado médico expedido por un facultativo da Seguridade Social, sempre que esta situación teña unha duración igual ou superior a dez días desde a notificación.

b) Maternidade, se a renuncia se produce entre o sétimo mes de embarazo e a décimo oitava semana posterior ó parto.

c) Coidado de fillos menores dun ano de idade ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, enfermidade ou accidente non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída; sempre que se acredite a convivencia cos devanditos fillos ou familiar.

d) Adopción, se a renuncia se produce dentro das dezaseis semanas seguintes á chegada do adoptado ó novo fogar. Este prazo poderá iniciarse catro semanas antes da chegada do adoptado ó novo fogar no suposto de adopción internacional.

3. Excepcionalmente, por unha soa vez, non se producirá a exclusión da bolsa de traballo cando a persoa seleccionada solicite a súa inclusión ó final da lista.

4. Serán excluídos das listas os integrantes que o soliciten en calquera momento durante a súa vixencia, así como os que deixasen de reuni-las condicións previstas no artigo 7 desta orde.

Artigo 15º.-Perda de posto na lista.

1. A persoa seleccionada para desempeñar un posto de traballo perderá o seu posto na lista e, cando cese como funcionaria interina, será situada ó final.

2. Non obstante, non se producirá o efecto previsto no punto anterior mentres a prestación de servicios sexa inferior ós 180 días desde a última perda de posto e sempre que o interino solicitase a reintegración ó posto que lle correspondía. Esta solicitude debe formularse no prazo improrrogable dos cinco días seguintes ó cesamento.

Artigo 16º.-Participación e información.

1. Os sindicatos presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal ó Servicio da Administración de Xustiza en Galicia participarán en todo o proceso de elaboración e selección dos integrantes da bolsa de interinos a través dunha comisión paritaria integrada por un representante de cada sindicato e da Dirección Xeral de Xustiza, que velará pola súa aplicación e desenvolvemento.

2. As xuntas de persoal, como órganos colexiados, poderán solicita-la información que consideren precisa sobre os criterios seguidos nos expedientes de proposta e nomeamento de funcionarios interinos, así como obter copias das bolsas de traballo.

Capítulo III

Nomeamentos de interinos

Artigo 17º.-Nomeamento de interinos para cubrir situacións de ausencia.

1. En caso de vacante, enfermidade, permiso ou licencia de longa duración ou outro motivo legal de ausencia que sexa preciso cubrir mediante o nomeamento dun funcionario interino, formularase a solicitude de nomeamento de funcionario interino no modelo que figura como anexo I a esta orde, que deberá ser cuberto en tódolos seus puntos.

2. Será preferente a cobertura das situacións previstas no punto anterior a través dos mecanismos de provisión temporal de postos por funcionarios titulares.

3. A provisión temporal dunha vacante de conformidade co previsto nos puntos anteriores manterase só mentres non sexa posible completa-los mecanismos para a provisión definitiva do posto por un funcionario titular.

Artigo 18º.-Dotación de persoal de reforzo.

1. No marco das medidas de apoio ós órganos da Administración de xustiza que soporten circunstancias conxunturais de extraordinaria carga de traballo ou demora excepcional nos procedementos, a Dirección Xeral de Xustiza poderá autoriza-la dotación do órgano con interinos de reforzo, segundo o permitan as dispoñibilidades orzamentarias, ben directamente, ben unha vez oída a Comisión Mixta coa Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza ou a Comisión de Coordinación co Ministerio Fiscal.

Estas dotacións estarán condicionadas á xustificación da insuficiencia de recursos para atende-la situa

ción que afecta o órgano e o cumprimento dos obxectivos que determinen os órganos competentes. Estes obxectivos estarán incluídos nun plan de actuación que necesariamente determinará o traballo que realizará o persoal interino de reforzo e o tempo de duración da medida. Para os efectos de valora-la súa concesión, poderán solicitarse os informes que se estimen precisos para acredita-la necesidade do reforzo.

2. Tamén poderá nomearse provisionalmente persoal de reforzo mentres se tramita o proceso de aumento do cadro de persoal dun órgano, xustificado por causas estructurais.

3. O nomeamento de interino de reforzo será por unha duración máxima de seis meses, con posibilidade de prórroga doutros seis meses. Só por causas excepcionais poderán acordarse novas prórrogas. Será aplicable á concesión de prórrogas o previsto no parágrafo primeiro deste artigo.

Artigo 19º.-Solicitudes de nomeamento de persoal interino.

1. As solicitudes de nomeamento de interinos remitiránselle ó Servicio de Xerencia de Xustiza, achegando a documentación xustificativa.

Remitiráselle unha copia da solicitude de nomeamento de interinos e documentación ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Secretaría de Goberno. Esta remisión será simultánea á prevista na alínea anterior.

2. No mesmo día de entrada no seu rexistro, o Servicio de Xerencia remitiralle por fax ó órgano xudicial e, segundo o caso, ó presidente ou ó fiscal xefe do Tribunal Superior o xustificante da recepción da solicitude.

Artigo 20º.-Resolución da solicitude.

1. De conformidade cos criterios establecidos no artigo 4, a Dirección Xeral de Xustiza resolverá sobre a solicitude de dotación con interino.

2. A denegación ou concesión da solicitude seralle, en todo caso, comunicada ó órgano solicitante.

Artigo 21º.-Selección, chamamento ó candidato e entrega da documentación.

1. Aceptada a dotación con interino, o Servicio de Xerencia de Xustiza seleccionará o candidato segundo o establecido no artigo 13 desta orde.

2. Unha vez seleccionado, o Servicio de Xerencia de Xustiza ofreceralle a praza ó candidato para a súa aceptación ou manifestación de causa xustificada de renuncia no prazo de vintecatro horas.

Para este efecto o Servicio de Xerencia de Xustiza emprazará o candidato telefonicamente ou, de non contactar con el, mediante correo con xustificante de recepción.

3. Aceptada a oferta, o seleccionado deberá presentar ante o Servicio de Xerencia de Xustiza, no prazo de catro días naturais, os documentos que a seguir se detallan:

a) Declaración xurada de non estar condenado, procesado nin inculpado por delicto doloso, incurso en

causa de incompatibilidade, nin estar inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

b) Certificado médico que acredite que non padece defecto físico ou enfermidade psíquica ou física que o incapacite para o desempeño do cargo.

c) Os aspirantes que teñan a condición legal de discapacitados con grao igual ou superior ó 33 por cento deberán presentar unha certificación dos órganos competentes do Ministerio de Traballo e Seguridade Social ou, se é o caso, da Comunidade Autónoma, que acredite a súa capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto que vai ocupar.

A falta de presentación da documentación indicada entenderase como renuncia tácita e supoñerá a baixa automática na bolsa de traballo.

Artigo 22º.-Toma de posesión.

No prazo máximo de cinco días naturais desde a comunicación prevista no número 2 do artigo anterior, o interesado deberá presentarse para tomar posesión no órgano correspondente. De non facelo, entenderase que renuncia ó nomeamento e quedará excluído da bolsa de traballo.

Artigo 23º.-Cesamentos e renuncias.

Os nomeamentos dos funcionarios interinos quedarán sen efecto cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Cando sexa cuberta por un funcionario titular unha praza desempeñada por interino. No caso de que, por circunstancias determinadas, o funcionario titular non ocupase efectivamente o posto de traballo, o cesamento terá efectos no momento da incorporación efectiva do funcionario titular. Se no órgano do que se trata houbese máis dun funcionario interino, deberá cesar aquel que se nomease con data máis recente no órgano. No caso de empate aplicarase o establecido no artigo 10.3º desta orde.

2. Por falta ou falsidade inicial ou sobrevida dalgúns dos requisitos esixidos ou circunstancias alegadas para a súa inclusión na bolsa.

3. Por sanción de falta moi grave cometida polo funcionario interino.

4. Por manifesta falta de capacidade ou de rendemento de conformidade co establecido no artigo seguinte.

5. Por expiración do prazo ou finalización das necesidades do servicio ou urxencia que motivaron a cobertura mediante persoal interino.

6. Por supresión da praza desempeñada.

Artigo 24º.-Cesamento por falta de capacidade ou rendemento.

1. O fiscal xefe, o director do instituto ou o secretario xudicial respectivo poderán propoñerlle á Dirección Xeral de Xustiza, a través do Servicio de Xerencia de Xustiza, o cesamento do funcionario interino por falta de capacidade ou rendemento.

2. A proposta de cesamento será motivada, con descrición das circunstancias que a xustifican. Achegaranse con ela a xustificación documental de que se dispoña e o informe do titular do órgano. Previamente á súa remisión ó Servicio de Xerencia de Xustiza, daráselle traslado da proposta ó interesado por prazo de tres días naturais para alegacións e poñerase á súa disposición a documentación durante o mesmo prazo. Neste prazo o interesado poderá achega-la documentación, e propoñer proba sobre as circunstancias que motivan a proposta.

3. O Servicio de Xerencia de Xustiza incoará o expediente, acordando na mesma resolución darlles traslado da proposta de cesamento e das alegacións recibidas ós sindicatos mencionados no artigo 14, que no prazo de dez días naturais poderán efectua-las consideracións e propoñe-las probas que consideren procedentes.

O Servicio de Xerencia, unha vez efectuadas as probas consideradas pertinentes, enviaralle o expediente á Dirección Xeral de Xustiza co seu informe.

4. Logo da proposta da subdirección xeral competente en materia de recursos humanos, o director xeral resolverá nun prazo de dez días naturais.

Artigo 25º.-Eficacia temporal dos nomeamentos.

1. A vinculación xurídica e económica coa Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local dos funcionarios interinos comeza desde o momento do nomeamento e toma de posesión subseguinte.

2. A devandita vinculación extínguese na mesma data da posesión do titular que cubra a vacante, cando se incorpore o funcionario substituído ou cando por calquera outra causa regulamentaria se dispoña o cesamento.

Artigo 26º.-Cursos de formación.

Sempre que as posibilidades orzamentarias o permitan, impartiráselle ó persoal seleccionado nas bolsas de traballo cursos dentro dos plans de formación permanente de funcionarios ó servicio da Administración de xustiza.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cambio de domicilio.

Cando un interino, pertencente á bolsa de traballo para postos reservados ós corpos xerais ó servicio da Administración de xustiza constituída noutra comunidade autónoma ou xerencia, se traslade a un domicilio situado na Comunidade Autónoma galega, poderá solicita-la inclusión nunha provincia desta comunidade, e será baremado segundo a regulación do artigo 10 desta orde. Achegará certificación de méritos do órgano xestor de onde proceda e incluirase sempre que acade a puntuación do último integrante do corpo no que solicite a súa inclusión.

Segunda.-Meritorios.

Prohíbese a intervención como meritorio nas oficinas xudiciais, nas fiscalías e en tódolos órganos da Administración de xustiza en Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Réxime provisional de nomeamento de interinos.

1. Mentres non sexan aprobadas e publicadas as bolsas de traballo definitivas con suxeición ás normas contidas nesa orde, seguiranse nomeando interinos para postos dos corpos xerais de funcionarios ó servicio da Administración de xustiza das bolsas constituídas consonte a Orde do 25 de xaneiro de 2001.

2. O nomeamento e cesamento de médicos forenses interinos continuará regulándose pola Orde do 25 de xaneiro de 2001, sobre selección, proposta e nomeamento de funcionarios interinos para cubrir prazas vacantes nos corpos de médicos forenses, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma galega. Así mesmo, ata a convocatoria de novas bolsas de traballo, os integrantes da bolsas de traballo de médicos forenses interinos, constituídas de acordo coa dita orde, terán preferencia para os nomeamentos, segundo o posto que lles corresponda na lista respectiva.

Segunda.-Situación dos oficiais, auxiliares e axentes interinos que non posúan a titulación correspondente ó posto que ocupan.

1. Aprobadas e publicadas as bolsas de traballo definitivas con suxeición ás normas contidas nesta orde, as persoas nomeadas oficiais interinas que non reúnan a titulación esixida para o corpo de xestión procesual poderán continuar prestando servicios no posto que estean desempeñando nese momento. Esta prestación de servicios continuará ata que proceda o seu cesamento de conformidade co previsto no artigo 23 desta orde ou remate o período previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei orgánica do poder xudicial.

2. O previsto na alínea anterior seralles tamén aplicable ás persoas nomeadas auxiliares interinas que non reúnan a titulación para o corpo de tramitación procesual e administrativa e ás persoas nomeadas axentes interinas que non posúan a titulación para o corpo de auxilio xudicial.

Disposición derrogatoria

Queda sen efecto a Orde do 25 de xaneiro de 2001 sobre selección, proposta e nomeamento de funcionarios interinos para cubrir prazas vacantes nos corpos de médicos forenses, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma galega, agás o previsto na disposición transitoria primeira desta orde.

Disposición final

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local