DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 13 de febreiro de 2004 Páx. 1.898

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 10 de febreiro de 2004 pola que se regula a subvención dos gastos derivados da constitución de hipoteca e das subrogacións hipotecarias, destinada a mozos e mozas que accedan á súa primeira vivenda en propiedade.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, vén levando a cabo, ó longo dos últimos anos, actuacións tendentes a favorece-lo acceso a unha vivenda en propiedade polo colectivo de mozos.

Dentro das políticas activas destinadas a facilita-lo acceso da mocidade a unha vivenda digna en propiedade, adquire unha especial relevancia a posibilidade de formalizar cos bancos préstamos hipotecarios accesibles, atendendo ás especiais necesidades deste colectivo de mocidade e tendo en conta, en todo caso, as súas necesidades e posibilidades económico-financeiras.

Coa finalidade de facilitar o acceso á primeira vivenda en propiedade de mozos mediante a oferta de préstamos hipotecarios nas mellores condicións de mercado e mediante a subvención dos gastos derivados da constitución de hipoteca e as subrogacións hipotecarias, púxose en marcha durante o exercicio de 2003 o Programa de Hipoteca Xove, a través da sinatura de un convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e diversas entidades financeiras e a publicación da correspondente orde reguladora das axudas encamiñadas á dita finalidade.

Á vista da favorable acollida do referido programa, o Consello da Xunta de Galicia con data 29 de xaneiro de 2004 autorizou a sinatura dun novo convenio coas entidades financeiras para darlle continuidade a este.

En virtude do anterior e logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de novembro de 1993, e no uso das referidas autorizacións

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto facilita-lo acceso á primeira vivenda en propiedade de mozos mediante a oferta de préstamos hipotecarios nas mellores condicións de mercado e mediante a subvención dos gastos derivados da constitución de hipoteca e das subrogacións hipotecarias.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán resultar beneficiarios das axudas as persoas físicas adquirentes ou os promotores individuais para uso propio que reúnan os seguintes requisitos:

1. Idade do adquirente, adquirentes ou promotor para uso propio, non inferior a 18 anos nin superior a 35 na data de presentación da solicitude.

2. Ingresos brutos do adquirente, adquirentes ou promotor para uso propio e, se é o caso, dos demais membros da unidade convivencial non superiores a 4,5 veces o salario mínimo interprofesional.

Para determina-los ingresos procedentes de actividades empresariais, profesionais ou artísticas, entenderase que os ingresos brutos correspondentes a tales actividades están constituídos polos rendementos íntegros minorados no importe das compras realizadas, arrendamento de instalacións e remuneración, incluíndo a achega empresarial á Seguridade Social, do persoal asalariado necesario para obter aqueles.

3. Acreditación de ingresos suficientes para afronta-lo pagamento da vivenda.

4. Non ter nin ter tido con anterioridade vivenda en propiedade, ou que téndoa, os seus titulares non dispoñan do dereito de uso ou gozo dela.

5. Destina-la vivenda a residencia habitual e permanente do perceptor das axudas durante, alomenos, cinco anos desde a data de formalización do préstamo, ou desde a data da licencia de primeira ocupación, no caso de promoción para uso propio. A vivenda deberá ser ocupada no prazo máximo de tres meses a partir das ditas datas, salvo que medie xusta causa.

Para os efectos desta orde enténdese por unidade convivencial a unidade familiar tal e como resulta definida polo artigo 68 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 3º.-Entidades colaboradoras.

As entidades financeiras asinantes do convenio do 10 de febreiro de 2004 terán a consideración de entidades colaboradoras para os efectos do disposto no artigo 28.d) do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Así mesmo, terán a dita consideración aqueloutras entidades que se adhiran a el con posterioridade á súa sinatura e, en todo caso, antes do 30 de abril de 2004.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

A adquisición ou promoción individual para uso propio, no territorio da Comunidade Autónoma, da primeira vivenda en propiedade, xa sexa libre, de protección autonómica, ou protexida xa existente, por aqueles mozos que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 2º desta orde formalicen un préstamo hipotecario ata o 31 de decembro de 2004, no marco do Programa de Hipoteca Xove, con algunha das entidades financeiras asinantes do convenio

do 10 de febreiro de 2004, así como con algunha das que, de se-lo caso, se adhiran a el con posterioridade.

E entenderase igualmente como actuación subvencionable a adquisición ou promoción dun rocho e dous garaxes estean ou no vinculados á vivenda.

Artigo 5º.-Axudas.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo subvencionará os gastos derivados da constitución, subrogación da hipoteca, novación, se é o caso e, da formalización da escritura compravenda nas seguintes contías:

-A que resulte de aplicar unha porcentaxe do 1,40% ó importe do prezo da vivenda e anexos que figura na escritura de compravenda ou, no suposto de promoción individual para uso propio, do valor da edificación sumado ó do solo, que constará na escritura de declaración de obra nova. En todo caso o importe máximo da subvención no poderá supera-los 1.500 euros.

-A que resulte de aplicar unha porcentaxe do 1,10% ó importe do prezo da vivenda e anexos nos supostos de subrogación e novación no préstamo formalizado polo promotor. O límite máximo de subvención establécese en 1.000 euros.

2. Entenderase por gastos subvencionables o importe dos gastos derivados da formalización e inscrición da escritura pública de compravenda, da constitución do préstamo hipotecario ou, se é o caso, da subrogación e novación no préstamo hipotecario formalizado polo promotor así como, os derivados da taxación do inmoble e os bancarios de xestión correspondentes á tramitación das escrituras de compravenda e hipoteca que en ningún caso, para os efectos da súa posterior comprobación, excederán de 190 euros para este último concepto.

3. Nos supostos de promoción individual para uso propio, entenderanse como gastos subvencionables os de constitución do préstamo hipotecario así como os derivados da taxación e os bancarios de xestión, sen que poidan exceder, estes últimos, dos 190 euros antes sinalados.

Artigo 6º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ó da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de decembro de 2004.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, segundo modelo que se recolle no anexo desta orde, e presentaranse nas oficinas das entidades financeiras colaboradoras a que se refire o artigo 3º, neste caso estas deberán deixar constancia da data de presentación dela e da documentación que a acompaña, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Xunto á solicitude, o promotor individual para uso propio, adquirente e, se é o caso, adquirentes e demais membros da unidade convivencial, deberán achegar a seguinte documentación:

a) DNI.

b) A que acredite ingresos suficientes.

c) Fotocopia da última declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas. De non estar obrigado, certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Fotocopia do contrato de compravenda da vivenda obxecto de financiamento, no suposto de adquirentes.

e) Compromiso de destina-la vivenda a residencia habitual durante alomenos, cinco anos desde a data de formalización do préstamo, ou desde a data da licencia de primeira ocupación no caso de promoción para uso propio, e de ocupala no prazo máximo de tres meses a partir das ditas datas.

f) Declaración responsable de que non ten nin tivo vivenda en propiedade, ou no caso de tela, de que non se dispón do dereito de uso ou gozo dela.

g) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma vivenda ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2. A solicitude de subvención implicará que a Comunidade Autónoma poderá facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente ou solicitala, no marco da colaboración que se estableza, da Axencia Estatal da Administración Tributaria ou doutras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de outorgamento e pagamento das subvencións.

Artigo 8º.-Xestión.

1. A xestión das axudas previstas realizarase a través das entidades financeiras colaboradoras que serán as que comproben se os solicitantes cumpren os requisitos esixidos polo artigo 2º, reservándose o Instituto Galego da Vivenda e Solo, en todo caso, a facultade de realizar cantas inspeccións considere oportunas co obxecto de verifica-lo dito cumprimento.

2. Comprobados os ditos extremos, as entidades financeiras tramitarán e concederán, no caso de que o risco sexa asumible segundo o seu criterio económico-financeiro, un préstamo hipotecario marco para o acceso á vivenda libre coas seguintes características mínimas de partida, que poderán ser melloradas por elas:

a) Prazo de amortización ata 35 anos.

b) As cláusulas do préstamo poderán incluír un período mínimo de carencia de dous anos para os supostos de falta de pagamento das cotas motivada pola situación de desemprego.

c) Importe do 80% do valor de taxación, ampliable ata o 100%, sen que, en ningún caso, poida superarse o prezo de adquisición da vivenda e anexos que figura na escritura de compravenda, ou do valor da edificación sumado ó do solo, que constará na escritura de declaración de obra nova, cando se trate de préstamos a promotores individuais para uso propio.

d) O tipo de xuro preferente para o primeiro ano non poderá ser superior ó tipo de xuro efectivo inicial fixado para o ano 2003 polo acordo do Consello de Ministros do 7 de marzo de 2003 para os préstamos cualificados concedidos ó abeiro do Plan 2002-2005 (3,96%) e que se entenderá substituído polo que se acorde polo Consello de Ministros para o ano 2004, desde o día seguinte á súa publicación. Os seguintes 10 anos o tipo de xuro non poderá ser superior á aplicación dun diferencial de 0,5 ó último índice euribor referenciado a un ano publicado polo Banco de España no primeiro día do mes anterior. Transcorrido este período o diferencial será o que inicialmente estipulasen as partes sen superar o 0,75.

e) Sen gastos nin comisións de apertura, amortización ou cancelación. Poderán non obstante pactarse comisións de penalización ata o límite do 0,5 por cento para o caso de subrogación da entidade prestamista.

f) Sen redondeo.

O préstamo hipotecario, no suposto de vivendas de protección autonómica ou de vivendas protexidas xa existentes, terá as características que para os efectos se establecen no Plan de vivenda 2002-2005.

3. Unha vez subscritos os préstamos correspondentes, as entidades financeiras remitiranlle ó Instituto Galego da Vivenda e Solo unha relación certificada das hipotecas formalizadas na que conste que os debedores hipotecarios cumpren as condicións esixidas para obte-las axudas e na que se consignará o prezo da vivenda e anexos que figure na escritura pública de compravenda ou o valor da edificación sumado o do solo que conste na escritura de declaración de obra nova, no suposto de promotor para uso propio, acompañada dos impresos de solicitude debidamente cubertos polos prestameiros beneficiarios das axudas.

Así mesmo, de se-lo caso, as entidades financeiras remitiranlle ó Instituto Galego da Vivenda e Solo unha relación certificada daqueles solicitantes que non cumpran as condicións esixidas, na que sinalen as causas do incumprimento, acompañada dos impresos de solicitude así como da documentación achegada.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, á vista da relación certificada remitida polas entidades financeiras e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá expresamente o que segundo dereito corresponda sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou, de se-lo caso, sobre a súa denegación.

Contra a resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderá recorrerse en alzada ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

2. O prazo máximo para resolver será de seis meses. Transcorrido este prazo sen que se dictara e notificara resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada por la Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Dictada a resolución de concesión, tramitarase o correspondente expediente de pagamento a favor da entidade financeira colaboradora perceptora, non beneficiaria, da subvención.

Artigo 10º.-Percepción da axuda e criterios de asignación dos recursos.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo satisfará ás entidades o importe dos gastos obxecto de subvención ó vencemento de cada mes natural contra a relación certificada remitida pola entidade financeira colaboradora.

2. Os mozos beneficiarios da subvención percibirán a axuda mediante aboamento en conta por parte das entidades financeiras.

Co pagamento correspondente ó mes de setembro o Instituto Galego da Vivenda e Solo comunicará a cada entidade financeira o importe máximo das subvenciones susceptibles de ser aboadas para as hipotecas que se formalicen no cuarto trimestre. A entidade financeira non poderá formalizar hipotecas acollidas á presente orde das que se deriven subvencións por importe superior ó comunicado para o dito trimestre, priorizándose en función da data de formalización da hipoteca.

O reparto das dispoñibilidades orzamentarias existentes para distribuí-los cupos correspondentes ó último trimestre do exercicio realizarase en función da porcentaxe de hipotecas que formalizasen con respecto ó total das subvencionadas nos trimestres anteriores.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que, en aplicación do dito criterio, queden sen asignación de recursos.

3. Os beneficiarios, ademais das obrigacións establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Dispoñibilidade económica.

O importe máximo previsto en concepto de subvencións para o presente exercicio ascende á cantidade de catro millóns de euros (4.000.000 A), que se satisfarán ás entidades financeiras en concepto de perceptor, non beneficiario, da subvención con cargo ó concepto orzamentario 06.60.331A.781.7.

O gasto proxectado suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos ditos orzamentos.

A dotación inicial prevista poderase incrementar en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Disposicións transitorias

Primeira.-As axudas solicitadas correspondentes a préstamos hipotecarios e subrogacións subvencionables formalizados ó amparo do convenio do 22 de maio de 2003 e Orde do 23 de maio de 2003, sobre os que non se dictase resolución expresa de outorgamento de subvención, tramitaranse conforme a dita normativa e poderán atenderse con cargo ós créditos consignados para esta finalidade na aplicación 06.60.331A.781.7. do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2004.

Segunda.-As solicitudes presentadas ata o 31 de decembro de 2003 ó abeiro do referido convenio de 22 de maio e Orde do 23 de maio de 2003, os préstamos dos cales non foran formalizados polas entidades financeiras colaboradoras, resolveranse ó amparo do convenio do 10 de febreiro de 2004 e desta orde.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2004.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda