DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Venres, 13 de febreiro de 2004 Páx. 1.897

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 34/2004, do 29 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 355/1994, do 2 de decembro, polo que se regula o traslado de animais e se aproban os modelos oficiais de autorización oficial de traslado.

Co propósito da conservación e saneamento da gandería galega e para evita-la posible propagación de enfermidades infecto-contaxiosas e parasitarias e controla-lo estado sanitario das explotacións gandeiras, así como para regula-lo movemento dos animais, aprobouse o Decreto 355/1994, do 2 de decembro, polo que se regula o traslado de animais e se aproban os modelos oficiais de autorización oficial de traslado no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolto posteriormente pola Orde do 23 de agosto de 1995, pola que se regulan e fixan as condicións, marcas e documentos sanitarios para o traslado e circulación de animais; as autorizacións a veterinarios de entidades asociativas de gandeiros con programas sanitarios comúns para expedir autorizacións de traslado, así como o libro-rexistro de movementos e compravenda de gando.

A Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, supón un novo marco lexislativo que adecua as medidas preventivas ós potenciais riscos en materia de sanidade animal no ámbito dun mercado intra e extracomunitario cada vez máis activo.

A Decisión 93/623/CEE da Comisión, do 20 de outubro de 1993, establece o Pasaporte como documento de identificación que debe acompaña-los équidos rexistrados, é dicir, aqueles pertencentes a razas puras e inscritos nun Libro xenealóxico. Así mesmo, a Decisión 2000/68/CE da Comisión, do 22 de decembro de 1999, establece as condicións que debe cumpri-lo documento de identificación que debe acompaña-los équidos de crianza e de renda.

Debido ó auxe e á extensión que está tendo a práctica da equitación e tódalas actividades ecuestres nas súas diferentes modalidades deportivas, turísticas ou recreativas, co conseguinte aumento dos desprazamentos dos équidos pola Comunidade Autónoma de Galicia, en principio non previstos no Decreto 355/1994, do 2 de decembro, unido ó bo estado sanitario da gandería equina galega, xustifícase unha regulación particular desta.

A mobilidade á que se ven sometidas frecuentemente as explotacións apícolas dificulta o seguimento sanitario desta especie gandeira, sendo preciso coñece-los itinerarios seguidos polas colmeas de modo que se poida efectuar un seguimento sanitario destas. É preciso, polo tanto, adoptar medidas que faciliten o movemento das colmeas con plenas garantías sanitarias.

O Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, establece no punto 1º do artigo 7, que para efectos zootécnicos e sanitarios todo titular dunha explotación apícola deberá estar en posesión dun documento, caderno ou libro de rexistro da explotación apícola facilitado ós apicultores e dilixenciado pola autoridade competente. Así mesmo, no punto 4º do mesmo artigo establece que o referido documento constitúe un requisito indispensable para calquera traslado das colmeas por razóns de transhumancia ou outras.

Faise preciso pois, adapta-la normativa galega respecto dos documentos de acompañamento no movemento dos équidos e das colmeas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Con este obxectivo prevese, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, emprega-los documentos previstos na Decisión 93/623/CEE da Comisión, para os équidos rexistrados, e na Decisión 2000/68/CE da Comisión, para os équidos de crianza e renda; prevese, así mesmo, empregar, para as explotacións apícolas, o documento ó que fai referencia no seu artigo 7 o Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro; como documentos garantes da identificación e da sanidade dos équidos e das colmeas presentes en Galicia, facendo máis áxil e fluído o cumprimento dos trámites administrativos necesarios para o seu movemento e traslado cando este se realice no territorio galego, e todo iso sen diminuí-las esixibles garantías sanitarias.

Na súa virtude e de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e a vista das atribucións que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente e por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do Decreto 355/1994.

O Decreto 355/1994, do 2 de decembro, polo que se regula o traslado de animais e se aproban os modelos oficiais de autorización oficial de traslado, queda modificado como segue:

1. Ó final do artigo 1 engádenselle os seguintes parágrafos:

«O gando equino poderá circular no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, unicamente co Pasaporte ou co documento que cumpra coas esixencias da Decisión 2000/68/CE, da Comisión, do 22 de decembro de 1999, expedido por unha autoridade ou organización competente.

As colmeas circularán no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia sempre co documento ó que

se refire o artigo 7 do Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, debidamente expedido polos servicios veterinarios oficiais da consellería competente en materia de agricultura, sendo o único documento esixible sempre que o movemento non implique un cambio de titularidade das colmeas.

Aquelas especies, salvo os animais domésticos definidos no punto 4 do artigo 3º da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, necesitarán inescusablemente para os seus traslados a correspondente autorización oficial de traslado, na cal se faga consta-la identificación do animal ou animais transportados».

2. Ó final do artigo 3º engádeselle o seguinte parágrafo:

«Os animais amparados polo Convenio de Washington, sobre Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES), deberán exhibi-lo certificado para poder obte-la autorización oficial de traslado».

3. Suprímense os dous últimos parágrafos do artigo 7º, e o parágrafo terceiro deste artigo queda redactado como segue:

«Os équidos nos seus desprazamentos identificaranse co Pasaporte ou co documento que cumpra coas esixencias da Decisión 2000/68/CE, da Comisión, do 22 de decembro de 1999, expedido por unha autoridade ou organización competente. Estes documentos deberán ser cumprimentados nos seus correspondentes puntos por un facultativo veterinario, se é preciso, e visados polos servicios veterinarios oficiais da consellería competente en materia de agricultura».

4. O parágrafo 3 do artigo 8º queda redactado como segue:

«O modelo (anexo A) de autorización oficial de traslado é único para tódalas especies, coa excepción do establecido nos parágrafos dous, tres e catro do artigo 1º e na disposición adicional 1ª».

Disposición transitoria

Establécese un período de 6 meses para a adaptación ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de agricultura para dictar, dentro das súas competencias, as disposicións que sexan necesarias para o mellor desenvolvemento de canto se dispón neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA