DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 12 de febreiro de 2004 Páx. 1.841

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 29 de xaneiro de 2004 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras de construcción, adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais de Galicia.

Á Consellería de Xustiza, Interior e Administración local, de conformidade co establecido no arti

go 11 do Decreto 226/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración local compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, relacións que ó abeiro dos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderán ser de colaboración e cooperación económica e revesti-las formas de subscrición de convenios e concesión de subvencións.

Tendo en conta isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local pretende continuar co seu labor de colaboración coas entidades locais de Galicia na mellora da calidade da vida local, regulando, por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras de construcción, adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de obras de construcción, adaptación, mellora e equipamento das sedes das entidades locais de Galicia, nos edificios onde se atopa a casa do concello, ou ben naqueles que aínda tratándose de inmobles anexos ou incluso independentes deste se adiquen á prestación de servicios competencia das entidades locais, así como a adquisición de terreos e inmobles adicados a estes fins.

2. Poderán ser beneficiarios desta subvención aquelas entidades locais de Galicia que teñan menos de 30.000 habitantes, circunstancia que se acreditará de acordo co establecido no artigo 4º desta orde.

3. Poderanse subvencionar:

1. Obras:

a) Obras de construcción de nova planta de sedes de casas do concello.

b) Obras que supoñan a rehabilitación integral de edificios que vaian ser adicados a sede da entidade local.

c) Obras de adaptación, mellora, así como obras complementarias e menores dentro das sedes de casa xa existentes.

Nestes supostos poderán ser obxecto de subvención os honorarios facultativos de redacción e dirección de obra, e outros gastos derivados da execución da obra.

2. Compra de inmobles ou terreos para ser adicados a ampliación ou construcción de sede da entidade local.

3. Equipamento mobiliario, de oficina e informático.

Artigo 2º

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.123.A.760.0, programa 123.A, correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2004, ata unha contía máxima de 1.700.000 A.

A axuda económica que se conceda poderá alcanzar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º

No caso de obras que teñan carácter plurianual, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá comprometerse a subvencionar fases da execución da obra con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, ata unha contía máxima en cada unha das anualidades seguintes de:

2005: 640.531 A.

2006: 1.290.355 A.

2007: 2.786.097 A.

2008: 2.876.097 A.

Artigo 4º

1. As entidades locais que desexen acollerse ó beneficio desta orde presentarán instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no da propia consellería ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do Portal dos Concellos Eido Local, poderán presenta-las súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cubrindo os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no Portal dos Concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instruccións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación telemática.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servicios, de xeito que tódolos interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía Internet a través desta web, se ben o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. A entidade local peticionaria achegará coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telematicamente, a seguinte documentación:

2.1. No suposto de obras:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local pola que se aproban as obras ou actuacións que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención.

c) No suposto de construcción dun novo edificio o proxecto de obra que se vai realizar e certificación do secretario xeral da entidade local, referida á titularidade e disposición da entidade local sobre o terreo onde se pretende construí-la nova sede da entidade local.

d) Se a obra que se vai subvencionar é obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 56 e 121 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas unicamente será esixible o orzamento detallado, sen prexuízo da existencia de proxecto cando as normas específicas así o requiran.

e) Certificación do secretario xeral da entidade local, co visto e prace do presidente, na que se faga constar a poboación de dereito 31 de decembro de 2003, segundo os datos do último padrón de habitantes da entidade local; así mesmo, farase constar que esta cifra non supera o límite máximo establecido no artigo 1º desta orde.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

2.2. No suposto da compra de inmobles ou terreos:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local pola que se aproban as actuacións que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das adquisicións para as que se solicita subvención, acom-

pañada da correspondente valoración motivada do ben ou terreo.

c) Certificación do secretario xeral da entidade local, co visto e prace do presidente, na que se faga constar a poboación de dereito o 31 de decembro de 2003, segundo os datos do último padrón de habitantes da entidade local; así mesmo, farase contar que esa cifra non supera o límite máximo establecido no artigo 1º desta orde.

d) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

2.3. No suposto de equipamento:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo que se aproba o equipamento que se vai realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade do equipamento para o que se solicita subvención.

c) Orzamento detallado do equipamento para o que se solicita subvención.

d) Certificación do secretario xeral da entidade local, co visto e prace do presidente, na que se faga constar a poboación de dereito o 31 de decembro de 2003, segundo os datos do último padrón de habitantes da entidade local; así mesmo, farase constar que esta cifra non supera o límite máximo establecido no artigo 1º desta orde.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

3. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local, e non se procedese desde o momento en que foron presentadas variación que afectara ó contido ou á vixencia dela, non será necesario aportalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

4. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixi-los erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A notificación ós interesados poderá practicarse, así mesmo, por medios telemáticos, a través do Portal dos Concellos Eido Local, ós interesados cando

aqueles así o manifestasen expresamente, indicando o medio telemático como preferente para a recepción de notificacións na súa solicitude.

Cando, existindo constancia da recepción da notificación por vía telemática, transcorresen dez días naturais sen que se acceda ó seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Unicamente cando concorran causas técnicas xustificadas, o interesado poderá requirir á Dirección Xeral de Administración Local que as notificacións sucesivas non se practiquen por medios telemáticos, segundo o artigo 12.4º do Real decreto 263/1999, do 16 de febreiro, polo que se regula a utilización de técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas pola Administración xeral do Estado.

Artigo 5º

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Administración Local e da que formarán parte o subdirector xeral de Xestión, Cooperación e Réxime Xurídico e os delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local. Actuará como secretario un funcionario da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefe de servicio. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase ó director xeral, quen elevará proposta de resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, quen resolverá.

Estas axudas poderán tamén formalizarse a través de convenios de colaboración coas entidades locais beneficiarias.

Artigo 6º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos; de acordo coas porcentaxes sinaladas a continuación:

-A necesidade das obras ou adquisicións que se van realizar, apreciándose especialmente o seu estado material e o seu axeitamento ás necesidades de servicio que se formulan na entidade local solicitante: 35%.

-Realización de obras de adaptación que supoñan unha racionalización do espacio dispoñible: 20%.

-Proxectos tendentes a logra-la accesibilidade e a supresión de barreiras, así como a mellora das condicións de seguridade e a hixiene nas que o cadro de persoal da entidade local desenvolva o seu traballo: 10%.

-As cantidades que a entidade local achega, xa sexa con cargo a fondos propios ou procedentes doutras administracións para a execución das obras res

pecto das que solicita a subvención, ou a adquisición ou renovación do equipamento que supoñan unha mellora evidente na calidade do desenvolvemento no servicio ó que van destinados: 15%.

-Adquisición de equipamentos que racionalicen e optimicen as condicións laborais dos traballadores municipais: 10%.

-Aumento de servicios prestados polo concello: 10%.

Artigo 7º

1. A resolución seralles notificada a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

Así mesmo, a notificación da resolución da consellería poderá realizarse telematicamente a través do Portal dos Concellos Eido Local, sempre que os concellos interesados sinalasen na súa solicitude a opción telemática como medio de notificación.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Así mesmo o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse, en todo caso, os requisitos recollidos no artigo 12.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º

1. O presidente da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

A aceptación poderá realizarse por vía telemática, cando os interesados así o manifestasen expresamente, a través do Portal dos Concellos Eido Local,

segundo procedemento que se recolle nas instruccións dispoñibles nesta web, e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local poderá anula-la resolución.

Artigo 9º

A tramitación e adxudicación das obras será realizada polas entidades locais conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, mediante certificación expedida polo secretario xeral da entidade local.

Artigo 10º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. A xustificación poderá levarse a cabo de dous modos, segundo o tipo de tramitación polo que se opte, ordinario ou telemático:

2.1. Procedemento ordinario:

As entidades locais beneficiarias da subvención presentarán inescusablemente, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local (Dirección Xeral de Administración Local), as xustificacións orixinais ou copias cotexadas, por triplicado, antes do 15 de outubro de 2004 mediante certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo II desta orde, con relación valorada, tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local, acompañada da correspondente certificación, relativa ó acordo de aprobación pola entidade expedida polo secretario dela.

No caso de que a obra sexa obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 56 e 121 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas só será esixible a remisión da factura correspondente, acompañada da correspondente certificación, relativa ó acordo de aprobación pola entidade expedida polo secretario dela.

No caso de equipamento, facturas orixinais ou fotocopias cotexadas do gasto, acompañadas da correspondente certificación, expedida polo secretario da entidade local, relativa ó acordo da aprobación por ela.

No caso de adquisición de inmobles ou terreos, escritura de compravenda, acompañada da correspondente certificación, expedida polo secretario da entidade local, relativa ó acordo da aprobación da mesma.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

2.2. Procedemento telemático:

As xustificacións poderán ser remitidas, no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria, por vía telemática a través do Portal dos Concellos Eido Local, mediante certificación do secretario-interventor ou do secretario e interventor, na que se acredite, para o caso de obras, aprobación da certificación da obra ou factura, e os datos referidos á mesma, indicando a entidade emisora, data de emisión, número de factura ou certificación de obra, obxecto e importe; para o caso de equipamento, aprobación da certificación da factura e os datos referidos a ela, indicando a entidade emisora, data de emisión, número de factura, obxecto e importe; e para o caso de adquisición de terreos e inmobles, certificación do acordo de adquisición e datos referidos á escritura de compra-venda.

Así mesmo, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo modelo normalizado dispoñible no Portal dos Concellos Eido Local.

3. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme os xustificantes, proporá o libramento dos fondos; que en ningún caso superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

4. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias, poderán adicarse a subvencio

nar outras entidades locais que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ó abeiro desta orde.

6. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase anula-la concesión da subvención a esa entidade local, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 11º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se establece o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 12º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local