DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 12 de febreiro de 2004 Páx. 1.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xaneiro de 2004 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas ó estudio e accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, e se anuncia a súa convocatoria, correspondente ó curso académico 2003-2004.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por esta orde, procédese a convoca-las accións referentes á mobilidade estudiantil, a favorecer novas oportunidades de formación e á incentivación do rendemento escolar.

Cómpre subliñar que estas accións non son incompatibles coas bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral, convocadas polo MEC. Como accións complementarias que só cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumenta-la cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do MEC.

Estas accións son incompatibles, agás coas bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral convocadas polo MEC, con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas com

petentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas ó estudio para accións de apoio económico ós estudiantes universitarios matriculados nunha das tres universidades galegas durante o curso 2003/2004, así como para os estudiantes con residencia en Galicia pero que cursen estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia e no territorio español nos supostos recollidos nesta convocatoria.

Tamén se aproban as bases polas que se rexerán as axudas que están incluídas como anexos nesta orde, e que son:

1. Axudas a estudiantes das universidades galegas para a realización de viaxes culturais de carácter pedagóxico, (anexo I).

2. Axudas a estudiantes con residencia en Galicia, pero que realizan estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia, (anexo II).

3. Financiamento de viaxes para estadía nalgún estado membro da Unión Europea co obxecto de coñece-la lingua dese país, (anexo III).

4. Axudas complementarias do programa de acción da Unión Europea de mobilidade de estudiantes (Sócrates-Erasmus), (anexo IV).

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, na aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2, cunha contía de 765.426 A.

Para as accións convocadas nos anexos I ó IV, e con cargo á devandita aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2, destinaranse as seguintes cantidades:

-9.015 A para o anexo I

-93.303 A para o anexo II

-124.751 A para o anexo III

-538.357 A para o anexo IV

A cantidade destinada a cada unha destas axudas poderá ser incrementada de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería ou, se non se cobren as expectativas de distribución en función das solicitudes, ser redistribuído a calquera das outras accións sinaladas.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2003-2004.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes, nos modelos que se xuntan como anexos, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG.

Artigo 5º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais, e nos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es

As listas provisionais estarán expostas desde o 16 ó 26 de abril de 2004 (ámbolos dous incluídos). Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 6º.-Selección.

Para os efectos de selección a valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media= suma de notas de cada materia / nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media= (N1.P1+N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...)

Onde:

N1= número de créditos de cada materia.

P1= puntuación de cada materia.

C1= número de convocatorias empregadas en cada materia.

Non se terán en conta, para o cálculo da nota media, as materias ou créditos que, segundo os plans de estudios só se poidan cualificar como apto, nin o recoñecemento de créditos en que non figure cualificación.

As materias ou créditos validados, sen que se especifique na validación a cualificación obtida, valoraranse como aprobados.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerrector de Extensión Universitaria e Estudiantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 8º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin, agás o estipulado no artigo 2º.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro de 2000), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro de 2000), pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO I

AXUDAS A ESTUDIANTES DAS UNIVERSIDADES GALEGAS PARA A REALIZACIÓN DE VIAXES CULTURAIS DE CARÁCTER PEDAGÓXICO

1. Obxecto e requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os grupos de estudiantes universitarios de facultades, escolas universitarias ou escolas técnicas superiores de calquera das tres universidades da Comunidade Autónoma (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo), que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculados no derradeiro ou no penúltimo curso dos seus estudios.

-Ter programada a realización, como grupo de 10 alumnos como mínimo, dunha viaxe conectada realmente cos devanditos estudios.

-Designar un coordinador que será o responsable do obxecto da axuda ante a Administración autonómica.

Non se concederá máis dunha axuda para cada unha das titulacións de carácter oficial e validez nacional existentes en cada facultade, escola universitaria ou escola técnica superior. Nin se concederán axudas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos de verán.

2. Solicitude e documentación.

a) Solicitude segundo o modelo ED418A, que figura como anexo V desta orde, asinada polo coordinador do grupo.

b) Breve memoria, asinada polo coordinador, en que conste o obxecto da viaxe, relación de alumnos que participarán e vinculación real da viaxe coa carreira estudiada.

c) Certificación expedida pola secretaría da facultade, escola técnica superior ou escola universitaria de que os alumnos que compoñen o grupo solicitante

están matriculados, no curso 2003-2004, no derradeiro ou no penúltimo ano de carreira.

d) Declaración xurada de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito esixido previo ó derradeiro pagamento.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do cordinador do grupo solicitante, en que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección.

O criterio de selección fixase segundo a memoria que presente o grupo, o número de alumnos e o destino da viaxe.

4. Contía.

A contía máxima da axuda por alumno será de 126 A, destinada a sufragar parte dos gastos do desprazamento ata o lugar de destino.

5. Pagamento.

Para os efectos de cobramento, o coordinador do grupo deberá entregar, antes do 10 de outubro de 2004, a seguinte documentación:

-Declaración xurada do coordinador do grupo do cumprimento das actividades obxecto da concesión.

-Declaración xurada de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para esta finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

O coordinador será a persoa responsable ante a Dirección Xeral de Universidades, asinará a solicitude e asumirá tódalas responsabilidades do destino da axuda, custodiará a documentación xustificativa dos gastos da viaxe para presentar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no caso de serlle solicitada.

ANEXO II

AXUDAS A ESTUDIANTES CON RESIDENCIA EN GALICIA PERO QUE REALIZAN ESTUDIOS DE CARÁCTER OFICIAL E VALIDEZ NACIONAL NAS UNIVERSIDADES PÚBLICAS DE FÓRA DE GALICIA

1. Obxecto e requisitos.

Poderán solicitar estas bolsas tódolos alumnos universitarios con residencia familiar en Galicia, que cursen estudios de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo en universidades públicas de fóra de Galicia durante o curso 2003-2004, nunha titulación de carácter oficial e validez nacional que non sexa impartida nalgunha das universidades desta Comunidade Autónoma, ou que veñan cursando eses estudios con con

tinuidade noutra universidade pública de fóra de Galicia desde antes de que se comezase a impartición deles na Comunidade Autónoma.

Estas bolsas non serán concedidas a aqueles estudiantes que xa posúan unha titulación universitaria de carácter oficial e validez nacional, excepto que esta sexa unha titulación de 1º ciclo necesaria para continuar estudios de 2º ciclo.

2. Solicitude e documentación.

a) Solicitude, segundo o modelo ED424A , que figura como anexo VI desta orde, asinada polo interesado, pais ou titores legais do solicitante.

b) Copia do DNI do solicitante.

c) Certificado de empadroamento.

d) Fotocopia compulsada da declaración da renda da unidade familiar correspondente o exercicio 2002, ou documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito á declaración ante Facenda.

e) Certificación académica completa en que se fará consta-la nota media do expediente académico, calculada de acordo co establecido no artigo 6º das bases da convocatoria, número de créditos superados segundo a valoración académica, ou copia compulsada dela, con especificación das convocatorias.

Os que estean cursando estudios de 2º ciclo deberán enviar ademais a certificación do 1º ciclo.

No caso de validación deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe.

No suposto dos alumnos que acceden ó primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores e escolas universitarias a través do COU e das PAAU, deberán presenta-lo certificado da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) conforme é considerado apto para o ingreso na universidade. Así mesmo, para os titulados de FP II e ciclos formativos de grao superior que soliciten o ingreso nos estudios ou nas titulacións de 1º ciclo, ou de 1º e 2º ciclo, ás que lle dá acceso a súa titulación, deberán presenta-la nota media de acceso.

f) Certificado de matrícula da Universidade de fóra da Comunidade Autónoma con especificación dos estudios en que está matriculado no curso 2003-2004. No caso da UNED deberá especificarse o centro asociado de fóra de Galicia en que estea integrado o solicitante e cumpri-los demais requisitos.

g) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a mesma finalidade, coa que se entenderá cumprido o mesmo requesito esixido previo ó derradeiro pagamento.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, en que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican ó banco, a oficina, e o díxito de control.

3. Selección.

A selección dos beneficiarios farase tendo en conta a nota media do expediente académico, que se calculará de acordo co artigo 6º das bases da convocatoria, segundo puntuación determinada pola comisión avaliadora.

4. Contía.

A contía máxima desta axuda será de 1.803 A.

A contía exacta determinarase en función da nota media do expediente académico e da área xeográfica en que estea situado o centro universitario onde realiza os seus estudios, e da renda da unidade familiar.

5. Pagamento.

As axudas aboaranse, na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

ANEXO III

FINANCIAMENTO DE VIAXES PARA ESTADÍAS NALGÚN ESTADO MEMBRO DA UNIÓN EUROPEA CO OBXECTO DE COÑECE-LA LINGUA DESE PAÍS

1. Obxecto e requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que reúnan os requisitos seguintes:

-Estar matriculado no curso 2003-2004, en calquera das universidades desta Comunidade Autónoma (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo).

-Cursar estudios regrados de carácter oficial e validez nacional de 1º ciclo, ou de 1º e 2º ciclo ou de 3º ciclo.

-Ter superado no momento de presentación da solicitude 60 créditos en titulacións de 1º ciclo ou 120 créditos en titulacións de 1º e 2º ciclo. Para 3º ciclo deberá estar matriculado na etapa de formación.

-Estar matriculado nos planos de estudios estructurados por créditos, polo menos, en 50 créditos, ou nos que faltan para adquiri-la titulación.

-Realizar un curso de idiomas cunha duración igual ou superior a 2 semanas.

Non se lles concederán bolsas ós alumnos que estean gozando do Programa Sócrates-Erasmus, sempre e cando a estadía que se pretenda facer sexa

para perfecciona-la mesma lingua en que se desenvolve o devandito programa ou que teñan concedida unha axuda para a mesma finalidade.

Non se lles concerá bolsa a aqueles alumnos que xa a desfrutasen nalgunha das dúas últimas convocatorias.

2. Solicitude e documentación.

a) Solicitude segundo o modelo ED416A, que figura como anexo VII desta orde, asinada polo interesado, pais ou titores legais do solicitante.

b) Copia do DNI do solicitante.

c) Fotocopia compulsada da declaración da renda da unidade familiar correspondente ó exercicio 2002, ou documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito á declaración ante Facenda.

d) Certificación académica completa, en que se faga consta-la nota media do expediente académico, calculada de acordo co establecido no artigo 6º das bases da convocatoria, co resumo do número de créditos superados, segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias ou copia compulsada dela. Os alumnos de 3º ciclo que están cursando o 1º ano da etapa de formación deberán presentar certificación académica completa, en que se faga consta-lo resumo do número de créditos superados segundo a valoración académica da titulación. No caso dos alumnos de 3º ciclo que estean cursando o 2º ano da etapa de formación deberán presentar tamén certificado das cualificacións do 1º ano da devandita etapa de formación. Así mesmo, especificaranse tamén as materias ou créditos nos que se atopa matriculado o alumno no curso 2003/2004.

e) No caso de validación deberá presentar tamén a certificación da institución de orixe.

f) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 2003/2004.

g) Orixinal ou copia do programa do curso de idiomas ó que desexa asistir, especificando o período de duración e o lugar de destino.

h) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a cursos similares obxecto desta orde, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito esixido previo ó derradeiro pagamento.

i) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, en que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

3. Selección.

A selección dos beneficiarios farase tendo en conta a nota media do expediente académico, que se calculará segundo o artigo 6º das bases da convocatoria.

4. Contía.

A contía máxima para o curso de idiomas queda establecida en 2.043 A.

A contía exacta que se percibirá determinarase en función da nota media do expediente académico, país de destino, tempo de permanencia e ingresos familiares.

5. Pagamento.

Para os efectos do aboamento o interesado deberá entregar, na Dirección Xeral de Universidades, antes do 10 de outubro de 2004, os documentos xustificativos seguintes:

a) Copia compulsada do certificado de asistencia ó curso en que se especifique lugar e datas de realización.

b) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

ANEXO IV

AXUDAS COMPLEMENTARIAS DO PROGRAMA DE ACCIÓN DA UNIÓN EUROPEA DE MOBILIDADE DE ESTUDIANTES (SÓCRATES-ERASMUS)

1. Obxecto e requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2003-2004, en calquera das universidades desta Comunidade Autónoma (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo).

-Cursar estudios regrados de carácter oficial e validez nacional de 1ºciclo ou 1º e 2º ciclo.

-Ter concedida unha bolsa do programa Sócrates-Erasmus.

-Non ter desfrutado desta bolsa en convocatorias anteriores.

2. Solicitude e documentación.

a) Solicitude segundo o modelo ED417A, que figura no anexo VIII desta orde, asinada polo interesado, pais ou titores legais do solicitante.

b) Copia do DNI do solicitante.

c) Fotocopia compulsada da declaración da renda da unidade familiar correspondente o exercicio 2002, ou documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito á declaración ante Facenda.

d) Certificación académica completa en que se fará consta-la nota media do expediente académico, calculada de acordo co establecido no artigo 6º das bases da convocatoria, o resumo do número de créditos superados segundo a valoración académica con especificación das convocatorias, ou copia compulsada dela. Así mesmo, especificarase tamén as materias ou créditos en que se atopa matriculado o alumno no curso 2003/2004. No caso de validación, deberase presenta-la certificación da institución de orixe.

e) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 2003/2004, se son bolseiros erasmus e realizan o proxecto fin de carreira, deberán presentar un certificado do director do proxecto.

f) Orixinal ou copia compulsada da credencial de bolseiro do programa Sócrates-Erasmus para o curso 2003/2004.

g) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a mesma finalidade, coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito esixido previo ó derradeiro pagamento.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, en que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

3. Selección.

A selección dos beneficiarios farase tendo en conta a nota media do expediente académico, que se calculará de acordo co artigo 6º das bases da convocatoria, segundo a puntuación determinada pola comisión avaliadora.

4. Contía.

A contía máxima destas axudas será de 2.343 A.

A contía exacta que se percibirá determinarase en función da nota media do expediente académico, país de destino, tempo de permanencia e ingresos familiares.

5. Pagamento.

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.