DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 10 de febreiro de 2004 Páx. 1.727

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 32/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establece no seu artigo 42 que nos parques naturais da Comunidade Autónoma deben existir unhas xuntas consultivas, coa finalidade de colaborar na xestión dos espacios naturais protexidos e canaliza-la participación a través da súa función consultiva e asesora.

Na composición destas xuntas, ademais do presidente dela e do director do espacio natural protexido, deben estar representados tanto os concellos como os propietarios e tódolos intereses sociais e e económicos afectados.

Nos parques naturais da Comunidade Autónoma existía ata agora unha xunta rectora. Na súa composición procurarase integra-la representación dos distintos intereses existentes; así en todas elas estaban representados os distintos sectores da Administración, os grupos ecoloxistas, as universidades, os concellos e os propietarios dos terreos.

Aínda así, resulta conveniente que a creación da xunta consultiva sirva ademais para adapta-las súas composicións á situación actual.

Na nova xunta consultiva estarán representados, alomenos, os distintos sectores da Administración autonómica, o concello que achega terreos ó parque natural, a universidade, os representantes dos propietarios privados que achegan terreos ó parque natural e as asociacións ecoloxistas e naturalistas de Galicia.

Porén, créase esta xunta consultiva para colaborar coa Consellería de Medio Ambiente na xestión e

administración do citado espacio natural, prestándolle a asistencia necesaria para o mellor cumprimento das súas funcións.

En consecuencia por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Créase a Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume.

2. Esta xunta estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: unha persoa de recoñecido prestixio e coñecedor do territorio incluido no parque. Será nomeado polo conselleiro de Medio Ambiente por proposta do director xeral de Conservación da Natureza.

Vicepresidente primeiro: o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente na Coruña.

Vicepresidente segundo: un dos cinco representantes dos concellos incluídos no parque, designado por eles e de entre eles mesmos, en quendas rotatorias, por un período de dous anos.

Vocais:

-O director do parque natural.

-Un representante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-Un representante da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

-O xefe do Servicio Provincial de Espacios Naturais e Biodiversidade.

-O xefe do Distrito Forestal I Ferrol.

-Un representante da Consellería de Politica Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Un representante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un representante da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

-Un representante da Universidade da Coruña.

-Un representante das asociacións, elixido por elas mesmas de entre as que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia, designado entre eles mesmos por un período de dous anos.

-Dúas persoas de recoñecida competencia no eido da conservación da natureza, ou de relevancia social, económica e institucional, designadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza por un período de dous anos.

-Un representante da Deputación Provincial da Coruña.

-O alcalde do Concello de Cabanas ou o concelleiro en que delegue.

-O alcalde do Concello da Capela ou o concelleiro en que delegue.

-O alcalde do Concello de Monfero ou o concelleiro en que delegue.

-O alcalde do Concello de Pontedeume ou o concelleiro en que delegue.

-O alcalde do Concello das Pontes de García Rodríguez ou o concelleiro en que delegue.

-Cinco representantes dos propietarios dos predios incluidos no territorio do parque natural.

-Un representante das comunidades de montes veciñais en man común que acheguen terreos ó parque natural, designado por eles mesmos, por un período de dous anos.

Secretario: actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Delegación Provincial de Medio Ambiente da Coruña.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o artigo 6 do Decreto 218/1997, do 30 de xullo, polo que se declaran Parque Natural as fragas do Eume.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente