DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 10 de febreiro de 2004 Páx. 1.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 31/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural do Monte Aloia.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, establece no seu artigo 42 que nos parques naturais da Comunidade Autónoma deben existir unhas xuntas consultivas, coa finalidade de colaborar na xestión dos espacios naturais protexidos e canaliza-la participación, a través da súa función consultiva e asesora.

Na composición destas xuntas, ademais do presidente dela e do director do espacio protexido, deben estar representados os concellos, os propietarios e tódolos intereses sociais e económicos afectados.

Nos parques naturais da Comunidade Autónoma existía ata agora unha xunta rectora. Na súa composición procurarase integra-la representación dos distintos intereses existentes; así en todas elas estaban representados os distintos sectores da Administración, os grupos ecoloxistas, as universidades, os concellos e os propietarios dos terreos.

Aínda así, o paso do tempo fai conveniente que a creación das xuntas consultivas sirva ademais para adapta-las súas composicións á situación actual.

Na nova xunta consultiva estarán representados, polo menos, os distintos sectores da Administración autonómica, o concello que achega terreos ó parque natural, a universidade, os representantes dos propietarios privados que achegan terreos ó parque natural e as asociacións ecoloxistas e naturalistas de Galicia.

Por este motivo, créase esta xunta consultiva para colaborar coa Consellería de Medio Ambiente na xestión e administración do citado espacio protexido, prestándolle a asistencia necesaria para o mellor cumprimento das súas funcións.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello

da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Créase a Xunta Consultiva do Parque Natural do Monte Aloia.

2. Esta xunta estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: unha persoa de recoñecido prestixio e coñecedor do territorio incluído no parque. Será nomeado polo conselleiro de Medio Ambiente por proposta do director xeral de Conservación da Natureza.

Vicepresidente primeiro: o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente en Pontevedra.

Vicepresidente segundo: o alcalde do Concello de Tui, ou concelleiro en que delegue.

Vocais:

-O director do parque natural.

-Un representante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-O xefe do Servicio Provincial de Espacios Naturais e Biodiversidade.

-O xefe do Distrito Forestal XVIII Vigo-Baixo Miño.

-Un representante da Consellería de Politica Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Un representante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un representante do Centro de Investigacións Forestais e Ambientais de Lourizán, designado polo director do Centro de Desenvolvemento Sostible.

-Un representante da Universidade de Vigo.

-Un representante da Deputación Provincial de Pontevedra.

-Un representante da entidade local menor de Pazos de Reis.

-Un representante da comunidade veciñal da parroquia de Rebordáns.

-Un representante dos propietarios dos predios existentes no parque, designado entre eles mesmos por un período de dous anos.

-Un representante das asociacións, elixido por elas mesmas de entre as que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia, designado entre eles mesmos por un período de dous anos.

-Un representante da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca do Miño.

-Dúas persoas de recoñecida competencia no eido da conservación da natureza, ou de relevancia social, económica e institucional, designadas pola Direc

ción Xeral de Conservación da Natureza por un período de dous anos.

Secretario: actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Pontevedra.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 94/1985, do 18 de abril, polo que se modifica a composición da Xunta Rectora do Parque Natural do Monte Aloia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente