DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 10 de febreiro de 2004 Páx. 1.725

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 30/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, crea a figura da xunta consultiva, un órgano colexiado de carácter asesor, para colaborar na xestión dos parques naturais da Comunidade Autónoma de Galicia e canaliza-la participación dos propietarios e os intereses sociais e económicos afectados. Esta figura ven substituí-las antigas xuntas rectoras que, con carácter potestativo, existían na maior parte dos parques naturais galegos.

A xunta consultiva estará composta, polo menos, polo seu presidente e o director do espacio natural protexido e nela terán que estar representados os concellos onde se sitúa o espacio, os propietarios

de terreos incluídos nel, os intereses sociais, institucionais ou económicos e as entidades protectoras da natureza.

Procede, pois, axeita-la composición da Xunta Rectora do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán ó novo esquema, establecido pola devandita Lei 9/2001, do 21 de agosto.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Créase a Xunta Consultiva do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.

2. Esta xunta estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: unha persoa de recoñecido prestixio e coñecedor do territorio incluído no parque. Será nomeado polo conselleiro de Medio Ambiente por proposta do director xeral de Conservación da Natureza.

Vicepresidente primeiro: o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente na Coruña.

Vicepresidente segundo: o alcalde do Concello de Ribeira ou concelleiro en que delegue.

Vocais:

-O director do parque natural.

-Un representante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

-O xefe do Servicio Provincial de Espacios Naturais e Biodiversidade.

-O xefe do Distrito Forestal IV Barbanza.

-Un representante da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-Un representante da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Un representante da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

-Un representante da Universidade de Santiago de Compostela.

-Un representante da Deputación Provincial da Coruña.

-Un representante das asociacións, elixido por elas mesmas de entre as que figuren inscritas no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Xunta de Galicia, designado entre eles mesmos por un período de dous anos.

-Un representante dos propietarios dos predios existentes no parque, designado entre eles mesmos por un período de dous anos.

-Un representante das comunidades de montes veciñais en man común que achegan terreos ó parque natural, designado entre eles mesmos, por un período de dous anos.

-Un representante da asociación local de empresarios, elixido por eles mesmos por un período de dous anos.

-Dúas persoas de recoñecida competencia no eido da conservación da natureza, ou de relevancia social, económica e institucional, designadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza por un período de dous anos.

-Así mesmo, poderá incorporarse como vocal, a invitación da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, un representante do Ministerio de Medio Ambiente-Demarcación de Costas do Estado.

Secretario: actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Delegación Provincial de Medio Ambiente da Coruña.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o artigo 6 do Decreto 139/1992, do 5 de xuño, polo que se declara parque natural o complexo dunar dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente