DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Martes, 10 de febreiro de 2004 Páx. 1.722

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 3 de febreiro de 2004 pola que se regulan os servicios e adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre dependentes da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación do sistema de servicios sociais, os servicios de familia, infancia e menores, sendo a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado quen ten atribuídas as competencias neste sector.

Considerando que a institución familiar é a matriz natural na configuración do lecer, e dispoñendo a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado dos equipamentos materiais das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, é polo que se ofertan por esta orde quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorece-la comunicación e participación persoal e sociofamiliar.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de estadías e servicios das resi

dencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense) respectivamente e dependentes da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán ser destinatarios tódalas persoas maiores de idade ou menores sempre que vaian acompañados dos seus pais ou titores legais.

Artigo 3º.-Tipos de servicio.

1. Servicio de residencia.

O servicio de residencia consistirá no aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ó beneficiario.

As quendas e tempadas ofertadas detállanse no anexo II desta orde.

2. Servicios para non residentes.

Poderán desfrutar do servicio de comedor os familiares e amigos dos residentes que veñan visita-la instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine o director/a de cada residencia, e sen prexuízo da lóxica prioridade que se outorgue e se garanta ós residentes.

3. Os prezos, tanto para os servicios de residencia como para os non residentes, establécense para tal efecto segundo o Decreto 169/2003, do 13 de febreiro, polo que se fixan as tarifas de prezos relativas ás residencias de tempo libre. As quendas e tempadas para o ano 2004 detállanse no anexo II.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

Farase unha soa solicitude por quenda e unidade familiar, segundo o modelo oficial do anexo I e xuntarase, así mesmo, a fotocopia do DNI do solicitante.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que desfrutaran dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

As solicitudes de estadías deberanse dirixir por escrito ó director/a da residencia de tempo libre.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes remitiranse ás residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de marzo de 2004.

Artigo 6º.-Requirimento de emenda.

Os directores das respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos nesta orde; en caso contrario procederán a reclamarlles por escrito ós interesados os documentos preceptivos para poder resolve-lo expediente, co apercibimento de que, se así non se fixeren nun prazo de 10 días, teranse por desistidos da súa petición de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución do delegado/a provincial competente, que se deberá dictar nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 7º.-Adxudicación de estadías.

A distribución das prazas será compartida nun 50% entre a residencia e as centrais sindicais en razón á súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais.

A adxudicación de estadías efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o/a delegado/a da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, tendo en conta as datas de recepción e rexistro nas residencias de tempo libre, contando desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de marzo de 2004. Todas estas datas entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubri-lo total de cuartos dispoñibles. As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación, ofreceranse ós solicitantes que non obtivesen praza, seguíndose, para estes efectos, a orde de adxudicación establecida no sorteo.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 8º.-Resolución.

Correspóndelle ó/á delegado/a provincial competente a resolución das adxudicacións das estadías,

redactando acta do devandito sorteo e remitindo o resultado ós respectivos directores das residencias. Estes notificarán ós interesados antes do 30 de abril de 2004 a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de se-lo caso.

Contra as anteditas resolucións, poderase interpoñer recurso de alzada perante a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ó da súa notificación.

Artigo 9º.-Pagamento do prezo da estadía.

Os beneficiarios realizarán, no prazo de dez días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, un depósito de 30 A por cuarto en concepto da dita reserva, e outro depósito, 45 días antes do inicio da quenda adxudicada, pola cantidade restante ata completa-la totalidade do prezo da estadía. Estes depósitos teranse en conta á hora de xira-lo recibo definitivo.

Artigo 10º.-Anulación de estadías e reintegro de pagamentos.

No caso de que o adxudicatario anulase as estadías, perderase a cantidade depositada en concepto de reserva, salvo causas de forza maior debidamente acreditadas. As cantidades depositadas con posterioridade seranlle devoltas, logo da reclamación do interesado, unha vez instruído e resolto o expediente correspondente, de acordo coas porcentaxes que se detallan a seguir:

-Anulación ata 30 días antes da data do comezo do desfrute das estadías: 100%.

-Anulación entre 29 e 15 días antes da data de comezo do desfrute das estadías: 75%.

-Anulación entre 14 e 3 días antes da data de comezo do desfrute das estadías: 50%.

-Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o desfrute das estadías: 25%.

A anulación de reservas efectuarase por carta certificada e para calcula-la porcentaxe da devolución de cantidades tomarase como data a de rexistro de entrada na residencia, non facéndose en ningún caso responsable a residencia dos eventuais atrasos que se poidan producir no envío da devandita documentación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude,

Deporte e Voluntariado