DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Luns, 09 de febreiro de 2004 Páx. 1.668

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 28/2004, do 22 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

O artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro de universidades, establece o procedemento de elaboración e aprobación dos estatutos das universidades, determinando que serán elaborados por aquelas e, logo do seu control de legalidade, aprobados polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma.

A Universidade de Santiago de Compostela presentou ante a Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria o proxecto de novos estatutos, aprobado polo seu Claustro Universitario na sesión ordinaria do 18 de decembro de 2003, para a correspondente aprobación e publicación por parte desta Comunidade Autónoma.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, cumpridos os trámites establecidos, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbanse os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela coa redacción que figura no anexo deste decreto, e ordénase a súa publicación.

Artigo 2º

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintedous de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

ESTATUTOS DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1º

1. A Real Universidade de Santiago de Compostela é unha institución pública dotada de plena personalidade xurídica e patrimonio propio, constituída polos campus de Santiago de Compostela e Lugo, que asume e desenvolve as súas funcións como servizo público esencial á comunidade mediante o estudo, a docencia e a investigación; actividades para as que goza de autonomía, de acordo con estes estatutos e no marco da lexislación vixente.

2. Como Administración pública vinculada á da comunidade autónoma, correspóndelle á Universidade de Santiago de Compostela, nos termos legalmente establecidos:

a) A potestade regulamentaria para a elaboración das súas normas de organización e funcionamento e das demais normas de réxime interno.

b) A potestade de autoorganización.

c) A potestade sancionadora.

d) Executividade dos actos e resolucións producidos polos seus órganos de goberno, así como a execución destes.

e) A potestade de revisión de oficio dos seus actos e acordos.

f) Equiparación coas prerrogativas procesuais da Administración do Estado e das comunidades autó

nomas nos procesos xudiciais nos que sexa parte, consonte a lexislación vixente.

g) Instar conflitos de competencias.

h) Inalienabilidade, inembargabilidade e, imprescritibilidade dos seus bens de dominio público, así como as potestades de deslinde e recuperación de oficio de todos os seus bens.

i) Exención tributaria, nos termos previstos na normativa vixente, incluídos impostos, taxas, prezos públicos e demais depósitos establecidos polo Estado, comunidades autónomas ou administracións locais.

j) Exención de todo tipo de consignacións e depósitos.

k) Improcedencia de interditos, sempre que se axuste ao procedemento establecido.

Artigo 2º

1. A Universidade de Santiago de Compostela organizarase de xeito democrático e asegurará a participación dos diferentes sectores da comunidade universitaria no seu goberno, levará a cabo unha decidida defensa da igualdade entre homes e mulleres coa promoción da súa participación igualitaria na toma de decisións, segundo as recomendacións da Unión Europea, e asumirá os principios de liberdade, igualdade, xustiza e pluralismo como inspiradores da vida universitaria.

2. Dada a existencia dunha comunidade natural e lingüística alén dos límites da actual Comunidade Autónoma de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela recoñeceralles aos galegos da emigración e aos seus fillos os mesmos dereitos ca aos galegos residentes, nos termos recollidos no 3.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

3. É deber de todos os membros da comunidade universitaria e, en particular, dos seus órganos de goberno, darlles plena efectividade a estes principios e impedir calquera tipo de discriminación.

Artigo 3º

1. A lingua galega é a lingua propia da Universidade de Santiago de Compostela.

2. A Universidade de Santiago de Compostela promoverá, no marco das súas competencias, accións que contribúan á normalización e ao desenvolvemento da lingua galega.

Artigo 4º

1. Son funcións da Universidade de Santiago de Compostela:

a) A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica do coñecemento científico, técnico e artístico, de xeito que se potenciará unha educación baseada nos principios democráticos, a defensa da paz e dos dereitos humanos.

b) A preparación para o exercicio de actividades profesionais que esixan coñecementos científicos ou artísticos.

c) A difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico e social.

d) A difusión do coñecemento e da cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

e) O apoio científico e técnico ao desenvolvemento social, económico e cultural da sociedade galega que a sustenta.

2. Ademais das funcións básicas do apartado anterior, a Universidade de Santiago de Compostela desenvolverá outras actividades de extensión universitaria, dirixidas a todos os membros da comunidade universitaria e á sociedade en xeral, que terán como finalidade:

a) Procurar a formación integral dos membros da comunidade universitaria mediante a programación e organización de cursos, conferencias e todo tipo de actividades culturais, recreativas e deportivas que poidan contribuír á mellor realización deste obxectivo.

b) Potenciar os diversos grupos e asociacións universitarias que desenvolvan actividades estudantís, culturais e deportivas.

c) Proxectar as funcións e os servizos da universidade ao contorno social.

d) Atender especialmente á defensa, desenvolvemento e difusión da cultura galega, promovendo as actividades e servizos que contribúan a este fin e mantendo as relacións necesarias coas institucións que teñan o mesmo obxectivo.

3. Para o mellor desenvolvemento das súas funcións, a Universidade de Santiago de Compostela propiciará o establecemento de relacións con outras universidades, organizacións e institucións, moi en particular coas de carácter académico, científico e cultural, e atenderá dun xeito preferente as que realicen o seu labor en países de cultura galego-portuguesa, hispanoamericana e europea.

4. A Universidade de Santiago de Compostela, en tanto que Administración pública e para o cumprimento con eficacia e calidade das súas funcións, manterá un compromiso permanente coa protección da saúde da comunidade universitaria, para o que fomentará en todas as súas actividades a prevención dos riscos derivados do traballo.

5. A Universidade de Santiago de Compostela acollerá un modelo de desenvolvemento sostible baseado no respecto, na preocupación e na conservación do ambiente.

6. A Universidade de Santiago de Compostela non colaborará no desenvolvemento de proxectos con fins armamentísticos ou bélicos, sen prexuízo do respecto á legalidade vixente.

7. Para o desenvolvemento destas funcións, a universidade posuirá as competencias que lle atribúe a lexislación vixente, así como aquelas inherentes á autonomía garantida constitucionalmente.

Artigo 5º

1. A Universidade de Santiago de Compostela baseará a súa actividade na liberdade académica, que se manifestará nas liberdades de cátedra, de investigación e de estudo.

2. A liberdade de cátedra maniféstase no exercicio do dereito do seu profesorado a expresar libremente, na súa actividade docente, as súas ideas, opinións e convicións científicas e artísticas.

3. A liberdade de investigación maniféstase no exercicio do dereito á libre utilización dos principios metodolóxicos, á elección dos obxectivos axeitados e ao espallamento dos resultados obtidos na actividade investigadora.

4. A liberdade de estudo, fundamentada na igualdade de oportunidades e na non discriminación dos estudantes, abrangue, ademais do dereito a elixir centro e ensinanzas nos termos establecidos polo ordenamento xurídico, o de se servir dos medios da universidade para unha activa participación no proceso da propia formación e a libre manifestación das ideas, opinións e convicións científicas e artísticas.

Artigo 6º

Os emblemas da Universidade de Santiago de Compostela son os de vixencia tradicional nela.

TÍTULO I

Da Comunidade Universitaria

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 7º

A comunidade da Universidade de Santiago de Compostela está formada por:

a) O seu persoal docente e investigador.

b) O estudantado.

c) O seu persoal de administración e servizos.

Artigo 8º

Son dereitos de todos os membros da comunidade universitaria, no marco das previsións contidas na lexislación vixente:

a) A participación nos órganos de goberno e de xestión, de acordo co establecido nos presentes estatutos.

b) A organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas e de extensión universitaria, e a utilización das instalacións e dos servizos universitarios, conforme o que establezan as normas da universidade.

c) A liberdade de expresión, asociación, sindicación, reunión, manifestación e folga, dentro do ámbito universitario. Os estudantes poderán suspender de xeito colectivo as súas actividades discentes e académicas.

d) A organización, promoción e participación en actividades que contribúan a vincular a Universidade de Santiago de Compostela co seu contorno e a mellora desta institución.

e) A recibir as distintas axudas ou subvencións que a universidade estableza, de acordo cos requisitos establecidos nas respectivas normas que as regulen.

f) O gozo das prestacións asistenciais e de acción social promovidas, xestionadas ou fomentadas pola universidade, de acordo cos requisitos establecidos nas respectivas normas que as regulen.

g) A información regular, mediante a publicidade, sobre todas as cuestións que afecten a comunidade universitaria.

h) Dispor de condicións de traballo e/ou estudo axeitadas.

i) Non ser discriminado por razón da súa discapacidade.

j) Dispor dos medios axeitados para contribuír ao bo funcionamento do servizo público universitario e á mellora da súa xestión.

k) Ao pleno respecto á súa dignidade profesional e persoal, no exercicio das súas funcións.

Artigo 9º

Son deberes de todos os membros da comunidade universitaria:

a) O cumprimento das obrigas profesionais, investigadoras, docentes, discentes, de xestión ou de representación, inherentes ao sector da comunidade ao que pertenzan.

b) O cumprimento dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e das normas que os desenvolvan.

c) A cooperación cos demais membros da comunidade universitaria na mellora dos servizos e na consecución dos fins da universidade.

d) O respecto do patrimonio da universidade e a contribución ao seu digno mantemento.

e) A asunción das responsabilidades de goberno e representación propias dos órganos para os que sexan elixidos ou designados.

f) O cumprimento das normas en materia de prevención de riscos e o respecto ao ambiente.

g) O potenciamento da vinculación e do prestixio da universidade na sociedade.

Artigo 10º

1. Son órganos de representación do persoal funcionario da universidade, a Xunta de Persoal Docente e Investigador, a Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos e do Persoal Laboral, os comités de empresa e aqueles órganos de representación que legalmente se establezan.

2. Son funcións destes órganos, negociar e, de ser o caso, acordar as condicións de traballo de carácter económico, laboral e profesional do persoal representado por cada un deles nos temas e materias legalmente establecidos.

Artigo 11º

1. O valedor ou valedora da comunidade universitaria é o comisionado ou a comisionada do Claustro Universitario para a defensa e a garantía dos dereitos e liberdades dos membros da comunidade universitaria. As súas actuacións, sempre dirixidas á mellora da calidade universitaria en todos os seus ámbitos, non estarán sometidas a mandato imperativo de ningunha instancia universitaria e virán rexidas polos principios de independencia e autonomía.

2. Para o desempeño das súas funcións disporá dos medios persoais e materiais necesarios. Todos os órganos e membros da comunidade universitaria están obrigados a auxiliar o valedor no exercicio das súas funcións.

3. O Claustro Universitario aprobará un Estatuto do valedor da comunidade universitaria e procederá á súa elección por maioría absoluta para un mandato de cinco anos. Crearase unha Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor, cunha composición que se recollerá no Estatuto do valedor, que deberá reflectir a dualidade de campus da universidade. O mandato do valedor finalizará por dimisión ou por cesamento, acordado pola maioría absoluta dos membros do Claustro Universitario.

4. O valedor presentará un informe anual ao Claustro, no que dará conta das súas actividades e incorporará as propostas de mellora que estime oportunas.

5. O valedor da comunidade universitaria poderá instar e promover ante os órganos correspondentes actuacións e iniciativas para mellorar a calidade, así como os dereitos e liberdades dos membros da comunidade universitaria.

Capítulo II

Do persoal docente e investigador

Artigo 12º

A Universidade de Santiago de Compostela contará con persoal docente e investigador, integrado polos funcionarios e funcionarias dos corpos docentes universitarios e polo persoal contratado para funcións docentes e investigadoras, e con investigadores en formación.

Do persoal docente e investigador funcionario

e contratado

Artigo 13º

1. O profesorado universitario funcionario pertencerá aos seguintes corpos docentes:

-Catedráticos e catedráticas de universidade.

-Profesores e profesoras titulares de universidade.

-Catedráticos e catedráticas de escolas universitarias.

-Profesores e profesoras titulares de escolas universitarias.

2. O persoal docente e investigador contratado está formado por axudantes e profesorado das seguintes categorías: profesorado axudante doutor, profesorado colaborador, profesorado contratado doutor, profesorado asociado e profesorado visitante. O número de persoal docente e investigador contratado, ao abeiro deste apartado, non poderá superar o corenta e nove por cento do persoal docente e investigador da universidade.

3. Ademais do previsto no apartado anterior, a Universidade de Santiago de Compostela poderá contratar:

a) Profesorado emérito.

b) Persoal para lectorados de linguas modernas ou estranxeiras.

c) Persoal docente ou persoal investigador por obra ou servizo determinado, para o desenvolvemento de proxectos concretos de investigación científico-técnica.

d) Profesorado interino de substitución.

4. Ademais do previsto nos apartados anteriores, a universidade poderá contratar investigadores ou outro persoal, consonte as disposicións legais.

Artigo 14º

1. O profesorado gozará de plena capacidade docente. Cando posúa o título de doutor terá, ademais, plena capacidade investigadora.

2. A regulación das categorías de profesorado que a universidade poida contratar conforme á lexislación aplicable establecerá os dereitos e deberes, así como as condicións de acceso, permanencia, promoción e rescisión de contratos.

Artigo 15º

1. Son dereitos específicos do persoal docente e investigador funcionario e contratado da Universidade de Santiago de Compostela:

a) A formación permanente, coa finalidade de garantir unha constante mellora da súa capacidade docente, investigadora e de xestión e a disposición dos recursos necesarios para esa formación.

b) A promoción académica.

2. Son deberes específicos do persoal docente e investigador funcionario ou contratado:

a) O cumprimento das diversas obrigas docentes, de titoría e, de ser o caso, investigadoras ou de xestión.

b) A formación permanente orientada á realización dunha actividade docente e investigadora de calidade, consonte a súa categoría, tipo de dedicación e medios dispoñibles.

c) A avaliación do estudantado con obxectividade, de acordo coas normas establecidas.

d) A colaboración no control obxectivo, periódico e rigoroso dos seus labores docentes e investigadores.

Artigo 16º

De acordo coa normativa vixente, o Consello de Goberno, logo da negociación cos órganos de representación laboral e tras o informe do Consello Social, aprobará e informará o Claustro da relación de postos de traballo, na que se consignarán, clasificadas polos campus de Santiago e Lugo, os distintos postos, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias e respectando os seguintes criterios:

a) As necesidades dos programas de estudo, nos seus distintos ciclos, e de investigación, que tenda a unha proporción profesorado/estudantado por grupo que permita unha docencia e unha investigación de crecente calidade.

b) As esixencias do persoal que se derivan da ampliación do número de centros e titulacións.

c) A conveniente proporcionalidade na fixación do número de prazas de cada categoría, que permita a promoción académica.

d) A progresiva normalización e o respecto dos dereitos lingüísticos, para o que se poderá, de ser o caso, establecer perfís lingüísticos dalgúns postos de traballo.

Artigo 17º

Sen prexuízo da prelación entre corpos e categorías, que se establece na disposición adicional cuarta dos presentes estatutos, cando sexa de aplicación para efectos internos, o criterio de antigüidade do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela entenderase referido ao tempo de permanencia nela dentro da categoría da que se trate.

Artigo 18º

A dedicación do persoal dos corpos de funcionarios docentes será preferentemente a tempo completo. O Consello de Goberno poderá acordar un cambio de dedicación, tras a solicitude do interesado e informe do Consello de Departamento, consonte a lexislación vixente e sempre e cando non distorsione o normal desenvolvemento da docencia.

Artigo 19º

1. Na organización das actividades docentes e de titoría deberáselle garantir ao profesorado doutor o tempo necesario para un axeitado desenvolvemento do seu labor investigador.

2. Así mesmo, o Consello de Goberno, ao procurar a equiparación nas obrigas docentes, regulará o réxime de reducións para titulares de escola e profesorado colaborador que se atopen realizando a tese de doutoramento ou que desenvolvan tarefas de investigación.

Artigo 20º

1. O profesorado poderá obter licencias por estudos noutras universidades ou institucións científicas españolas ou estranxeiras, nas condicións que determine o Consello de Goberno.

2. O profesorado funcionario ou contratado, cada vez que cumpra un período ininterrompido de seis anos de docencia na USC en réxime de dedicación a tempo completo, terá dereito a unha licencia dun ano conservando todos os seus dereitos económicos e administrativos.

3. O Consello de Goberno elaborará a normativa de concesión destas licencias e decidirá sobre a súa concesión, tendo en conta os proxectos de actividades que se vaian realizar. En todo caso, asegurarase de que queden debidamente cubertas as funcións docentes do departamento correspondente, para o cal o Consello de Goberno poderá habilitar partidas específicas.

Artigo 21º

1. No marco das bases que estableza o Claustro, o Consello de Goberno aprobará un regulamento do persoal docente e investigador, no que se regulará a actividade do profesorado, que está constituída basicamente por labores docentes, investigadores, de titoría ou asistencia ao estudantado e de xestión, considerando, polo menos, os seguintes aspectos:

a) O procedemento de elaboración e aprobación das relacións de postos de traballo.

b) O procedemento de acceso e provisión das prazas de profesorado.

c) Os procedementos de control da calidade docente.

d) A inspección de servizos e o procedemento disciplinario.

e) O procedemento de declaración de situacións administrativas.

f) O rexistro do persoal docente e investigador.

g) O réxime de exención ou redución da actividade académica polo desempeño de cargos académicos e, excepcionalmente, por servizos extraordinarios prestados á USC.

h) O procedemento de aplicación da normativa de incompatibilidades.

i) A adscrición do persoal docente e investigador aos departamentos e o seu censo nos seus respectivos centros.

j) O réxime de incompatibilidades do persoal docente e investigador da USC en activo para participar na docencia, investigación e xestión de universidades privadas.

k) Os criterios para a asignación individual de complementos retributivos extraordinarios, no marco da lexislación vixente.

Do profesorado funcionario

Artigo 22º

1. O funcionariado docente e investigador que se incorpore á Universidade de Santiago de Compostela será seleccionado por medio de concursos de acceso que serán convocados polo reitor e nos que deberán quedar garantidos a publicidade, a igualdade de oportunidades entre os candidatos e o respecto aos principios de mérito e capacidade.

2. Correspóndelle ao Consello de Goberno:

a) Determinar a creación de prazas nos corpos de persoal docente e investigador funcionario, así como, se procede, manter, minorar ou cambiar a denominación ou a categoría das prazas vacantes, a través da correspondente relación de postos de traballo.

b) Tras a proposta do Consello de Departamento, designar o profesorado que integrará a comisión que resolverá o concurso.

3. As comisións que resolverán os concursos de acceso a prazas dos corpos de persoal docente e investigador funcionario estarán integradas por cinco profesores do mesmo corpo ou superiores, que reúnan os requisitos esixidos para formar parte das comisións de habilitación. Terá dereito preferente a formar parte das comisións o profesorado funcionario da USC da área á que pertenza a praza. No caso de que non houbese número de profesores suficiente na área correspondente da USC, poderá propoñerse profesorado doutras áreas afíns da USC ou ben profesorado da mesma área doutras universidades.

4. O proceso de selección deberá valorar a adecuación de cada candidato ás tarefas docentes e investigadoras propias da praza á que se concursa.

5. As reclamacións contra as resolucións dos concursos de acceso serán valoradas por unha comisión de reclamacións elixida polo Claustro.

Do persoal contratado

Artigo 23º

1. A contratación do persoal docente e investigador farase mediante concurso público, ao que se lle dará a necesaria publicidade. A selección efectuarase con respecto aos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade.

2. Correspóndelle ao Consello de Goberno:

a) Determinar a creación de prazas de persoal docente e investigador contratado, así como, se procede, manter, minorar ou cambiar a denominación ou a categoría das prazas vacantes a través da relación de postos de traballo.

b) Tras a proposta do Consello de Departamento, designar o profesorado que integrará a comisión que resolverá o concurso.

3. As comisións estarán formadas por cinco profesores ou profesoras de superior ou igual categoría e título, de acordo co mesmo procedemento de desig

nación previsto para os concursos de acceso de persoal funcionario.

Artigo 24º

1. O profesorado contratado doutor serao para o desenvolvemento de tarefas de docencia e de investigación ou, prioritariamente, de investigación, entre doutores ou doutoras que reúnan polo menos tres anos de actividade de posdoutoramento docente e investigadora ou, prioritariamente investigadora, e que reciban a avaliación positiva da dita actividade por parte dos órganos de avaliación externa que a lei determine.

2. O profesorado contratado doutor será inicialmente contratado a tempo parcial ou a tempo completo por un período máximo de tres anos, e poderá, neste último caso, selo con carácter fixo, logo do informe favorable sobre este período, de acordo coas condicións que, determine regulamentariamente o Consello de Goberno.

Artigo 25º

1. O profesorado asociado será contratado con carácter temporal por un período máximo de dous anos, con dedicación a tempo parcial, entre especialistas de recoñecida competencia con actividade profesional allea ao ámbito académico universitario.

2. Os contidos das actividades docentes do profesorado asociado deberán estar directamente vinculados coa súa actividade profesional e figurarán especificados na convocatoria.

Artigo 26º

A universidade poderá contratar profesorado colaborador para impartir ensinanzas só naquelas áreas de coñecemento que estableza o Goberno, entre licenciados, arquitectos e enxeñeiros ou diplomados universitarios, arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos, que conten co informe favorable dos órganos de avaliación externa que determine a lei.

Artigo 27º

1. O profesorado axudante doutor será contratado entre doutores ou doutoras, de acordo coas disposicións legais vixentes. Desenvolverán tarefas docentes e de investigación a tempo completo, durante un período de catro anos improrrogables.

2. A contratación esixirá a previa avaliación positiva da súa actividade por parte do órgano de avaliación externa que corresponda.

Artigo 28º

1. Os axudantes serán contratados coa finalidade principal de completar a súa formación investigadora. A contratación será a tempo completo, cunha duración de catro anos improrrogables.

2. As prazas de axudantes utilizaranse preferentemente para integrar o persoal en formación.

3. Os axudantes poderán colaborar nas tarefas docentes vinculadas á súa especialización, cun límite máximo equivalente á metade do encargo docente máximo do profesorado doutor a tempo completo,

e terase en conta en todo caso o encargo medio de docencia da área.

Artigo 29º

A Universidade de Santiago de Compostela poderá contratar, no ámbito das ciencias da saúde, profesorado asociado, profesorado axudante doutor e axudantes, de acordo co que se estableza no seu concerto co Servizo Galego da Saúde e noutra lexislación de aplicación.

Artigo 30º

O profesorado visitante está constituído por docentes ou persoal investigador de recoñecido prestixio doutras universidades e centros de investigación españois ou estranxeiros que poderán ser contratados, con dedicación a tempo completo ou parcial, para desenvolver actividades docentes e investigadoras por un período máximo dun ano, prorrogable por outro máis.

Artigo 31º

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá, por acordo do Consello de Goberno, contratar como profesores eméritos aqueles funcionarios docentes xubilados que prestasen servizos destacados á universidade.

2. O profesorado emérito, que estará vinculado á universidade por medio dunha relación laboral de tres anos de duración, prorrogable por outros dous, terá dereito a unha retribución compatible coa súa pensión de xubilación.

3. O profesorado emérito terá a posibilidade de colaborar na dirección de tarefas de investigación, na docencia do terceiro ciclo e, en xeral, en estudos de especialización científica e profesional, en actividades de extensión universitaria e noutras equiparables.

Artigo 32º

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá contratar persoal para os seus lectorados como parte do persoal dos departamentos responsables docentes das linguas modernas. A titulación deste persoal deberá ser equivalente ao título de licenciado.

2. O persoal para os lectorados asimilarase ao profesorado colaborador e, sen prexuízo do disposto no apartado seguinte, contratarase por un período dun ano prorrogable por outro máis, tras o informe favorable do departamento. As súas obrigas docentes virán fixadas nos respectivos contratos, en virtude das necesidades docentes do departamento.

3. A universidade poderá determinar que a contratación de persoal para os lectorados se estableza mediante convenios de intercambio con universidades estranxeiras ou por aplicación de convenios existentes con organismos oficiais ou institucións doutros países, polo tempo que acorden as respectivas institucións, de xeito que se favoreza a incorporación de titulados propostos pola Universidade de Santiago de Compostela a outras universidades.

Artigo 33º

O Regulamento de persoal docente e investigador establecerá a constitución e a composición dunha Comisión de Revisión que valore as reclamacións que se presenten contra as resolucións dos concursos de selección de persoal docente e investigador contratado, agás para as prazas de persoal contratado doutor e persoal colaborador, das que coñecerá a comisión prevista no artigo 22.5º.

Dos investigadores en formación

Artigo 34º

1. Os investigadores en formación e perfeccionamento son titulados universitarios que acadaron o diploma de estudos avanzados ou equivalente, que realizaron actividades de investigación e que están vinculados á universidade nalgunha das seguintes categorías:

a) Matriculados en etapa de tese, que a estean realizando cunha dedicación maior ou igual á media xornada.

b) Bolseiros ou bolseiras de investigación no marco dunha convocatoria pública.

2. A USC deberá manter un rexistro actualizado dos investigadores en formación e perfeccionamento, no que figure a súa adscrición á unidade correspondente. A inclusión no rexistro implicará a protección do persoal mediante o correspondente seguro.

Artigo 35º

Son dereitos específicos dos investigadores en formación e perfeccionamento:

a) Acceso aos recursos físicos e humanos da universidade que sexan precisos para os traballos de investigación.

b) Garantía dun seguimento personalizado do traballo por parte do director responsable.

c) Gozar de licenzas para a realización de estancias en centros nacionais ou estranxeiros, co fin de completar a súa formación.

Artigo 36º

Son deberes dos investigadores en formación:

a) Desenvolver con aproveitamento a actividade investigadora, garantindo a súa obxectividade e calidade.

b) Colaborar na avaliación periódica e rigorosa dos seus labores investigadores e, se é o caso, docentes.

Capítulo III

Do estudantado

Artigo 37º

Son estudantado da Universidade de Santiago de Compostela aquelas persoas que están matriculadas

en estudos conducentes á obtención de titulacións de grao ou de posgrao nos seus centros propios.

Artigo 38º

Son dereitos específicos do estudantado:

a) Recibir unha formación e unha docencia de calidade, crítica e actualizada, tanto nos seus contidos coma nos seus métodos pedagóxicos, participando activamente en todo o proceso.

b) Coñecer con anterioridade ao período de matrícula a programación docente.

c) A adaptación das actividades docentes, así como das datas e mecanismos de avaliación, ás circunstancias especiais nas que se poida atopar por discapacidade ou outras circunstancias similares.

d) Ser avaliado pola universidade obxectivamente no seu rendemento académico e dispoñer de mecanismos axeitados de revisión.

e) Participar activamente no control da calidade da docencia e na elaboración dos seus criterios xerais de avaliación.

f) De acordo co seu nivel de formación, participar activamente en tarefas de formación investigadora, tendo en conta os medios económicos e materiais dispoñibles.

g) A igualdade de oportunidades no acceso, continuidade e finalización dos estudos, para o que se poderá beneficiar das distintas axudas ou subvencións que a universidade estableza, tendo en conta o rendemento académico e a súa situación económica, sen prexuízo da responsabilidade principal do Estado e da Comunidade Autónoma.

h) Ser protexido polo réxime de aseguramento establecido legalmente.

i) A propiedade intelectual dos traballos que realicen, no marco da súa actividade discente.

j) Recibir orientación educativa e profesional a través do persoal dos servizos correspondentes.

k) Ser atendido de xeito personalizado polo profesorado a través do sistema de titorías.

l) Dispor de sistemas que tendan a flexibilizar a libre elección de profesorado.

m) Ser dispensado das obrigas discentes, cando coincidan co desempeño de cargos de representación.

Artigo 39º

É deber específico do estudantado cumprir as tarefas de estudo e de investigación que lle correspondan, na súa condición de universitarios.

Artigo 40º

O Estatuto do estudantado, aprobado polo Claustro, desenvolverá polo miúdo os seus dereitos e deberes e regulará as condicións de estudo na universidade.

Capítulo IV

Do persoal de administración e servizos

Artigo 41º

1. O persoal de administración e servizos coadxuva ao cumprimento dos fins e obxectivos da universidade, desenvolvendo as funcións que lle atribúen a Lei orgánica de universidades, a lexislación autonómica de desenvolvemento dela, os estatutos e as súas normas de desenvolvemento regulamentario.

2. O persoal de administración e servizos estará constituído polo persoal laboral e polo persoal funcionario das escalas propias e das escalas doutras universidades ou de corpos e escalas doutras administracións públicas que presten os seus servizos na Universidade de Santiago de Compostela.

3. A universidade poderá contratar para obra ou servizo determinado persoal técnico ou outro persoal, para o desenvolvemento de proxectos concretos de investigación científica ou técnica.

4. O persoal de administración e servizos será retribuído con cargo ao presuposto da Universidade de Santiago de Compostela. As normas de desenvolvemento destes estatutos establecerán o réxime retributivo do persoal funcionario, dentro dos límites establecidos na Lei orgánica de universidades e na lexislación básica de función pública.

5. O persoal funcionario de administración e servizos rexerase pola Lei orgánica de universidades e as disposicións autonómicas que a desenvolvan, pola lexislación básica de función pública e polas disposicións de desenvolvemento desta que aprobe a Comunidade Autónoma galega, por estes estatutos e pola normativa de desenvolvemento destes, consonte o establecido nos artigos seguintes.

6. O persoal laboral rexerase pola Lei orgánica de universidades e as disposicións autonómicas de desenvolvemento dela, pola lexislación laboral vixente, por estes estatutos e as súas normas de desenvolvemento regulamentario e polo convenio colectivo vixente en cada momento.

Artigo 42º

1. Sen prexuízo do previsto noutras normas e nestes estatutos, son dereitos específicos do persoal de administración e servizos:

a) O coñecemento das funcións propias do posto de traballo que desempeñen.

b) A formación continua e a promoción profesional.

2. Son deberes específicos do persoal de administración e servizos, ademais dos establecidos para todos os membros da comunidade universitaria nestes estatutos e os demais previstos na lexislación vixente:

a) A colaboración ao control obxectivo, periódico e rigoroso do seu labor, tanto individualmente como do servizo no que se encadran, así como participar nos procesos de mellora que estableza a universidade.

b) A permanente actualización no posto de traballo que desempeñen, para o que contarán coas accións formativas que a universidade deseñe, de acordo con estes estatutos e as súas normas de desenvolvemento.

Artigo 43º

O persoal de administración e servizos dependerá organicamente da Xerencia e funcionalmente da Dirección do centro, departamento ou servizo ao que estea adscrito o seu posto de traballo.

Artigo 44º

No marco das bases que estableza o Claustro, o Consello de Goberno aprobará un regulamento do persoal de administración e servizos, tendo en conta as especificidades dos colectivos que o integran e considerando, polo menos, as seguintes cuestións:

a) Procedemento de elaboración e aprobación da relación de postos de traballo.

b) A descrición das funcións asignadas aos postos de traballo.

c) Procedemento de acceso e provisión das prazas.

d) Os procedementos de control da calidade dos servizos.

e) A inspección de servizos e o procedemento disciplinario, sen prexuízo, con respecto a este último, do considerado na lexislación laboral e no convenio colectivo aplicables.

f) O procedemento de declaración de situacións administrativas.

g) O rexistro do persoal.

h) O réxime de redución de obrigas por exercicio doutras actividades.

i) O procedemento de declaración de incompatibilidades.

j) As normas de xestión do cadro de persoal funcionario de administración e servizos, que conterán necesariamente:

1. A determinación dos procesos de xestión administrativa e de soporte ás autoridades académicas non previstos na Lei orgánica de universidades.

2. O réxime retributivo, consonte o establecido na Lei orgánica de universidades e nestes estatutos, así como os criterios de aplicación da produtividade e das gratificacións.

3. As normas que regulen a mobilidade.

4. Os baremos que rexerán nos concursos de méritos para a promoción profesional.

5. As normas de aplicación e desenvolvemento destes estatutos en materia de selección, promoción interna e promoción profesional.

6. Calquera outra norma relativa ao seu réxime de prestación do servizo.

Artigo 45º

1. Son escalas propias da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes:

Grupo A: escala de técnicos superiores de administración da Universidade de Santiago de Compostela e escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela.

Grupo B: escala de xestión e escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela.

Grupo C: escala administrativa e escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela.

Grupo D: escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela.

2. Corresponderalles ás ditas escalas desenvolver a xestión administrativa no ámbito da universidade.

3. De considerarse necesario para o mellor funcionamento do servizo público universitario, o Consello de Goberno, por proposta da Xerencia, logo da negociación coa Xunta de Persoal Funcionario de Administración e Servizos, poderá crear escalas propias de carácter facultativo, así como establecer, de acordo co contido funcional que se trate de cubrir e/ou dos requisitos específicos de acceso, especialidades nas escalas propias.

4. A clasificación en grupos e categorías profesionais do persoal laboral de administración e servizos, será a que se estableza no convenio colectivo vixente en cada momento ou de acordo coa lexislación laboral vixente. A formalización do convenio colectivo precisará do informe previo do Consello Social.

Artigo 46º

1. Tras a proposta da Xerencia, que terá en conta as necesidades da docencia, da investigación e dos servizos da universidade, despois da negociación cos órganos de representación do persoal, o Consello de Goberno, logo do informe do Consello Social, aprobará a relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos, informando dela ao Claustro.

2. A relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos establecerase e publicarase anualmente e deberá indicar como mínimo:

a) A denominación dos postos e o seu réxime de prestación do servizo.

b) O centro, departamento ou servizo ao que está adscrito funcionalmente.

c) A forma de provisión.

d) Os requisitos xerais de pertenza a un grupo ou grupos de titulación determinados, o nivel de complemento de destino e as demais retribucións complementarias, no caso de postos de traballo adscritos a persoal funcionario.

e) O grupo, a categoría profesional e as retribucións complementarias, cando se trate de postos de traballo adscritos a persoal laboral.

f) De ser o caso, os requisitos específicos para o desempeño do posto de traballo, como a pertenza a grupos ou escalas determinadas, a posesión de titulacións específicas, o coñecemento experto de linguas, así como aqueles que se estimen necesarios para a correcta definición do posto de traballo.

Artigo 47º

1. A selección do persoal de administración e servizos realizarase logo da superación das correspondentes probas selectivas de acceso, a través dos sistemas de oposición, concurso-oposición ou concurso, garantíndose, en todo caso, o respecto aos principios de igualdade, mérito e capacidade. Os procedementos de selección deberán asegurar a conexión entre os requisitos e as probas que se han superar e a adecuación ás necesidades que deban ser cubertas.

2. As probas de acceso a prazas do persoal de administración e servizos serán xulgadas por un tribunal nomeado polo reitor, na forma que se estableza no Regulamento de persoal, no que se garantirá a presencia de representantes do persoal.

Artigo 48º

Anualmente, a Universidade de Santiago de Compostela, logo da negociación cos órganos de representación do persoal, aprobará a súa oferta de emprego público, na que se preverá, en todo caso, a porcentaxe de vacantes que se convocarán a promoción interna

Artigo 49º

1. A provisión de postos de traballo adscritos a funcionarios farase ordinariamente mediante concurso de méritos e, excepcionalmente, mediante libre designación, con convocatoria pública para aqueles postos que, pola natureza das funcións encomendadas ou pola súa especial responsabilidade, se determinen na relación de postos de traballo. Non obstante, os postos de traballo con nivel orgánico de servizo proveranse por concurso de méritos. As demais unidades directivas que poidan crearse, de acordo co previsto nestes estatutos, proveranse por libre designación.

2. Ás convocatorias poderán concorrer tanto o persoal propio como o persoal doutras universidades ou administracións nas condicións que fixe a relación de postos de traballo, tendo en conta os convenios asinados pola Universidade de Santiago de Compostela con outras universidades nacionais ou estranxeiras e con outras administracións públicas, que garantan o dereito á mobilidade do seu persoal en condicións de reciprocidade.

3. Os concursos restrinxidos a áreas determinadas, previstos na lexislación básica de función pública, terán, en todo caso, carácter excepcional e deberán ser aprobados polo Consello de Goberno, por proposta motivada da Xerencia, logo da negociación coa Xunta de Persoal Funcionario.

Artigo 50º

1. O Consello de Goberno, por proposta da Xerencia, logo da negociación cos órganos de representación do persoal, a través da Comisión de Formación aprobará un Plan xeral de formación do persoal de administración e servizos, que terá como obxectivos xerais a progresiva cualificación do persoal para o desempeño das funcións que ten encomendadas, singularmente nas liñas de iniciación e introdución para o momento do ingreso na universidade, a formación e a reciclaxe permanente e a formación específica ligada aos procesos de provisión de postos de traballo e aos procesos de promoción interna.

2. Para a elaboración, seguimento e avaliación do dito plan, constituirase unha Comisión de Formación con participación da Xerencia e dos órganos de representación do persoal.

TÍTULO II

Da estructura orgánica da Universidade

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 51º

1. A Universidade de Santiago de Compostela, constituída polos campus de Santiago e Lugo, estrutúrase basicamente en departamentos, facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores, escolas universitarias e institutos universitarios, así como por aqueles centros que legalmente poidan ser creados.

2. Pertencen tamén á estrutura orgánica da universidade as escolas de especialización profesional e demais centros de docencia ou investigación que a universidade poida crear no uso da súa autonomía.

3. Ademais das cidades nas que está implantada, a Universidade de Santiago de Compostela poderá promover e crear centros ou dispoñer de instalacións en calquera outro lugar.

Capítulo II

Dos departamentos

Artigo 52º

1. Os departamentos son os órganos básicos encargados da programación e do desenvolvemento do ensino e do apoio da investigación da área ou áreas de coñecemento que o integran.

2. Os departamentos constituiranse por áreas de coñecemento científico, técnico ou artístico. Neles agrúpanse docentes e investigadores correspondentes a esas áreas.

3. Os departamentos serán únicos por cada área ou áreas de coñecemento para toda a Universidade de Santiago de Compostela, agás que razóns derivadas da existencia de dous campus, Lugo e Santiago, ou calquera outra prevista na normativa aplicable, aconselle o contrario.

4. A Universidade de Santiago de Compostela, de acordo coa normativa aplicable, poderá crear áreas de coñecemento propias, para os efectos de constituír departamentos. O Claustro Universitario será quen determine regulamentariamente os criterios e requisitos para a súa creación.

5. De acordo coa normativa vixente, a universidade, por acordo do Consello de Goberno, poderá crear seccións departamentais que conten cun mínimo de cinco profesores ou profesoras con dedicación a tempo completo. O réxime e funcionamento das seccións departamentais serán reguladas polo Consello de Goberno. Estas seccións serán dirixidas por un dos seus membros, seguindo os criterios establecidos no apartado 2 do artigo 110º destes estatutos.

Artigo 53º

Son funcións dos departamentos:

a) A programación, desenvolvemento e seguimento de:

1. As ensinanzas propias da área ou áreas de coñecemento da súa competencia, de acordo coa organización xeral dos centros nos que estas se impartan.

2. Os estudos de doutoramento.

3. Cursos de posgrao, especialización e formación continua.

b) A coordinación da actividade investigadora realizada polos seus membros, individualmente ou formando parte de grupos de investigación.

c) O rexistro actualizado da produción científica e da actividade investigadora do departamento.

d) A formación do persoal docente e investigador da universidade.

e) A iniciativa ou, no seu defecto, informe previo, para a creación, mantemento, minoración ou cambio de denominación de prazas de persoal docente e investigador, funcionario ou contratado, así como, de ser o caso, a proposta dos membros da comisión encargada de resolvela.

f) Calquera outra actividade encamiñada ao axeitado desenvolvemento da actividade docente e investigadora que non corresponda a outros órganos.

Artigo 54º

1. A creación, modificación, supresión e a determinación do nome dos departamentos corresponderalle ao Consello de Goberno.

2. A iniciativa para a creación dun departamento corresponderalle ao profesorado que reúna o número mínimo previsto na lexislación vixente.

3. A iniciativa para promover a creación dunha sección departamental corresponderalle ao profesorado que reúna o número mínimo establecido no artigo 52º.5 destes estatutos.

Capítulo III

Das facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitaarias

Artigo 55º

1. As facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias son os órganos encargados da organización e xestión dos estudos conducentes á obtención de títulos académicos oficiais. Tamén poderán impartir ensinanzas conducentes á obtención doutros diplomas e títulos.

2. As titulacións universitarias de grao superior ou segundo ciclo corresponderanlles sempre ás facultades e escolas técnicas ou politécnicas superiores.

3. Salvo en situacións transitorias que indiquen o contrario, os títulos propios de primeiro e/ou segundo ciclo que poña en marcha a universidade deberán adscribirse a unha facultade, escola técnica ou politécnica superior, ou escola universitaria, de acordo co establecido nos puntos 1 e 2.

Artigo 56º

Son funcións das facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias:

a) A elaboración dos plans de estudos das titulacións impartidas polo centro e a participación na elaboración daqueloutras compartidas por varios centros.

b) A organización e a xestión dos servizos docentes que lles correspondan.

c) A coordinación, a supervisión e o control da actividade docente desenvolvida no centro e a participación nos procedementos que estableza a universidade para a avaliación da calidade docente.

d) A elaboración dun calendario de actividades lectivas para cada curso, que se deberá facer público con anterioridade á apertura da matrícula.

e) A promoción de programas de intercambio.

f) A promoción e posta en marcha de medidas para a realización de prácticas externas.

g) A realización das actividades de xestión académica que lles encomende a universidade.

h) A administración dos servizos, equipamentos e recursos do centro e o control da súa calidade.

i) O coñecemento da actividade investigadora que se desenvolva no centro.

j) A realización de actividades de formación permanente ou de extensión universitaria no seu ámbito de competencia.

k) A promoción de estudos de posgrao.

Artigo 57º

1. A creación, modificación e supresión motivada de centros serán acordadas pola Comunidade Autónoma, logo do informe do Consello Galego de Universidades, ben a proposta do Consello Social ou

ben por propia iniciativa, co acordo do referido consello. En todo caso, será necesario informe do Consello de Goberno da universidade.

2. O expediente de creación ou, se é o caso, de modificación incluirá unha memoria na que se incluirá, polo menos:

a) A conveniencia científica, social, económica e cultural da proposta.

b) Se é o caso, o proxecto de plan ou plans de estudos das titulacións que se prevén.

c) A relación de departamentos que terán ao seu cargo a función docente.

d) Os recursos humanos e necesidades materiais.

e) A previsión razoada do número de estudantes.

f) A incidencia sobre outros centros existentes.

g) No caso de modificación, informe dos centros afectados.

3. O expediente de supresión incluirá unha memoria na que se incluirá, polo menos:

a) A conveniencia científica, social económica da proposta.

b) O destino dos recursos humanos e materiais afectos ós centros que se vaian extinguir, de acordo coa lexislación aplicable.

c) A incidencia sobre outros centros existentes.

d) Informe do centro afectado.

Capítulo IV

Dos institutos universitarios

Artigo 58º

1. Os institutos universitarios son centros destinados á investigación científica e técnica ou á creación artística.

2. No seu ámbito de actuación, poderán organizar e desenvolver programas e estudos de doutoramento, de posgrao e de formación continua ou prestar asesoramento técnico e promover a formación científica, técnica, artística ou pedagóxica.

Artigo 59º

1. Os institutos universitarios poderán ser: propios da Universidade de Santiago de Compostela, interuniversitarios ou mixtos, creados en colaboración con organismos públicos ou privados.

2. Os institutos propios da universidade rexeranse polo seu Regulamento de réxime interno, que aprobará o Consello de Goberno.

3. Os restantes institutos serán creados a través do oportuno convenio, no que, en todo caso, se garantirá a participación da universidade no seu goberno, actividade e resultados científicos e económicos, polo menos en proporción aos recursos materiais e investigadores cos que contribúa. O seu Regulamento de réxime interno será ratificado polo Consello de Goberno.

4. No caso dos institutos interuniversitarios e mixtos, establecerase unha estrutura orgánica de múltiple dependencia das entidades colaboradoras.

5. Mediante convenio, poderán adscribirse á Universidade de Santiago de Compostela como institutos de investigación centros ou institucións de investigación dependentes doutras institución públicas ou privadas.

Artigo 60º

1. A creación, modificación, supresión ou adscrición de institutos universitarios levarase a cabo segundo o establecido nestes estatutos para a creación de centros.

2. As iniciativas de creación ou adscrición de institutos universitarios que partan da comunidade universitaria deberán contar coa aprobación do Consello de Goberno, oídos os departamentos interesados.

Artigo 61º

O Consello Científico dos institutos estará integrado por persoal docente e investigador. Nos institutos que non sexan propios da universidade poderá haber tamén persoal científico funcionario ou laboral, dependente doutras institucións públicas ou privadas. Tamén poderán pertencer ao persoal científico dun instituto, en calidade de investigadores colaboradores, persoas alleas á comunidade universitaria.

Capítulo V

Doutros centros universitarios

Doutros centros

Artigo 62º

1. A universidade, no uso da súa autonomía, pode crear centros ou estruturas especializadas para o desenvolvemento dos seus fins institucionais.

2. A creación destes centros corresponderalle ao Consello de Goberno, de acordo cos criterios aprobados polo Claustro.

Das escolas de especialización profesional

Artigo 63º

1. As escolas de especialización profesional son centros universitarios orientados á formación e ao perfeccionamento profesional dos titulados universitarios ou, de ser o caso, de estudantes de cursos avanzados dos estudos universitarios.

2. A creación, modificación ou supresión de escolas de especialización profesional, así como os criterios e condicións para o acceso aos estudos que se poden seguir nelas, serán aprobados polo Consello de Goberno, oída, se é o caso, a escola correspondente.

3. As ensinanzas das escolas de especialización profesional serán impartidas por profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, logo do informe do Consello de Departamento ao que pertenza, así como por profesionais vinculados co seu ámbito de especialización.

Capítulo VI

Dos hospitais universitarios e asociados

Artigo 64º

1. Os hospitais universitarios terán como obxectivo fundamental o desenvolvemento, no máximo nivel científico-técnico, do labor asistencial e a realización das funcións docentes e investigadoras propias dos departamentos, centros e escolas profesionais vinculados ás áreas das ciencias da saúde.

2. Os hospitais universitarios deberán garantir a impartición dos plans de estudos e programas docentes, conducentes á obtención dos títulos oficiais ou propios da universidade, relacionados cos ámbitos sanitarios.

3. Os programas docentes desenvolvidos total ou parcialmente nos hospitais universitarios complementaranse cos propios da formación especializada, continuada e de posgrao, dirixidos aos profesionais das ciencias da saúde.

4. Terán a consideración de hospitais asociados as institucións sanitarias hospitalarias concertadas que non cumpran os requisitos establecidos pola lexislación vixente para seren hospitais universitarios.

Artigo 65º

A universidade poderá establecer concertos coa Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e/ou con calquera outro servizo sanitario público ou privado, para os efectos de impartir neles ensinanzas clínicas a estudantes e posgraduados da universidade, de acordo co establecido na disposición adicional sétima e na disposición final segunda da Lei orgánica de universidades e nas normas do seu desenvolvemento.

Do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Artigo 66º

1. As funcións asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago estarán enmarcadas dentro da rede sanitaria pública e regularanse a través dun réxime de concerto acordado polas partes que a lei establece, no que se recoñecerán as peculiaridades propias dos hospitais universitarios. Nese concerto deberán preverse, entre outras cuestións, a estrutura dos órganos de dirección e o sistema de designación, polo reitor, dos directores ou subdirectores e os representantes da universidade na Comisión de Dirección, así como as relacións dos profesionais das ciencias da saúde coa docencia universitaria.

2. Cando no Consello de Goberno se traten temas relacionados co concerto entre a Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego da Saúde, será convocado un representante deste.

Do Hospital Clínico Veterinario

Artigo 67º

O Hospital Clínico Veterinario da Universidade de Santiago de Compostela, radicado en Lugo, ten

como obxectivo fundamental o desenvolvemento do labor asistencial, co fin de mellorar as funcións docentes e investigadoras propias dos departamentos e centros vinculados ás áreas das ciencias da saúde e, ao mesmo tempo, potenciar as actividades produtivas no sector primario, das que a preservación e recuperación da saúde animal constitúen unha parte destacada.

Artigo 68º

1. Para a xestión do Hospital Clínico Veterinario, a Universidade de Santiago de Compostela, co fin de acadar os seus obxectivos e fins, asinará o correspondente convenio no que se recoñecerán as peculiaridades propias dos hospitais universitarios. Neste convenio deberán preverse, entre outras cuestións, a estrutura dos órganos de dirección e o sistema de designación do director veterinario, que deberá ser nomeado polo reitor, así como as relacións do persoal facultativo coa docencia universitaria. Tamén deberán establecerse os procedementos de selección de persoal non facultativo, de xeito que se axusten aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

2. O director veterinario deberá cumprir as condicións establecidas no artigo 72º destes estatutos.

Capítulo VII

Dos centros docentes adscritos ou vinculados

Artigo 69º

l. Son centros docentes adscritos ou vinculados á Universidade de Santiago de Compostela os que dependen de institucións públicas ou privadas que impartan ensino universitario ou equivalente de nivel superior, coa autorización da universidade e baixo o seu control.

2. A adscrición destes centros á universidade e a súa desvinculación será acordada pola Xunta de Galicia, por proposta do Consello Social, tras o informe do Consello de Goberno.

3. As relacións entre os centros adscritos e a universidade regularanse por medio dun convenio de colaboración, aprobado polo Consello de Goberno e asinado entre o reitor e o titular do centro. Neste convenio incluirase a constitución e as funcións dun padroado que regulará o funcionamento do centro.

4. Corresponderalle ao reitor nomear, polo menos, dous vocais deste padroado e o delegado ou delegada da universidade no centro. Tamén é competencia do reitor o nomeamento do director ou directora do centro, por proposta do padroado.

5. O control académico directo do centro exercerao o delegado da universidade que, sen prexuízo dos dereitos do titular do centro:

* Sancionará os criterios de valoración para o acceso do estudantado e as súas avaliacións, así como os criterios para a selección do profesorado, que deberán garantir os principios de igualdade, mérito e capacidade.

* Intervirá no proceso de selección do profesorado.

TÍTULO III

Do Goberno da Universidade

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 70º

1. O goberno da Universidade de Santiago de Compostela recaerá en órganos colexiados ou unipersoais.

2. Os órganos colexiados son: o Consello Social, o Claustro Universitario, o Consello de Goberno, a Xunta Consultiva, as xuntas de facultade e de escola, os consellos de departamentos, as xuntas de goberno e consellos científicos de institutos universitarios, e os órganos previstos nas normas reguladoras dos demais centros da universidade.

3. Os órganos unipersoais son o reitor, os vicerreitores e vicerreitores adxuntos, o secretario xeral, o xerente, os adxuntos a vicerreitor, os decanos e os directores de escola, os directores de departamento e de instituto universitario, os vicedecanos e secretarios de facultade, os subdirectores e secretarios de escola, os secretarios de departamento e de instituto e os previstos para os outros centros na súa normativa reguladora.

4. A asistencia ás reunións dos órganos colexiados constitúe un dereito e un deber dos seus membros e débense prever as medidas que favorezan a dita asistencia. Cando a natureza dos asuntos o requira, a presidencia do órgano colexiado, por propia iniciativa ou a instancia dos membros do órgano, de acordo co que dispoña o seu Regulamento de réxime interno, poderá convocar para informe a calquera membro da comunidade universitaria.

5. Os órganos colexiados elaborarán e aprobarán un regulamento de réxime interno, no que se determinarán os distintos aspectos do seu funcionamento.

Artigo 71º

1. Son altos cargos da universidade: o reitor, os vicerreitores, o secretario xeral e o xerente.

2. A universidade manterá un rexistro dos seus altos cargos, no que constarán as declaracións de intereses das persoas nomeadas para eles.

3. As persoas que ocupen a condición de alto cargo da universidade non poderán:

a) Asumir como único responsable a docencia dunha materia.

b) Gozar de licencias ou permisos por tempo superior a 2 meses.

c) Beneficiarse das bolsas ou axudas que conceda a propia universidade.

4. O Consello de Goberno regulará o réxime do rexistro de intereses, así como os dereitos e obrigas dos altos cargos.

Artigo 72º

1. Para ser titular de órganos unipersoais, o profesorado deberá estar acollido ao réxime de dedi

cación a tempo completo e o estudantado deberá estar matriculado na modalidade de matrícula ordinaria. O persoal de administración e servizos deberá ter como único emprego o que desenvolva na Universidade de Santiago de Compostela. Para ser titular de órganos unipersoais de centros ou estruturas que non sexan propios da universidade estarase ao disposto no convenio regulador.

2. En ningún caso se poderá exercer a titularidade de máis dun dos devanditos cargos nin a de calquera deles simultaneamente coa de órganos unipersoais de goberno doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas e dos seus centros respectivos, ou coa de representante sindical.

3. O mandato dos órganos unipersoais electivos será de catro anos, e non poderán ocupar o cargo máis de dous mandatos consecutivos.

4. Os cargos unipersoais electivos cesarán ao remate do seu mandato, por dimisión, por disolución do órgano colexiado que os elixiu e, agás no caso do reitor, como consecuencia dunha moción de censura construtiva aprobada por maioría absoluta.

5. Os restantes cargos unipersoais serán nomeados e cesarán, segundo o disposto para cada un deles nestes estatutos.

6. No caso de cesamento o reitor resolverá, con carácter xeral, a continuidade en funcións do anterior titular ata a elección da persoa que o substitúa.

Artigo 73º

1. As eleccións de membros de órganos colexiados serán convocadas pola Comisión Electoral Central. Os membros elixidos dos órganos colexiados serano por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto dos seus respectivos colexios electorais.

2. Para a elección de representantes nos órganos colexiados ou para a elección de titulares de órganos unipersoais, non se admitirá o voto delegado, pero o Regulamento electoral poderá admitir o voto anticipado.

3. O Consello de Goberno aprobará o Regulamento electoral xeral da universidade, de acordo coas liñas xerais aprobadas polo Claustro, dentro do previsto nestes estatutos, e que deberán establecer polo menos:

a) A condición de electores e elixibles.

b) Determinación de subsectores dentro dos sectores II e III dos previstos no artigo 76º e o número dos seus representantes, tendo en conta o seu peso numérico relativo dentro do correspondente sector.

c) Circunscricións electorais.

d) Número máximo de candidatos aos que se lles pode dar o voto para garantir a representación das minorías.

4. A resolución das reclamacións, impugnacións ou calquera outra cuestión que se suscite nos procesos electorais correspóndelle á Comisión Electoral

Central da Universidade, presidida polo reitor ou persoa en que delegue, e integrada ademais por doce membros elixidos polo Claustro Universitario, de acordo coa súa composición. O Regulamento electoral xeral establecerá, se é o caso, a composición e competencias doutras comisións electorais de ámbito inferior.

Artigo 74º

1. As decisións dos órganos colexiados da universidade adoptarán a forma de acordos e as dos cargos unipersoais, a de resolucións.

2. As resolucións do reitor e os acordos do Claustro Universitario, do Consello de Goberno e do Consello Social esgotan a vía administrativa e son impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Os acordos dos restantes órganos colexiados serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello de Goberno. As resolucións dos órganos unipersoais serán susceptibles de recurso de alzada ante o reitor.

Capítulo II

Dos órganos xerais da Universidade

Do Consello Social

Artigo 75º

1. O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade de Santiago de Compostela. A súa composición e funcións serán reguladas por lei da Comunidade Autónoma.

2. Serán membros do Consello Social en representación da universidade o reitor, o secretario xeral e o xerente, así como un membro do profesorado, un do estudantado e un do persoal de administración e servizos, elixidos polo Consello de Goberno entre os seus membros por maioría absoluta e de xeito que garanta a representación dos campus de Santiago e Lugo.

3. Os membros do Consello Social elixidos polo Consello de Goberno deberán reunir os requisitos esixidos no artigo 72º para ser titulares de órganos unipersoais.

Do Claustro Universitario

Artigo 76º

1. O Claustro Universitario é o máximo órgano representativo da comunidade universitaria.

2. O Claustro Universitario estará composto por:

a) O reitor, que o presidirá.

b) O secretario xeral, que o será tamén do Claustro.

c) O xerente.

d) 300 representantes dos diversos sectores da comunidade universitaria, elixidos mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, coa seguinte composición numérica dos sectores que se indican:

Sector I: 153 membros do profesorado funcionario doutor.

Sector II: 42 membros das restantes categorías de persoal docente e investigador.

Sector III: 9 investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao.

Sector IV: 72 estudantes de primeiro e segundo ciclos.

Sector V: 24 membros do persoal de administración e servizos.

3. O colexio electoral do sector II estará formado polas seguintes categorías: profesorado emérito, profesorado funcionario non doutor, profesorado contratado doutor, profesorado asociado, profesorado colaborador, axudantes doutores, axudantes e aqueloutras persoas contratadas pola Universidade de Santiago de Compostela mediante concurso público que realicen labores docentes ou investigadores e que cumpran os requisitos, entre outros os de permanencia, que estableza o Regulamento electoral xeral da universidade.

4. O colexio electoral do sector III estará integrado por todo o estudantado de terceiro ciclo, así como polos investigadores en formación e perfeccionamento e o estudantado de cursos de posgrao, que cumpran as condicións que estipule o Regulamento electoral xeral da universidade.

5. Os vicerreitores ou vicerreitoras que non sexan membros do Claustro Universitario poderán asistir ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 77º

1. O Claustro Universitario será elixido cada catro anos. Os representantes do estudantado de todos os ciclos e modalidades renovaranse cada dous anos.

2. O Claustro quedará disolto cando aprobe a convocatoria extraordinaria de eleccións a reitor por maioría de dous terzos, logo da iniciativa dun terzo dos seus membros.

3. A condición de membro do Claustro perderase co cesamento da vinculación coa universidade, por deixar de pertencer ao sector da comunidade universitaria polo que foi elixido ou polo incumprimento reiterado dos seus deberes como claustral, nos termos previstos no seu regulamento.

Artigo 78º

1. O Claustro Universitario poderá traballar en pleno ou en comisións.

2. O Pleno do Claustro Universitario deberá reunirse con carácter ordinario, polo menos dúas veces ao ano durante o período lectivo, e con carácter extraordinario, de acordo co que dispoña o seu regulamento de réxime interno.

Artigo 79º

Son competencias do Claustro Universitario as seguintes:

a) A elaboración dos estatutos, así como da súa reforma, modificación ou corrección.

b) A remoción do reitor, mediante a convocatoria de eleccións extraordinarias, de acordo co disposto no artigo 85º.4.

c) A elección de membros do Consello de Goberno na súa representación, de entre os propios membros do sector representado.

d) A elaboración e aprobación do seu Regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado por maioría, contando polo menos co voto favorable dun terzo dos membros do Claustro.

e) A elección e, se é o caso, revogación do valedor da comunidade universitaria, a aprobación do seu Estatuto e o debate do seu informe anual.

f) A aprobación do Estatuto do estudantado.

g) A aprobación das liñas xerais do regulamento electoral xeral, do regulamento de persoal docente e investigador, do regulamento de persoal de administración e servizos e dos estudos de posgrao.

h) A deliberación sobre o informe anual do reitor.

i) A aprobación das liñas xerais da programación plurianual e dos presupostos.

j) O coñecemento e debate da planificación estratéxica e das relacións de postos de traballo.

k) A expresión da opinión da comunidade universitaria e a formulación de recomendacións, propostas e declaracións institucionais, así como o debate dos asuntos que lle sexan formulados polo reitor ou polo Consello de Goberno.

l) A recepción de información acerca do funcionamento e obxectivos da universidade, para o cal poderá solicitar a comparecencia dos titulares dos órganos de goberno e representación e dos membros da comunidade universitaria.

m) O control da xestión dos órganos de goberno da universidade, mediante a formulación de preguntas e interpelacións.

n) A elección da comisión que valorará as reclamacións contra as propostas das comisións dos concursos de acceso á condición de funcionario, así como de contratados doutores ou colaboradores.

o) A aprobación da creación e, se é o caso, da supresión de novas figuras de persoal docente e investigador.

p) Establecer os criterios xerais que a Universidade de Santiago de Compostela deberá ter en conta para a creación, modificación e supresión de centros e departamentos e para a súa adscrición á universidade.

q) As restantes competencias que lle atribúan estes estatutos.

Do Consello de Goberno

Artigo 80º

1. O Consello de Goberno é o órgano ordinario de goberno da universidade. Estará integrado por:

a) O reitor, que o presidirá, que poderá delegar a presidencia nun vicerreitor.

b) O secretario xeral, que actuará como secretario e poderá delegar esta función no secretario xeral adxunto, logo da aprobación do reitor.

c) O xerente.

d) Cincuenta membros da comunidade universitaria, que se distribuirán do seguinte xeito:

a. Quince membros designados polo reitor.

b. Vinte representantes do Claustro Universitario, elixidos polo sector correspondente de entre os seus membros, garantindo en cada sector a representación dos campus de Santiago e Lugo, coa seguinte composición:

5 membros do profesorado funcionario doutor.

3 membros do restante persoal docente e investigador.

2 estudantes de terceiro ciclo e investigadores en formación.

7 estudantes de primeiro e segundo ciclo.

3 membros do persoal de administración e servizos.

c. Quince representantes dos decanos, directores de escolas técnicas, politécnicas e universitarias, directores de departamento e directores de institutos universitarios, de xeito que se garanta a presencia dos campus de Santiago e Lugo e de todas as grandes áreas, distribuídos así: sete decanos e directores de escola, sete directores de departamento e un director de instituto.

e) Tres membros elixidos polo Consello Social non pertencentes á propia comunidade universitaria.

2. Cando no Consello de Goberno se aborden temas que afecten especialmente a algún centro, departamento ou instituto, o reitor cursará invitación ao seu decano ou director, logo da petición, para a súa participación nas deliberacións con voz pero sen voto.

Artigo 81º

1. O Consello de Goberno poderá traballar en pleno ou en comisións.

2. O Consello de Goberno celebrará, polo menos, unha sesión plenaria con carácter ordinario cada trimestre lectivo.

Artigo 82º

Son competencias do Consello de Goberno:

a) Propoñer ao Consello Social o proxecto de programación plurianual e as súas actualizacións anuais.

b) A creación, modificación ou supresión de departamentos e a súa adscrición aos centros.

c) A aprobación dos plans de estudo, logo do informe da comisión correspondente do Claustro.

d) A proposta de límite de prazas das titulacións e os procedementos para a admisión do estudantado.

e) A ratificación dos regulamentos de réxime interno de centros e departamentos.

f) A aprobación e a modificación das relacións de postos de traballo do persoal docente e investigador.

g) A aprobación e modificación da relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos da universidade.

h) A designación dos membros das comisións de selección de persoal docente e investigador.

i) A contratación de profesores eméritos.

j) Acordo de nomeamento de doutores honoris causa.

k) A aprobación e proposta ao Consello Social do proxecto de orzamento.

l) A aprobación da distribución de créditos entre centros, departamentos, institutos e servizos.

m) O exame e aceptación da memoria económica, que incluirá a liquidación do presuposto.

n) A aprobación dos convenios de colaboración con outras universidades ou entidades públicas ou privadas.

o) A creación, modificación ou supresión dos servizos e unidades de apoio á docencia e á investigación, os de promoción e asistencia á comunidade universitaria e os de xestión e administración xeral.

p) O nomeamento das comisións de doutoramento e de posgrao.

q) O nomeamento dunha Comisión de Revisión que valore as reclamacións que se presenten contra as resolucións dos concursos de selección de persoal docente e investigador contratado, agás para as prazas de contratado doutor e colaborador.

r) Propoñer ao Consello Social a creación ou modificación de empresas, fundacións ou outras persoas xurídicas e a participación da universidade noutras entidades xa creadas.

s) Elixir os seus representantes no Consello Social.

t) Crear escalas de persoal de administración e servizos non consideradas nos presentes estatutos e establecer o seu réxime retributivo.

u) Aprobar sistemas xerais de avaliación dos centros, departamentos e servizos da universidade e do seu persoal.

v) Propoñer ao Consello Social a afectación ao dominio público dos bens universitarios e a súa desafectación, así como os procedementos de adquisición e alleación de bens patrimoniais.

x) Aprobar as normas e procedementos para o desenvolvemento e execución orzamentaria, no marco das establecidas pola comunidade autónoma.

y) Iniciar o procedemento de creación e supresión dos centros no estranxeiro que impartan ensinanzas de ámbito universitario e acordar a súa modificación.

z) A aprobación de calquera norma regulamentaria non atribuída expresamente a outro órgano de goberno nestes estatutos.

aa) Calquera outra competencia atribuída pola lexislación vixente ou polos presentes estatutos.

Da Xunta Consultiva

Artigo 83º

1. A Xunta Consultiva é o órgano ordinario de asesoramento do reitor e do Consello de Goberno, en cuestións xerais referidas á materia académica, e está facultada para lles formular propostas a estes.

2. A Xunta Consultiva, presidida polo reitor, estará constituída polo secretario xeral e por un máximo de corenta membros designados polo Consello de Goberno entre profesores e investigadores de recoñecido prestixio que conten con avaliacións positivas do seu labor docente e investigador. Na súa composición deberá garantirse que, polo menos, un terzo dos membros conte con tres avaliacións positivas do seu labor docente e investigador, e que figuren representantes das cinco grandes áreas e dos dous campus da universidade. Non poderán formar parte dela os membros do Consello de Goberno nin do Consello de Dirección.

3. A duración do mandato será de catro anos, de xeito que se renove por metades.

4. O Consello de Goberno aprobará o regulamento de funcionamento da Xunta Consultiva.

Do reitor ou reitora

Artigo 84º

O reitor ou reitora é a máxima autoridade académica da universidade e ten a representación desta. Exerce a dirección, goberno e xestión da universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polo órganos colexiados correspondentes e executa os seus acordos.

Artigo 85º

1. O reitor será elixido pola comunidade universitaria, mediante elección directa e sufraxio universal libre e secreto, entre funcionarios do corpo de catedráticos de universidade en activo, que presten servizos nesta. Será nomeado polo órgano correspondente da Xunta de Galicia.

2. O voto para a elección de reitor ponderarase polos sectores da comunidade universitaria previstos para o Claustro, de xeito que se lle atribuirá a cada un deles a mesma porcentaxe de representación que teñen no Claustro.

3. En cada proceso electoral, a Comisión Electoral Central determinará, tras o escrutinio dos votos, os coeficientes de ponderación que corresponderá aplicar ao voto a candidaturas.

4. Ademais das causas previstas con carácter xeral para os órganos unipersoais, o reitor cesará cando o Claustro acorde, con carácter extraordinario, a convocatoria de eleccións. Este acordo deberá contar coa aprobación de dous terzos dos compoñentes do Claustro, tras a iniciativa dun terzo.

Artigo 86º

No caso de ausencia ou enfermidade do reitor, asumirá as súas funcións o vicerreitor que el designe. De estar imposibilitado o reitor para designar substituto, corresponderalle ao Consello de Goberno, presidido para o efecto polo vicerreitor máis antigo, de acordo co artigo 17º, a elección do vicerreitor encargado de exercer as funcións, sen prexuízo de abrir, de ser o caso, o procedemento da elección dun novo reitor.

Artigo 87º

Son competencias do reitor:

a) A representación da universidade.

b) A decisión da interposición de recursos administrativos e o exercicio de accións xudiciais, e daralle conta previa, sempre que sexa posible, ao Consello de Goberno, á vez que a representación xudicial e administrativa da universidade en toda clase de actos ou negocios xurídicos, podendo outorgar mandatos para o exercicio desta representación.

c) A presidencia dos actos universitarios aos que concorra, sen prexuízo do que dispón a normativa estatal e, de ser o caso, autonómica, sobre precedencias.

d) A presidencia e a convocatoria das sesións do Claustro Universitario e do Consello de Goberno.

e) A execución dos acordos do Claustro Universitario, do Consello de Goberno e do Consello Social.

f) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da universidade.

g) O asinamento de todo tipo de convenios, en nome da universidade.

h) A determinación do número, denominación e competencias dos vicerreitores, así como o seu nomeamento, do secretario xeral e do xerente e, de existiren, dos vicerreitores adxuntos, do secretario xeral adxunto, xerente adxunto e do vicexerente ou vicexerentes.

i) O nomeamento dos titulares dos órganos unipersoais de goberno.

j) O nomeamento do persoal funcionario e o asinamento dos contratos do persoal laboral.

k) A expedición dos títulos e diplomas de carácter oficial ou propios outorgados pola universidade.

l) A adopción respecto do persoal docente, investigador e de administración e servizos das decisións relativas a situacións administrativas e réxime disciplinario, con excepción da separación do servizo.

m) Calquera outra función que lle atribúan a lexislación universitaria e os presentes estatutos e, en xeral, aquelas funcións que non estean expresamente atribuídas a outros órganos da universidade.

Dos outros órganos unipersoais da universidade

Artigo 88º

1. Para o desenvolvemento das súas competencias, o reitor será asistido polo Consello de Dirección, no que estarán presentes os vicerreitores, o secretario xeral e o xerente.

2. O reitor e o Consello de Dirección manterán reunións, polo menos de carácter semestral, cos decanos e directores de centro para facilitar o intercambio de información e propostas. Igualmente, manterá reunións cos directores de departamento e de instituto.

Artigo 89º

1. Os vicerreitores ou vicerreitoras serán nomeados polo reitor, tendo en conta a dualidade de campus, entre o profesorado doutor que preste servizos na Universidade de Santiago de Compostela. Correspóndelles coordinaren e dirixiren as actividades no ámbito de competencia que o reitor lles delegue.

2. Para atender a dualidade de campus, o reitor poderá nomear vicerreitores adxuntos, entre o profesorado que preste servizos na Universidade de Santiago de Compostela, para auxiliar o reitor e/ou un ou varios vicerreitores, no seu labor de goberno universitario. Igualmente, poderá nomear adxuntos a vicerreitor para auxiliar a estes no seu labor de goberno universitario. As persoas nomeadas deberán cumprir as condicións establecidas no artigo 72º destes estatutos.

3. Os vicerreitores, os vicerreitores adxuntos e os adxuntos aos vicerreitores cesarán no seus cargos por dimisión ou por decisión do reitor.

Artigo 90º

1. O secretario xeral ou secretaria xeral da universidade será nomeado polo reitor de entre funcionarios públicos do grupo A que presten servizos na Universidade de Santiago de Compostela.

2. O secretario xeral cesará no seu cargo por dimisión ou por decisión do reitor.

Artigo 91º

1. O secretario xeral desempeñará a secretaría do Claustro Universitario do Consello de Goberno e da Xunta Consultiva. Encargarase de dar fe de todos os actos e acordos dos órganos colexiados de representación, goberno e administración xeral da universidade, agás do Consello Social.

2. Son funcións específicas do secretario xeral:

a) A formación e a custodia dos libros de actas dos órganos xerais de representación e goberno da universidade e a expedición de certificacións do que conteñen, e calquera cuestión que conste na documentación oficial da universidade, agás do Consello Social.

b) A recepción e a custodia das actas de cualificación dos estudantes.

c) A conservación, ordenación e xestión da parte administrativa do Arquivo Universitario e a custodia do selo oficial da universidade.

d) Dar a máxima difusión e publicidade dos acordos tomados polos órganos da universidade.

e) A coordinación da Asesoría Xurídica da universidade.

f) As restantes funcións que lle atribúan a lexislación vixente, estes estatutos ou os regulamentos da universidade.

3. O reitor, de estimalo necesario, poderá nomear secretario xeral adxunto para auxiliar o secretario xeral, no seu labor de goberno universitario. As persoas nomeadas deberán cumprir as condicións establecidas no artigo 72º destes estatutos, así como as do parágrafo 1 do artigo anterior.

Artigo 92º

1. O xerente ou a xerente exercerá, baixo a dependencia do reitor, a xestión dos servizos administrativos e económicos da universidade.

2. O xerente será nomeado polo reitor, de acordo co Consello Social, entre titulados superiores con recoñecida competencia e experiencia no ámbito da xestión. Do nomeamento do cargo de xerente será informado o Claustro Universitario.

3. O xerente cesará no seu cargo por dimisión ou por decisión do reitor. En ambos os dous casos serán informados o Consello Social e o Claustro Universitario.

4. O cargo de xerente será incompatible co exercicio da docencia ou de calquera outra actividade pública ou privada. Poderá estar vinculado á universidade como funcionario, no caso de que teña esta condición, ou como persoal contratado en réxime laboral, baixo a modalidade de contrato de alta dirección.

Artigo 93º

1. Correspóndelle ao xerente exercer as seguintes competencias:

a) Dirixir e coordinar os servizos económicos e administrativos da universidade.

b) Coordinar a administración dos demais servizos da universidade establecidos nestes estatutos, para facilitar o seu correcto funcionamento e o exercicio polos órganos de goberno das súas competencias en relación con eles.

c) Asumir, de ser o caso, por delegación do reitor, a xefatura do persoal de administración e servizos e elaborar a proposta da súa relación de postos de traballo, consonte o establecido nestes estatutos.

d) Calquera outra que se prevexa nestes estatutos ou nas súas normas de desenvolvemento regulamentario, así como as que o reitor lle encomende.

2. A Xerencia estará asistida polas unidades directivas necesarias para o desempeño das súas com

petencias e estas poderán estruturarse xerarquicamente, en función da especialidade ou a complexidade das funcións que asuman, en vicexerencias, xefaturas de área, servizos, oficinas e outras unidades de xestión cualificada.

3. A creación, modificación ou supresión destas unidades directivas realizarase a través da relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos, e corresponderalle ao Consello de Goberno.

4. Para garantir a profesionalización da xestión na Universidade de Santiago de Compostela, o desempeño das funcións directivas no ámbito da Xerencia corresponderalle, en todo caso, ao persoal de administración e servizos, sen prexuízo da forma de provisión dos postos de traballo que corresponda aplicar, de acordo co establecido nestes estatutos e na súa relación de postos de traballo.

Artigo 94º

Ademais do establecido no apartado 4 do artigo anterior, o reitor, de estimalo necesario, poderá nomear xerente adxunto para auxiliar o xerente no seu labor de goberno universitario. A persoa nomeada deberá ser titulado superior con recoñecida competencia e experiencia no ámbito da xestión, e ter como único emprego o que desenvolva na universidade.

Artigo 95º

1. A determinación do número, denominación e competencias dos vicerreitorados, vicerreitorados adxunto, adxuntos a vicerreitores, farase por resolución reitoral, da que se dará conta ao Consello de Goberno e ao Claustro Universitario.

2. Igualmente, o reitor poderá nomear asesores que realizarán tarefas de confianza e asesoramento especial, sen que en ningún caso poidan adoptar actos ou resolucións que lle correspondan legalmente aos órganos da Administración. Destes nomeamentos informará ao Consello de Goberno.

3. As funcións propiamente técnico-administrativas reservaranse sempre ao persoal de administración e servizos.

Capítulo III

Dos órganos dos centros

Artigo 96º

Os órganos de goberno e administración das facultades, escolas técnicas e politécnicas superiores e escolas universitarias son os seguintes:

a) A Xunta de Facultade ou de Escola.

b) O decano ou director.

c) Os vicedecanos/as ou subdirectores/as.

d) O secretario.

Artigo 97º

A Xunta de Facultade ou de Escola é o órgano colexiado de goberno do centro, aproba as liñas

xerais de actuación no ámbito da facultade ou escola, e supervisa o labor dos seus órganos de dirección e xestión.

Artigo 98º

1. A Xunta de Facultade ou de Escola estará composta por:

a) O decano ou o director, que a presidirá e convocará.

b) Os vicedecanos ou subdirectores, de ser o caso.

c) O secretario, que o será tamén da xunta.

d) O seguinte persoal docente e investigador en formación e perfeccionamento con docencia no centro e censados nel, ou non censado, que teña neste un encargo docente igual ou superior a 9 créditos:

* Todo o persoal funcionario docente, que representará o 51%.

* O resto, sempre que non exceda do 14% do total da xunta.

e) Unha representación do estudantado do 30%.

f) Unha representación do persoal de administración e servizos censado no centro, nunha proporción do 5% do total da Xunta, cun mínimo de dous.

2. O regulamento de réxime interno de cada centro, de ser o caso, determinará o número de subsectores e a representación de cada un e respectará en todo caso os seguintes límites:

a) O persoal docente e investigador a tempo parcial non poderá representar máis do 5%.

b) O estudantado de primeiro e segundo ciclo non pode representar menos do 25%.

3. Tamén deberá ser convocado para a Xunta de Facultade ou Escola, con voz, pero sen voto, todo o persoal docente e investigador que imparta docencia no centro e non sexa membro dela, sempre que o solicite.

4. Todos os representantes elixidos serano por dous anos, agás os estudantes, que o serán por un ano. A condición de membro da Xunta perderase ao cesar a vinculación co centro ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que se foi elixido.

5. O persoal docente e investigador estará censado soamente nun centro desta universidade, nas condicións que estableza o Consello de Goberno.

6. O estudantado figurará no censo daqueles centros responsables da titulación ou titulacións en que estea matriculado.

Artigo 99º

1. A Xunta de Facultade ou de Escola elaborará un Regulamento de réxime interno, no que se determinarán os distintos aspectos do seu funcionamento.

2. O regulamento poderá establecer a creación dunha comisión permanente e de comisións delegadas da Xunta de Facultade ou de Escola, e deter

minará a súa composición, funcións ou competencias.

Artigo 100º

A Xunta de Facultade ou de Escola reunirase, con carácter ordinario, polo menos unha vez ao trimestre en período lectivo, e con carácter extraordinario, tal como se dispoña no seu regulamento de réxime interno.

Artigo 101º

Son competencias da Xunta de Facultade ou de Escola:

a) A elección do decano ou director e, de ser o caso, a súa remoción.

b) A elaboración e a aprobación do seu Regulamento de réxime interno.

c) A supervisión da xestión dos restantes órganos de goberno e de administración do centro.

d) A elaboración e a aprobación dos proxectos de plans de estudos das titulacións adscritas no centro, consonte a lexislación vixente e as normas xerais emanadas do Claustro Universitario.

e) A aprobación das liñas xerais da política académica do centro e, entre elas, a proposta e implantación de novas titulacións, de creación de escolas de especialización profesional dependentes do centro e de organización de cursos ou estudos de posgrao.

f) A organización dos servizos docentes para a obtención dos títulos académicos do seu ámbito, así como a coordinación e a supervisión da actividade docente do profesorado con docencia no centro, e igualmente a supervisión do seu cumprimento.

g) A programación dos servizos e equipamentos do centro e a supervisión da súa xestión.

h) A distribución das asignacións orzamentarias concedidas ao centro e o control da súa aplicación.

i) O informe verbo das propostas de creación, modificación ou supresión de departamentos relacionados co centro pola súa docencia e investigación.

j) A organización de actividades de formación permanente e de extensión.

k) A manifestación da súa opinión verbo de calquera asunto relacionado co centro ou coas súas actividades.

l) Calquera outra competencia que lle atribúan estes estatutos.

Artigo 102º

1. O decano ou director representa a facultade ou escola, exerce a súa dirección e a xestión ordinaria, preside e coordina a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2. A Xunta de Facultade ou de Escola elixirá o decano ou director, de entre os profesores doutores pertencentes a corpos docentes universitarios censados no centro. No seu defecto, nas escolas uni

versitarias o director poderá ser elixido entre persoal funcionario de corpos docentes universitarios non doutor ou profesorado contratado doutor.

Artigo 103º

1. Son competencias do decano ou director:

a) A representación da facultade ou escola.

b) A presidencia das reunións da Xunta de Facultade ou de Escola e a de calquera outro órgano colexiado delas, así como a execución dos seus acordos.

c) A vixilancia do cumprimento da legalidade en todas as actuacións da facultade ou escola.

d) A dirección da política académica da facultade ou escola.

e) A proposta ao reitor do nomeamento e cesamento do secretario da facultade ou escola e, de ser o caso, de vicedecanos ou subdirectores, dentro do límite que sinale o Consello de Goberno.

f) A vixilancia do respecto dos dereitos e do cumprimento dos deberes de todos os membros da comunidade universitaria que desenvolven o seu labor no centro.

g) O control do cumprimento das obrigas docentes e discentes.

h) O control do axeitado mantemento do patrimonio do centro.

i) O exercicio das restantes funcións que se deriven do seu cargo, así como aqueloutras que lle sinalen estes estatutos ou a lexislación universitaria.

2. As competencias do decano ou director estenderanse a todos os asuntos concernentes ao goberno e á administración das facultades ou escolas, de non seren atribuídas a outros órganos.

Artigo 104º

1. O secretario da facultade ou escola é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do centro e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do centro. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle encomende o decano ou director ou que lle encomende a lexislación vixente e estes estatutos.

2. O secretario será nomeado polo reitor, segundo a proposta do decano ou director, de entre os profesores ou funcionarios dos grupos A ou B censados no centro.

3. O secretario cesará por decisión do reitor, sexa tras a proposta do decano ou director ou a petición propia.

Artigo 105º

1. De existiren, os vicedecanos ou os subdirectores serán nomeados polo reitor, a proposta do decano

ou director, de entre os membros da comunidade universitaria da facultade ou escola que reúnan os requisitos establecidos no artigo 72º.

2. É labor dos vicedecanos ou subdirectores coordinar ou dirixir, baixo a autoridade do decano ou director, a área ou áreas de competencias que este lles asigne, sen prexuízo de que as funcións técnico-administrativas correspondan ao persoal de administración e servizos. De existiren varios vicedecanos ou subdirectores, o decano ou director designará o que ten que substituílo, en caso de ausencia ou enfermidade.

3. Os vicedecanos ou subdirectores cesarán no seu cargo por decisión do reitor, logo de proposta do decano ou director, ou a petición propia.

Capítulo IV

Dos órganos dos departamentos

Artigo 106º

Son órganos de dirección do departamento:

a) O Consello de Departamento.

b) O director ou directora.

c) O secretario.

Artigo 107º

1. O Consello de Departamento estará composto por:

a) Os doutores membros do departamento.

b) O profesorado e axudantes sen título de doutor a tempo completo.

c) O resto de persoal docente e investigador a tempo parcial e investigadores en formación e perfeccionamento, sempre que non excedan do 10% do total de membros.

d) Unha representación do estudantado do ámbito de docencia do departamento, elixidos cada dous anos, que suporá o 25% do total dos membros do Consello de Departamento. Desta porcentaxe, o 10% corresponderá a estudantado de primeiro e segundo ciclo e o 15% a estudantado de terceiro ciclo.

e) Un representante do persoal de administración e servizos.

2. O Consello de Departamento poderá invitar asistir ás súas reunións para discutir asuntos específicos, con voz pero sen voto, a calquera membro da comunidade universitaria que poida resultar afectado.

3. O Consello de Departamento reunirase por iniciativa da dirección ou a pedimento dun terzo dos seus membros. Celebrará, polo menos, unha sesión ordinaria cada trimestre do ano lectivo.

4. Todos os representantes elixidos serano por dous anos. A condición de membro do Consello perderase ao cesar a vinculación co departamento, ou ao deixar de cumprir os requisitos demandados ao sector polo que se foi elixido.

Artigo 108º

1. O Consello de Departamento elaborará un Regulamento de réxime interno no que se determinarán os distintos aspectos do seu funcionamento, de acordo coa lexislación vixente, con estes estatutos e coas normas que os desenvolvan.

2. O regulamento poderá establecer unha comisión permanente e comisións delegadas do Consello de Departamento, determinando as súas competencias e funcións.

Artigo 109º

Corresponderalle ao Consello de Departamento:

a) A elección do director e, de ser o caso, a proposta ao reitor da súa remoción mediante unha moción de censura construtiva que, en todo caso, deberá ser aprobada por maioría absoluta dos membros do Consello de Departamento.

b) A planificación e coordinación da actividade docente e a coordinación da actividade investigadora do departamento, así como o control do seu cumprimento.

c) A validación de programas docentes e sistemas de avaliación das materias das que sexa responsable.

d) A formulación das demandas de profesorado, de acordo coas necesidades docentes dos centros, dos seus programas de investigación e do terceiro ciclo, e a información sobre a procedencia do mantemento, minoración ou cambio de denominación ou categoría dunha praza.

e) A distribución das cantidades asignadas e dispoñibles polo departamento.

f) A elaboración e aprobación do seu regulamento de réxime interno.

g) A creación de comisións para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

h) A promoción do perfeccionamento da docencia.

i) A solicitude de convocatoria a concurso das prazas de corpos universitarios e persoal docente contratado, así como as propostas de membros das comisións correspondentes, consonte a lexislación vixente.

j) A emisión dos informes preceptivos sobre a actividade docente e investigadora do seu profesorado e persoal investigador ou sobre o rendemento académico do seu estudantado.

k) O informe dos proxectos de teses de doutoramento e a proposta das comisións xulgadoras das devanditas teses.

l) Calquera outra competencia que lle atribúan estes estatutos ou a lexislación vixente.

Artigo 110º

1. O director representa o departamento, exerce a súa dirección, preside a actuación dos seus órganos colexiados e executa os seus acordos.

2. A dirección do departamento corresponderalle por elección a un dos seus membros, que sexa profesor doutor pertencente aos corpos docentes universitarios. No seu defecto, nos departamentos constituídos sobre áreas de coñecemento nas que se poden dotar prazas de funcionarios de escola universitaria, poderán ser directores funcionarios dos corpos docentes universitarios non doutores ou profesores contratados doutores.

3. De non se poder levar a cabo o nomeamento do director do departamento por falta de candidatos que reúnan os requisitos esixidos, o Consello de Goberno, tras a proposta do reitor, encargaralle provisoriamente as funcións de dirección a un profesor ou profesora do departamento ou, no seu defecto, doutro departamento. Rematado o curso académico, convocaranse eleccións.

4. O director do departamento será elixido polo Consello de Departamento, nos termos do artigo anterior, e nomearao o reitor. O nomeamento comunicaráselles ao Consello de Goberno e aos decanos e directores das facultades e escolas onde o departamento desenvolva as súas funcións docentes e investigadoras.

5. En caso de ausencia ou enfermidade, o director será substituído, con carácter accidental, por un membro do departamento designado polo director, de acordo cos criterios especificados no apartado 2 e, no seu defecto, polo de maior antigüidade.

Artigo 111º

1. Son competencias da dirección do departamento:

a) A presidencia e a convocatoria do Consello de Departamento.

b) A execución dos acordos adoptados polo Consello de Departamento e a vixilancia do seu cumprimento.

c) A organización e a coordinación, de acordo co Consello de Departamento, dos medios persoais e materias dos que se dispoña para cumprir os obxectivos investigadores e docentes.

d) A execución das previsións orzamentarias.

e) A proposta ao reitor do nomeamento de secretario do departamento.

2. As competencias da dirección do departamento esténdese a todos os asuntos relacionados co goberno e a administración do departamento, de non seren atribuídos a outros órganos.

Artigo 112º

1. O secretario ou a secretaria do departamento é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do departamento e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición das certificacións dos acordos e de todos os actos que consten nos documentos oficiais do departamento. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o director ou lle encomende a lexislación ou estes estatutos.

2. O secretario será nomeado polo reitor, tras a proposta do director, entre o profesorado e axudantes do departamento.

3. O secretario cesará por decisión do reitor, logo de proposta do director do departamento ou a petición propia.

Capítulo V

Dos órganos dos institutos universitarios

de investigación

Artigo 113º

Os órganos de goberno dos institutos propios da Universidade de Santiago de Compostela serán:

a) A Xunta de Goberno.

b) O Consello Científico.

c) O director ou directora.

Artigo 114º

1. A Xunta de Goberno do instituto estará composta por:

a) O reitor da universidade, ou vicerreitor en que delegue, que a presidirá e a convocará.

b) Outros cargos académicos ou profesores da universidade especificados no regulamento de réxime interno do instituto.

c) De habelos, os representantes de institucións públicas ou privadas que contribúan de maneira substancial e estable ao financiamento ou á actividade investigadora do instituto.

d) O director do instituto.

e) O secretario do instituto, que o será tamén da Xunta de Goberno.

2. Os membros universitarios deberán constituír sempre a maioría da Xunta de Goberno.

3. A Xunta de Goberno reunirase, polo menos unha vez ao ano, en sesión ordinaria e, en sesión extraordinaria, de acordo co que estableza o seu regulamento de réxime interno.

Artigo 115º

Serán funcións da Xunta de Goberno:

a) A elección do director do instituto tras a proposta do Consello Científico e, de darse o caso, propoñer a súa remoción ao reitor, mediante acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros.

b) A proposta de orzamento e a programación do instituto ao Consello de Goberno.

c) A aprobación da memoria anual de actividades e a memoria económica, da que se dará conta ao Consello de Goberno.

d) A promoción do financiamento e a dotación do instituto.

e) A proposta ao Consello de Goberno de incorporación á Xunta de Goberno de novos membros, en representación da comunidade universitaria ou de institucións públicas ou privadas.

f) A proposta ao Consello de Goberno da modificación do regulamento do instituto.

g) Outras funcións que estableza o regulamento do instituto, en desenvolvemento destes estatutos.

Artigo 116º

1. O Consello Científico estará composto por:

a) O director do instituto, que o presidirá e o convocará.

b) O secretario do instituto, que o será tamén do Consello Científico.

c) Os doutores membros do persoal científico do instituto que especifique o Regulamento de réxime interno.

d) Unha representación dos titulados superiores non doutores vinculados ao instituto, equivalente ao 15% do total do Consello Científico.

2. O Consello Científico reunirase, polo menos, dúas veces ao ano en período lectivo.

Artigo 117º

Son funcións do Consello Científico:

a) A proposta á Xunta de Goberno do director do instituto.

b) A aprobación do ingreso de novos membros do persoal científico do instituto e o seu cesamento.

c) A información das propostas de programas, orzamento e memoria económica e de actividades do instituto.

d) A programación das actividades científicas, docentes e de asesoramento técnico do instituto e a vixilancia da súa realización.

e) A información dos contratos do instituto ou dos seus profesores.

f) Outras funcións que dispoña o seu regulamento, en desenvolvemento destes estatutos.

Artigo 118º

1. O director do instituto será elixido entre o persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela co título de doutor, ocupará a representación deste e exercerá as funcións de dirección e xestión ordinaria.

2. O director será elixido pola Xunta de Goberno, tras a proposta do Consello Científico.

Artigo 119º

Correspóndelle ao director:

a) A convocatoria e a presidencia do Consello Científico, a execución dos seus acordos e a súa representación perante o Consello de Goberno.

b) A representación do instituto no ámbito da súa competencia.

c) A elaboración das propostas de orzamento e a programación do instituto.

d) A redacción da memoria de actividades e a memoria económica.

e) A proposta ao reitor para o nomeamento do secretario.

f) A autorización dos gastos dentro do orzamento anual.

Artigo 120º

1. O secretario do instituto é quen dá fe dos actos e acordos dos órganos de goberno, representación e administración do instituto e, como tal, ten encomendada a custodia dos libros de actas e a expedición de certificacións dos acordos e de todos os actos ou feitos que consten nos documentos oficiais do instituto. Ademais, exercerá aqueloutras funcións que lle delegue o director ou que lle encomende a lexislación vixente e estes estatutos.

2. O secretario será nomeado polo reitor, logo de proposta do director, entre o persoal científico do instituto que reúna os requisitos establecidos no artigo 72º.

Artigo 121º

Unha vez aprobada a creación do instituto, o reitor nomeará un director en funcións, entre os membros do grupo promotor que cumpran as condicións establecidas para o desempeño de cargos unipersoais, que cesará como tal ao se cumpriren os mandatos regulamentarios sobre constitución dos órganos ordinarios de goberno do instituto.

Artigo 122º

Os órganos de goberno dos institutos interuniversitarios, dos adscritos e dos mixtos definiranse nos convenios de creación ou adscrición. En todo caso, a Universidade de Santiago de Compostela procurará que a súa natureza e o seu funcionamento se axusten ao que se establece nos presentes estatutos para os institutos propios.

Capítulo VI

Dos órganos doutros centros

Artigo 123º

Os órganos de goberno das escolas de especialización profesional e demais centros ou estruturas especializadas serán os establecidos nas súas normas de creación, de acordo co disposto nestes estatutos.

TÍTULO IV

Do estudo, a docencia e a investigación

Capítulo I

Do réxime dos estudos

Artigo 124º

1. A admisión na Universidade de Santiago de Compostela estará aberta a todas aquelas persoas que poidan acreditar a súa aptitude para o ingreso, de acordo cos criterios establecidos pola propia universidade no marco das disposicións legais vixentes.

2. O Consello de Goberno, de acordo coa lexislación vixente, establecerá os procedementos para

a admisión dos estudantes. Estas competencias poderán ser delegadas, de forma parcial ou total, en órganos interuniversitarios.

Artigo 125º

No marco do disposto pola lexislación vixente, correspóndelle ao Consello de Goberno da Universidade propoñerlle á Comunidade Autónoma galega o límite de prazas das titulacións, logo da proposta dos centros respectivos.

Artigo 126º

1. A Universidade de Santiago de Compostela, por acordo do seu Consello de Goberno, regulará as modalidades de matrícula para os estudos que desenvolva.

2. En todo caso, a formalización da matrícula supón o dereito de asistencia ás clases teóricas e prácticas propias de cada materia e a ser avaliado. Asemade, implica o deber de asistencia e realización daquelas actividades formativas que se establezan como obrigatorias na programación docente.

3. Con carácter singular para casos específicos, a xunta de centro poderá conceder a dispensa de asistencia a clase. Nestes casos, se fose necesario, poderá considerarse un sistema de avaliación diferenciado do criterio xeral.

Artigo 127º

1. O Consello de Goberno elaborará unha normativa básica para a ordenación do proceso de ensino-aprendizaxe que permita, segundo as competencias dos centros e departamentos, levar a cabo unha docencia coordinada.

2. Esta normativa regulará os aspectos principais da programación docente das disciplinas, entre os que figurarán profesorado, horario, contidos básicos dos programas e criterios e sistemas de avaliación, que serán homoxéneos para todos os grupos dunha mesma materia. Determinará, así mesmo, o órgano responsable de establecer cada un dos seus elementos e de velar polo seu cumprimento, así como os prazos en que deberá estar á disposición do estudantado.

Artigo 128º

1. Correspóndelle ao Consello de Goberno establecer os procedementos de verificación dos coñecementos do estudantado. Para estes efectos, elaborará unha normativa para articular estes procedementos, así como a revisión de cualificacións. Esta avaliación será realizada de forma ordinaria polo profesorado encargado do curso, de acordo cos criterios establecidos polos consellos de departamento.

2. De considerar o estudante que a cualificación recibida supón un tratamento arbitrario ou discriminatorio, poderá solicitar do decano ou director do centro, mediante unha petición razoada, a revisión da súa cualificación.

Artigo 129º

1. O Consello de Goberno elaborará unha normativa para a resolución das adaptacións e vali

dacións de estudos cursados en centros españois ou estranxeiros, para os efectos de continuación de estudos, de acordo cos criterios xerais do Consello de Coordinación Universitaria.

2. Cada centro nomeará unha Comisión de Validación que emitirá un informe sobre as solicitudes, de acordo coa normativa considerada no apartado anterior.

Capítulo II

Da organización da docencia

Artigo 130º

1. A Universidade de Santiago de Compostela ofrecerá estudos dirixidos á obtención de títulos de carácter oficial e con validez en todo o territorio español, así como estudos encamiñados á obtención doutros títulos, certificados ou diplomas.

2. O Consello de Goberno, seguindo as directrices emanadas do Claustro, establecerá as normas xerais que regulen a organización, a aprobación e a avaliación destes estudos, o procedemento para a expedición dos certificados ou diplomas correspondentes, así como o réxime de vinculación dos estudantes coa universidade.

Artigo 131º

Os estudos do primeiro tipo mencionado no artigo anterior conducirán aos títulos establecidos pola lexislación vixente nos diferentes ciclos.

Artigo 132º

No exercicio da súa autonomía, a Universidade de Santiago de Compostela poderá outorgar tamén títulos propios, que serán expedidos polo reitor.

Artigo 133º

A Universidade de Santiago de Compostela poderá ofertar estudos de posgrao e formación continua que conduzan á obtención de títulos, certificados e diplomas.

Artigo 134º

1. A implantación ou supresión das titulacións de carácter oficial e validez en todo o Estado será aprobada pola Comunidade Autónoma, ben a proposta do Consello Social ou ben por propia iniciativa, co acordo do referido Consello e, en todo caso, tras o informe do Consello de Goberno da Universidade, que terá en conta a opinión do Claustro Universitario.

2. Tanto o expediente de creación como o de supresión dunha titulación incluirá unha memoria das mesmas características da establecida no artigo 57º.

3. A adscrición de titulacións aos centros correspóndelle ao Consello de Goberno, tras o informe dos centros e departamentos implicados.

Artigo 135º

1. As facultades e escolas técnicas e politécnicas superiores organizarán os estudos que darán dereito á obtención dos títulos correspondentes ao primeiro e segundo ciclos, sen prexuízo do establecido nos

apartados seguintes deste mesmo artigo ou das necesidades derivadas da integración do sistema español no espazo europeo de ensino superior.

2. As escolas universitarias organizarán os estudos de diplomaturas, enxeñerías técnicas ou arquitecturas técnicas, abranguidos no seu ámbito de competencia.

3. Os departamentos, ademais de participaren na programación dos estudos correspondentes aos dous primeiros ciclos, poderán organizar aqueles que conduzan á obtención dos títulos de doutor ou doutora do seu ámbito de competencia, así como outros estudos que poidan dar dereito á obtención de certificados ou diplomas de especialización.

4. Os institutos universitarios poderán organizar os estudos que conduzan á obtención de títulos, certificados ou diplomas de especialización e, de ser o caso, elaborar e coordinar programas de terceiro ciclo.

5. As escolas de especialización profesional e os demais centros da Universidade de Santiago de Compostela poderán organizar os estudos dirixidos á obtención de títulos, certificados ou diplomas de especialización.

Artigo 136º

1. As facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias proporán os plans de estudos correspondentes aos seus respectivos ciclos e ámbitos de actuación, no marco das normas emanadas do Claustro Universitario e coa participación dos departamentos afectados.

2. O Consello de Goberno aprobará os plans de estudos, logo de informe da comisión correspondente do Claustro Universitario.

3. No caso dunha titulación nova, o Consello de Goberno, tendo en conta os departamentos implicados, nomeará unha comisión redactora do plan de estudos.

Artigo 137º

1. A docencia das materias establecidas nos programas de estudo será encargada polos centros aos departamentos correspondentes, que deberán garantir a súa realización.

2. O Consello de Goberno aprobará unha normativa para a organización docente das distintas titulacións na que se determinarán, tendo en conta as características específicas de cada tipo de programa, as diferentes fases do proceso e o seu calendario, así como as competencias de cada un dos órganos e unidades que interveñen no proceso.

3. Igualmente, de ser o caso, o Consello de Goberno regulará a obtención do título de licenciado con grao ou equivalente.

Artigo 138º

A obtención do título de doutor pola Universidade de Santiago de Compostela suporá a superación dos estudos do terceiro ciclo e a realización e a defensa dunha tese de doutoramento, de acordo co regula

mento que aprobe o Consello de Goberno para estes estudos.

Artigo 139º

Son estudantes de terceiro ciclo aqueles matriculados que estean a realizar os cursos de doutoramento, así como aqueles que realicen a súa tese de doutoramento e non reúnan a condición de investigadores en formación.

Artigo 140º

Na Universidade de Santiago de Compostela existirá unha Comisión de Doutoramento, encargada de resolver as cuestións relativas aos estudos do terceiro ciclo, de acordo co disposto no regulamento dos estudos de doutoramento.

Capítulo III

Da investigación

Artigo 141º

1. A investigación na Universidade de Santiago de Compostela constitúe unha función esencial como fundamento da docencia, medio para o progreso da comunidade e soporte da transferencia social do coñecemento. Para tal efecto, a universidade asume o desenvolvemento da investigación científica, técnica e artística, así como a formación de investigadores, atendendo tanto á investigación básica, como á aplicada e ao desenvolvemento experimental e tecnolóxico.

2. A investigación é un dereito e un deber do persoal docente e investigador da universidade, de acordo cos seus fins xerais, dentro dos límites establecidos polo ordenamento xurídico e da racionalidade no uso e aproveitamento dos recursos.

3. A universidade promoverá a investigación de calidade, xeradora de novo coñecemento e capacidade de innovación, e a cultura emprendedora, como unha actividade estratéxica para o desenvolvemento competitivo da universidade.

Artigo 142º

1. Sen prexuízo da libre investigación individual, a investigación realizarase en grupos de investigación, recoñecidos pola universidade, departamentos e institutos universitarios de investigación, así como noutros centros ou estruturas que se constitúan con esta finalidade.

2. Os grupos de investigación son unidades organizadas arredor de liñas comúns de actividades científicas. Estarán formados por persoal docente e investigador, investigadores en formación e perfeccionamento e, de ser o caso, persoal técnico, integrados nun ou varios departamentos ou institutos, e coordinados por un ou varios investigadores responsables. O Consello de Goberno aprobará as normas de organización e funcionamento.

3. A Universidade de Santiago de Compostela poderá promover estruturas propias ou mixtas, en colaboración con outros organismos públicos e privados, para o desenvolvemento de programas e

accións de investigación, da canalización das iniciativas investigadoras do profesorado, da transferencia dos resultados da investigación e da captación de recursos para o seu desenvolvemento, de acordo cos criterios normativos que aprobe o Claustro. A súa creación corresponderalle ao Consello Social, a proposta do Consello de Goberno. A intervención do Consello Social limitarase aos aspectos económico-financeiros da iniciativa, sen incidir na finalidade ou organización do goberno e administración da entidade que se cree.

4. A universidade poderá crear ou participar en parques científicos ou tecnolóxicos que reúnan centros de investigación universitarios, de empresas e doutras institucións.

Artigo 143º

O Consello de Goberno regulamentará os supostos e o procedemento para a inclusión de cláusulas de confidencialidade nos contratos e proxectos de investigación, de acordo coas liñas xerais que serán aprobadas polo Claustro Universitario.

Artigo 144º

1. A Universidade de Santiago de Compostela, en apoio da investigación de calidade, atenderá, entre outras, as seguintes accións:

a) Promoción da captación de recursos externos, a través dos seus grupos de investigación, departamentos, institutos e outros centros.

b) Aprobación de plans de investigación propios, anuais ou plurianuais, aplicando medios de financiamento na medida das súas dispoñibilidades orzamentarias.

c) Apoio ás actividades de investigación, desenvolvemento e innovación contratadas e financiadas polas empresas e os organismos públicos e privados, sempre que sexan de interese para o desenvolvemento científico cultural e tecnolóxico e que contribúan adecuadamente aos obxectivos científico-técnicos da universidade.

d) Participación nos plans nacionais de formación do persoal investigador, seleccionando ou axudando a seleccionar os candidatos aspirantes, facilitándolles os medios e a dirección axeitados, nos termos legalmente establecidos.

2. Correspóndelle á universidade a titularidade das invencións derivadas da investigación realizada polo seu persoal docente e investigador cos seus medios persoais, materiais e de coñecemento, e como resultado dos traballos aos que se refire o artigo 83 da Lei orgánica de universidades, cando non se teña establecido contractualmente un destino alleo á universidade dos resultados obtidos. Correspóndenlle ao Consello de Goberno as normas sobre modalidades e participación do profesorado e persoal da universidade nas invencións e demais resultados de investigación ás que se refire este artigo.

3. A Universidade de Santiago de Compostela xestionará estas actividades como recursos propios e a través das unidades propias que poidan crearse

para tal efecto. O Consello de Goberno, a proposta do reitor, poderá autorizar un sistema alternativo de xestión para supostos concretos, atendendo a circunstancias que así o aconsellen. Neste caso, o Consello de Goberno establecerá, así mesmo, os mecanismos que garantan a correcta afectación dos bens e ingresos obtidos.

Artigo 145º

1. A universidade, os grupos de investigación por ela recoñecidos, os departamentos, os institutos universitarios de investigación e o profesorado, a través dos anteriores, poderán celebrar contratos con persoas físicas ou xurídicas, universidades ou entidades públicas e privadas para a realización de traballos por parte da universidade de carácter científico, técnico ou artístico, así como para o desenvolvemento de ensinanzas de especialización ou actividades específicas de formación, de conformidade co artigo 83 da Lei orgánica de universidades.

2. Non estarán suxeitos á autorización da universidade os contratos que realice o profesorado para a publicación dos seus libros, traballos e traducións científicas, ou para a preparación de orixinais destinados á publicación.

3. O Consello de Goberno establecerá a normativa específica que regule a realización destas actividades, así como todas aquelas actividades de investigación que gocen de financiamento externo de calquera tipo, sexa total ou parcial. Así mesmo, establecerá os criterios para fixar o destino dos bens e recursos obtidos, que lle corresponderán á universidade, e o réxime de participación do persoal docente e investigador nos beneficios derivados da explotación comercial dos resultados dos traballos científicos, técnicos ou artísticos que se realicen.

4. A universidade, co fin de contribuír á vinculación da investigación universitaria co sistema produtivo, poderá crear empresas de base tecnolóxica a partir da actividade universitaria, sempre que non incorran en competencia desleal co sistema empresarial e produtivo. Nelas poderá participar o persoal docente e investigador, conforme ao réxime establecido na lexislación vixente. A creación deste tipo de empresas, así como a autorización da participación nas súas actividades do persoal docente e investigador, requirirá o acordo do Consello de Goberno da universidade. Para tal efecto, o Consello de Goberno establecerá a normativa específica que regule o desenvolvemento e xestión destas iniciativas, de acordo coas liñas xerais aprobadas polo Claustro Universitario.

TÍTULO V

Dos servizos

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 146º

1. A Universidade de Santiago de Compostela establecerá e manterá servizos básicos de apoio á docen

cia e á investigación, e servizos de apoio e asistencia á comunidade universitaria.

2. Os servizos da Universidade de Santiago de Compostela rexeranse por estes estatutos e polo regulamento que, para cada un deles, aprobe o Consello de Goberno. Garantirase a participación dos membros da comunidade universitaria e do persoal adscrito a cada servizo na elaboración destes regulamentos. Así mesmo, os regulamentos dos servizos establecerán as canles de participación dos usuarios no seu funcionamento ordinario, a través da creación de comisións de usuarios ou, de ser o caso, da súa participación nos seus órganos de dirección.

3. Sen prexuízo da súa dependencia funcional dos distintos órganos unipersoais de goberno, a dirección técnica e administrativa dos servizos corresponderalle ao persoal de administración e servizos das escalas ou grupos que corresponda, segundo o servizo de que se trate, consonte o que se estableza na relación de postos de traballo.

4. O Consello de Goberno, por proposta da Xerencia, aprobará o cadro de persoal de cada servizo, con base na planificación e na determinación dos seus obxectivos, na definición da súa estrutura organizativa e nos perfís profesionais dos postos de traballo que deban cubrirse para o seu mellor funcionamento.

5. Ademais dos servizos establecidos nestes estatutos e dos xa existentes, o Consello de Goberno, por proposta do reitor, poderá crear aqueloutros que considere axeitados para o mellor cumprimento das funcións da universidade.

Artigo 147º

Sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao Consello Social relativas á avaliación do rendemento dos servizos, o Consello de Goberno, por proposta do reitor, e para a mellora da calidade na prestación do servizo, establecerá os criterios para a súa avaliación, con base na coparticipación do seu persoal e dos usuarios.

Artigo 148º

1. A universidade asumirá, con carácter xeral, a xestión directa dos seus servizos. Poderán aplicarse as formas de xestión indirecta ou a prestación dos servizos a través de sociedades mercantís ou outros entes de dereito privado, na xestión daqueles servizos de carácter complementario ou instrumental.

2. Naqueles casos en que a universidade opte pola prestación dos seus servizos en réxime de xestión indirecta ou en réxime de dereito privado, deberá garantirse que estes se presten en condicións vantaxosas para os usuarios e coas máximas garantías de calidade. Para estes efectos, poderán establecerse comisións de seguimento e control con participación dos usuarios e dos distintos sectores da comunidade universitaria.

Capítulo II

Da biblioteca e do arquivo universitario

Artigo 149º

1. A Biblioteca Universitaria constitúe unha unidade funcional concibida como un centro de recursos para a docencia, a investigación, o estudo e a aprendizaxe, así como para todas aquelas actividades relacionadas co funcionamento e a xestión da universidade. Como servizo básico ten a misión de facilitar o acceso e a difusión dos recursos de información e colaborar nos procesos de creación de coñecemento, co fin de contribuír á consecución dos obxectivos institucionais da universidade.

2. É competencia da Biblioteca Universitaria xestionar todos os fondos bibliográficos e documentais, sen prexuízo do establecido nestes estatutos para o Arquivo Universitario, adquiridos polos diferentes centros de gasto da universidade, os procedentes de legados, doazóns e intercambios, e os adquiridos por outros organismos públicos ou privados a favor da universidade.

3. A Biblioteca Universitaria estruturarase de acordo con criterios de territorialidade ou de especialización das coleccións e/ou servizos, estando constituída pola Biblioteca Xeral, as bibliotecas de centro ou intercentros e as bibliotecas dos institutos e outros servizos universitarios, que estarán, en todo caso, adscritas a algunha das anteriores. A unidade mínima bibliotecaria será a biblioteca de centro.

Artigo 150º

1. O persoal da Biblioteca Universitaria pertencerá ás escalas de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos, axudantes de arquivos, bibliotecas e museos e á escala de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela, así como a calquera outra escala que se cree, ademais do restante persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

2. A dirección da Biblioteca Universitaria será exercida por un funcionario ou funcionaria da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, especialidade de bibliotecas, ou de corpos ou escalas equivalentes doutras universidades e administracións públicas, que presten servizo nela. A provisión da praza de director realizarase consonte o que se estableza na relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos.

3. Constituirase a Comisión da Biblioteca Universitaria, así como as comisións de bibliotecas de centro ou intercentros que se determinen regulamentariamente. A súa composición e funcións serán establecidas no correspondente regulamento do servizo, que será aprobado polo Consello de Goberno e que garantirá, en todo caso, a participación de todos os sectores da comunidade universitaria.

Artigo 151º

1. O Arquivo Universitario está constituído pola documentación administrativa e académica xerada pola universidade ao longo da súa historia, así como polos fondos documentais non universitarios adquiridos, doados ou confiados en depósito á universidade.

2. O Arquivo Universitario ten como función conservar, ordenar, clasificar e facilitar a consulta e utilización da documentación.

3. Dentro do servizo que constitúe o Arquivo Universitario, este estruturarase en administrativo e histórico.

Artigo 152º

1. Na súa condición de arquivo histórico, o Arquivo Universitario constitúe unha unidade funcional de apoio á investigación e á docencia. Está constituído polos fondos documentais propios ou en depósito, datados ata o momento que determine o regulamento do Arquivo Universitario. Como servizo básico ten a misión de reunir, conservar, clasificar, catalogar e facilitar a consulta deses fondos mediante os medios técnicos a súa disposición.

2. Crearase unha Comisión do Arquivo Universitario, na que estarán representados todos os sectores da comunidade universitaria. A súa composición e funcións estableceranse no correspondente regulamento do servizo, que será aprobado polo Consello de Goberno.

Artigo 153º

1. O persoal do Arquivo Universitario pertencerá ás escalas de facultativos de arquivos e bibliotecas (sección arquivos), de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos e á escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos da universidade, ademais do restante persoal necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

2. A dirección do Arquivo Universitario será exercida por un funcionario ou funcionaria da escala de facultativos de arquivos e bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, especialidade de arquivos, ou de corpos ou escalas equivalentes doutras universidades e administracións públicas, que presten servizos nela. A provisión da praza de director realizarase consonte o que se estableza na relación de postos de traballo do persoal de administración e servizos.

Capítulo III

Do servizo de normalización lingüística

Artigo 154º

1. O Servizo de Normalización Lingüística ten o cometido de dotar de soporte técnico o proceso de extensión do uso da lingua galega na universidade, no marco da política lingüística que se defina nos plans de actuación aprobados polo Claustro.

2. Son funcións deste servizo:

a) Colaborar coa Comisión de Normalización Lingüística do Claustro e cos órganos de goberno, propoñendo actuacións dentro das liñas estratéxicas de política lingüística da universidade.

b) Executar as medidas de política lingüística que lle encomenden a Comisión de Normalización do Claustro e os órganos de goberno, en materia de asesoramento lingüístico e terminolóxico, dinamización e formación.

c) Coordinar e apoiar o traballo das comisións de normalización lingüística dos centros.

Capítulo IV

Do servizo universitario de residencias

Artigo 155º

1. O Servizo Universitario de Residencias é un servizo de asistencia á comunidade universitaria que lles proporciona aloxamento ao estudantado e demais membros da comunidade universitaria, de xeito que se promova a súa formación integral e que contribúa a reducir a desigualdade de oportunidades por motivos económicos para o acceso e a permanencia na universidade. Tamén lles poderá proporcionar aloxamento a outras persoas que, non pertencendo á universidade, tomen parte en actividades por ela organizadas.

2. O Servizo Universitario de Residencias está composto polas residencias e colexios maiores que se rexan polas normas que para tal servizo aprobe o Consello de Goberno.

Artigo 156º

1. Cada residencia ou colexio maior, ou os complexos que integren varios deles, estará dirixido por un director, auxiliado, se é o caso, por subdirector ou subdirectores pertencentes á comunidade universitaria, que serán nomeados e cesados polo reitor, do que informará ao Consello de Goberno.

2. O réxime de goberno e de administración do servizo de residencias e o das residencias e colexios maiores que o integran, establecerase no regulamento que aprobe o Consello de Goberno, no que se garantirá a participación dos residentes a través da constitución de consellos de residentes.

Artigo 157º

A universidade poderá promover acordos e convenios con entidades públicas e privadas para a construción e xestión de residencias e outras fórmulas de aloxamento e vivenda, destinadas aos membros da comunidade universitaria.

TÍTULO VI

Dos actos académicos, honras e distincións

Artigo 158º

A apertura de curso terá lugar nun acto solemne, presidido polo reitor, no que un profesor de recoñecido prestixio da Universidade de Santiago de

Compostela, designado polo reitor, de acordo coa rolda tradicional, ditará unha lección inaugural. Pola súa parte, o secretario xeral lerá un informe coas actividades e datos máis salientables do curso académico anterior.

Artigo 159º

As facultades, escolas e institutos da Universidade de Santiago de Compostela poderán organizar igualmente actos solemnes para entregaren publicamente diplomas acreditativos ao seu estudantado.

Artigo 160º

Todos os doutores da Universidade de Santiago de Compostela terán dereito á utilización da medalla doutoral da universidade. As súas características materiais serán establecidas polo Consello de Goberno.

Artigo 161º

1. Son honras e distincións da Universidade de Santiago de Compostela as seguintes:

a) A insignia de ouro da universidade.

b) A medalla de ouro da universidade.

c) O grao de doutor honoris causa.

2. A concesión de honras e distincións farase en acto público, presidido polo reitor, do que quedará constancia nun rexistro que custodiará o secretario xeral.

Artigo 162º

1. A insignia de ouro da Universidade de Santiago de Compostela seralles concedida a aquelas persoas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución.

2. A medalla de ouro da Universidade de Santiago de Compostela concederáselles a persoas ou entidades que sobresaian dun xeito extraordinario pola súa contribución ao sostemento ou ao cumprimento dos fins da institución.

3. Un regulamento do Consello de Goberno establecerá o réxime para a concesión da insignia e da medalla de ouro da universidade, así como as súas características materiais, que concordarán cos símbolos tradicionais da universidade.

Artigo 163º

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá concederlles o grao de doutor honoris causa a persoas físicas sobranceiras no eido da investigación ou da docencia, no cultivo das artes e das letras, ou ben daquelas actividades que teñan unha repercusión notoria e importante desde o punto de vista universitario no terreo científico, artístico, cultural, tecnolóxico e social.

2. O Claustro Universitario aprobará un regulamento no que se establecerá o procedemento de concesión.

3. O nomeamento de doutor honoris causa debe expedilo o reitor. Procederase á correspondente

investidura nun solemne acto académico axeitado ao tradicional uso universitario.

TÍTULO VII

Do réxime económico e da programación

plurianual

Capítulo I

Do patrimonio

Artigo 164º

Constitúen o patrimonio da Universidade de Santiago de Compostela:

a) Os dereitos sobre os bens mobles e inmobles que lle pertenzan por calquera título.

b) Os títulos, valores, as propiedades incorporais e os restantes bens, dereitos e accións que lle pertenzan.

Artigo 165º

1. A Universidade de Santiago de Compostela é titular dos bens de dominio público que estean afectos ao cumprimento das súas funcións e asumirá a titularidade daqueles que no futuro sexan destinados ás mesmas finalidades polo Estado ou pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Exceptúanse, en todo caso, os bens que integren o Patrimonio Histórico Español, aos que lles será de aplicación a súa normativa específica.

3. A desafectación dos bens de dominio público de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela consonte a lexislación vixente, implicará a súa consideración como patrimoniais dela.

Artigo 166º

1. Os acordos relativos á desafectación dos bens de dominio público e á disposición dos patrimoniais corresponderanlle ao Consello de Goberno e deberán ser aprobados polo Consello Social, de conformidade coas normas xerais que rexan nesta materia.

2. Correspóndelle ao Consello Social, tras a proposta do Consello de Goberno e no marco das normas xerais que rexan nesta materia, ditar as normas regulamentarias relativas á administración dos bens de titularidade da Universidade de Santiago de Compostela, tanto os de dominio público coma os patrimoniais, así como os procedementos para a súa adquisición e para a súa cesión.

Artigo 167º

1. Os bens afectos ao cumprimento das súas funcións e os actos que realicen para o desenvolvemento inmediato destas, así como os seus rendementos, gozarán de exención tributaria, sempre que os tributos e exencións recaian directamente sobre a universidade en concepto de contribuínte, a non ser que sexa posible legalmente a translación da carga tributaria.

2. A Universidade de Santiago de Compostela, pola súa condición de ente vinculado á Comunidade Autó-

noma galega, gozará das exencións, bonificacións e reducións propias dos entes públicos de titularidade autonómica. Así mesmo gozará, por efecto directo da lei, dos beneficios fiscais propios das fundacións, sen necesidade de solicitar a correspondente exención.

Capítulo II

Da planificación estratéxica e da programación plurianual

Artigo 168º

As actuacións da universidade enmarcaranse na planificación estratéxica aprobada polo Claustro, e concretaranse periodicamente na programación plurianual.

Artigo 169º

1. A Universidade de Santiago de Compostela elaborará as súas programacións plurianuais que poderán conducir, de ser o caso, ao asinamento de convenios e contratos-programa, que incluirán obxectivos, financiamento e avaliación do seu cumprimento.

2. A programación plurianual concretarase nun programa de catro anos, actualizado cada ano, sobre a actividade da Universidade de Santiago de Compostela, e mais sobre a avaliación económica dos gastos e dos ingresos correspondentes.

3. A programación incluirá tamén as liñas xerais relativas ás seguintes materias:

a) Os programas de construción de novos edificios e de instalacións de carácter xeral, así como as ampliacións ou modificacións dos xa existentes.

b) O programa xeral de investimentos, tanto de infraestrutura de docencia coma de infraestrutura de investigación.

c) As propostas de creación e supresión de centros ou estudos, así como os cambios na adscrición destes.

d) Os plans de investigación propios, con indicación dos medios de financiamento cos que conten e as previsións orzamentarias analizadas para a súa efectiva realización.

e) As variacións que cumpra facer nas relacións de postos de traballo do persoal docente e investigador e de administración e servizos.

f) A creación, modificación e supresión de servizos.

g) E, en xeral, aquelas decisións que, a medio prazo, contribúan a definir a actividade docente, investigadora, de xestión e de organización interna da universidade.

Artigo 170º

Logo da aprobación das liñas xerais polo Claustro, o Consello de Goberno proporalle a programación plurianual ao Consello Social para a súa aprobación.

Capítulo III

Do orzamento

Artigo 171º

A Universidade de Santiago de Compostela aprobará un orzamento anual que conterá os dereitos económicos estimados para liquidar durante o exercicio e a totalidade dos créditos necesarios para dar cumprimento ás obrigas. O orzamento será público, único e equilibrado. A estrutura do orzamento e o seu sistema contable axeitarase ás normas que, con carácter xeral, estean establecidas para o sector público.

Artigo 172º

1. O reitor presentará perante o Claustro Universitario as liñas xerais do orzamento, xunto coas da programación plurianual ou coa súa actualización.

2. Aprobadas as liñas xerais polo Claustro, o reitor presentará o proxecto de orzamento perante o Consello de Goberno, que o enviará ao Consello Social para a súa aprobación.

Artigo 173º

O orzamento da Universidade de Santiago de Compostela conterá no estado de ingresos os seguintes recursos:

a) As transferencias fixadas anualmente pola Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Taxas, prezos públicos e restantes dereitos que legalmente se establezan, así como a compensación que deberá preverse polas exencións legalmente establecidas.

c) As subvencións, herdanzas, doazóns, legados que reciba de calquera entidade pública ou privada.

d) Os rendementos procedentes do seu patrimonio e aqueloutros derivados da actividade universitaria e de actos e prestacións de servizos onerosos.

e) O produto do alleamento dos seus bens e as compensacións orixinadas pola súa cesión onerosa.

f) O produto das operacións de crédito que concertará a universidade con entidades públicas ou privadas, para o financiamento dos seus gastos de investimento.

g) Os remanentes de tesouraría e calquera outro ingreso.

h) Os ingresos derivados de contratos que realicen os grupos de investigación, os departamentos, os institutos e o seu profesorado, a través do propio departamento ou instituto para a realización de traballos de carácter científico, técnico, artístico, así como para o desenvolvemento de cursos de especialización.

Artigo 174º

O Consello de Goberno aprobará a estrutura do orzamento da universidade, atendendo os seguintes criterios:

a) Separación entre operacións correntes, de capital e financeiras.

b) O estado de ingresos atenderá as clasificacións orgánica e económica.

c) O estado de gastos clasificarase de acordo con criterios orgánicos, económicos e funcionais.

Artigo 175º

1. As modificacións orzamentarias realizaranse conforme á normativa estatal ou autonómica de aplicación, tendo en conta, para estes efectos, os seguintes criterios:

a) Corresponderanlle ao Consello de Goberno as competencias que no ámbito estatal ou autonómico se lle atribúen ao Consello de Ministros ou ao Consello da Xunta.

b) Corresponderanlle ao reitor as competencias que no ámbito estatal ou autonómico se lles atribúen aos ministros ou aos conselleiros.

c) Corresponderanlle ao Consello Social as competencias que no ámbito estatal ou autonómico se lle atribúen ao Parlamento.

2. Non obstante o establecido no apartado anterior, as transferencias de crédito entre os distintos conceptos dos capítulos de operacións correntes e de operacións de capital, así como das de gastos correntes a gastos de capital, que excedan do 5% do importe total do capítulo afectado, serán acordadas polo Consello de Goberno. As que non excedan da dita porcentaxe serán aprobadas polo reitor. As transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo serán autorizadas polo Consello Social, por proposta do Consello de Goberno.

Artigo 176º

A falta de aprobación do orzamento anual da universidade antes do un de xaneiro do ano correspondente suporá a prórroga automática do orzamento do ano anterior.

Capítulo IV

Da xestión e do control

Artigo 177º

1. A xestión económica e financeira da Universidade de Santiago de Compostela, no marco constituído pola programación plurianual e polo orzamento, reflectirase na memoria económica anual de presentación e rendemento de contas.

2. O Consello de Goberno, a proposta da Xerencia e, se é o caso, a partir do disposto pola Comunidade Autónoma de Galicia, aprobará un regulamento de xestión orzamentaria que deberá ser ratificado polo Consello Social.

Artigo 178º

1. O control de ingresos, custos e investimentos realizarase mediante técnicas de auditoría, baixo a supervisión do Consello Social.

2. A memoria económica anual é o documento polo que se renden as contas do exercicio, tanto no nivel interno da propia universidade coma perante os organismos competentes de control externo.

3. A memoria económica presentaralla o reitor ao Consello de Goberno para a súa información e mais para o exame da xestión económica realizada. Esta presentación farase no prazo dos seis primeiros meses, despois de pechado o exercicio económico.

4. Despois de que o Consello de Goberno acepte as contas, o reitor someteraas á aprobación do Consello Social, e do seu contido dará conta ao Claustro Universitario.

5. A universidade enviaralle ao Consello da Xunta a liquidación do orzamento e as contas anuais, a cal as remitirá ao Consello de Contas para a súa fiscalización.

Artigo 179º

A memoria económica anual conterá necesariamente:

a) A liquidación definitiva do orzamento, a conta de resultados e o balance de situación.

b) A información dos expedientes de contratación administrativa xestionados no exercicio.

c) Un informe sobre a valoración e a evolución do inventario de bens mobles e inmobles.

d) Un informe polo miúdo sobre a xestión dos recursos económicos.

Artigo 180º

1. O Consello Social exercerá as funcións que lle corresponden en relación coa supervisión das actividades de carácter económico da universidade con independencia, utilizando técnicas de auditoría.

2. O Claustro Universitario poderá tamén crear unha comisión específica para exercer un control sobre as contas da universidade.

Artigo 181º

Correspóndelle ao reitor ditar os actos administrativos relativos ás distintas fases dos procedementos de gasto e pagamento, sen prexuízo da posibilidade de delegación desta competencia, no marco do Regulamento de xestión orzamentaria.

Artigo 182º

A contratación administrativa na Universidade de Santiago de Compostela efectuarase de acordo co oportuno regulamento aprobado polo Consello Social a proposta do Consello de Goberno, dentro do marco da lexislación xeral sobre a materia.

Artigo 183º

O reitor posúe a condición de órgano de contratación da Universidade de Santiago de Compostela e asinará no seu nome os contratos administrativos.

Artigo 184º

1. A Mesa de Contratación estará formada, polo menos, polo reitor ou polo vicerreitor no que delegue, polo presidente do Consello Social ou persoa que designe, polo xerente ou funcionario do persoal de

administración e servizos que designe, por un funcionario do servizo responsable do control interno, por un funcionario da Asesoría Xurídica da universidade, e por un funcionario do servizo responsable da xestión da contratación administrativa. Actuará como secretario outro funcionario do servizo, responsable da xestión da contratación administrativa, con voz pero sen voto.

2. As fianzas que teñan que constituírse en metálico ou valores serán depositadas na Tesouraría da universidade ou na Caixa Xeral de Depósitos ou órgano autonómico equivalente.

3. O Consello de Goberno e o Consello Social serán informados, a través da memoria económica anual, de toda a contratación administrativa xestionada no exercicio económico, calquera que fosen os procedementos e as formas de adxudicación empregados, sen prexuízo da facultade dos ditos órganos de solicitar a información que estimen oportuna en calquera momento.

Artigo 185º

1. A universidade, para a promoción e o desenvolvemento dos seus fins poderá crear, por si soa ou en colaboración con outras entidades públicas ou privadas, empresas, fundacións ou outras persoas xurídicas, de acordo coa lexislación aplicable.

2. O réxime orzamentario destas entidades será o establecido para as desta natureza, dependentes da Administración autonómica, séndolles igualmente de aplicación o seu réxime de selección de persoal e contratación.

3. Das contas destas entidades informarase ao Consello de Goberno.

4. Corresponderalle ao reitor a responsabilidade da rendición de contas destas entidades diante do Consello Social.

TÍTULO VIII

Da reforma dos estatutos

Artigo 186º

1. A iniciativa para a reforma dos presentes estatutos correspóndelle ao Consello de Goberno ou ao vinte por cento dos membros do Claustro.

2. Consonte o procedemento establecido para este fin no regulamento de funcionamento do Claustro Universitario, a reforma dos estatutos requirirá a aprobación por maioría absoluta do Claustro.

3. O novo texto será remitido á Xunta de Galicia para a súa ratificación e terá vixencia a partir do día seguinte á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. A Universidade de Santiago de Compostela poderá contar coa colaboración de profesionais externos no desenvolvemento de actividades prác

ticas derivadas de convenios ou acordos con ela, para impartiren prácticas tuteladas externas, segundo o que se estableza nestes convenios.

2. No exercicio da súa autonomía, a universidade poderá invitar a docentes ou investigadores de recoñecido prestixio doutras universidades e centros de investigación españois ou estranxeiros para colaboraren nas súas actividades académicas, por un período máximo de nove meses.

Segunda.

O persoal docente procedente da antiga Escola de Graduados Sociais, integrada na Universidade de Santiago de Compostela por medio do Decreto 241/1991, do 4 de xullo, terá a mesma consideración para todos os efectos, tanto en dereitos como en deberes, que os profesores titulares de escola universitaria.

Terceira.

1. Os profesores asociados de ciencias da saúde non se tomarán en consideración para calcular o límite do 49% do persoal docente e investigador contratado.

2. Para os efectos de participación nos órganos de goberno da universidade, todos os profesores asociados de ciencias da saúde equipáranse a profesores asociados a tempo parcial, e non lles é de aplicación o artigo 107º.1 a).

Cuarta.

1. Para os efectos de prelación entre as categorías establecidas no artigo 17º, os corpos e categorías ordénanse do seguinte xeito:

1. Catedráticos de universidade en activo ou eméritos.

2. Profesores titulares de universidade e catedráticos de escola universitaria en activo ou eméritos.

3. Profesores titulares de escola universitaria e profesores contratados doutores.

4. Profesores colaboradores.

5. Profesores axudantes doutores.

6. Axudantes.

7. Profesores asociados.

8. Outro persoal docente e investigador contratado.

2. Nas comisións para a selección de prazas nas que sexa preciso o título de doutor ou licenciado, so poderán participar aqueles profesores de igual ou superior categoría que teñan o título correspondente.

Quinta.

1. Integraranse automaticamente na escala de técnicos superiores de administración da Universidade de Santiago de Compostela todos os funcionarios que á entrada en vigor destes estatutos pertenzan á escala

técnica de xestión da Universidade de Santiago de Compostela, na situación administrativa que lles corresponda. Poderán incorporarse igualmente ás escalas da universidade aqueles funcionarios doutras administracións que á entrada en vigor destes estatutos presten os seus servizos na Universidade de Santiago de Compostela, e que así o soliciten.

2. As prazas ocupadas por persoal funcionario pertencente á escala subalterna da Universidade de Santiago de Compostela ou de corpos e escalas doutras universidades e administracións públicas pertencentes ao grupo E que presten servizos nela, consideraranse para extinguir. A Universidade de Santiago de Compostela poderá promover procesos voluntarios de laboralización do dito persoal.

3. Poderá integrarse nas escalas propias de persoal funcionario de administración e servizos o persoal laboral fixo, pertencente aos grupos profesionais de titulación equivalente, logo da superación dos procesos selectivos que se establezan para o efecto, cando se aprecie que existe unha identidade substancial de funcións e tras a negociación cos órganos de representación do persoal de administración e servizos.

4. A universidade promoverá, a través dos correspondentes procesos selectivos, a integración na escala administrativa dos funcionarios da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, ou de corpos ou escalas doutras universidades e administracións públicas pertencentes ao grupo D que presten servizos nela na data de entrada en vigor destes estatutos.

Sexta.

Na data de entrada en vigor destes estatutos, son especialidades nas escalas propias do persoal funcionario de administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela, as seguintes:

a) Escala de técnicos superiores de administración, especialidades xurídica e de relacións exteriores.

b) Escala de facultativos de arquivos e bibliotecas, especialidades de arquivos e de bibliotecas.

c) Escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidades de arquivos e de bibliotecas.

Sétima.

A universidade, nas súas convocatorias públicas dirixidas a investigadores en formación e perfeccionamento, avogará, na medida das súas posibilidades, por unha substitución progresiva das bolsas por contratos, nun prazo de dous anos.

Oitava.

O Claustro Universitario, de ser preciso, poderá reconsiderar a asignación dos estudantes de posgrao entre os sectores III e IV, en función das modi

ficacións lexislativas derivadas da construción do Espacio Europeo de Ensino Superior.

Novena.

A universidade daralles publicidade aos acordos e ás resolucións de carácter xeral dos órganos de goberno da universidade, por medio dun boletín electrónico ou impreso.

Décima.

As persoas físicas e xurídicas poderán promover a creación de colexios maiores ou residencias, que se rexerán polos propios estatutos e adscribiranse á universidade mediante o axeitado convenio, que deberá ser aprobado polo Consello de Goberno.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. A duración dos actuais contratos do profesorado asociado e axudantes non poderá estenderse máis alá dos prazos establecidos nas disposicións transitorias cuarta e quinta da Lei orgánica de universidades.

Con anterioridade ou ao remate do devandito prazo, logo da petición do interesado, estes contratos transformaranse, dentro do marco legal establecido, segundo os seguintes criterios:

a) Os axudantes e profesores contratados que non realicen ningunha outra actividade remunerada fóra da universidade no momento da entrada en vigor da Lei orgánica de universidades, e sempre que sigan contratados cando entren en vigor estes estatutos e, ademais, reúnan os requisitos de título e avaliación esixidos, pasarán a ser contratados como profesores contratados doutores coa mesma dedicación que tiñan anteriormente, logo do correspondente concurso. No caso de contratos obxecto de extinción, como consecuencia da convocatoria a concurso de prazas de funcionario nos distintos corpos, o Consello de Goberno decidirá sobre a transformación ou non, logo da celebración dos correspondentes concursos.

b) O disposto no apartado anterior será de aplicación tamén para os funcionarios interinos.

c) Aqueles que pertenzan a áreas nas que se poidan contratar profesores colaboradores, poderán optar por esta fórmula nos termos do apartado a).

d) Os axudantes e profesores contratados dos apartados anteriores que, tendo o título de doutor, non teñan a avaliación positiva da axencia correspondente para profesor contratado doutor no momento do remate dos seus contratos e teñan avaliación positiva para profesor axudante doutor, serán contratados como profesores axudantes doutores, logo do correspondente concurso. No momento en que teñan a avaliación positiva para profesor contratado doutor aplicaráselles o previsto no apartado a) anterior.

e) Sempre que as necesidades docentes da área xustifiquen unha nova praza, aqueles profesores contratados que ocupen prazas de substitución, que

acrediten un ano de vinculación contractual coa universidade con anterioridade á entrada en vigor da Lei orgánica de universidades e sigan contratados cando entren en vigor estes estatutos, poderán acollerse ao réxime deseñado nos apartados anteriores.

f) A universidade arbitrará medidas que tendan a asegurar a continuidade no emprego dos seus profesores, en análogas condicións ás que lles viñan sendo de aplicación, tratando de manter a súa vinculación coa universidade.

Segunda.

Os investigadores contratados ao abeiro do programa Ramón y Cajal ou outros equivalentes, no momento da entrada en vigor destes estatutos, equipáranse cos profesores contratados doutores, para os efectos de participación na vida académica e especialmente nos órganos de representación da universidade.

Ao remate dos seus contratos, sempre que as necesidades docentes da área xustifiquen unha nova praza, poderán acollerse ao réxime previsto no apartado a) da disposición transitoria primeira.

Terceira.

As figuras existentes no momento de entrada en vigor da Lei orgánica de universidades equipáranse ás establecidas nela do seguinte xeito, para os efectos de participación na vida académica e especialmente nos órganos de representación da universidade:

a) Axudantes e profesores asociados non doutores que non compatibilicen outra actividade fóra da universidade, con profesores colaboradores.

b) Axudantes e profesores asociados doutores que non compatibilicen outra actividade fóra da universidade, con profesores contratados doutores.

c) Profesores asociados que compatibilicen outra actividade fóra da universidade, con profesores asociados.

Cuarta.

A USC asume o compromiso da estabilización do persoal de administración e servizos e de apoio a investigación e integrará, dentro das posibilidades financeiras, as prazas cubertas por contratacións consecutivas que sexan necesarias para acadar os fins propios da universidade.

Así mesmo, e na liña de estabilización, traballará co referente de que as convocatorias para a provisión de vacantes se realicen cada ano.

Quinta.

O actual Claustro continuará ata completar o período de catro anos para o que foi elixido e manterá a súa composición actual ata que se produza a súa renovación total. As renovacións parciais faranse respectando a composición vixente no momento da entrada en vigor destes estatutos.

Sexta.

1. Os demais órganos colexiados de goberno que vexan alterada a súa composición, como consecuen

cia da aprobación destes estatutos, deberán adaptarse na primeira renovación que se produza e, en todo caso, antes do transcurso dun ano desde a entrada en vigor destes estatutos.

2. En tanto as xuntas de centro non determinen no seu regulamento de réxime interno os subsectores aos que alude o artigo 98º.2, o persoal docente a tempo parcial representará un máximo do 5% do restante persoal docente e os estudantes de terceiro ciclo representarán o 5% da totalidade da xunta.

Sétima.

Os órganos unipersoais de goberno que o sexan no momento da entrada en vigor destes estatutos, continuarán ata o remate do seu mandato. No caso de que se trate do seu segundo mandato, non poderán ser reelixidos.

Oitava.

A nova duración dos contratos de profesorado emérito seralles de aplicación a aqueles que sexan contratados con posterioridade á entrada en vigor destes estatutos.

Novena.

Aqueles que no momento da entrada en vigor da Lei orgánica de universidades estivesen contratados como axudante ou profesorado asociado e estean en posesión do título de doutor, poderán ser contratados como profesorado axudante doutor, sen que lles resulte aplicable o requisito de desvinculación da universidade contratante durante dous anos.

Décima.

1. O Consello de Goberno aprobará o Regulamento electoral xeral da universidade, no prazo de 6 meses desde a entrada en vigor destes estatutos.

2. No prazo dun ano desde a entrada en vigor destes estatutos, o Claustro procederá á aprobación dos estatutos do estudantado e do valedor, conforme ao disposto nestes estatutos

3. Igualmente, no prazo de dous anos, deberá aprobar:

a) O Regulamento do persoal docente e investigador, así como o de persoal de administración e servizos. Ata ese momento, o Consello de Goberno aprobará as necesarias normas provisionais.

b) A regulación da presencia nas súas instalacións de persoas alleas á comunidade universitaria, así como os seus dereitos e deberes, prestando especial atención ao seu persoal xubilado.

c) O Regulamento de seguridade e saúde laboral e de protección e xestión do medio natural, no que se establecerán as medidas, responsabilidades, metodoloxía de actuación e accións que se desenvolverán.

d) O Regulamento para o desenvolvemento dos dereitos de persoas con discapacidade.

e) O Regulamento de protocolo.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.