DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 2004 Páx. 1.622

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2004 pola que se convoca un curso de inglés policial básico.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso de inglés policial básico, que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Ser capaz de preguntar, tomar datos persoais, comprende-las preguntas e dar información sobre enderezos.

-Saber dar instruccións, explicar trámites, e indica-la obrigatoriedade ou prohibición de algo.

-Coñece-lo xeito de preguntar, obter información nun accidente de tráfico, dirixirse a un conductor

en caso de infracción, e pedir, comprender e dar descrición de obxectos, persoas e situacións.

Destinatarios.

Membros dos corpos das policías locais de Galicia, sen coñecementos previos de inglés, ou moi básicos, que desenvolvan o seu labor en zonas turísticas ou relacionadas co Camiño de Santiago.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 27.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 27 de febreiro, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas e horario.

O curso desenvolverase durante os seguintes días: 17, 18, 24, 25 e 31 de marzo e 1, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de abril, en horario de 17.00 a 20.20 horas, cunha duración de 40 horas lectivas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos a este curso publicarase o 16 de marzo a partir das 12.30 horas, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade,

ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de xaneiro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade