DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 2004 Páx. 1.621

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2004 pola que se convoca un curso sobre xestión de emerxencias e toma de decisións.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre xestión de emerxencias e toma de decisións, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Cando nos enfrontamos a unha emerxencia complexa, a gran cantidade de factores e variables que temos que manexar, e os numerosos medios que temos que coordinar, fai que o director de Emerxencia necesita, para toma-las decisións acertadas, utilizar un método de xestión rigorosa e o apoio dun equipo que procesará e analizará toda a información, e proporalle as ideas de manobra máis adaptadas á situación en función dos obxectivos buscados e dos medios dispoñibles.

Con este curso preténdese expoñer un método de xestión de emerxencias, que lles dea resposta ós interrogantes e necesidades que se presentan ante un incidente de importancia, no que teñan que actuar distintos servicios de axuda.

Básease na repartición das tarefas de información, análise, xestión de medios e dirección de operacións.

Segunda.-Destinatarios.

-Persoal técnico de protección civil da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Xunta de Galicia.

-Xefes do parque e xefes de quenda dos servicios de Bombeiros de Galicia.

-Persoal técnico de protección civil da Administración xeral do Estado en Galicia.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 27.

2. Duración e datas: o curso desenvolverase do 29 de marzo ó 2 de abril de 2004, cunha duración de 32 horas lectivas.

O horario será o seguinte:

-Das 10.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 de luns a xoves e das 10.00 ás 14.00 o venres.

3. Lugar: o curso realizarase na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 12 de marzo de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do organismo ó que estea adscrito e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Xestión de emerxencias sinxelas.

-Situacións sinxelas ou complexas.

-Principios básicos de mando.

-Organización do mando.

-Cronoloxía das accións de mando.

-Exercicios prácticos.

Xestión de emerxencias complexas.

-O método de reflexión táctica.

-Busca da información.

-Análise e anticipación.

-Identificación das tarefas en función do obxectivo.

-Elaboración da idea de manobra.

-Xestión en tempo real e anticipación dos medios.

Aplicación do método no CECOP.

-A cadea de mando.

-Organización, reparto de funcións.

-Organización física do CECOP.

-Organización das comunicacións.

As ferramentas gráficas.

-Método moi interesante para a representación gráfica da situación táctica nunha operación, permítenos representar en calquera momento a situación dos medios sobre o terreo, moi útil para a información entre CECOP avanzado e fixo e tamén para dar ordes en situacións complicadas.

-Exercicios prácticos.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo

cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adapta-los ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 19 de xaneiro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade