DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 2004 Páx. 1.613

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 28 de xaneiro de 2004 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas destinadas a entidades locais de Galicia para a implantación da Axenda 21 Local nos seus territorios.

A Axenda 21 Local, aprobada na Conferencia de Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e Desenvolvemento, celebrada en Río de Janeiro en 1992, establece un conxunto de accións para o logro do desenvolvemento sustentable desde un punto de vista social, económico e ambiental. Propugna un enfoque equilibrado e integral das cuestións relativas ó ambiente e ó desenvolvemento.

Dada a relevancia da actuación das administracións locais na estratexia de promoción do desenvolvemento sustentable, o capítulo 28 da Axenda 21 fai un chamamento para a adopción de Axendas 21 locais, resultado da cooperación e o consenso entre os distintos actores sociais. A adopción e posta en marcha destas iniciativas convértese nun obxectivo prioritario da política ambiental na Comunidade Autónoma galega.

Entre as funcións da Consellería de Medio Ambiente figura o apoio ás iniciativas locais para a implantación da Axenda 21 Local no territorio de Galicia. Esta é a razón pola que desde o punto de vista práctico se estiveron a impulsar proxectos ou experiencias piloto na materia. Agora, trala experiencia adquirida, é o momento de impulsar estas iniciativas no ámbito de toda a comunidade autónoma, e facilitarlles ós concellos e mancomunidades galegos os procesos de deseño e formulación das súas axendas 21 locais.

Polo tanto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas, consonte os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, para a implantación de axendas 21 locais en concellos, mancomunidades, e outras agrupacións de municipios legalmente constituídos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Conceptos subvencionables e non subvencionables.

Serán obxecto da axuda os custos derivados da contratación da asistencia técnica para realiza-los seguintes traballos:

1.

* Traballos de campo e elaboración dunha auditoría que conste de prediagnose e diagnose, entendida como o conxunto de estudios, análises e propostas recollidos en forma de documentos e outros materiais que teñen que sintetiza-lo estado socioeconómico e ambiental en toda a entidade local,

* Elaboración dun plan de acción da Axenda 21 a partir desa diagnose da situación actual.

* Elaboración e posta en marcha dun plan de participación cidadá, e

* Elaboración e posta en marcha dun plan de seguimento e un cadro de indicadores que permitan face-lo seguimento da sustentabilidade.

2. Desenvolvemento dun plan de difusión e comunicación.

3. Non serán obxecto de axuda:

* Gastos de persoal propio.

* Custos financeiros derivados do investimento.

* Adquisición de bens e equipos.

* Gastos que non estean definidos ou non teñan por finalidade o obxecto da subvención, así como os gastos non imputables directamente ó proxecto.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente e deberán ser presentadas no mode

lo de solicitude normalizada para o efecto no anexo desta orde. Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, as solicitudes de axuda poderán ser presentadas na Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, nas delegacións provinciais ou nos servicios centrais.

No caso de mancomunidades ou agrupacións de municipios, as solicitudes presentaranse nunha petición única cursada polo seu representante legal, ou ben a persoa designada para o efecto como representante dela.

2. As solicitudes deberán de ser presentadas no prazo de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xunto co modelo de solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo de participación na convocatoria de solicitude de axudas ou subvencións da Consellería de Medio Ambiente e o compromiso inicial de levar a bo termo unha Axenda 21 Local no municipio en cuestión.

b) Memoria xustificativa do orzamento estimado de elaboración dos traballos recollidos no artigo 2º.1 desta orde para os que se solicita a axuda, especificando xustificadamente o método de valoración empregado.

c) Compromiso de adhesión á Carta de Aalborg por parte do concello ou mancomunidade.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, ante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

3. Unha vez presentada a solicitude revisarase a súa documentación e, no caso de que conteña defectos ou omisións non esenciais, seralle requirida ó solicitante a emenda, outorgándolle un prazo de 10 días hábiles para facelo, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición arquivándose o expediente sen máis trámite cos efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 4º.-Criterios de admisión.

Serán tidas en conta tódalas solicitudes que se presenten á concesión da axuda; non obstante, quedará condicionada a súa admisión á aceptación por parte do Centro de Desenvolvemento Sostible do orzamento proposto para a realización dos traballos.

Neste sentido o orzamento dispoñible repartirase entre tódalas solicitudes admitidas de xeito propor

cional, e farase conforme os criterios de obxectividade ós que se refire o artigo 78, punto 6º, do Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no artigo 3 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Resolución da convocatoria.

1. A resolución da concesión será dictada polo conselleiro de Medio Ambiente nun prazo de tres meses a partir da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

2. O outorgamento da axuda debe ser aceptado polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que o beneficiario non comunique a súa aceptación no prazo indicado, a subvención outorgada considerase desestimada.

Xunto coa comunicación da aceptación da axuda presentarase a seguinte documentación:

a) Comprobante da adhesión á Carta de Aalborg por parte do concello ou mancomunidade, seguindo o formulario que se pode atopar no enderezo www.sustainable-cities.org/join.html.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables ós traballos obxecto da axuda ou, de existiren, que tódalas subvencións aplicables ós citados traballos non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para lles facer fronte ás achegas que deberá realiza-la entidade local, e compromiso de gasto deles.

d) Acordo do órgano municipal competente que recolla os seguintes dous puntos:

-Autorización á Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible para a utilización do documentos elaborados, obxecto da axuda, na súa totalidade ou parcialmente, para publicación de xeito convencional ou a través de páxina web.

-Compromiso de entrega, á Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible, en soporte dixital (CD ou DVD preferentemente) de toda a documentación que integra o traballo subvencionado, en tódalas súas fases, especialmente os documentos definitivos.

Artigo 6º.-Recursos.

A resolución da axuda porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor consonte dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou desde o prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo. Ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Artigo 7º.-Contía das axudas.

A contía destas axudas será ata un máximo do 70% do orzamento de licitación previsto para a execución dos traballos realizados, cando se trate de solicitudes individuais de concellos, e de ata o 80% se se tratase de mancomunidades ou agrupacións doutro tipo.

O orzamento ó que fai referencia este artigo será, en todo caso, aceptado pola Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible, unha vez informado pola Subdirección Xeral de Planificación e Promoción do Desenvolvemento Sostible.

A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para a redacción de instrumentos de implantación da Axenda 21 Local, que proveñan de entes públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca supera-lo 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 8º.-Pregos de prescricións técnicas.

As entidades beneficiarias das subvencións empregarán, con carácter preferente, no proceso de contratación dos traballos, os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible. Para o caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, deberán contar co informe favorable dos servicios técnicos da Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible.

Artigo 9º.-Garantías e xustificación do investimento e pagamentos.

Para garanti-lo investimento e rendemento das axudas concedidas ó amparo desta orde, establécense as seguintes regras:

a) O pagamento da axuda efectuarase mediante dous pagamentos. O primeiro pagamento correspon

derá ó ano 2004 ó remate dos traballos da prediagnose ambiental do concello e logo de xustificación destes ata o 30 de novembro de 2004, para o cal a Consellería de Medio Ambiente deberá ter recibido a documentación da prediagnose en papel e CD-ROM, así como unha certificación do gasto realizado nese exercicio, expedida polo órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda. As posibles baixas xeradas con motivo da licitación por concurso público dos traballos orzados, destinaranse na súa totalidade ó desenvolvemento do plan de difusión reflectido no artigo 2º.2 desta orde.

b) O segundo e derradeiro pagamento farase no ano 2005 ó remate dos traballos restantes e logo de xustificación destes ata o 30 de novembro dese ano, para o cal a Consellería de Medio Ambiente deberá ter recibido a documentación en papel e CD-ROM da diagnose ambiental, plan de acción, plan de seguimento, plan de participación cidadá, cadro de indicadores de sustentabilidade e anexos nos que se inclúa a declaración ambiental.

Para proceder ó aboamento do segundo pagamento, a entidade beneficiaria deberá xustificar ante a Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible a realización dos traballos e demais requisitos establecidos nesta orde. Para tal efecto, o concello deberá presentar certificación detallada, expedida polo órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda, relativa ó cumprimento dos pregos de prescricións do contrato subscrito e ó pagamento proporcional que lle corresponde ó concello. A dita certificación, se for o caso, tamén incluirá a xustificación de ter realizado o pagamento, ó adxudicatario do contrato, do total da axuda recibida na fase anterior.

Artigo 10º.-Control e seguimento.

1. Constitúese unha comisión de seguimento integrada polo director xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible e o subdirector xeral de Planificación e Promoción do Desenvolvemento Sostible, ou persoas en quen deleguen, que se encargará do control da execución da actividade obxecto da axuda.

2. A Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible poderá supervisa-la execución dos traballos, co obxecto de comproba-lo cumprimento dos requisitos establecidos. Para tal fin, o concello deberá comunica-lo nomeamento dun director dos traballos entre o seu persoal técnico para estes efectos, co fin de que as unidades administrativas dependentes da consellería teñan acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das distintas fases.

Artigo 11º.-Alteración das condicións da subvención.

Toda alteración das condicións, obxectivas e subxectivas, tidas en conta para a concesión da subvención ou axuda e, en todo caso, a obtención con

corrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión das subvencións. Para estes efectos dictarase a oportuna resolución de liquidación, na que se reaxustarán os importes das subvencións concedidas, podendo supoñer, nos casos que así procedese, a devolución dos importes recibidos en exceso.

Artigo 12º.-Incumprimento e procedemento de reintegro.

No suposto en que a entidade beneficiaria non utilice a subvención concedida para o destino específico para o que foi solicitada e concedida, non realice a actuación que deu orixe á subvención, non xustifique a súa aplicación ós fins determinados para os que se interesou ou, en xeral, incumpra as obrigas establecidas nesta orde ou na resolución de concesión, virá obrigada a reintegra-la contía concedida e percibida, ademais dos xuros legais que resulten de aplicación, segundo o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na súa redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 13º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poida ser esixida polos órganos correspondentes da Dirección Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostible, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, consonte dispón o artigo 31 do Decreto 287/2999, do 21 de novembro, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 14º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinaranse ata un máximo de 200.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 15 05 342A 760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2004, e doutros 170.000 euros con cargo á mesma partida dos orzamentos para o ano 2005.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente