DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 2004 Páx. 1.612

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 28 de xaneiro de 2004 pola que se fai público o procedemento de asignación directa de cota láctea integrada na reserva nacional e procedente dos programas autonómicos de abandono da producción leiteira.

O Real decreto 347/2003, do 21 de marzo, polo que se regula o sistema de xestión da cota láctea, establece no seu capítulo III que na reserva nacional se integran, con carácter xeral, as cotas que non se atopan asignadas ós productores. Así neste real decreto, recóllense na letra a) do artigo 14, as correspondentes convocatorias de asignación directa como un dos xeitos de asignación de cotas integradas na reserva nacional.

Por outra banda, co obxectivo de incrementa-la competitividade do sector lácteo galego, a Orde do 17 de agosto de 1994 (DOG do 24 de agosto) estableceu un plan de abandono indemnizado da producción leiteira. Froito deste abandono liberáronse 35.000 tm de cota de leite que foron posteriormente reasignadas segundo a Orde do 9 de agosto de 1995 pola que se establecían as normas para a asignación destas cantidades de cota. Unha vez asignadas as ditas cantidades, moitas delas integráronse de novo na reserva nacional debido a que por parte dos seus asignatarios liberáronse estas cotas por distintos motivos.

Destas cantidades que se integraron na reserva nacional e que procedían de cantidades recuperadas mediante un plan de abandono indemnizado con cargo ós orzamentos da Xunta de Galicia, faise necesario establece-lo procedemento de asignación directa delas ós productores de leite de Galicia.

A Orde APA/2776/2003, do 3 de outubro, pola que convoca a asignación directa de cotas lácteas integradas na reserva nacional para o período 2003/2004, establece o procedemento de asignación directa de cotas integradas na reserva nacional para o período 2003/2004. Unha vez rematado o período de presentación de solicitudes e resoltas estas por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, resultarán unha serie de productores, entre eles, os da nosa comunidade autónoma, que, reunido os requisitos esixidos na referida orde, non acaden a puntuación suficiente para acceder á asignación das cotas lácteas afectadas.

O procedemento escollido por esta comunidade autónoma, para a asignación directa da cota láctea procedente do programa de abandono citado, supón acudir a aqueles productores da nosa comunidade autónoma que, reunido os requisitos esixidos na Orde APA/2776/2003 e por orde da puntuación obtida en función dos referidos requisitos, non puideron acceder á asignación desas cotas procedentes da reserva nacional ofertadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto facer público o procedemento de asignación directa de determinadas cantidades de cota láctea integradas na reserva nacional, e que proceden de cantidades liberadas dun plan de abandono indemnizado da producción de leite financiado con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia no ano 1994.

Artigo 2º.-Cantidades existentes e validez da asignación.

1. A cantidade existente para realiza-la asignación directa pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural é dun máximo de 3.345 tm.

2. As cantidades que se asignen ó abeiro da presente orde terán validez, para os efectos de liquidación da taxa suplementaria, para o período en curso 2003/2004.

Artigo 3º.-Solicitudes e tramitación.

1. As cantidades de cota integradas na reserva nacional obxecto desta orde, asignaranse ós productores de leite que, tendo presentada a súa solicitude

no marco da Orde APA/2776/2003, do 3 de outubro, pola que convoca a asignación directa de cotas lácteas integradas na reserva nacional para o período 2003/2004, cumpran os requisitos establecidos na dita orde, non obteñan no seu momento a asignación solicitada, e se ratifiquen na súa solicitude logo de comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural unha vez feita a preasignación, de acordo cos parágrafos 2 e 3 deste artigo.

2. Esta asignación directa rexerase polo disposto nos artigos 16 a 23 do Real decreto 347/2003 no relativo a requisitos, baremo de puntuación, procedemento de asignación, limitacións aplicables e renuncias.

3. Non obstante o anterior, con independencia da cota láctea do gandeiro, non se asignarán cantidades superiores a 20.000 quilos.

Artigo 4º.-Resolución.

A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria proporalle ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural as aprobacións das solicitudes para que se dicten as correspondentes resolucións, que notificará ós interesados no prazo de dous meses contados a partir do día da entrada en vigor desta orde. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desentimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. Contra as resolucións que, en aplicación desta orde, dicte o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderanse interpoñe-los recursos previstos no artigo 7º da presente orde.

Artigo 5º.-Falsidade de datos.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou na documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de acordo coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de todo tipo que se puidesen derivar, especialmente as derivadas do réxime da taxa suplementaria.

Artigo 6º.-Inspección e control.

1. A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

2. O productor deberá colaborar nas devanditas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Artigo 7º.-Recursos administrativos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde, esgotan

a vía administrativa e, contra ela, cabe interpoñe-los seguintes recursos:

1. Potestivamente, recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, se é expresa; ou de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2004.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural