DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 2004 Páx. 1.610

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 28 de xaneiro de 2004 pola que se outorga a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Friol para a nova localización do parque empresarial nas zonas da Baiuca e Monte da Gándara.

O Concello de Friol conta cunhas normas subsidiarias de ámbito municipal aprobadas definitivamente o 19 de setembro de 1990. O 14 de setembro de 1994 foron aprobadas modificacións puntuais das devanditas normas en zonas afectadas polo presente proxecto.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico da modificación puntual.

O obxecto da modificación proposta é posibilita-la implantación dun parque empresarial no monte da Gándara, cun cambio na localización proposta no planeamento vixente na zona da Baiuca, xustificado na necesidade de facilita-la comunicación rodada daquel coas estradas principais que atravesan o concello e que supón un cambio de clasificación e cualificación. Deste xeito, a zona do monte da Gándara, clasificada como solo urbano, zona verde e zona de uso residencial, pasa a te-la clasificación de solo urbanizable industrial e a zona da Baiuca, en que a clasificación de solo urbanizable industrial pasa á clasificación de solo urbano, zona verde.

O obxecto da modificación dá cumprimento ó artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións de planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido o 19 de febreiro de 2003, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

Por afectar a zonas verdes cualificadas no planeamento vixente, o proxecto foi sometido á Comisión Superior de Urbanismo que, na súa sesión do 18 de febreiro de 2003, emitiu informe favorable no que atinxía a elas.

O Pleno do Concello na súa sesión do 6 de febreiro de 2003 acordou a súa aprobación inicial, publicada en prensa os días 4 e 5 e 9 e 10 de abril de 2003 e no DOG nº 59, do 8 de abril, co resultado da fase de información pública que consta no expediente.

Constan no expediente informes favorables, no ámbito das súas competencias, do Servicio Provincial de Estradas de Lugo do 14 de abril de 2003, da Deputación Provincial de Lugo do 28 de abril de 2003 e da Consellería de Cultura do 31 de xullo de 2003. Así mesmo, consta o informe, no ámbito das súas competencias, da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais da Consellería de Medio Ambiente do 9 de xaneiro de 2004 en que se indica que a citada consellería procederá á tramitación da declaración da prevalencia do interese social do parque empresarial sobre o do monte veciñal, xa que non constan circunstancias que impidan a citada declaración.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para á aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ó conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e cos informes xurídico e técnico do Servicio Provincial de Urbanismo e Inspección Territorial de Lugo e a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal para a nova localización do parque empresarial nas zonas da Baiuca e monte da Gándara no concello de Friol.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publica-la normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP de Lugo.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2004.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda