DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 2004 Páx. 1.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de xaneiro de 2004 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Caixanova.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Caixanova, con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Caixanova foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día dezanove de decembro de dous mil tres, ante o notario José Piñeiro Prieto, con número de protocolo mil catrocentos vinteún, por Julio Fernández Gayoso que intervén en nome e representación da Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra-Caixanova.

3. O obxecto da fundación, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, é o impulso, xestión e desenvolvemento daquelas actuacións culturais, cívicas, didácticas e educativas, científicas, socio-económicas e demais análogas de interese xeral que, por iniciativa propia ou por proposta de outras institucións, fundacións ou organismos, considere necesarios ou convenientes para o desenvolvemento sociocultural e económico de Galicia.

4. O padroado da fundación estará integrado por Julio Fernández Gayoso como presidente, José Luis Pego Alonso como vicepresidente, e Guillermo Brea Vila como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico social a Fundación Caixanova, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e a súa adscrición á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de xaneiro de 2004.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da ante

rior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeneral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico social a Fundación Caixanova adscribíndoa á Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Aministración Pública que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA