DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Venres, 06 de febreiro de 2004 Páx. 1.609

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 28 de xaneiro de 2004 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, con domicilio no Porriño (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día sete de setembro de mil novecentos noventa e nove, ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto co número de protocolo tres mil catrocentos catro, por Joaquín del Moral Crespo, José Manuel Barros González e José Luis de la Hoz Arjones, interveñen o primeiro por razón do seu cargo en representación da Fundación para o Fomento de Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, o segundo por razón do seu cargo en representación do Concello do Porriño e o terceiro en representación da entidade Federación Gallega del Granito.

3. O obxecto da fundación é segundo establece o artigo 4 dos estatutos destinar e afecta-lo seu patrimonio á realización de fins xerais de interese galego, no ámbito sectorial e territorial ós que a súa denominación e fins se contraen.

En xeral son fins desta fundación o apoio ó sector graniteiro en Galicia mediante o desenvolvemento da investigación tenolóxica de procesos e productos e o seu control de calidade, co fin de fomenta-la actividade, mellorando o rendemento das explotacións situadas en Galicia, de mellora-la súa competitividade e promociona-la súa comercialización.

4. O padroado da fundación estará integrado polos membros que se especifican no artigo 9 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese industrial da Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das

fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de xaneiro de 2004.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese industrial a Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia, adscribíndoa á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2004.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública