DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Xoves, 05 de febreiro de 2004 Páx. 1.569

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 24/2004, do 29 de xaneiro, polo que se crea o Comité Científico Galego da Pesca.

A xestión eficaz dos recursos mariños vivos e a consecución dun desenvolvemento responsable e sustentable da pesca que contribúa a manter uns ecosistemas mariños saudables, esixe a constante adopción de medidas das que o contido técnico ten que ser suficientemente avaliado e que necesitan apoio científico sólido para garanti-lo seu acerto.

Así mesmo, a experiencia adquirida no funcionamento das distintas administracións puxo de manifesto a utilidade dos órganos especializados de consulta e asesoramento, dos que a súa actuación permitiu a aquelas levar a cabo iniciativas complexas polo seu carácter eminentemente técnico.

Enmárcase así este decreto na liña doutros organismos consultivos especializados, como é, a nivel europeo, o comité científico, técnico e económico da pesca da comisión europea que teñen por finalidade achegar e analiza-la información científica que permita adoptar medidas sobre os recursos pesqueiros.

Na liña exposta e para un desenvolvemento máis eficaz das funcións de ordenación da pesca, do marisqueo e da acuicultura que o ordenamento xurídico lle atribúe á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, resulta necesario crear un comité científico, integrado por investigadores especializados na materia e expertos de recoñecido prestixio que analicen cientificamente as medidas que hai que adoptar sobre os recursos pesqueiros de sorte que estas teñan un sólido e obxectivo fundamento técnico.

Como órgano científico independente, o Comité Científico Galego da Pesca servirá, así mesmo, de complemento necesario ó Consello Galego de Pesca, órgano consultivo da consellería nos asuntos de pesca, marisqueo e acuicultura, cara á súa función de proposta á consellería de regulamentacións que en materia pesqueira se consideren necesarias, regulamentacións que virán así apoiadas científica e obxectivamente.

Por todo iso, de acordo co disposto no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía de Galicia conforme o cal corresponde á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de organización das súas institucións de autogoberno, así como de acordo co artigo 27.15º que atribúe á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca nas rías e demais augas costeiras, o marisqueo e a acuicultura, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo de deliberación do Consello da

Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e adscrición.

Créase o Comité Científico Galego da Pesca como órgano colexiado de consulta e de asesoramento e dependente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 2º.-Funcións.

1. O Comité Científico Galego da Pesca terá como funcións asesorar científica e tecnicamente a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia naqueles asuntos relacionados coa xestión dos recursos naturais vivos das augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En particular correspóndelle ó Comité Científico Galego da Pesca:

-Elaborar un informe anual sobre o estado dos recursos obxecto de interese para a flota galega.

-Ser consultado, elaborar informes e dictames sobre o estado dos recursos obxecto da actividade pesqueira e sobre as medidas de conservación que hai que adoptar.

-Avaliar cientificamente as medidas de xestión dos recursos mariños que sexan sometidas á súa consideración.

-Asesorar cientificamente os órganos superiores e directivos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos naqueles asuntos que se lle propoñan.

-Asesorar sobre as áreas prioritarias de investigación mariña que deban acometerse en cada momento.

Artigo 3º.-Composición.

1. O Comité Científico Galego da Pesca estará composto polos seguintes membros:

a) Presidente, que será o director xeral competente en materia de investigación mariña.

b) Vicepresidente, do que o nomeamento recaerá nunha persoa de acreditada experiencia no ámbito da investigación mariña, de entre os vocais do comité.

c) Un máximo de 11 vocais designados entre:

-Persoal adscrito á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que preste servicios en unidades con competencia en materia de investigación pesqueira.

-Personal adscrito a centros ou organismos de investigación ou universidades que desenvolven a súa actividade no ámbito pesqueiro cos que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos teña formalizado o oportuno convenio de colaboración.

-Aqueles profesionais que sexan designados en atención á súa acreditada experiencia, especializa

ción e cualificación técnica, no terreo da investigación mariña.

d) Un secretario, con voz pero sen voto, que será un funcionario da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con nivel mínimo de xefe de servicio.

2. Así mesmo, poderán participar nas reunións do Comité Científico Galego da Pesca, expertos independentes, en función das materias que se vaian tratar, actuando con voz e sen voto.

Artigo 4º.-Funcionamento.

1. O Comité Científico Galego da Pesca será convocado polo seu presidente coa frecuencia necesaria para o cumprimento dos seus fins e, polo menos, dúas veces ó ano.

2. O Comité Científico Galego da Pesca actuará por instancia da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou a iniciativa propia, mediante a evacuación das consultas que se lle formulen e a emisión de dictames que non serán vinculantes.

3. Os dictames do Comité Científico Galego da Pesca fundamentaranse na mellor información científica dispoñible e adoptaranse por consenso dos seus membros.

4. No seo do Comité Científico Galego da Pesca poderán constituírse comisións ou grupos de traballo para a análise e estudio de temas concretos.

Artigo 5º.-Nomeamento.

1. Os membros do Comité Científico Galego da Pesca son nomeados polo conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta do titular da dirección xeral competente en materia de investigación mariña.

2. O vicepresidente do Comité Científico Galego da Pesca será nomeado, de entre e por proposta dos seus vocais, polo conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

3. A duración do nomeamento dos membros do Comité Científico Galego da Pesca será de dous anos, prorrogables por períodos de igual duración, de non mediar resolución en contra.

Artigo 6º.-Réxime de funcionamento.

O funcionamento do Comité Científico Galego da Pesca rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, podendo o dito órgano dotarse do seu propio regulamento de réxime interno.

Artigo 7º.-Indemnizacións.

Os membros do Comité Científico Galego da Pesca e aquelas persoas que sexan invitadas ocasionalmente para asistir ás súas reunións percibirán pola súa concorrencia efectiva a elas as indemnizacións que en concepto de axudas de custo, gastos de desprazamentos e asistencias prevé a normativa autonómica sobre indemnizacións por razón do servicio.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 427/1993, do 17 de decembro, polo que se regulan os órganos asesores

e consultivos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, na súa regulación do Comité Científico e Técnico da Pesca, o Marisqueo e Acuicultura e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a este decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento e execución.

Facúltase o titular da consellería competente en materia de pesca para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e execución do previsto neste decreto e, en especial, as normas de réxime interior que regulen o seu funcionamento.

Segunda.-Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL