DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 2004 Páx. 1.318

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 12 de xaneiro de 2004 pola que se dispón a publicación da modificación dos estatutos do Consorcio para la Promoción de la Música.

Visto o contido da modificación dos estatutos que rexerán o Consorcio para la Promoción de la Música, para adaptalos á normativa vixente de aplicación, observándose que a súa aprobación realizouse de conformidade co disposto nos artigos 149 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-A proposta de modificación dos estatutos foi aprobada pola Xunta de Goberno do Consorcio en sesión celebrada o 27 de xuño de 2003.

Segundo.-Con data 5 de agosto de 2003 a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe sobre a modificación estatutaria.

Terceiro.-Segundo certificación da secretaría do consorcio, a modificación dos estatutos foi exposta a información pública durante o prazo de 1 mes, mediante edicto publicado no BOP da Coruña (BOP nº 187, do 5 de agosto de 2003), sen que se producise ningunha reclamación ou alegación respecto deles.

Cuarto.-O presidente do consorcio, con data de entrada nesta consellería do 28 de novembro de 2003, remitiu certificación dos acordos do Concello da Coruña e da sociedade Amigos de la Ópera, que conforman o consorcio, de aprobación definitiva dos estatutos, así como unha copia certificada destes, para a súa íntegra publicación no DOG.

Por todo isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local

DISPÓN:

A publicación dos estatutos do Consorcio para la Promoción de la Música, de conformidade co establecido no artigo 151.2º en relación co 143.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO

Estatutos do Consorcio para la Promoción

de la Música

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O Concello da Coruña e Amigos de la Ópera, constitúen un consorcio para o cumprimento dos fins que se establecen nestes estatutos.

Poderá incorporarse a el aqueloutras entidades públicas ou privadas que así o acorden, mediante a adhesión a estes estatutos e o cumprimento das obrigas que deles se derivan e dos demais requisitos que se establecen.

Artigo 2º

O consorcio goza de personalidade xurídica propia para o cumprimento dos seus fins, con suxeición ás leis e ó disposto nestes estatutos, de conformidade cos artigos 87 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, 110 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido do réxime local e artigo 149 e seguintes da Lei 5/1997, do Parlamento de Galicia.

Artigo 3º

O consorcio que se constitúe non persegue fin de lucro, denominarase Consorcio para la Promoción de la Música, e terá a súa sede na Glorieta de América nº 3 da cidade da Coruña.

O disposto anteriormente non impedirá que os seus órganos colexiados de goberno poidan reunirse, cando así se especifique na convocatoria, en lugar distinto ó domicilio antes sinalado.

Artigo 4º

O consorcio levará a xestión directa da Orquestra Sinfónica de Galicia, e terá por obxecto:

a) Difundi-la música mediante actuacións da Orquestra Sinfónica de Galicia e a realización de gravacións e transmisións por radio, televisión ou outros medios técnicos de comunicación.

b) Promover toda clase de actividades musicais: sinfónicas, operísticas, corais, sinfónico-corais, camerísticas, recitais, etc., a través da colaboración con agrupacións, organismos e institucións nacionais ou estranxeiras.

c) Divulga-las actividades do consorcio mediante a venda de libros e revistas así como de discos, CD, DVD, vídeos e similares.

Capítulo II

Sección primeira

Dos órganos de goberno

Artigo 5º

Son órganos de goberno e administración do consorcio:

-A presidencia.

-A xunta de goberno.

-O xerente.

Artigo 6º

A presidencia estará integrada por un presidente, que será o alcalde do Concello da Coruña e un vicepresidente, designado polo presidente entre concelleiros do Concello da Coruña, quen substituirá o presidente e exercerá as funcións que este expresamente lle delegue.

b) Serán funcións do presidente.

1. Representar legalmente o consorcio.

2. Convocar e presidi-las sesións ordinarias e extraordinarias que celebre a xunta de goberno, podendo designar para asistir a elas, con voz e sen voto, a funcionarios ou outros expertos para asesoramento en materias específicas.

3. Exercer accións xudiciais e administrativas en caso de urxencia.

4. Dispoñer gastos conforme establezan as bases de execución do orzamento.

5. Presentarlle á xunta de goberno o proxecto de orzamento xeral formado pola xerencia.

6. Aproba-los expedientes de modificación do orzamento que non competan á xunta de goberno.

7. Aproba-la liquidación do orzamento.

8. A xefatura superior de todo o persoal do consorcio.

9. Tódalas non atribuídas expresamente a outros órganos.

Artigo 7º

A xunta de goberno estará constituída polo presidente, o vicepresidente, os vocais designados polos entes consorciados coa proporción establecida na disposición adicional primeira, e o xerente. O número mínimo dos membros da xunta será de cinco.

Artigo 8º

Correspóndenlle á xunta de goberno:

a) A aprobación do orzamento xeral e as modificacións de crédito e transferencias de crédito entre distintos grupos de función, salvo que afecten a créditos de persoal e as contas xerais.

b) A aprobación da relación de postos de traballo e das súas formas de provisión.

c) A aprobación dos plans e programas xerais de actuación de cada exercicio económico.

d) A admisión, se é o caso, de novos membros do consorcio.

e) A aprobación do Regulamento de réxime interior polo que ha de rexerse a orquestra e os de organización que puidesen dictarse.

f) O establecemento de prezos públicos.

g) O nomeamento e separación do xerente do consorcio.

h) A autorización e disposición de gastos dentro dos límites da súa competencia, nos termos das letras n) e o) do artigo 22 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

i) O exercicio de accións administrativas e xudiciais.

j) A concertación de operacións de crédito cunha contía acumulada, dentro de cada exercicio económico, que exceda do 10% dos recursos ordinarios

do orzamento e as operacións de tesourería no suposto previsto no artigo 22.2º m) da Lei 7/1985.

k) A aprobación da memoria anual.

l) Calquera outra de índole xeral e análogas ás anteriores que conforme a lexislación vixente lle corresponda.

A xunta de goberno poderá delegar no presidente, vicepresidente ou xerente as facultades sinaladas nas letras f) e h) deste artigo.

Artigo 9º

O xerente, órgano unipersoal de carácter executivo, será nomeado e separado pola xunta de goberno por proposta do presidente.

Artigo 10º

Son atribucións do xerente:

a) A execución dos acordos da xunta de goberno e do presidente.

b) Exerce-las funcións necesarias para realiza-los programas e actividades.

c) Asumi-la dirección administrativa do consorcio.

d) Exerce-la xefatura directa do persoal do organismo.

e) Autorizar e dispoñer gastos cando pola súa contía non correspondan á xunta de goberno ou a outro órgano.

f) Prepara-lo proxecto de orzamento anual.

g) Recoñece-las obrigas de gastos debidamente adquiridas e ordena-los pagamentos.

h) Exerce-la administración, xestión e recadación dos dereitos económicos do organismo.

i) Elabora-la memoria anual.

j) Aqueloutras facultades que expresamente lle delegue a xunta de goberno ou o presidente e o vicepresidente.

Artigo 11º

Un. Ós entes consorciados correspóndelles:

a) Aproba-la modificación dos estatutos.

b) O alleamento e gravame de bens inmobles e dereitos da propiedade do consorcio, a transacción sobre eles e a concesión de quitas e esperas.

c) O referendo da incorporación de novos entes ó consorcio.

d) A disolución do consorcio.

Dous. O exercicio das facultades anteriores someterase ás seguintes normas procedementais:

a) Aprobada pola xunta de goberno por proposta de modificación dos estatutos, elevarase ós entes consorciados para que resolvan no prazo de trinta días. Entenderase aprobada a proposta se obtivese o acordo favorable da maioría simple dos entes consorciados.

Unha vez adoptado acordo polos órganos consorciados, seguirase a tramitación que esixe a Lei 5/1997 ou norma en vigor no momento.

b) A adopción de acordos nos supostos do punto 1 b) deste artigo polos entes consorciados operará nos mesmos termos procedementais vistos no primeiro punto do parágrafo anterior.

c) O referendo á incorporación de novos membros ó consorcio requirirá o acordo favorable da maioría simple dos entes consorciados, expresado no prazo de trinta días. De non comunicarse no indicado prazo a decisión adoptada, entenderase favorable á incorporación.

d) Formulada proposta de disolución do consorcio por algún dos entes consorciados, deberá contar co informe da xunta de goberno no prazo dun mes, remitíndose ós entes consorciados para que adopten decisión no prazo de sesenta días. A disolución esixirá o acordo favorable da maioría dos entes consorciados.

Nos acordos que deban achega-los entes consorciados e para efectos de determina-la obtención das maiorías previstas neste artigo, tomarase como referencia a porcentaxe que a cada un corresponda para designar membros na xunta de goberno.

Sección segunda

Do persoal

Artigo 12º

Integrarán o cadro de persoal do consorcio:

a) Os funcionarios de carreira do consorcio.

b) Os funcionarios de carreira ou persoal laboral dos entes consorciados que, coa súa conformidade, sexan adscritos ó consorcio con carácter exclusivo.

c) O persoal que sexa contratado directamente polo consorcio.

Artigo 13º

O persoal contratado directamente polo consorcio rexerase polas normas de dereito laboral.

Artigo 14º

Os funcionarios de carreira dos entes consorciados poderán ser adscritos ó consorcio con carácter temporal en comisión de servicios sen perder por iso a súa situación de servicio activo naqueles.

Artigo 15º

As funcións de fe pública e asesoramento legal preceptivo, así como a función interventora, serán exercidas por funcionario ou funcionarios de habilitación nacional. Estas funcións exerceranse co alcance e extensión que determine a normativa de réxime local.

O nomeamento, cesamento e situación destes funcionarios rexerase polo establecido na lexislación en vigor.

Capítulo III

Réxime xurídico

Artigo 16º

A xunta de goberno reunirase en sesión ordinaria unha vez ó semestre, e con carácter extraordinario, cando sexa convocada polo presidente, por decisión propia ou por solicitude motivada da maioría simple dos seus membros.

Artigo 17º

Tódolos membros da xunta terán voz e voto nas reunións, debendo asistir para a súa válida constitución un tercio deles, incluído o presidente ou en quen este delegue e o secretario.

Artigo 18º

Os acordos da xunta de goberno adoptaranse por maioría simple dos membros presentes. No caso de empate realizarase unha segunda votación e se persistise este, decidirá o voto de calidade de quen teña a presidencia da sesión.

En todo o non previsto nestes estatutos en relación co funcionamento dos órganos do consorcio, aplicarase o disposto pola lexislación de réxime local, en especial as disposicións contidas no Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais e a regulamentación interna que para o efecto puidese ser aprobada pola xunta de goberno.

Artigo 19º

Contra os actos administrativos dos órganos do consorcio poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo, logo do de reposición, se é o caso, con suxeición ó disposto no ordenamento vixente.

Artigo 20º

Contra os actos non suxeitos ó dereito administrativo adoptados polos órganos do consorcio poderán os interesados exercer ante os tribunais da xurisdicción ordinaria as accións que correspondan de conformidade co disposto no ordenamento xurídico vixente.

Capítulo IV

Réxime económico

Artigo 21º

O consorcio formará para cada exercicio económico un orzamento xeral que comprenderá tódolos gastos e ingresos del.

Nutrirase cos ingresos que conforman a súa facenda, a teor do disposto no artigo seguinte, destinados a cumpri-las obrigas do consorcio establecidas nestes estatutos.

Artigo 22º

Figurarán como ingresos no orzamento ordinario:

a) A achega económica anual que con cargo ós seus orzamentos lle asignen os entes consorciados.

b) Subvencións ou achegas voluntarias doutras entidades públicas, privadas ou de particulares.

c) Os productos e rendas do seu patrimonio.

d) Os ingresos que produzan as actividades artísticas en calquera das modalidades descritas no artigo 4º destes estatutos.

e) Os préstamos e empréstitos.

f) Aqueloutros distintos dos anteriores, que puidesen corresponderlle.

Os ingresos obtidos por prezos públicos ou privados, transferencias e operacións de crédito regularanse pola lexislación que lles sexa aplicable.

Artigo 23º

O manexo e custodia dos fondos do consorcio, o cobro dos dereitos que se derivan das actividades propias deste e a confección e pagamento das nóminas do seu persoal corresponderá ó xerente.

Artigo 24º

Corresponderalle á xunta de goberno aproba-la conta xeral do consorcio.

Capítulo V

Disolución do consorcio

Artigo 25º

Corresponden ós entes consorciados resolver sobre a disolución do consorcio nos termos establecidos na Lei 5/1997, do Parlamento de Galicia, ou norma en vigor e no artigo 11.dous d) destes estatutos.

No caso de que un ente decida unilateralmente separarse do consorcio, deberá cumpri-lo especificado no artigo 143.3º da Lei 5/1997, do Parlamento de Galicia.

Producida a disolución procederase pola xunta de goberno á liquidación do activo e pasivo consorcial.

Satisfeitas tódalas obrigas pendentes cos entes consorciados e entidades públicas e privadas, así como cos particulares, o haber líquido repartirase entre ditos entes, en proporción directa ó porcentaxe de membros que lle corresponde designar para a xunta de goberno.

Artigo 26º

No non previsto nestes estatutos seguirase o disposto no ordenamento xurídico vixente aplicable á Administración local.

Disposición transitoria

Os profesores músicos integrantes do cadro de persoal actual da Orquestra de Cámara Municipal poderán incorporarse ó conxunto de carácter sinfónico Orquestra Sinfónica de Galicia, xestionado polo consorcio, logo da superación da proba selectiva correspondente, prevista no Regulamento de réxime interior da referida orquestra.

Disposición adicional

En tanto en canto non se incorporen novos membros ó Consorcio para la Promoción de la Música, o Concello da Coruña terá dereito a designar como mínimo o 80% dos membros da xunta de goberno.

A porcentaxe de membros da xunta de goberno que lle corresponde designar a Amigos de la Ópera será como máximo do 20%.

No caso de incorporación ó consorcio doutros entes ou asociacións sen ánimo de lucro, no acordo correspondente farase consta-lo porcentaxe de membros da xunta de goberno que lle corresponderá designar ó novo ente consorciado e procederase a reasigna-la porcentaxe que corresponderá a partir desa data ós que xa formasen parte do consorcio.

En todo caso, o Concello da Coruña terá dereito a designar, como mínimo, o 51% dos membros da xunta de goberno.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.