DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Xoves, 29 de xaneiro de 2004 Páx. 1.263

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 19 de xaneiro de 2004 polo que se aproban os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Coa Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, transferíronse á Comunidade Autónoma de Galicia as competencias en materia de espectáculos públicos. Estas competencias son asignadas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro.

Por Orde do 28 de xullo de 2000, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, determínanse os horarios de apertura e peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, modifícase a estructura orgánica da Xunta de Galicia. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pasa a denominarse Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Téndose realizado consultas entre os distintos axentes sociais e tras escoitar a tódolos sectores implicados na reunión celebrada o pasado 21 de novembro, reunión na que se aceptou por unanimidade a fixación dos horarios propostos por este departamento,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Fixación de horarios.

Os espectáculos e festas rematarán e os establecementos públicos poderán exerce-la súa actividade, como máximo, ata as horas sinaladas a seguir:

Cinematógrafos: 2.00 h.

Teatros: 2.00 h.

Circos: 1.00 h.

Salas de birlos: 1.00 h.

Espectáculos ó aire libre: 2.00 h.

Verbenas e festas populares: 3.30 h.

Restaurantes: 2.30 h.

Cafés e bares: 2.30 h.

Cafeterías e hamburgueserías: 3.00 h.

Tabernas: 1.30 h.

Salas de festa e discotecas de xuventude: 23.00 h.

Bares especiais e pubs: 4.00 h.

Discotecas, salas de festas e salóns de baile: 5.30 h.

Cafés teatro, cafés concerto e cafés cantante: 5.00 h.

Tablaos flamencos: 5.30 h.

Salóns recreativos (máquinas A): 00.00 h.

Salóns de xogo (máquinas A especial e/ou B): 2.00 h.

Casinos: 4.00 h.

Salas de Internet: 2.00 h.

Salas de bingo: 4.00 h.

Artigo 2º.-Ampliación do horario máximo.

As noites que van de xoves a venres, de venres a sábado e de sábado a domingo así como as noites anteriores ós festivos, estes horarios ampliaranse media hora. (Para salóns recreativos e de xogo esta ampliación será dunha hora).

Artigo 3º.-Horario de apertura.

Os bares especiais, pubs, discotecas, salas de festa, salóns de baile, cafés teatro, cafés cantante, cafés concerto e tablaos flamencos non poderán ser abertos antes das 10.00 horas da mañá.

Os demais espectáculos, festas e establecementos públicos non poderán comeza-las súas actividades antes das 6.00 horas da mañá e, entre o peche e a apertura, debe transcorrer como mínimo un período de 2 horas.

Os bares interiores dos hoteis poden atrasa-la súa hora de peche ata unha hora máis para atender exclusivamente os clientes hospedados.

Artigo 4º.-Tempo de desaloxo.

A partir da hora límite de peche establecida nos artigos 1º e 2º non se permitirá o acceso ós establecementos a ningún cliente, non se servirá ningunha consumición e deixará de funciona-la música ambiental, é dicir, finalizarán tódalas actividades que se están desenvolvendo e acenderanse tódalas luces para facilita-lo desaloxo dos establecementos ou recintos, que deberán quedar baleiros de público no prazo máximo de trinta minutos.

Artigo 5º.-Competencia dos delegados para horarios especiais.

1. Os delegados provinciais poderán conceder ampliación dunha hora sobre os horarios límite de peche establecidos nos artigos 1º e 2º, nos seguintes supostos:

a) Festas locais, patronais, do Nadal e verbenas populares.

b) Nas localidades turísticas, durante o período da maior afluencia, sempre e cando non se altere a normal convivencia da poboación.

c) Cando o requira a duración do espectáculo.

d) Cando se trata de locais destinados ó servicio de viaxeiros.

2. As modificacións de horarios concedidas polos delegados provinciais requirirán o informe previo do concello onde se encontre o local afectado, ou lugar onde se celebre a festa ou verbena, que se deberá emitir nun prazo máximo de 15 días. No caso de non emitirse o informe requirido, o delegado provincial decidirá tendo en conta as circunstancias concorrentes.

3. Estas modificacións deberán facerse mediante resolución motivada.

4. Revogación da autorización. O mal uso da autorización de ampliación concedida, o cambio de circunstancias, as molestias debidamente comprobadas ós veciños ou a producción de desordes no contorno poderán motiva-la revogación da autorización, logo de audiencia do interesado.

Este horario regulará tódolos espectáculos, as festas e as actividades recreativas realizadas en establecementos públicos e ó aire libre da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6.-Infraccións e sancións.

Para as infraccións do disposto nesta orde serán de aplicación as sancións previstas na Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, sobre protección da seguridade cidadá.

Disposición transitoria

As infraccións cometidas con anterioridade á entrada en vigor desta orde rexeranse pola normativa vixente no momento da súa comisión.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde desta consellería do 28 de xullo de 2000 pola que se determinan os horarios de peche de espectáculos e establecementos públicos na comunidade autónoma.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2004.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local