DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Mércores, 28 de xaneiro de 2004 Páx. 1.222

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 16/2004, do 15 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Desde a súa creación, e especialmente trala asunción das competencias na materia de medios materiais da Administración de xustiza (infraestructuras de edificios sedes de órganos xudiciais) e colabo

ración coa Administración local (casas do concello), esta Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local vén incrementando tanto a contratación de obras como a execución de obras polos seus propios servicios, tanto polo que se refire a obras de nova creación como ás propias do mantemento das xa existentes. Estas actuacións non soamente crecen cuantitativamente, senón tamén en complexidade técnica e, xa que logo, en responsabilidade.

Para o axeitado cumprimento destas funcións faise necesario contar cunha unidade administrativa de carácter técnico con nivel orgánico de servicio que asuma ademais as tarefas de supervisión de proxectos expresamente esixidas pola vixente Lei de contratos das administracións públicas. Esta unidade denominaríase Servicio de Obras e Proxectos, integrándose na Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario da Secretaría Xeral. Nesta subdirección o existente Servicio de Contratación e Obras troca a súa denominación pola de Servicio de Contratación.

Na vixente estructura incluíuse entre as funcións do Servicio Técnico Xurídico a de executa-las directrices da Secretaría Xeral na materia de colexios profesionais, pero, para unha maior seguridade xurídica, cómpre facer referencia expresa na estructura orgánica á competencia que se lle atribúe á Secretaría Xeral, así como adapta-las referencias a concretos órganos que se efectúan no Decreto 161/1997, polo que se regulan os Consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus consellos, e a Orde do 18 de marzo de 1998 pola que se regula o Rexistro de Colexios Profesionais e de Consellos Galegos de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, modifícase o Decreto 226/2003, do 11 de abril (DOG nº 81, do 28 de abril), polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local no xeito que se indica no articulado.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, co informe favorable das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Engádese un novo parágrafo no artigo 4º (atribucións da Secretaría Xeral) do teor seguinte:

«Así mesmo exercerá as competencias que lle corresponden á Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local na materia de colexios profesionais».

Artigo 2º

Modifícase a denominación do Servicio de Contratación e Obras (artigo 5.1º.2), que pasa a denominarse Servicio de Contratación.

Artigo 3º

Créase, baixo a dependencia orgánica e funcional da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario da Secretaría Xeral, o Servicio de Obras e Proxectos, engadindo no artigo 5º un parágrafo 1.3. que queda redactado como segue:

«1.3. Servicio de Obras e Proxectos.

Correspóndenlle as funcións de supervisión, coordinación técnica e inspección dos proxectos de obras da consellería e da execución material destes, tanto no caso de levarse a cabo por adxudicación como no de execución pola propia Administración, así como funcións de inspección técnica relativas ó funcionamento das infraestructuras existentes. Para ese efecto, formulará os informes de carácter técnico que por razón da súa competencia lle sexan requiridos pola secretaría xeral, propoñendo, se é o caso, as medidas correctoras que procedan».

Disposición adicional

As referencias contidas no Decreto 161/1997, polo que se regulan os consellos galegos de colexios profesionais e se crea o Rexistro de Colexios Profesionais e os seus Consellos, e na Orde do 18 de marzo de 1998 pola que se regula o Rexistro de Colexios Profesionais e de Consellos Galegos de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local deben entenderse efectuadas á Secretaría Xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xaneiro de dous mil catro

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA