DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Mércores, 28 de xaneiro de 2004 Páx. 1.222

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 15/2004, do 15 de xaneiro, polo que se modifica o artigo 14.1º do Regulamento de máquinas recreativas e de azar, aprobado polo Decreto 106/1998, do 12 de febreiro.

A introducción das máquinas de xogo tipo «A especial» pola disposición adicional décimo cuarta da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, supuxo un notorio avance na regulación xeral das máquinas recreativas e de azar.

Sen embargo, a novidade lexislativa débese desenvolver normativamente, o que se levou a cabo nun primeiro momento pola Orde do 31 de xaneiro de 2003, pola que se establece o procedemento de homologación dos modelos das máquinas de xogo «A especial».

Pero esta regulación amósase claramente insuficiente na súa aplicación práctica, ó haber unha clara lagoa legal no referente ás constitucións das fianzas que prevé o artigo 14 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar, aprobado polo Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, para outros tipos de máquinas, pero que non prevía, como era lóxico, as fianzas para o novo tipo de máquina introducido pola devandita Lei 3/2002.

Cómpre, en consecuencia, adapta-la normativa en vigor e enche-la lagoa coa previsión das contías das fianzas para este tipo de máquinas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, de acordo coa Comisión do Xogo de Galicia, e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

O número 1, do artigo 14 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar, aprobado polo Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, queda redactado do seguinte xeito:

«Para obte-la autorización e inscrición como empresa fabricante, importadora ou distribuidora de máquinas recreativas e de azar ou de elementos directamente relacionados con elas, as empresas deberán constituír previamente fianza, que, en ningún caso será inferior ó 25% do capital social, polos seguintes importes:

-Fabricante, importadora e distribuidora de máquinas tipo «A»: 18.030,36 euros.

-Fabricante, importadora e distribuidora de máquinas tipo «A especial»: 24.000 euros

-Fabricante, importadora e distribuidora de máquinas tipo «B» ou «C»: 30.050,60 euros».

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local