O Decreto 244/2003, do 24 de abril, regulou o proceso de homologación sanitaria de receitas oficiais de prestación farmacéutica e complementaria no ámbito do Servicio Galego de Saúde.
A principal finalidade desta norma foi homoxeneiza-la práctica do visado de receitas respecto dos medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde e garantir, así mesmo, que as prescricións médicas se efectuasen de conformidade coas súas indicacións terapéuticas.
O artigo 2º, no seu punto primeiro establecía o seguinte: «Requiren homologación sanitaria de receitas, todos aqueles medicamentos, productos sanitarios e dietoterápicos complexos que o Ministerio de Sanidade e Consumo determine que precisen visado previo á súa dispensación polas oficinas de farmacia, así como aqueles que, debido ás súas características especiais de utilización, sexan determinados polo Servicio Galego de Saúde, a través da División de Farmacia e Productos Sanitarios.
Non obstante, este punto podería vulnera-la orde constitucional de distribución de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, establecida no artigo 149.1º.16 da Constitución española así como o artigo 22.1º da Lei 25/1990, do 20 de decembro, do medicamento -modificado pola Lei 50/1998, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social- segundo o cal lle queda encomendada ó Ministerio de Sanidade e Consumo a competencia para suxeitar a reservas sin
gulares a autorización das especialidades farmacéuticas que así o requiran así como as condicións xerais de prescrición e dispensación.
Igualmente, entre outra normativa básica na que incide o punto en cuestión, atópase o artigo 93 da mesma lei que, no seu punto 1º, establece o recoñecemento de todos a obteren medicamentos en condicións de igualdade en todo o territorio nacional dentro do Sistema Nacional de Saúde, sen prexuízo das medidas tendentes a racionaliza-la utilización de medicamentos que poidan adopta-las Comunidades Autónomas no exercicio das súas competencias.
Como consecuencia de todo o exposto o Ministerio de Sanidade e Consumo efectuou ante a Consellería de Sanidade un requirimento previo á interposición do recurso contencioso-administrativo, de conformidade co establecido no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa, no que solicitaba a supresión do devandito precepto.
Así pois, mediante resolución do conselleiro de Sanidade do 17 de xuño de 2003, acordouse suspende-la execución inmediata do punto primeiro, do artigo 2 e consecuentemente realiza-los trámites oportunos para a modificación deste punto.
Así mesmo, cómpre modifica-lo artigo 7, punto quinto do devandito decreto no que se establecía a competencia da Dirección Xeral da División de Farmacia e Productos Sanitarios para a revisión, por instancia do médico prescritor, da denegación de homologa-las receitas rexeitadas.
Neste sentido, cabe indicar que, tendo en conta as funcións que, en materia de coordinación e información sanitarias ten a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, segundo o artigo 4 do Decreto 45/2002, do 8 de febreiro, polo que se regula a estructura orgánica do Servicio Galego de Saúde, é máis axeitado levar a cabo a modificación do devandito punto, concedéndolle ó secretario xeral esta atribución.
Polo anterior, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro -modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente- e das competencias establecidas no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co dictame do Consello Consultivo número 848/2003, do 22 de decembro de 2003 e, logo da deliberación polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xaneiro de dous mil catro,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Modifícase a redacción do artigo 2, punto primeiro, do Decreto 244/2003, do 24 de abril, de homolo
gación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica, que queda redactado do seguinte xeito:
«1. Requiren homologación sanitaria de receitas, todos aqueles medicamentos, productos sanitarios e dietoterápicos complexos que o Ministerio de Sanidade e Consumo determine que precisen visado previo á súa dispensación polas oficinas de farmacia».
Artigo 2º
Modifícase a redacción do artigo 7, punto quinto, do Decreto 244/2003, do 24 de abril, de homologación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica, que queda redactado do seguinte xeito:
«5. Cando as receitas sexan rexeitadas no proceso de homologación, o facultativo farmacéutico notificaralle o resultado por escrito ó médico prescritor, que poderá solicitar, tamén por escrito, a revisión da decisión ante o secretario xeral da Consellería de Sanidade que, logo dos informes do director xeral da División de Farmacia e Productos Sanitarios e do subdirector xeral de Inspección Sanitaria, resolverá nun prazo máximo de quince días».
Disposición derradeira
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, quince de xaneiro de dous mil catro.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Mª Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade