DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Xoves, 22 de xaneiro de 2004 Páx. 987

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2004 sobre medidas para a prevención de incendios forestais durante o ano 2004.

De acordo co disposto na Lei 81/1968, do 6 de decembro, sobre incendios forestais, no seu vixente regulamento aprobado polo Decreto 3769/1972, do 23 de decembro, e no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma as competencias en materia de conservación da natureza, e co obxecto de previ-la aparición e propagación de incendios nos montes galegos, esta dirección xeral establece as seguintes normas:

1. Ámbito de aplicación.

As disposicións ás que se refire esta resolución serán de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Prohibicións de carácter xeral.

-Botar mistos prendidos ou puntas de cigarros sen apagar en terreos con risco de incendio forestal.

-Botar lixo, restos industriais ou de calquera clase que supoñan perigo de incendio forestal.

-Lanzar foguetes, globos ou calquera outro artefacto que poida producir ou conter lume, salvo en festas locais e coas debidas precaucións e autorización municipal.

3. Época de máximo perigo.

Declárase época de máximo perigo de incendios a comprendida entre o 15 de xullo e o 30 de setembro deste ano.

Poderá considerarse igualmente época de máximo perigo, aqueloutros períodos do ano no que as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

4. Prohibicións en época de máximo perigo.

-Prender lume ó aire libre en toda clase de terreos forestais ou agrícolas, incluídos os traballos en que se utilice o lume.

-Facer fogueiras por parte de excursionistas ou grupos de acampadas fóra das zonas habilitadas para tal fin. O resto do ano os excursionistas ou grupos de acampadas que teñan que facer fogueiras elixirán os lugares sen risco de propagación do lume ó monte, preferentemente as zonas habilitadas para tal fin, adoptando as máximas precaucións e realizando sempre a fogueira no centro dun círculo, rodeándoa polo menos de 5 metros de raio, espido de vexetación, e asegurando a total extinción do lume antes de abandona-lo lugar.

5. Comunicacións e autorizacións de queima.

5.1. Fóra da época de máximo perigo, para a realización de traballos en terreos agrícolas e forestais en que sexa imprescindible facer uso do lume, será obrigatorio respectivamente dispoñer da correspondente:

* Comunicación. Para a queima de residuos agrícolas amoreados, que se presentará cunha antelación mínima de 1 día.

* Autorización. Para

a) Queimas de residuos forestais amoreados ou non.

b) Queimas controladas (matos, pasteiros, cercados, etc.).

c) Calquera outro tipo de queima, excepto as incluídas no epígrafe anterior.

Presentaranse cunha antelación mínima de 2 días.

5.2. As comunicacións de queima presentaranse, cunha antelación prefixada, nas oficinas provinciais do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, nas oficinas dos distritos forestais ou nos lugares que se habiliten para tal efecto.

5.3. As autorizacións de queima solicitaranse, coa antelación prefixada, nas oficinas provinciais do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, nas oficinas dos distritos forestais ou nos lugares que se

habiliten para tal efecto. Estas autorizacións serán outorgadas, se procede, polo persoal correspondente do Servicio de Defensa Contra Incendios Forestais (SDCIF), ou ben dos distritos forestais, establecéndose nelas o día ou días en que se autoriza a realización da queima.

5.4. Toda queima que se realice, tanto agrícola como forestal, deberá aterse ás seguintes prescricións:

a) A queima non se iniciará antes de saí-lo sol e quedará totalmente extinguida 2 horas antes do momento da súa posta.

b) Previamente ó seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos 5 m de largo, rodeando o perímetro que se vai queimar.

c) Non poderá iniciarse ningunha queima cando as condicións meteorolóxicas poidan dificulta-lo seu control, especialmente nos días de vento e se, iniciados os traballos se producise a aparición deste, suspenderase inmediatamente a operación procedendo a apaga-lo lume.

d) Non se abandonará a vixilancia da zona queimada, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen 2 horas sen que se observen lapas ou brasas.

e) En toda queima autorizada deberase contar co persoal e co material suficiente para o seu debido control.

O SDCIF poderá suspender temporalmente as comunicacións e autorizacións de queima, se as condicións meteorolóxicas así o aconsellan. Así mesmo, o persoal do SDCIF ou dos distritos forestais poderá suspende-la realización de calquera queima ou prescribir calquera outra disposición de seguridade que estime, a teor das circunstancias do momento.

6. Medidas preventivas de carácter xeral.

Segundo o establecido no artigo 3 e) da Lei 81/1968, de incendios forestais, os interesados deberán tomar con carácter xeral, tal e como se recolle no seu posterior desenvolvemento regulamentario, as seguintes normas de seguridade:

-Manter limpos de residuos ou desperdicios e libres de obstáculos os camiños, pistas ou devasas das explotacións forestais.

-Establecer unha faixa de seguridade de 15 m de largo mínimo, no perímetro de vivendas, edificacións e instalacións de carácter industrial, en zona forestal.

-Manter limpos de residuos e vexetación seca os foxos e zonas de servidume de camiños, estradas, vías férreas e liñas eléctricas.

7. Obriga de aviso e colaboración.

7.1. Toda persoa que advirta a existencia ou iniciación dun incendio forestal estará obrigada a avisar polo medio máis rápido posible, ó Servicio de Defen

sa contra Incendios Forestais (teléfono 085, gratuíto), ou ó servicio de emerxencias 112, ou ó alcalde ou axente da autoridade máis próximo, e, se é o caso, colaborar, dentro das súas posibilidades, na extinción do incendio.

As oficinas telefónicas, telegráficas ou radiotelegráficas transmiten con carácter urxente e gratuíto os avisos de incendios forestais que reciben, sen máis requisito que a previa identificación de quen os facilita, segundo o establecido no artigo 10 da Lei de incendios forestais.

7.2. Serán denunciadas e sancionadas, se procede, as persoas que sen causa xustificada, se neguen ou se resistan a presta-la súa colaboración ou o seu auxilio á autoridade ou ós seus axentes para a extinción dun incendio despois de seren requiridos para iso, segundo o establecido no artigo 12.2º da Lei de incendios forestais.

8. Traballos de extinción.

8.1. Se con motivo dos traballos de extinción de incendios forestais fose necesario, a xuízo da autoridade que os dirixa, entrar en predios forestais ou agrícolas, así como utiliza-los camiños existentes e realiza-los traballos axeitados, mesmo abrir devasas de urxencia ou anticipa-la queima de determinadas zonas, que, dentro dunha normal previsión, se considere que van ser consumidas polo lume, aplicando unha devasa, poderá facerse incluso no caso de non poder contar coa autorización dos propietarios respectivos. Nestes casos, informarase o antes posible a autoridade xudicial para os efectos que procedan, segundo o establecido no artigo 4.1º da Lei de incendios forestais.

8.2. As autoridades poderán tamén utiliza-las augas públicas ou privadas, aínda que se opoña o seu propietario, na cantidade que se precise para a extinción do incendio, e igualmente poderán utilizar redes de comunicación con carácter prioritario, segundo o establecido no artigo 14.2º da Lei de incendios forestais.

9. Cumprimento da resolución.

9.1. Os axentes forestais dos servicios da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais quedan facultados para controla-lo cumprimento desta resolución, así como para denunciar calquera transgresión dela; queda así mesmo facultado para isto, o persoal pertencente ó SDCIF e ós distritos forestais.

9.2. Calquera transgresión desta resolución será sancionada coas multas establecidas na lexislación vixente, sen prexuízo da responsabilidade penal en que poida incorre-lo infractor ou os infractores.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2004.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Industrias Forestais