DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Xoves, 22 de xaneiro de 2004 Páx. 987

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 16 de xaneiro de 2004 sobre delegación de competencias nos delegados territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, para autorización de inmersións de especies mariñas nas augas de Galicia.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia no seu artigo 22 indica que a Xunta de Galicia establecerá as normas para o exercicio da actividade encamiñadas á explotación dos recursos mariños nas súas distintas modalidades, facendo mención nun dos puntos ó permiso e ós requisitos para a inmersión en augas competencia da Comunidade Autónoma galega de semente, xuvenís ou adultos para calquera fin.

Dado que a competencia para control do funcionamento dos establecementos de cultivos mariños exércea a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de acordo coa súa potestade para outorga-los títulos administrativos habilitantes e establece-las condicións técnicas dos establecementos de acuicultura, é a dita consellería a competente para exerce-lo control da inmersión de especies.

Co fin de axiliza-la tramitación burocrática e dar solución ós problemas que presenta a concentración de competencias da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos no seu titular, é conveniente delegar nos delegados territoriais a competencia para resolve-los expedientes de inmersión de especies mariñas nas augas de Galicia.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38º, 43.3º e 44º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, do disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admi

nistracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Delégase nos delegados territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a resolución dos expedientes en materia de inmersión de especies mariñas nas augas de Galicia.

2. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde, farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

3. O conselleiro poderá, en calquera momento, revogar ou avoga-lo exercicio da competencia delegada pola presente orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto nesta presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos