DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Xoves, 22 de xaneiro de 2004 Páx. 986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 16 de xaneiro de 2004 pola que se declara de interese benéfico-social a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data de 16 de xaneiro de 2004 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 8 de xaneiro de 2004 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, ascribíndoa á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 20 de novembro de 2003, ante o notario Álvaro Moure Goyanes, co número tres mil cincocentos setenta e catro do seu protocolo, pola Xunta de Galicia.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 5 dos seus estatutos non establece límite xeográfico ningún para a súa actuación, se ben desenvolverá principalmente as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia e ten por obxecto destinar e afectar un patrimonio á realización, sen ánimo de lucro, de fins de interese xeral. En xeral, son fins desta fundación promove-la artesanía de Galicia en tódalas súas vertentes e potencia-lo desenvolvemento económico do colectivo artesanal, mellorando a calidade técnica e artística dos productos artesanais de Galicia e contribuíndo a garanti-la pervivencia futura do sector.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto

sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2004.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio