DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Xoves, 22 de xaneiro de 2004 Páx. 983

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2004, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se establecen os criterios que rexerán na Comunidade Autónoma para o outorgamento de autorizacións de alugamento de vehículos con conductor ó amparo da disposición adicional segunda da orde ministerial do 30 de xullo de 1998.

O artigo 14.2º da orde ministerial do 30 de xullo de 1998, pola que se regula o arrendamento de vehículos con conductor, establece a posibilidade de

aprobación pola Administración de transportes dun plan ou programa no que se establezan limitacións ó outorgamento de autorización de arrendamento ou criterios relativos á prestación da actividade e da súa distribución territorial.

Neste sentido na Comunidade Autónoma de Galicia rexe a Resolución do 10 de novembro de 1998, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se suspendeu o outorgamento de novas autorizacións de arrendamento coa excepción das localidades de máis de 50.000 habitantes que non contasen con esta clase de autorización, establecéndose o dito réxime de maneira transitoria ata que se concretasen os criterios que deberían condiciona-lo outorgamento das novas autorizacións.

A experiencia adquirida nos anos transcorridos desde a publicación da orde ministerial do 30 de xullo de 1998 e a resolución da Dirección Xeral de Transportes, do 10 de novembro de 1998, permiten a esta Administración establecer uns criterios obxectivos de outorgamento das autorizacións que coadxuvarán ó mantemento de equilibrio entre oferta e demanda desta clase de servicios, dando así cumprimento ó mandato recollido no artigo 14 da orde ministerial e á xenérica obriga establecida no artigo 7 g) da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, de adopción das medidas necesarias para asegura-lo correcto funcionamento do sistema de transportes terrestres.

Por iso, tendo en conta que os servicios de arrendamento de vehículos con conductor normalmente se prestarán nas cidades e zonas de influencia con poboación de suficiente entidade como para xerar unha actividade económica ou de turismo que atraia unha clase de usuarios dos vehículos de luxo ou alto nivel ás que se adscriben as autorizacións de arrendamento, débese en primeira instancia delimitar xeograficamente as zonas onde se aplicarán os criterios de adxudicación recollidos nesta resolución.

Neste sentido, resulta de clara axuda para o antedito obxectivo o estudio que nestes momentos está a realiza-la Dirección Xeral de Transportes para o deseño e a implantación dun plan de coordinación do transporte urbano e interurbano nas sete principais aglomeracións urbanas de Galicia.

En segundo termo, debe concretarse o número de vehículos autorizados en función do obxectivo xa comentado de conseguir unha ordenación harmónica do sector, equilibrando oferta e demanda e ponderando ademais a existencia doutra clase de transporte sometida a un réxime xurídico diferente, pero que presenta puntos de contacto, como é o transporte en vehículos taxi.

Así, tanto na orde ministerial do 30 de xullo de 1998 como na resolución da Dirección Xeral de Transportes, do 10 de novembro de 1998, ou incluso

en resolucións anteriores no tempo da Dirección Xeral de Transportes que estableceron o sistema de módulos para o outorgamento de autorizacións VT (vehículos taxi), fixouse como criterio de distribución das diferentes autorizacións os censos poboacionais, criterio que esta dirección xeral considera como adecuado, por ser sumamente obxectivo, para o outorgamento das autorizacións de arrendamento de vehículos con conductor.

Respecto á determinación do nº de habitantes que se debe considerar para os efectos mencionados, a experiencia acumulada nestes últimos anos e, en concreto, na zona de Santiago de Compostela, onde funcionan dúas empresas destas características, aconsellan partir desta realidade e buscar un módulo ou ratio común para as áreas de implantación destes servicios, determinando así mesmo coeficientes multiplicadores para adecua-lo ratio ás características diferenciais que poidan xustificar unha demanda superior á que correspondería á mera proporcionalidade poboacional.

Esta cifra habilitará a posibilidade de obte-las autorizacións cun límite, sen embargo, de 5 vehículos por empresa, de tal xeito que o impacto na ordenación do sector sexa moderado.

Non obstante, aquelas empresas radicadas nalgunha das zonas mencionadas que desexasen aumenta-la súa flota de 5 vehículos, deberán xustifica-lo pretendido aumento nun estudio económico que valorará a Dirección Xeral de Transportes e tendo en conta que será imprescindible que a ratio estivese sen cubrir na zona de referencia, aínda que se terán en conta para os únicos efectos de aumento de flota, as fraccións de 30.000 habitantes como mínimo por cada vehículo engadido á flota inicial de 5 vehículos.

Noutra orde de cousas, procede implantar un período de transición no que se imporía unha cláusula de salvagarda para evitar cambios bruscos na estructura da oferta destes servicios, tendo en conta ademais que no municipio de Vigo opera unha importante flota de vehículos con licencia de parada en garaxe, que poden incidir no equilibrio do sector, polo que a situación mencionada merece ser obxecto de matización no plano que aquí se regula.

De acordo coas anteriores consideracións, en desenvolvemento do establecido na Lei e Regulamento de ordenación do transporte terrestre e na orde ministerial do 30 de xullo de 1998,

DISPOÑO:

1. O outorgamento de autorizacións de alugamento de vehículos con conductor rexeranse polo disposto na orde ministerial do 30 de xullo de 1998 e, no que atinxe á valoración do equilibrio entre oferta e demanda, dentro do límite xenérico nela establecida para o conxunto da Comunidade Autónoma, ás regras establecidas na presente resolución.

2.1. As autorizacións ás que se refire a presente resolución só se poderán residenciar nalgunha das 7 áreas metropolitanas da comunidade.

2.2. Para estes efectos, e sen prexuízo de que esta dirección xeral engada algún concello, cando quede plenamente xustificada a súa incorporación, as precitadas áreas estarán integradas por:

1) Municipios de Santiago de Compostela, Ames, Boqueixón, Brión, Val do Dubra, Vedra, Teo e Oroso.

2) Municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Bergondo.

3) Municipios de Ferrol, Fene, Narón e Neda.

4) Municipios de Lugo, Castroverde, O Corgo e Outeiro de Rei.

5) Municipios de Ourense, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas.

6) Municipios de Pontevedra, Marín, Poio e Vilaboa.

7) Municipios de Vigo, Mos, Nigrán, O Porriño e Redondela.

3. A domiciliación nun municipio dunha área determinada supón a consideración da autorización como pertencente á área metropolitana. Dentro desta, o cambio de domicilio unicamente estará condicionado á obtención da licencia municipal de apertura de local e á notificación previa á Administración de transporte para a súa preceptiva autorización polo Servicio Provincial de Transportes competente.

4. A ratio que se establece para a determinación da oferta dentro das áreas determinadas no número 2.2 é de 1 empresa por cada 85.000 habitantes de dereito e autorizacións adicionais para agregar a algunha das empresas, a razón dun vehículo cada fracción completa de 30.000 habitantes de dereito, suposto no que será imprescindible que a empresa de aluguer teña como mínimo por cada vehículo da flota inicialmente autorizada un conductor dado de alta na Seguridade Social a tempo completo e con dedicación exclusiva á empresa de aluguer, debendo contratar e dar de alta na Seguridade Social nas mesmas condicións de permanencia e exclusividade a un conductor por cada nova autorización, ademais da xustificación documental da necesidade do aumento da flota por razóns comerciais e de rendibilidade.

Os vehículos que se engadan á flota inicial deberán reuni-los seguintes requisitos:

-Cilindrada mínima: 2.199 cc.

-Lonxitude mínima: 4,60 m.

-Altura máxima: 1,70 m.

-Capacidade maleteiro mínima: 400 litros.

-Climatizador.

-Teléfono á disposición do usuario.

A solicitude inicial deberá, en todo caso, referirse a cinco vehículos por empresa.

5.1. Co obxecto de adecua-la ratio á demanda real xerada, aplicaranse os seguintes coeficientes multiplicadores ó número de habitantes:

a) Sede do Goberno autonómico1,10

b) Parlamento1,10

c) Aeroporto1,05

d) Universidade1,05

e) Porto interese xeral1,05

f) Grandes empresas contratantes1,10

g) Delegacións gobernamentais1,05

5.2. Non obstante o previsto no punto anterior, durante os 4 primeiros anos contados a partir da presente resolución, non se autorizará a implantación de empresas ou vehículos autorizados que incrementen en máis do 100% as que na actualidade estean establecidas nunha área.

Ó termo deste período, logo de comprobación dos datos de explotación das empresas decidirase sobre o levantamento da moratoria, a súa prórroga por un período de dous anos ou a determinación dunha ratio específica adaptada ás peculiaridades socioeconómicas da área, tendo en conta as especiais circunstancias do municipio de Vigo, onde se analizará a situación da oferta e demanda con especial consideración á existencia de vehículos con parada en garaxe.

6. 1. A partir da publicación desta resolución, abrirase un período de solicitude de 1 mes para petición de novas autorizacións de empresas ou de vehículos adicionais.

6.2. Para o seu outorgamento primará o establecemento dunha nova empresa sobre a ampliación do número de vehículos e priorizarase a solicitude de traslado dunha empresa xa establecida fronte a unha solicitude de nova apertura e, entre as peticións de traslado, terá carácter prioritario o cambio de domicilio dentro dunha mesma área metropolitana.

No caso de que se presentasen varias solicitudes que, por estaren encadradas nun mesmo suposto dos recollidos no parágrafo anterior posuísen idénticos dereitos preferenciais, as autorizacións serán outorgadas por orde cronolóxica de petición.

6.3. Unha vez resoltas as peticións formuladas dentro do prazo inicial de 1 mes, as solicitudes posteriores resolveranse por orde cronolóxica de petición.

7. Con carácter excepcional poderanse outorgar autorizacións desvinculadas da ratio poboacional 1/85.000 nunha área na que se pretenda domicilia-la autorización diferente das áreas metropolitanas referidas no punto 2 desta resolución, cando se trate de cubrir necesidades acreditadas de ámbito comarcal.

Neste suposto non se aplicará o baremo poboación de dereito/nº de autorizacións establecido na reso

lución para efectos de determina-lo outorgamento das autorizacións, sendo precisa a achega polo interesado dun plano de explotación do que se deduza a necesidade e viabilidade do proxecto e o seu encaixe no marco normativo vixente. Neste sentido, o xustificante das autorizacións deberá xustifica-la previsión de contratación coas diferentes entidades.

A Dirección Xeral de Transportes poderá condiciona-lo outorgamento das autorizacións á xustificación periódica da explotación comercial, de xeito que quede demostrada a viabilidade do proxecto no contorno que define o marco legal vixente.

8. No outorgamento das autorizacións, mediante a expedición polo Servicio Provincial de Transportes competente de tarxetas da serie VTC, serán de aplicación ademais das especificacións establecidas nesta resolución, os requisitos esixidos pola orde ministerial do 30 de xullo de 1998 pola que se regula o arrendamento de vehículos con conductor.

No exame do expediente polo servicio provincial, farase especial comprobación de que o número mínimo de conductores dos vehículos de aluguer esixido pola orde ministerial do 30 de xullo de 1998 estean dados de alta na Seguridade Social a nome da empresa, a xornada completa e con dedicación exclusiva á actividade de aluguer con conductor, tendo en conta ademais o establecido no punto 4 desta resolución cando a empresa pretenda un aumento de vehículos autorizados sobre a súa flota inicial.

9. Os vehículos, en todo caso e de conformidade co disposto polo artigo 10 da orde ministerial do 30 de xullo de 1998, deberán te-la súa base de operacións cun local suficiente para o estacionamento de tódolos vehículos, no municipio onde estean domiciliadas as autorizacións e localizables nel, salvo que se xustifique que se está prestando un servicio previamente contratado.

De acordo co establecido no artigo 9 da orde ministerial do 30 de xullo de 1998, os titulares das autorizacións deberán dispoñer dun local dedicado exclusivamente á actividade de arrendamento con conductor, aberto ó público e cun horario de atención ós usuarios adecuado á demanda do servicio, tendo en conta que, de acordo co disposto no artigo 23 da mencionada orde, a contratación dos servicios deberá efectuarse no citado local.

10. As autorizacións de arrendamento de vehículos con conductor actualmente existentes conservarán a súa vixencia nas mesmas condicións, excepto no que atinxe ó réxime de alta dos conductores na Seguridade Social regulado no punto 8 desta resolución, que será esixible polo Servicio Provincial de Transportes competente con ocasión do visado das autorizacións.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2004.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Transportes