DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Mércores, 21 de xaneiro de 2004 Páx. 937

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 11/2004, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolven as competencias en materia da sociedade da información e o coñecemento.

O avance imparable das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC's), está condicionando as actuais relacións económicas e sociais, como consecuencia da incorporación paulatina destas tecnoloxías á vida cotiá.

Esta nova forma de organización económica e social baseada na capacidade case ilimitada para xerar e acceder á información é o que se coñece como «sociedade da información». Así mesmo, os procesos de xeración e xestión de valor engadido sobre o soporte da información constitúen a base da «sociedade do coñecemento».

As administracións públicas, en tódolos ámbitos, apostaron por impulsar e promocionar esta nova cultura, que sen dúbida contribúe ó progreso da sociedade e, por ende, ó incremento do benestar dos seus membros.

A Xunta de Galicia non permaneceu indiferente a este proceso e nos últimos anos realizou un gran esforzo no proceso de implantación das novas TIC's en tódolos eidos na nosa comunidade, froito do cal Galicia conta coa máis importante infraestructura pública en banda ampla, como é o caso da autoestrada galega da información. Contamos cun alto nivel de implantación tecnolóxica e de acceso á Internet nas escolas, centros de saúde, hospitais e na totalidade dos organismos e as delegacións da Xunta de Galicia e témo-lo soporte dun sistema ciencia-tecnoloxía e unha importante base de tecido empresarial galego relacionado co mundo das TIC's e a producción de software que están a ofrecernos solucións tecnolóxicas para as necesidades de toda a sociedade.

No momento actual, a Xunta de Galicia aprecia a importancia estratéxica que pode te-lo establecemento de políticas unitarias para a comunidade autónoma nestas materias, polo que no Decreto 223/2003, do 11 de abril, se realiza unha concentración de funcións na Consellería de Innovación, Industria e Comercio, para impulsar dun xeito decidido a incorporación de toda a sociedade galega ós novos recursos tecnolóxicos de información e comunicación e que esta incorporación produza un impacto aínda máis positivo no desenvolvemento económico da nosa rexión.

Tendo en conta que as cuestións relativas ó desenvolvemento da sociedade da información e o coñecemento e das telecomunicacións son transversais e afectan á totalidade dos sectores, resulta necesario establece-las canles de coordinación necesarias entre tódolos departamentos e institucións, tendo en

conta ademais, as opinións dos profesionais, empresas e asociacións que participan máis directamente no desenvolvemento da sociedade da información e do coñecemento e que se manifestan dun xeito institucional a través da súa participación en órganos como o Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual. Todo iso sen esquece-lo papel que debe te-lo Observatorio Tecnolóxico de Galicia, como referencia oficial para coñece-la situación de Galicia nestas materias.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, en virtude das competencias que nas materias de sociedade da información e do coñecemento e das telecomunicacións lle atribúe o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Constitúe o obxecto deste decreto determina-lo marco regulamentario no que deben desenvolverse as actuacións de tódolos departamentos e organismos da Xunta de Galicia, en materia de sociedade da información e o coñecemento e as telecomunicacións, facilitando a necesaria colaboración e coordinación entre todos eles e a máis axeitada utilización dos recursos afectados ás actividades relacionadas con esta materia.

Non é obxecto deste decreto a regulamentación e o desenvolvemento dos servicios de comunicación internos de telefonía fixa, móbil e datos que conforman a Rede Corporativa da Xunta de Galicia e as redes internas doutros departamentos, nin tampouco a regulamentación e o desenvolvemento das infraestructuras de telecomunicacións propiedade da Xunta, que corresponden ó departamento competente en materia de comunicación social.

Artigo 2º.-Ámbito da sociedade da información e o coñecemento.

Para os efectos do presente decreto e disposicións concordantes de igual ou inferior nivel, enténdense comprendidas no ámbito da sociedade da información e do coñecemento as seguintes materias:

-Desenvolvemento de infraestructuras e servicios de telecomunicacións para o acceso ou uso das novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

-Actividades de formación e difusión que faciliten o coñecemento e utilización das TIC's.

-Actividades de fomento destinadas a facilita-la implantación das TIC's en tódolos ámbitos da sociedade.

-E, en xeral, todas aquelas actividades que teñan por finalidade a producción ou utilización da información, servicios e outros contidos baseados nas

novas tecnoloxías e que poidan ter un impacto positivo no desenvolvemento económico e social da poboación da comunidade autónoma.

En concordancia co establecido no artigo anterior, as funcións e os procedementos establecidos no presente decreto enténdense sen prexuízo das competencias de cada departamento da Xunta de Galicia en materia de organización dos seus servicios e funcións, e dun xeito particular, sen prexuízo das funcións internas atribuídas á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública en materia de organización e sistemas informáticos e a súa correspondencia coas funcións da Comisión de Informática da Xunta de Galicia; á Consellería de Economía e Facenda, en materia tributaria e contrable; á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e á Consellería de Sanidade.

Artigo 3º.-Exercicio das competencias en materia de sociedade da información e do coñecemento.

Correspóndelles ó Goberno da Xunta de Galicia e á Consellería de Innovación, Industria e Comercio como departamento da comunidade autónoma que ten atribuídas competencias específicas nesta materia, a planificación, o fomento, a coordinación e o control das actuacións da Xunta de Galicia en materia de sociedade da información e do coñecemento e as telecomunicacións.

Ós demais departamentos da Xunta de Galicia correspóndelle-la proposta e execución dos programas sectoriais encadrados entre as súas competencias específicas, conforme se establece nos artigos anteriores.

Para facilita-lo exercicio destas competencias e garanti-la coordinación necesaria, establécese o seguinte procedemento:

a) Os órganos xestores de cada plan ou proxecto que se pretenda desenvolver, relativo ás materias enumeradas no artigo 2º deste decreto, deberán envialos, antes de inicia-la tramitación que proceda, á Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que esta, no prazo de trinta días, emita informe sobre os aspectos técnicos e regulamentarios do proxecto e a súa adecuación ás liñas estratéxicas que estableza a Xunta de Galicia nesta materia. O órgano xestor deberá incorporar este informe ó expediente administrativo a que dea lugar a tramitación correspondente.

b) Se o informe fose desfavorable e existisen discrepancias entre o xestor e a consellería competente, estas resolveranse na comisión de coordinación regulada neste decreto.

c) Quedan exceptuados da obriga de solicita-lo anterior informe os proxectos que se refiran unicamente á adquisición de material ou sistemas informáticos para seren utilizados nas dependencias da Administración autonómica.

d) A Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial prestará asesoramento e apoio téc-

nico ós departamentos que o requiran para a desenvolvemento dos proxectos que executen no ámbito das súas competencias.

Artigo 4º.-Creación e adscrición da Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento.

A) Créase a Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento, como órgano de carácter impulsor, coordinador, deliberante e asesor respecto das materias e funcións que expresamente se lle asignan neste decreto e na demais normativa que resulte de aplicación.

B) A comisión quedará adscrita á Consellería de Innovación, Industria e Comercio a través da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

Artigo 5º.-Competencias e funcións da comisión.

Correspóndelle á Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento:

a) Actuar como órgano de participación de tódolos departamentos da Xunta de Galicia, nas seguintes cuestións:

* Tomando coñecemento das actividades e proxectos que se estean a desenvolver e facendo o seguimento destes.

* Propoñendo as iniciativas ou medidas que se consideren oportunas para impulsa-lo proceso de desenvolvemento da Sociedade da Información e o Coñecemento.

* Coñecendo e informando sobre as cuestións que lle solicite o Consello da Xunta de Galicia.

b) Actuar como órgano de coordinación, nos seguintes termos:

* Coñecer e avalia-las realizacións, os resultados e o impacto dos programas desenvolvidos polos respectivos departamentos, propoñendo as medidas correctoras que, se é o caso, considere convenientes.

* Coñecer e propoñer asuntos que deban ser tratados no Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, a través da secretaría do mesmo Consello.

* Coordina-las funcións de obtención de datos e información dos departamentos nas súas áreas específicas co programa de actuacións do Observatorio Tecnolóxico de Galicia.

* Aproba-lo informe anual de seguimento dos proxectos e avaliación do desenvolvemento da Sociedade da Información e o Coñecemento en Galicia, elaborado pola consellería competente, antes da súa remisión ó Consello da Xunta.

c) Calquera outra función atribuída pola normativa vixente, así como as que lle encomende o Goberno da Comunidade de Galicia ou que lle deleguen os órganos con competencia na materia.

Artigo 6º.-Composición da comisión.

1. A Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente: o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, que poderá delega-las súas funcións no vicepresidente.

b) Vicepresidente: o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial.

c) Vocais: un representante de cada consellería designado polo seu titular, e co rango de director xeral.

d) Secretario: un funcionario da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, designado polo presidente, que actuará con voz pero sen voto.

2. Os membros titulares da comisión poderán nomear un substituto dun xeito permanente, co rango de subdirector xeral.

Os membros da comisión serán os interlocutores da consellería competente para tódalas materias reguladas neste decreto.

3. En función do contido das materias que se vaian a tratar, o presidente poderá acorda-la asistencia dos titulares doutros organismos, funcionarios, técnicos ou especialistas da materia de que se trate, co obxecto de que a informen ou asesoren. Estas persoas terán voz pero non voto. A comisión poderá así mesmo, solicitar informes ou dictames técnicos doutras comisións e órganos administrativos.

Artigo 7º.-Funcionamento da comisión.

1. A comisión rexerase, en canto á súa convocatoria, deliberacións e adopción de acordos polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a comisión poderá aprobar normas propias de funcionamento ou de réxime interno para o mellor desempeño das súas atribucións. Poderá tamén prever e regula-lo funcionamento de grupos de traballo ou comisións.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e o Coñecemento deberá quedar constituída no prazo máximo de seis meses, contado desde a entrada en vigor deste decreto.

Segunda.-No ámbito da observación relativa ás materias reguladas neste decreto, terán a consideración de datos de referencia os subministrados polo Observatorio Tecnolóxico de Galicia, sen prexuízo das competencias que corresponden ó Instituto Galego de Estatística.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a consellería competente para a posta en funcionamento do servicio de inspección

en materias de sociedade da información e o coñecemento e das telecomunicacións, no ámbito das competencias que nesta materia corresponden á comunidade autónoma.

Segunda.-Facúltase a consellería competente para dicta-las normas regulamentarias de desenvolvemento da Lei do audiovisual, no que atinxe ás políticas de telecomunicacións das que ten atribuídas competencias en virtude do Decreto 223/2003.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA