DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 2004 Páx. 900

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de decembro de 2003 pola que se regula o funcionamento e a oferta formativa dos centros integrados de formación profesional dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

A publicación do Decreto 325/2003, do 18 de xullo, polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, supón a posta en marcha dun dos instrumentos previstos polo Plan galego de formación profesional co obxectivo de acadar unha mellor coordinación das accións de fomación profesional na perspectiva da elaboración do Catálogo Nacional das Cualificacións e da integración nun só sistema dos tres subsistemas de formación profesional existentes actualmente: a formación profesional inicial ou regrada, a formación profesional ocupacional e a formación profesional continua.

Neste decreto indícase que para poñer en marcha o Sistema Integrado de Cualificacións e Formación Profesional previsto no Plan galego de formación profesional, se crea unha rede de centros integrados de formación profesional con carácter experimental, constituída inicialmente por seis centros que responden ás carácterísticas propostas polo Consello Galego de Formación Profesional, pero que poderá ampliarse posteriormente mediante o acceso doutros no marco das convocatorias públicas que se realicen.

Cómpre, polo tanto, dicta-las normas oportunas para acada-lo bo funcionamento destes centros e para ir desenvolvendo a rede de centros integrados de formación profesional, de conformidade coa autorización expresa e a habilitación que figuran nas disposicións adicional e derradeira do Decreto 325/2003.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Asuntos sociais, Emprego e Relacións Laborais,

DISPOÑEN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establece-las normas que regulen o desenvolvemento das actividades dos centros integrados de formación profesional.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As normas contidas nesta orde serán de aplicación ós centros integrados de formación profesional autorizados polo Decreto 325/2003, do 18 de xullo, (DOG do 4 de agosto), así como ós centros que se autoricen mediante convocatorias posteriores.

Artigo 3º.-Obxectivos dos centros integrados de formación profesional.

1. Terán a consideración de centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme se establece no artigo 2º do Decreto 325/2003, aqueles centros nos que se oferte a for-

mación profesional inicial ou regrada, a formación profesional ocupacional e a formación profesional continua.

2. Os centros integrados de formación profesional terán como obxectivos os previstos no artigo 3 do Decreto 325/2003, do 18 de xullo, así como aqueles que formen parte do seu proxecto de centro integrado.

Artigo 4º.-Funcións dos centros integrados de formación profesional.

1. Son funcións básicas e comúns a tódolos centros integrados as que se establecen no artigo 4 do Decreto 325/2003.

2. Ademais, algunha das que se indican a continuación:

2.1. Participar e asesorar no desenvolvemento dos programas de formación que se implanten na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan galego de formación profesional.

2.2. Colaborar co Servicio de Formación do Profesorado nalgún dos seguintes campos:

a) Detección de necesidades de formación do profesorado específico de formación profesional.

b) Deseño, organización e impartición de formación a formadores en tecnoloxías emerxentes, novas metodoloxías didácticas e actualización científica.

c) Elaboración de materiais didácticos referentes ós currículos da formación profesional.

d) Asesoramento a outros centros que imparten formación profesional específica en aspectos de organización dos ciclos, materiais curriculares, metodoloxías, avaliación, etc.

2.3. Colaborar coas organizacións empresariais, coas empresas do seu contorno e coa participación dos órganos de representación existentes nas empresas legalmente constituídos, nalgún dos seguintes campos:

a) Elaboración de metodoloxías para detecta-las necesidades de formación do persoal en activo.

b) Asesoramento respecto á formación do seu persoal.

c) Organización e xestión de plans de formación en empresas.

d) Elaboración dun sistema de valoración do impacto da formación en empresas.

e) Organización e xestión de servicios técnicos de apoio a empresas.

f) Inserción laboral do seu alumnado, tanto de formación profesional específica como de formación ocupacional.

2.4. Colaborar cos demais centros de formación profesional na implantación de modelos de xestión:

a) Académica.

b) Económico-financeira.

c) De recursos (equipos, instalacións e recursos humanos).

d) De cambio organizacional e planificación estratéxica.

e) De calidade e/ou plans específicos de mellora continua e indicadores de xestión.

2.5. Colaborar coa Administración educativa nalgún dos seguintes campos:

a) Definición e desenvolvemento de plans de mellora continua na xestión dos centros e nos procesos de ensino-aprendizaxe.

b) Deseño, innovación e actualización dos currículos dos ciclos formativos.

c) Desenvolvemento das programacións dos módulos dos ciclos formativos.

2.6. Colaborar coas administracións educativas e laborais nalgún dos seguintes campos:

a) Elaboración de instrumentos de avaliación das accións de formación que prevé o Plan galego de formación profesional.

b) Desenvolvemento de actuacións impulsadas pola Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional.

c) Asesoramento sobre as diferentes variables que forman parte da estructura da formación profesional: organización, xestión, equipamentos, curriculos, etc.

d) Colaboración co Observatorio Ocupacional do Instituto Galego das Cualificacións na análise da evolución do emprego, cualificacións e tecnoloxía do contorno productivo ou de servicios.

e) Realización de propostas e experimentación de accións relativas ó catálogo modular de formación profesional asociado ó sistema de cualificacións profesionais en Galicia.

f) Noutras funcións que se lles encomenden desde a Administración Educativa ou Laboral da Xunta de Galicia.

2.7 Colaborar coa Administración laboral nalgún dos seguintes campos:

a) Desenvolvemento do Sistema Nacional de Cualificacións.

b) Desenvolvemento de actuacións relacionados cos certificados de profesionalidade.

c) Desenvolvemento de accións de comprobación da profesionalidade.

d) Desenvolvemento de accións de actualización da formación profesional ocupacional.

Artigo 5º.-Proxecto de centro integrado.

1. Cada centro, no exercicio da súa autonomía e no marco desta orde e demais normativa vixente, elaborará e aprobará o seu propio proxecto de centro integrado, no que establecerá cantas disposicións se consideren necesarias para o bo funcionamento do centro e para garanti-lo correcto desenvolvemento das actividades formativas e académicas, así como as normas do seu réxime administrativo e económico. Documento que, unha vez aprobado pola consellería competente, constituirá o regulamento de organización e funcionamento propio do centro.

2. O proxecto de centro integrado conterá en todo caso:

2.1. Organigrama do centro, cargos e responsables, instalacións (espacios, materiais, etc.,), recursos humanos (persoal docente e non docente) e oferta formativa.

2.2. Plan anual do centro.

2.3. A experiencia acreditada do centro en implantación de plans de mellora continua.

2.4. Acordos ou proxectos de colaboración, participación e formación cos diferentes sectores implicados.

2.5. Calendario de desenvolvemento das funcións correspondentes ó centro intregrado previstas no artigo 4 do Decreto 325/2003, do 18 de xullo, polo que se autorizan e regulan os centros integrados de formación profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, así como calquera das que figuran no artigo 4.2º desta orde.

2.6. Accións formativas integradas que se desenvolverán tendo en conta as propostas das comisións sectoriais de cualificación e formación profesional. Co fin de garanti-la participación dos axentes sociais, as anteditas comisións deberán emitir informe nos proxectos de centro integrado procedentes de centros de formación ocupacional, en exercicio das funcións previstas para estas no seu decreto de creación (Decreto 263/2002, do 31 de xullo).

3. O proxecto de centro integrado deberá reflecti-las normas de convivencia e uso axeitado das dependencias e instalacións que garantan o correcto desenvolvemento das diferentes modalidades de formación profesional.

4. O proxecto de centro integrado será inicialmente aprobado e modificado polo consello escolar en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e polo órgano equivalente nos pertencentes á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, quen o remitirá á consellería competente co fin de que esta decida a súa conformidade coas disposicións normativas que regulan as materias nas que poida incidir, logo de informe da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional e do Consello Galego de Formación Profesional.

Artigo 6º.-Autonomía dos centros integrados.

1. O grao de autonomía dos centros integrados de formación profesional será, dentro do marco legal vixente, o necesario para garanti-la consecución dos obxectivos que posibiliten o logro dunha formación profesional de calidade, dotándoos da flexibilidade que lles permita adaptarse ós permanentes cambios do tecido productivo de Galicia. Esta autonomía desenvolverase de acordo co proxecto regulado no artigo 5º desta orde e coa autorización previa da consellería correspondente á que pertence o centro e con independencia das funcións que teña atribuídas o servicio de inspección da consellería titular de cada centro.

2. O centro aprobará unha memoria anual que conterá a actividade desenvolvida no ano académico, o cumprimento dos obxectivos propostos en cada programa, así como as incidencias ocorridas e as propostas de mellora, que será remitida dentro do mes seguinte á data da finalización das actividades á Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional para a súa avaliación e informe.

Artigo 7º.-Adaptación dos currículos e programas.

1. Os centros integrados de formación profesional poderán propoñe-la aprobación de currículos e programas adaptados ás necesidades individuais de alumnos, ou colectivos determinados, en base ás diferentes características das formacións impartidas.

2. A decisión que se adopte pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e pola Consellería

de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, en relación con esta adaptación e cos medios complementarios necesarios, deberá ir precedida do informe favorable da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional ou organismo competente da Administración, unha vez oído o Consello Galego de Formación Profesional.

Artigo 8º.-Cadro de persoal.

1. O equipo directivo do centro elaborará un proxecto do cadro de persoal de acordo co seu proxecto de centro integrado. No cadro de persoal terase en conta a normativa vixente en materia de atribución docente e de incompatibilidades de funcionarios públicos na Comunidade Autónoma de Galicia. Na asignación de persoal para cada actividade ou acción relacionada co seu proxecto de centro integrado teranse en conta os requirimentos que garantan a calidade da cada unha das accións.

2. Os centros integrados, de acordo cos seus proxectos formativos, deberán propoñer e formular requisitos de titulación e capacitación profesional respecto de determinados postos de traballo relacionados coa súa oferta integrada.

3. Os centros integrados, por proposta do seu equipo directivo e previo informe do consello escolar en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do órgano equivalente nos pertencentes á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, poderán propoñer un número determinado de profesorado para participar nas actividades de formación de formadores que se organicen. A proposta deberá gardar correspondencia co plan anual do centro e será tida en conta pola consellería competente á hora da selección do profesorado para esas actividades. Igualmente, os profesores poderán participar e concorrer a título individual nas convocatorias de actividades de formación que se organicen.

Artigo 9º.-A rede de centros integrados de formación profesional.

1. A rede de centros integrados de formación profesional estará formada polos centros incluídos no anexo do Decreto 325/2003, así como polos que sexan autorizados en convocatorias posteriores.

2. Igualmente poderán producirse cambios na rede de centros integrados como consecuencia das baixas xeradas ó final de cada curso académico.

3. Para decidi-las incorporacións ou baixas, e en base ó artigo 5.1º e á disposición transitoria do Decreto 325/2003, do 18 de xullo, en tanto non estea operativa a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, créase a comisión de valoración e seguimento.

Artigo 10º.-Seguimento da rede de centros integrados de formación profesional.

1. O seguimento da rede e de cada un dos centros integrados de formacion profesional será realizado pola Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, baixo as directrices das consellerías titulares dos respectivos centros.

2. En tanto a Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional non se atope operativa o seguimento será realizado pola comisión prevista nos artigos 9º, 11º e 12º da presente orde.

Artigo 11º.-Composición da comisión de valoración.

En desenvolvemento do artigo 5.1º e da disposición transitoria do Decreto 325/2003, a comisión de valoración e seguimento terá a seguinte composición:

Presidenta: a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Vicepresidente: o director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Vocais:

* A directora do Instituto Galego das Cualificacións.

* A subdirectora xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos.

* A subdirectora xeral de Formación Profesional Ocupacional.

* Un representante de cada consellería con competencias en formación profesional.

Secretario: un técnico da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A comisión poderá dispor, se así o estima conveniente, a incorporación de asesores que colaboren cos seus membros, con voz pero sin voto.

Artigo 12º.-Funcións da comisión de valoración e seguimento.

1. A comisión de valoración e seguimento terá como principal función estudia-la adecuación da rede de centros integrados de formación profesional ás necesidades e demandas de cualificación do contorno productivo para o que terá en conta as liñas de actuación que a este respecto propoña o Consello Galego de Formación Profesional, en función dos informes que recabe do Observatorio Ocupacional do Instituto Galego das Cualificacións.

2. A comisión axustará a súa actuación á normativa vixente. En todo caso reunirase por convocatoria do seu secretario por orde do seu presidente, sendo necesaria para a súa válida constitución a asistencia do presidente, o secretario e, polo menos, dous dos seus membros.

3. Os acordos serán adoptados por maioría absoluta de votos. Tódolos membros da comisión terán voz e voto, agás o secretario. Os empates resolveranse polo voto de calidade do presidente.

4. Para tódalas comunicacións e demais incidencias, a comisión valoradora terá o seu domicilio na sede da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sita en San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

5. No mes de xullo a comisión emitirá un informe sobre a conveniencia ou non de amplia-lo número de centros da rede, así como a baixa daqueles que non responderan de xeito conveniente no período estipulado ás funcións que teñen encomendadas.

Artigo 13º.-Oferta formativa integrada.

1. A oferta formativa de carácter integrado destes centros estará dirixida a colectivos destinatarios dos tres subsistemas indistintamente e será referida ó Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. En todo caso, e en tanto non se dispoña do referido catálogo,

a oferta formativa estará constituída polos ciclos formativos autorizados no centro ou polos respectivos módulos profesionais que os compoñen, así como pola oferta de formación profesional ocupacional e continua constituída polos certificados de profesionalidade que como mínimo constitúan unha unidade de competencia.

2. Os centros, no seu proxecto de centro integrado, poderán solicitar outra oferta complementaria á que se propón no punto anterior.

3. Ademais da oferta formativa realizada polos centros integrados, os centros educativos poderán realizar oferta modular integrada. Neste caso, a oferta formativa que se autorice contará co informe previo do Observatorio Ocupacional do Instituto Galego das Cualificacións, do Consello Galego de Formación Profesional, e da Axencia para a Xestión Integrada, Calidade e Avaliación da Formación Profesional, ou da comisión de valoración e seguimento determinada nos artigos 9º, 11º e 12º desta disposición.

Disposición transitoria

Única.-Os informes das comisións sectoriais de cualificación e formación, ós que fai referencia o artigo 5.2º.6 desta orde, serán emitidos pola Comisión Permanente do Consello Galego de Formación Profesional en tanto estas non se atopen operativas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Formación e Colocación, para dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2003.

Celso Currás Fernández María José Cimadevila Cea

Conselleiro de EducaciónConselleira de Asuntos Sociais

e Ordenación UniversitariaEmprego e Relacións Laborais