DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 2004 Páx. 861

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 8/2004, do 8 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 300/2002, do 24 de outubro, polo que se crea e regula o Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

O Decreto 300/2002, do 24 de outubro, publicado no DOG do día 8 de novembro, crea e regula o Consello Galego de Persoas con Discapacidade.

O Consello nace coa vontade de crear, coa colaboración de tódolos organismos nel representados, un foro cualificado de encontro e debate a través do cal as persoas con discapacidade poidan facer efectivo o seu dereito a ter unha participación activa na elaboración, programación e planificación das actuacións dirixidas ó recoñecemento social e á integración laboral deste colectivo. Configúrase así o consello como un órgano sectorial e especializado de carácter consultivo, que, en colaboración e harmonía co Consello Galego de Servicios Sociais, deberá servir de canalizador das propostas das persoas con discapacidade ante as administracións públicas galegas.

Esta condición de órgano sectorial especializado esixe regula-los mecanismos que permitan garantir no seu seo unha representación que reflicta, do xeito máis exacto posible, a realidade plural do sector, tanto no que atinxe ás tipoloxías de discapacidade -non só das básicas, senón tamén daquelas que, dentro de cada unha delas, reúnen unhas condicións específicas salientables- como o que se refire ó número global de persoas afectadas por cada unha das referidas tipoloxías.

A satisfactoria consecución do primeiro obxectivo esixe, por unha banda, a apertura do espectro de realidades abranguida polo sector, dando cabida, tanto no consello como na comisión permanente, ós representantes dos enfermos mentais, en tanto patoloxía específica que non pode, de ningún xeito, quedar subsumida nunha xenérica referencia ás persoas con discapacidade psíquica; por outra, cómpre artella-los mecanismos precisos para que esa garantía de pluralidade de patoloxías representadas se estenda á comisión permanente, orfa ata o de agora de regulación ó respecto.

Ademais, a representación outorgada no decreto non supón a máis axeitada traslación da preeminencia cuantitativa que ten na actualidade a discapacidade física sobre as demais. O censo de persoas con discapacidade, obtido a partir dos datos das seccións de cualificación, contén na actualidade información sobre 182.490 persoas que padecen algún tipo de discapacidade, coa seguinte distribución tipolóxica: 105.429 sofren unha discapacidade física (58%), 52.090, psíquica (29%), e 24.971 sensorial (14%).

A pesar das anteditas cifras, as persoas con discapacidade física teñen menor representación no consello que as persoas con discapacidade psíquica, tres e catro representantes, respectivamente.

Por outra banda, as modificacións xurdidas na estructura orgánica da Xunta de Galicia, coa creación da nova Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e a ampliación das súas competencias, aconsellan a incorporación como membros do consello de dous novos membros en representación da Administración autonómica .

Considérase necesario, pois, modificar o decreto para conxugar satisfactoriamente, por unha banda, a realidade numérica das diferentes tipoloxías de discapacidade existentes, e por outra, a pluraridade e inquedanzas específicas do movemento asociativo de cada unha delas e, por último, para dar entrada a novos representantes do órgano autonómico competente en materia de asuntos sociais.

En virtude do exposto, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-O Decreto 300/2002, do 24 de outubro, polo que se crea e regula o Consello Galego de Persoas con Discapacidade, queda modificado do seguinte xeito:

1. O punto 2º do artigo 2 queda redactado como segue:

«Artigo 2:

2. O Pleno, órgano máximo do consello, estará integrado por:

a) O presidente.

b) O vicepresidente.

c) Trinta e catro vocais.

d) O secretario».

2. O punto 2.3.1 a) do artigo 2 queda redactado como segue:

«Artigo 2:

2.3.1. Dezaoito en representación das administracións públicas:

a) Pola Administración autonómica:

-O titular da secretaría xeral da consellería competente en materia de asuntos sociais.

-O titular da dirección xeral competente en materia de xustiza.

-O titular da dirección xeral competente en materia de promoción do emprego.

-O titular da dirección xeral competente en materia de formación e colocación.

-O titular da dirección xeral competente en materia de saúde pública.

-O titular da dirección xeral competente en materia de formación profesional e ensinanzas especiais.

-O titular da dirección xeral competente en materia de inclusión social.

-O titular da dirección xeral competente en materia de relacións laborais.

-Os catro titulares das delegacións provinciais da consellería competente en materia de asuntos sociais.

-Catro directivos dos centros de atención as persoas con discapacidade de titularidade da Xunta de Galicia designados polo titular da consellería competente en materia de asuntos sociais.

3. O punto 2.3.5 do artigo 2 queda redactado como segue:

«Artigo 2

2.3.5. Once vocais designados polas asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade máis representativas no ámbito da comunidade autónoma, consonte a seguinte desagregación:

-Catro vocais polas asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade psíquica.

-Catro vocais polas asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade física.

-Dous vocais polas asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade sensorial.

- Un vocal polas asociacións, unións, federacións e confederacións de enfermos mentais.

4. O punto 3 do artigo 2 queda redactado como segue:

«Artigo 2

3. A Comisión Permanente estará integrada por:

a) O presidente.

b) Catorce vocais.

c) O secretario».

5. Modifícase o punto 3.2. do artigo 2 e introdúceselle un novo parágrafo, de forma que pasa a ter a seguinte redacción:

«Artigo 2

3.2. Vocais:

-Seis representantes da Xunta de Galicia.

-Un representante das organizacións empresariais.

-Un representante das organizacións sindicais.

-O director da Fundación Galega de Tutela de Adultos.

-Catro representantes das asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade.

-Un representante das corporacións locais.

As administracións, organizacións e entidades de iniciativa social integrantes do consello elixirán de entre os seus membros os seus respectivos representantes na comisión permanente. Na elección dos representantes das asociacións, unións, federacións e confederacións de persoas con discapacidade garantirase a pluralidade das tipoloxías de discapacidade representadas».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais