DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 2004 Páx. 859

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 7/2004, do 8 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 212/2003, do 3 de abril, que establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

O Decreto 212/2003, do 3 de abril, establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que axustará a súa actuación ós principios de eficacia, desconcentración e racionalización da organización administrativa.

O incremento e a diversificación do número de actividades e actuacións da consellería aconsellan a modificación da súa estructura orgánica coa mesma finalidade de que esta responda, no seu conxunto, ós principios de racionalidade e eficacia no ámbito competencial e de xestión a ela atribuído.

En consecuencia, créase un Servicio de Contratación e Obras dentro da Vicesecretaría Xeral que ten como misión específica contribuír ó reforzamento da área de xestión de contratación e obras da consellería.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, logo dos informes previos da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 4º.Dous.1 do Decreto 212/2003, do 3 de abril, que establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que queda redactado como segue:

«Artigo 4º

Dous. A Secretaría Xeral, para o exercicio das súas competencias, estructúrase nas seguintes unidades:

1. Vicesecretaría Xeral.

Con nivel orgánico de subdirección xeral, exercerá as funcións de prestarlle asistencia ó/á secretario/a xeral en cantos asuntos lle encomende, así como a súa suplencia en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

É a unidade encargada de elabora-lo borrador do anteproxecto de orzamentos da consellería e o seu seguimento e control, a tramitación dos expedientes de gasto, a tramitación e xestión dos expedientes

de contratación, a elaboración do plan de necesidades de obras e equipamentos das distintas unidades e centros da consellería, así como a coordinación da súa execución e velar pola correcta implantación dos sistemas de información dentro da consellería.

Así mesmo, é a unidade encargada da xestión do rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais, a xestión dos expedientes de autorización de centros de servicios sociais, a xestión do procedemento de inclusión das entidades no programa do cheque asistencial, a inspección e control do funcionamento dos centros, servicios e programas, así como do protectorado das fundacións de interese galego e aqueloutras funcións que por razón da súa competencia lle sexan encomendadas polo secretario xeral.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará, con nivel orgánico de servicio, coas seguintes unidades:

1.1.-Servicio de Xestión Económica e Control Orzamentario.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A execución, coordinación, seguimento e control do orzamento, así como a proposta e xestión das súas modificacións.

-A tramitación económico-administrativa dos expedientes de gasto e propostas de pagamentos.

-A elaboración das instruccións necesarias para que os centros de gasto efectúen unha correcta xestión económica, acorde coa normativa vixente.

-Calquera outra función relativa á xestión económica ou orzamentaria.

1.2.-Servicio de Contratación e Obras.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-A xestión dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da consellería, cando se trate de obras, xestión de servicios públicos, subministracións, consultorías e asistencias ou calquera outra figura contractual análoga.

-Seguimento e control da execución de tódolos contratos.

-Convenios de colaboración con outros entes públicos en materia de investimento.

-O desenvolvemento das funcións de supervisión dos proxectos respecto das obras que realice a consellería.

1.3. Servicio de Informática.

Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

-Planificar, impulsar e mecaniza-los sistemas de información da consellería.

-Estudio, seguimento, informe e, se é o caso, proposta sobre plans xerais de informatización.

-Coordinación, supervisión, apoio e asesoramento técnico sobre os plans de informatización.

-Xestiona-las bases de datos, redes e sistemas informáticos.

-Velar polo cumprimento da normativa sobre tratamento de datos de carácter persoal.

-Calquera outra función relativa a sistemas ou procesos informáticos da consellería.

O desenvolvemento destas funcións realizarase sen prexuízo das competencias que, en materia informática, ten atribuídas a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

1.4. Servicio de Autorización de Centros.

Correspóndenlle respecto das entidades, centros e servicios sociais do ámbito competencial da consellería as seguintes funcións:

-A tramitación dos expedientes relativos ó rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais, no ámbito competencial da consellería.

-A xestión dos expedientes de autorización, creación, modificación substancial e concesión do permiso de inicio de actividades dos centros de servicios sociais.

-A xestión dos expedientes de inclusión das entidades prestadoras de servicios sociais no programa de atención a persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial.

-O exercicio das funcións que a consellería teña encomendadas en relación coas fundacións de interese galego, sobre as que lle corresponda exerce-lo protectorado.

1.5. Servicio de Inspección de Servicios Sociais.

Correspóndenlle, respecto das entidades, centros e servicios sociais do ámbito competencial da consellería as seguintes funcións:

-Velar polo cumprimento da normativa vixente en materia de servicios sociais e, en especial, polo respecto dos dereitos dos usuarios de servicios sociais, previstos no artigo 34 e seguintes da Lei 4/1993, e levar a cabo a tramitación das iniciativas e reclamacións dos usuarios, así como propoñe-la adopción das medidas necesarias para corrixi-las deficiencias detectadas.

-Asegura-la calidade das prestacións mediante a verificación do cumprimento das condicións funcionais e materiais dos centros, servicios e programas de servicios sociais.

-O exercicio da función inspectora.

-A inspección e control do funcionamento dos centros, servicios e programas.

-Elabora-lo plan de inspección dos programas e centros de servicios sociais.

-Coordina-las funcións, en materia de inspección, coas delegacións provinciais para o desenvolvemento do plan de inspección.

-Colaborar cos órganos e entidades competentes en materia de servicios sociais dos diferentes ámbitos territoriais, mediante a elaboración de informes ou a achega de datos para mellora-la regulación, planificación e xestión dos centros sociais.

-Controla-lo cumprimento dos niveis de calidade propoñendo plans de mellora dos servicios e realizando as tarefas de supervisión e auditoría interna do grao de implantación do sistema de calidade en centros de servicios sociais públicos».

Disposición transitoria

Cando como consecuencia da modificación da estructura orgánica que se establece neste decreto se modifique a denominación ou contido das subdireccións xerais ou servicios existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das ditas unidades, autorízase a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións laborais, por proposta da secretaria xeral, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de traballo de libre designación, ou a adscribilos con carácter temporal a postos de igual ou inferior nivel, se se trata de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que, en ningún caso, poida significa-la readscrición ou adscrición cambio de residencia, todo isto sen prexuízo do disposto nos artigos 27.5º e 62.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación,

determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais