DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 2004 Páx. 853

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

DECRETO 6/2004, do 8 de xaneiro, polo que se regula a cualificación dos deportistas galegos de alto nivel e os programas de beneficios dirixidos a estes.

O artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia recolle, no seu punto 22, a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega na «promoción deportiva e a axeitada utilización do lecer». Reco

llendo esta asunción de competencia exclusiva, procedeuse á aprobación da Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, pola que se pretende a plena efectividade do feito e dereito deportivo na nosa Comunidade Autónoma.

No concreto ámbito do deporte de alto nivel, o artigo 46.3º da lei establece que «independentemente da clasificación xeral de deportistas de alto nivel e das medidas que se establecen na lexislación do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia poderá realizar unha clasificación propia de deportistas galegos de alto nivel, de acordo coas federacións deportivas galegas, para efectos do ámbito galego, e que será publicada no Diario Oficial de Galicia, ós que lle serán de aplicación os beneficios que se establecerán regulamentariamente».

Ó abeiro desta previsión legal e consultadas as federacións deportivas galegas, apróbase este decreto polo que se establecen as bases para o recoñecemento dunha atención ós deportistas que obteñan a condición de deportistas galegos de alto nivel, ben por tratarse de novas promesas deportivas próximas a unha situación de alta excelencia deportiva ou ben por atoparse xa na dita situación.

No marco desta atención integral da que se poderán beneficiar tódolos deportistas galegos de alto nivel, configúrase un programa específico de axudas dirixido, exclusivamente, a algúns destes deportistas, e no que se inclúen medidas específicas, basicamente de índole económica, tendentes a facilitar e incentiva-la dedicación ó deporte de alto nivel.

Deste xeito, a través deste decreto, acométese a atención das diferentes realidades e necesidades inherentes ás altas cotas de esixencia que a excelencia deportiva leva consigo tanto para a súa consecución como para o seu mantemento, e isto a través dun sistema global de axudas e estímulos que permita atender axeitadamente aquelas realidades e necesidades.

Atendendo a todas estas consideracións, oído o dictame do Consello Consultivo de Galicia, e por proposta da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, en uso das atribucións que lle son concedidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e logo de deliberación da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto do presente decreto é o recoñecemento da cualificación de deportistas galegos de alto nivel, así como a regulamentación dos beneficios e axudas que, para estes estableza a Administración autonómica de Galicia.

Artigo 2º.-Definicións.

1. Para os efectos do presente decreto, considérase deporte de alto nivel a práctica deportiva de interese para a Comunidade Autónoma, pola súa función representativa de Galicia nas actividades deportivas de proxección nacional e internacional.

Neste sentido, o deporte de alto nivel refírese ó estadio no que se integran os deportistas que participan, ou teñen como obxectivo participar, nas competicións e actividades do máximo nivel organizadas ou recoñecidas polas federacións deportivas, nacionais e internacionais.

O alto nivel inclúe dúas fases diferenciadas, a tecnificación deportiva e o alto rendemento deportivo. Enténdese por tecnificación deportiva a etapa formativa, previa ó alto rendemento, onde se desenvolve o perfeccionamento técnico e deportivo do novo deportista. Pola súa parte, o alto rendemento é a etapa da máxima excelencia deportiva e nivel de competición.

2. Considérase deportista galego de alto nivel aquel que, reunindo os requisitos previstos neste decreto, sexa recoñecido como tal por resolución da consellería competente en materia de deportes.

3. A condición de deportista galego de alto nivel é compatible co disfrute de tal condición ó abeiro da normativa estatal.

Capítulo II

Do recoñecemento da cualificación de

deportistas galegos de alto nivel

Artigo 3º.-Destinatarios e requisitos.

Os requisitos para obte-la condición de deportista galego de alto nivel son os seguintes:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia no momento da solicitude de recoñecemento e durante o desfrute dos beneficios derivados desta.

b) Ter máis de 16 anos na data na que se adopte a resolución de recoñecemento.

c) Estar en posesión dunha licencia deportiva vixente expedida por unha federación deportiva galega dunha modalidade olímpica, paralímpica ou de proxección internacional notoria, desde, alomenos, o un de xaneiro do ano anterior ó do recoñecemento.

d) Non estar cumprindo sanción disciplinaria deportiva firme de carácter moi grave, ou sanción administrativa firme en materia deportiva de carácter grave ou moi grave, no momento da solicitude de recoñecemento nin durante o desfrute dos beneficios derivados.

e) Acredita-lo nivel deportivo esixido na modalidade practicada. Este nivel acreditarase conforme os criterios que, para estes efectos, se publiquen, unha vez consultadas as federacións deportivas galegas, por resolución da consellería competente en materia de deporte. Estes criterios atenderán ós resultados acadados polos deportistas en probas

olímpicas, probas non olímpicas de deportes olímpicos e deportes non olímpicos recoñecidos polo Comité Olímpico Internacional, deportes para practicantes con minusvalidez física, psíquica e/ou sensorial, e deportes non recoñecidos polo Comité Olímpico Internacional.

Artigo 4º.-Procedemento.

1. O procedemento para recoñece-la condición de deportista galego de alto nivel iniciarase por solicitude do interesado.

As solicitudes, que se formalizarán segundo o modelo que se xunta como anexo ó presente decreto e que achegarán a copia do documento nacional de identidade do solicitante, recollerán a certificación da federación deportiva correspondente ó candidato na que se acredite o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, letras c), d) e e). Así mesmo, esta solicitude irá acompañada dun certificado emitido pola federación correspondente no que se recollan os resultados deportivos obtidos polo solicitante en competicións ou actividades oficiais durante os dous anos inmediatamente anteriores á solicitude, así como calquera outro aspecto que poida resultar relevante en atención ó fin perseguido.

2. As solicitudes debidamente cubertas presentaranse, durante os meses de xuño ou novembro, no rexistro da dirección xeral competente en materia de deporte ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As solicitudes presentadas serán examinadas pola comisión de avaliación e seguimento, que elevará proposta de resolución á consellería competente en materia de deporte, e o seu titular resolverá, nun prazo de trinta días contado desde a devandita proposta.

4. A resolución da consellería competente en materia de deporte na que se recoñeza a condición de deportista galego de alto nivel, esgota a vía administrativa e contra ela, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ou recurso contencioso-administrativo. Esta resolución será notificada ós interesados e publicada no Diario Oficial de Galicia.

5. O procedemento de recoñecemento desta condición non poderá exceder de seis meses contados desde a presentación da solicitude realizada conforme ó sinalado no artigo 4º.2.

Artigo 5º.-Perda da condición de deportista galego de alto nivel.

1. A condición de deportista galego de alto nivel, así como os beneficios inherentes a esta condición, perderase por calquera das seguintes causas:

a) Automaticamente, polo transcurso de tres anos desde a publicación da resolución onde se recoñece a condición de deportista galego de alto nivel.

b) Por resolución expresa do titular da consellería competente en materia de deporte, por deixar de cumpri-los requisitos recollidos no artigo 3º, letras a) e d), respectando o preceptivo trámite de audiencia.

2. Perdida a condición de deportista galego de alto nivel por calquera das causas sinaladas no punto anterior, poderase solicitar un novo recoñecemento desta condición, nos prazos sinalados para o efecto e segundo o procedemento establecido, de cumprirse de novo cos requisitos recollidos no artigo 3º.

Así mesmo, os deportistas galegos de alto nivel poderán instar unha nova solicitude de recoñecemento no mes xuño ou novembro inmediatamente anterior ó vencemento do prazo de tres anos desde a publicación da resolución onde se recoñeceu tal condición.

Capítulo III

Dos beneficios dirixidos ós deportistas

galegos de alto nivel

Artigo 6º.-Beneficios dos deportistas galegos de alto nivel

1. O recoñecemento da condición de deportista galego de alto nivel implica os seguintes beneficios:

A. Beneficios no ámbito educativo:

a) Ademais do establecido na normativa estatal ó respecto, anualmente as universidades galegas reservarán, para quen acredite a súa condición de deportista galego de alto nivel e reúna os requisitos académicos correspondentes, alomenos un 3 por cento adicional das prazas ofertadas polos centros universitarios nos que se dean as circunstancias sinaladas no artigo 13 do Real decreto 69/2000, do 21 de xaneiro, polo que se regulan os procedementos de selección para o ingreso nos centros universitarios dos estudiantes que reúnan os requisitos legais necesarios para o acceso á universidade.

b) Os centros radicados en Galicia que impartan a licenciatura en ciencias da actividade física e do deporte reservarán, como mínimo, unha cota adicional equivalente ó cinco por cento das prazas ofertadas para os deportistas galegos de alto nivel. Así mesmo, estes deportistas quedarán dispensados de realiza-las probas de aptitude física que, de se-lo caso, se establezan como requisito para o acceso ós citados centros.

c) Os institutos de formación profesional reservarán para os deportistas galegos de alto nivel unha cota mínima adicional do 3 por cento das súas prazas. Nos centros nos que se impartan as ensinanzas de técnicos deportivos reguladas polo Real Decreto 1913/1997, do 19 de decembro, reservarán para os deportistas galegos de alto nivel, unha cota mínima adicional do 5 por cento das súas prazas. Así mesmo, e para o caso de que o acceso a uns determinados estudios impoña a realización de probas físicas, os deportistas galegos de alto nivel quedarán dispensados delas.

d) Os deportistas galegos de alto nivel estarán dispensados do cumprimento dos requisitos deportivos e probas de carácter específico, esixidos para o acceso ás titulacións de técnicos deportivos, nas condicións que oportunamente fixe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

e) A consellería competente en materia de deporte poderá subscribir convenios coas universidades e institucións educativas privadas co fin de que os deportistas galegos de alto nivel poidan dispoñer de condicións especiais en relación ó seu acceso e permanencia nelas respectando, en todo caso, os requisitos académicos xerais previstos para o acceso.

f) Co obxecto de facer efectiva a previsión contida no artigo 46.3º da Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, en relación coa conveniencia de facilita-la compatibilidade dos estudios académicos coa preparación ou actividade deportiva dos deportistas galegos de alto nivel, os institutos de ensino secundario, de bacharelato e formación profesional, así como as universidades de Galicia, terán presente tal condición en relación coas solicitudes de cambios de horarios, grupos e exames, que coincidan coas súas actividades, así como respecto ós límites de permanencia establecidos polas universidades e, en xeral, na lexislación educativa.

B. Beneficios relacionados coa incorporación ó mercado de traballo:

a) A consellería competente en materia de deporte poderá subscribir convenios de colaboración con empresas, públicas ou privadas, co fin de lles facilitar ós deportistas galegos de alto nivel as condicións que permitan compatibiliza-la súa preparación técnico-deportiva cun posto de traballo.

b) A condición de deportista galego de alto nivel será considerada como mérito avaliable, tanto nas probas de selección ás prazas relacionadas coa actividade deportiva correspondente como nos concursos para a provisión de postos de traballo relacionados con aquela actividade, convocados polas administracións públicas no ámbito da Comunidade Autónoma, sempre que en ámbolos dous casos estea prevista a valoración de méritos específicos, nunha porcentaxe non inferior ó 10 por cento da puntuación máxima posible do conxunto dos méritos que se vaian considerar.

2. Os beneficios recollidos neste artigo producirán os seus efectos desde a data de publicación da resolución da consellería competente en materia de deporte no Diario Oficial de Galicia, estendéndose durante os tres anos naturais seguintes contados desde a obtención polo deportista da súa condición de deportista galego de alto nivel.

Artigo 7º.-Programa específico de axudas ós deportistas galegos de alto nivel.

1. Ademais dos beneficios establecidos no artigo anterior, comúns a tódolos deportistas galegos de alto nivel, poderase establecer, segundo a dispoñibilidade orzamentaria existente ó respecto, un pro

grama específico no que se inclúan medidas que faciliten e incentiven a dedicación ó deporte de alto nivel. Para tal fin, poderanse subscribi-los oportunos convenios de colaboración e acordos con institucións públicas ou privadas.

As medidas deste programa unicamente irán dirixidas a aqueles deportistas galegos de alto nivel que cumpran, ademais, cos requisitos deportivos que se establezan para o efecto.

2. Co obxectivo de articular convenientemente o programa específico de axudas a deportistas galegos de alto nivel, establécense catro niveis diferenciados de deportistas:

Nivel 1: deportistas integrados en programas nacionais de axudas a deportistas olímpicos.

Nivel 2: deportistas de modalidades deportivas e probas olímpicas que, non figurando no nivel anterior, sexan susceptibles de próxima incorporación, ben polas súas posibilidades de proxección futura a curto ou medio prazo, ou ben polo seu nivel actual de rendemento próximo a este.

Nivel 3: deportistas de modalidades non olímpicas recoñecidas polo Comité Olímpico Internacional e proxección internacional notoria, cun nivel de esixencia deportiva similar ós deportistas encadrados no nivel 1.

Así mesmo, poderán incluírse neste nivel deportistas destacados dos programas de tecnificación da Administración deportiva autonómica.

Nivel 4: deportistas de modalidades paralímpicas ou do resto de modalidades non olímpicas que, ben por tratarse de deportistas de proxección internacional notoria ben por desenvolver disciplinas non competitivas, sexan susceptibles de axudas para desenvolver actuacións concretas ou programas específicos e individuais.

3. As medidas, que terán un alcance variable en función dos requisitos deportivos e resultados obtidos polo deportista, serán compatibles con outras axudas, públicas ou privadas, para a mesma ou similar finalidade. Estas medidas poderán ser:

3.1. Medidas de índole económica:

a) Bolsas económicas de apoio, dirixidas a sufraga-los gastos de desprazamentos, estudios, técnicos especialistas ou deportistas de apoio, concentracións, equipamentos deportivos, apoio médico e científico, ou similares. Estas bolsas estarán dirixidas ós deportistas de nivel 1.

b) Bolsas individuais. Só serán susceptibles de percibir este tipo de axudas os deportistas dos niveis 2 e 3.

c) Outras axudas económicas para os deportistas de nivel 4, susceptibles de bos resultados a curto prazo.

3.2. Calquera outra medida que determine a consellería competente en materia de deporte e vaia dirixida á finalidade deste programa.

4. Estes beneficios serán desfrutados exclusivamente polos deportistas galegos de alto nivel incluídos, mediante a oportuna resolución, no programa de axudas no mesmo ano natural ó da súa inclusión. Para esta inclusión, anualmente se publicará unha convocatoria que iniciará o procedemento para as solicitude destes beneficios.

Tanto a convocatoria como as resolucións que desta deriven axustaranse, de se-lo caso, á lexislación vixente en materia de axudas e subvencións públicas.

5. A obtención destas axudas nun exercicio anual non impedirá a solicitude polo deportista galego de alto nivel, nos mesmos termos ós descritos neste artigo, en sucesivas convocatorias deste programa específico.

Capítulo IV

Da comisión de avaliación e seguimento dos

deportistas galegos de alto nivel

Artigo 8º.-Creación e composición.

1. No seo da dirección xeral competente na materia deportiva créase a comisión de avaliación e seguimento dos deportistas galegos de alto nivel.

2. Esta comisión estará composta polos seguintes membros, todos eles nomeados polo titular da consellería competente en materia de deporte:

a) Presidente: o director xeral competente en materia de deporte, ou persoa en quen delegue.

b) Vocais: os xefes de servicio de deportes das delegacións provinciais da consellería competente en materia de deporte; outros catro por proposta das federacións deportivas galegas; e un especialista en materia deportiva, designado para o efecto polo director xeral competente.

Actuará coma secretario un funcionario da dirección xeral competente en materia de deporte.

3. Os vocais nomeados para integra-la comisión de avaliación e seguimento, cesarán por remoción acordada polo órgano que os nomeou ou polo transcurso de catro anos desde o seu nomeamento.

Artigo 9º.-Réxime xurídico.

A comisión de avaliación e seguimento actuará de conformidade co sinalado na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en especial no tocante ó réxime dos órganos colexiados.

Artigo 10º.-Funcións.

Á comisión de avaliación e seguimento dos deportistas galegos de alto nivel corresponderalle:

a) Examinar e valora-las solicitudes e documentación establecidas no artigo 4º elevando, para a

súa aprobación, ó titular da consellería competente en materia deportiva a proposta de declaración dos deportistas galegos de alto nivel.

b) Propoñe-los criterios de inclusión nos niveis 2, 3 e 4 do programa específico de axudas ós deportistas galegos de alto nivel.

c) Solicitar das federacións deportivas galegas información relativa ós deportistas galegos de alto nivel que sexa de interese para os efectos do presente decreto.

d) Calquera outra que se lle atribúa legal ou regulamentariamente.

Disposición adicional

Única.-Autorízase a conselleira competente en materia de deportes para subscribir un convenio de colaboración coa fundación pública, Fundación Deporte Galego, entidade fundacional de interese galego e instrumento da Administración autonómica no eido deportivo, en virtude do cal se lle encomenda á devandita fundación a execución das medidas recollidas neste decreto, agás aquelas que, pola súa natureza, correspondan exclusivamente á consellería competente en materia deportiva por non seren delegables.

Disposición transitoria

Única.-O procedemento para efectua-lo recoñecemento ó que se refire o artigo 4º precedente, poñerase en marcha automaticamente coa publicación do presente decreto. Para tal efecto, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ó da súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Consecuentemente, queda sen efecto, e non terá lugar, o inicio do procedemento que correspondería efectuar no mes de xuño de 2004, establecido no artigo 4º.2.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira competente en materia deportiva para a adopción de cantas medidas sexan necesarias para a execución e o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude,

Deporte e Voluntariado