DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 2004 Páx. 838

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 4/2004, do 8 de xaneiro, polo que se establecen os criterios ós que se suxeitará a distribución e a práctica da liquidación definitiva do Fondo de Cooperación Local correspondente ó exercicio de 2001.

Mediante sentencias números 1646/2002, do 30 de outubro, e 105/2003, do 5 de febreiro, da Sala do Contencioso-Administrativo (Sección Primeira) do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en procesos instados, respectivamente, polos concellos da Coruña e Vigo, anulouse o Decreto 260/2001, do 4 de outubro, polo que se desenvolve a disposición adicional oitava da Lei 5/2000, do 28 de decembro, no relativo á aplicación e xustificación polos concellos beneficicarios do Fondo de Cooperación Local para o exercicio de 2001.

O referido decreto, recollendo o acordo adoptado, a iniciativa da Federación Galega de Municipios e Provincias, pola Comisión Galega de Cooperación Local, no exercicio das competencias atribuídas ó referido órgano pola disposición adicional oitava da Lei 5/2000, do 28 de decembro, consideraba como beneficiarios do Fondo de Cooperación Local no ano 2001 os concellos de poboación non superior a 50.000 habitantes.

En cumprimento das sentencias indicadas, o presente decreto estende á totalidade dos concellos de Galicia o dereito á percepción do fondo, establecendo as normas ás que deberá axustarse a súa distribución e liquidación no referido exercicio.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do oito de xaneiro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto establece as normas ás que se suxeitará a distribución e liquidación definitiva do Fondo de Cooperación Local correspondente ó exercicio 2001, no marco do previsto na disposición adicional oitava da Lei 5/2000, do 28 de decembro, así como dos acordos adoptados ó seu abeiro pola Comisión Galega de Cooperación Local.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios do Fondo de Cooperación Local tódolos concellos de Galicia, así como a Federación Galega de Municipios e Provincias.

As respectivas participacións determinaranse de conformidade co establecido no capítulo II deste decreto.

Capítulo II

Criterios de reparto

Artigo 3º.-Distribución do fondo.

1. Un 1% do seu importe integrará a partida con destino ós gastos de mantemento propios da FEGAMP prevista na disposición adicional oitava, punto 7 da Lei 5/2000, do 28 de decembro.

2. Detraída a partida anterior, o fondo será obxecto de distribución entre tódolos concellos, de conformidade co establecido nos artigos 4º e 5º deste decreto.

Artigo 4º.-Determinación inicial de cantidades para repartir.

As cantidades que se distribuirán entre os concellos como participación no Fondo de Cooperación Local do ano 2001 determinaranse conforme o seguinte procedemento:

1. Deducirase, en primeiro lugar, unha cantidade equivalente á dotación do Fondo de Cooperación Local no exercicio 2000, legalmente asignada ós concellos de poboación non superior a 50.000 habitantes.

2. A cifra restante fraccionarase en dúas cantidades, do seguinte xeito:

a) Consideraranse dous grupos de concellos en atención á súa poboación de dereito do ano 2001: os de poboación igual ou inferior a 50.000 habitantes, e os que excedan desta.

b) Efectuarase un reparto da cantidade total á que se refire este punto ente ámbolos grupos, de acordo cos seguintes criterios e ponderacións: habitantes 76%; superficie 15%; núcleos de poboación 9%.

3. Destinarase ós concellos de poboación non superior a 50.000 habitantes a cantidade a que se refire o número 1, incrementada no importe que corresponda ó seu grupo por aplicación do establecido no número 2, ambos deste artigo.

O resto será obxecto de distribución entre os concellos de poboación superior a 50.000 habitantes.

Artigo 5º.-Determinación de cotas.

1. As sumas que, conforme o establecido no artigo anterior, lles corresponda percibir ós concellos de poboación non superior a 50.000 habitantes, distribuiranse entre estes de acordo cos criterios recollidos no Decreto 215/2000, do 13 de setembro.

2. A cantidade con destino ós concellos de poboación superior a 50.000 habitantes, distribuirase mediante os seguintes criterios e ponderacións:

CriterioPonderación (%)

Habitantes87

Superficie10

Núcleos de poboación3

Capítulo III

Réxime de transferencias e liquidación

Artigo 6º.-Liquidación definitiva.

1. Coñecida a liquidación dos orzamentos de ingresos da Administración xeral, e determinada definitivamente con base nela, por aplicación da porcentaxe a que se refire a disposición adicional oitava, punto 2, da Lei 5/2000, do 28 de decembro, a dotación do fondo para o exercicio 2001 efectuaráselles ós concellos a correspondente liquidación definitiva, mediante a aplicación dos criterios establecidos no capítulo II deste decreto.

2. Para os efectos da referida liquidación, os ingresos que se considerarán serán os efectivamente rexistrados nos capítulos I, II e III do orzamento de ingresos da Administración xeral durante o ano natural de que se trate, procedan tanto de dereitos recoñecidos no propio exercicio como de exercicios anteriores.

O seu importe acreditarase mediante certificación que para tal efecto expedirá a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

3. As participacións das entidades beneficiarias no Fondo de Cooperación Local 2001 serán, para tódolos efectos, as que resulten da liquidación definitiva que se practique segundo o establecido neste decreto.

A referida liquidación farase efectiva na primeira entrega á conta trimestral que, logo da entrada en vigor deste decreto, proceda efectuar en concepto de participación con cargo ó Fondo de Cooperación Local, transferindo ou retendo os importes que corresponda.

Disposición derradeira

Única.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-los actos e as disposicións precisas para a aplicación do establecido neste decreto.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda