DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Mércores, 14 de xaneiro de 2004 Páx. 566

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2003, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se constitúe o Servicio Común de Notificacións e Embargos de Ourense.

O artigo 272 da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX) establece a posibilidade de centralizar, nas poboacións onde existan varios xulgados e o conxunto da actividade xudicial o xustifique, en servicios comúns, dependentes dos decanatos dos xulgados, a práctica de determinadas actuacións xudiciais. Esta centralización de actuacións persegue acadar un funcionamento máis eficiente dos órganos xudiciais.

O acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial do 14 de abril de 1999, a través da introducción do título VII no Regulamento 1/1995 sobre aspectos accesorios das actuacións xudiciais, define os servicios, as súas clases, e establécese a normativa relativa á súa dependencia funcional, homoxeneización e coordinación e procedemento de constitución.

Entre as actividades procesuais susceptibles de centralización menciónase a práctica de actos de comunicación, así como a práctica de embargos e lanzamentos. Este é precisamente o cometido dos servicios comúns de notificacións e embargos, en ocasións denominados servicios comúns de actos de comunicación e execución. Estes servicios comúns foron obxecto de consideración no Protocolo de servicio para a coordinación, conexión e interrelación dos xulgados e tribunais e os servicios comúns de actos de comunicación e execución, que foi aprobado polo Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial a través da Instrucción 2/2001, do 9 de maio.

O Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial, de conformidade co previsto no artigo 98 do Regulamento 1/1995 antes mencionado, aprobou con data 24 de setembro de 2002 a proposta de creación dun Servicio Común de Actos de Comunicación e Execución en Ourense para os xulgados con sede nesta cidade. A dita proposta foi trasladada a esta consellería para os efectos de constitución do servicio.

Acollendo esta proposta, procede constituír na cidade de Ourense un Servicio Común de Notificacións e Embargos que se suma ós actualmente existentes noutras cidades galegas.

En virtude do establecido no artigo 20.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2397/1996 sobre transferencia a esta comunidade de medios para o servicio da Administración de xustiza, o artigo 272 da LOPX e o artigo 7 do Decreto 226/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, esta dirección xeral

ACORDA:

Primero.-Constituír o Servicio Común de Notificacións e Embargos, dependente do Decanato dos Xulgados de Ourense, aprobado no Acordo do 24 de setembro de 2002 do Pleno do Consello Xeral do

Poder Xudicial, e establer como data de inicio de actividades o próximo día 22 de xaneiro de 2004.

Segundo.-Resultará de aplicación ó Servicio Común de Notificacións e Embargos o Protocolo de servicio para a coordinación, conexión e interrelación dos xulgados, tribunais e os servicios comúns de actos de comunicación e execución, aprobado a través da Instrucción nº 2/2001, do 9 de maio do Consello Xeral do Poder Xudicial.

Tercero.-No Servicio Común de Notificacións e Embargos prestará servicios o persoal ó servicio da Administración de Xustiza segundo o cadro de persoal establecido para o dito servicio por acordo do Ministerio de Xustiza do 7 de novembro de 2001.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2003.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA