DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Martes, 13 de xaneiro de 2004 Páx. 498

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 31 de decembro de 2003 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións ás federacións deportivas galegas para o ano 2004.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, co fin de que as federacións deportivas galegas poidan levar adiante o seu labor de promoción e desenvolvemento deportivo, regula o réxime de concesión de subvencións con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.355-A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004. Sen embargo, co fin de facer efectivo o principio de coordinación e cooperación entre as distintas administracións públicas, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado poderá asinar con estas convenios de cooperación dirixidos a ampliar, dentro dos seus respectivos ámbitos territoriais, as dotacións económicas asignadas a determinados programas incluídos nesta orde. A necesidade de evita-la paralización destas actividades nos primeiros meses do ano, período de maior traballo da tempada deportiva, obriga a tramitar esta orde como expediente anticipado de gasto. Con este fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e créditos.

As subvencións que se regulan ó abeiro desta orde irán destinadas ó fomento da actividade deportiva federada e doutras actividades de especial transcendencia social que contribúan á promoción deportiva no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e atenderanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.355-A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, ata un máximo de cinco millóns de euros (5.000.000 A).

Este crédito poderá variarse en función das solicitudes presentadas, sen que en ningún caso supere os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, no referido concepto.

Os créditos referidos neste artigo poderán ser incrementados con achegas económicas destinadas por outras institucións públicas para apoiar calquera dos programas que regula esta orde e que sexan resultado de convenios que se formalicen con cada unha delas.

As axudas concedidas ó abeiro desta orde poderán ser concorrentes con outras axudas ou subvencións doutras administracións ou entes públicos ou privados.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar subvencións ó abeiro desta orde as federacións deportivas galegas inscritas no Rexis

tro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia, da Dirección Xeral para o Deporte, para os programas que se recollen no artigo 3º desta orde.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado poderá suscribir convenios coas entidades subvencionadas nos que se recollan as condicións das subvencións outorgadas, así como as obrigas ás que se comprometen.

Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes formalizaranse no impreso oficial, segundo o modelo que se xunta a esta orde como anexo I. Achegarase tamén a seguinte documentación:

a) Proxecto de actividade por programas:

Programa I.-Gastos xerais.

1.1. Gastos de persoal detallado por funcións.

1.2. Gastos en bens correntes e servicios.

Programa II.-Actividade ordinaria.

2.1. Convocatoria e organización de competicións oficiais por categorías.

2.2. Participación en competicións ou actividades nacionais (seleccións galegas, campionatos ou actividades nacionais e internacionais).

Programa III.-Docencia.

3.1. Cursos de técnicos deportivos, cursos de árbitros, outras actividades (seminarios, xornadas técnicas, etc).

Programa IV.-Tecnificación.

4.1. Proxecto detallado do programa que se vai desenvolver (obxectivos, deportistas que participan, método de detección de talentos, cualificación dos técnicos, programa de traballo, e sistema de avaliación).

Programa V.-Programa de axudas a clubs.

5.1. Número de entidades afiliadas, equipos e licencias desagregados por categorías.

5.2. Proposta de baremo de repartición.

5.3. Proposta de axudas por club.

Programa VI.-Outros proxectos de especial relevancia.

6.1. Organización de grandes eventos.

6.2. Plan de mellora en materia de xestión federativa

6.3. Outros proxectos.

b) Proxecto xeral de orzamentos de gastos e ingresos totais da federación:

-Balance do estado económico da federación. Patrimonio do que dispón (locais, instalacións deportivas, bens e equipamentos).

-Proxecto de orzamento de gastos da federación desagregado por programas e epígrafes para o exercicio 2004.

-Proxecto de orzamento de ingresos da federación desagregado por programas.

-Distribución territorial do gasto asignado ás delegacións, se é o caso.

c) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, doutras institucións ou administracións públicas.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, nos rexistros das súas delegacións provinciais, no rexistro da Dirección Xeral para o Deporte (Estadio Multiusos de San Lázaro, s/n., 15781, Santiago de Compostela), ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes rematará ós corenta días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Comisión avaliadora.

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado convocará a comisión avaliadora encargada de xulgalas, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: director xeral para o Deporte, ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-O xefe de Servicio de Coordenación Deportiva.

-Os xefes do Servicio de Deportes das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

-3 técnicos da Dirección Xeral para o Deporte.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral para o Deporte.

Así mesmo, para aqueles programas nos que outras administracións públicas participen mediante convenios de cooperación, e exclusivamente no que respecte a eses programas e os seus correspondentes ámbitos territoriais, formarán parte desta comisión avaliadora dous representantes designados por cada unha daquelas.

Unha vez estudiadas pola comisión avaliadora as documentacións dos solicitantes, a Dirección Xeral para o Deporte da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado poderá presentarlles ás distintas entidades os reparos ou obxeccións que crea necesarios para axustalas ós obxectivos desta orde, co fin de que se realicen as oportunas correccións nun prazo de dez días hábiles a partir da data de notificación. Se así non se fixese, terase por desistida a súa petición, logo de resolución, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Criterios de concesión para as subvencións.

Para a elaboración da proposta de concesión das subvencións a comisión avaliadora terá en conta os seguintes criterios:

a) De carácter xeral.

-Estructura da federación; adecuación desta á realidade da modalidade deportiva.

-Orzamento global da federación.

-Capacidade de xerar recursos externos.

-Subvencións acadadas doutras institucións.

-Viabilidade económica actual; nivel de endebedamento.

-Nivel de realización dos programas subvencionados nos exercicios anteriores.

-Natureza da modalidade deportiva.

b) Para o proxecto de actividades.

Programa I.-Gastos xerais.

1.1. Avaliación do custo de mantemento da estructura federativa.

1.2. Vertebración territorial.

1.3. Porcentaxe da subvención que se dedica á actividade e ó sostenemento da estructura.

1.4. Nivel xustificativo da asignación definitiva das axudas percibidas nos últimos exercicios. Memoria xustificativa estructurada das actividades subvencionadas.

Programa II.-Actividade ordinaria.

2.1. Nivel e número de participantes nas distintas competicións e actividades; accións para amplia-la base de practicantes.

2.2. Posto que ocupa a federación no contexto autonómico e nacional, número de licencias, número de clubs de categoría nacional e número total de clubs afiliados á federación.

2.3. Postos acadados polas seleccións autonómicas.

Programa III.-Docencia.

3.1. Número e nivel dos cursos que se van realizar (de técnicos e árbitros).

3.2. Relevancia das actividades que se van realizar.

Programa IV.-Tecnificación.

4.1. Obxectivos a curto e medio prazo

4.2. Planificación e programa de traballo.

4.3. Cualificación dos técnicos.

4.4. Criterios e proceso de detección e selección de talentos.

4.5. Nivel dos deportistas.

4.6. Análise, cumprimento e resultados de programas subvencionados en anteriores exercicios.

Programa V.-Programa de axudas a clubs.

5.1. Relevancia e nivel deportivo das competicións nas que participen os clubs.

5.2. Adecuación do baremo ó fomento da modalidade deportiva.

Programa VI.-Outros proxectos de especial relevancia.

6.1. Interese e relevancia dos proxectos que se presenten.

A proposta de concesión das subvencións realizarase en concorrencia competitiva entre as solicitudes, priorizando as que se adecuen ós obxectivos dos plans xerais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Artigo 7º.-Resolución e comunicación

A comisión avaliadora, a través do seu presidente, elevará proposta á conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado para a resolución definitiva das subvencións.

Non obstante, a comisión avaliadora, á vista da documentación presentada e ante a súa complexidade, poderá elevar propostas de resolución por programas e, dentro destes, por ámbitos territoriais, co

fin de lles dar cumprimento ós convenios ós que se refire o artigo 1º desta orde.

A resolución das subvencións seralles notificada ós solicitantes nun período de catro meses, contado desde o día seguinte ó da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberase entender desestimada a petición correspondente.

As resolucións das axudas poderán ser modificadas no caso de que resulten alteradas as condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, logo da instrucción do correspondente expediente e trala audiencia ó interesado.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Caberá interpoñer recurso potestativo de reposición de acordo cos artigos 116 e 117 da devandita lei.

O recurso contencioso-administrativo rexerase pola Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa; poderá interpoñerse no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da resolución ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación e aboamento das subvencións.

As federacións deportivas galegas, unha vez que sexan resoltas as subvencións que lles correspondan, poderán recibir, en concepto de anticipo de pagamento, o dez por cento da contía outorgada. A aplicación deste anticipo xustificarase posteriormente mediante certificación expedida polo secretario da federación, co visto e prace do seu presidente, en que se especificarán os perceptores, co seu número de CIF ou NIF, a contía e o motivo do gasto realizado por programas, segundo o proxecto aprobado, e irá acompañada das facturas orixinais do gasto incorrido.

As federacións deportivas galegas, unha vez percibido o devandito anticipo, poderán tramitar pagamentos parciais ata completa-lo oitenta por cento da subvención, ou proceder á liquidación total da subvención.

Para a percepción dos pagamentos parciais, os beneficiarios deberán presentar:

1. Unha certificación expedida polo seu secretario, co visto e prace do presidente, na que se faga consta-lo importe do pagamento que solicita, coa relación detallada do gasto realizado por programas, segundo o proxecto aprobado, e as facturas orixinais do gasto incorrido.

Para a percepción do resto da subvención, unha vez rematada a actividade e, en todo caso, antes do 30 de novembro de 2004, os beneficiarios presentarán:

1. Unha memoria formalmente estructurada por programas (relación de actividades, datas, compoñentes, técnicos, etc.), na que se relacionen as actividades realizadas de acordo co proxecto subvencionado.

2. Certificación expedida polo secretario da federación, co visto e prace do seu presidente, na que se faga consta-la aplicación definitiva dos fondos. Na certificación especificaranse os perceptores, co número de CIF ou NIF, contía e motivo do gasto.

3. Facturas orixinais do gasto incorrido segundo a certificación do secretario da federación.

4. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º.-Obrigas das entidades ás que se concede subvención.

As entidades ás que se lles concede a subvención teñen as seguintes obrigas:

a) Comunicarlle á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado a obtención de subvencións ou axudas para as mesmas finalidades, procedentes de calquera Administración ou de entes públicos.

b) Non modifica-lo programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

c) Facilitarlle á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Dirección Xeral para o Deporte, a comprobación e o control das actividades que se subvencionan con cargo a esta orde. Ademais, a consellería poderá encarga-la realización de auditorías ou de verificacións contables ás entidades receptoras de subvencións, con aviso previo de quince días hábiles antes da data da realización.

Así mesmo, os beneficiarios de subvención quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na lexislación do Consello de Contas ou do Tribunal de Contas.

d) Facer constar en toda a publicidade xerada polas actividades obxecto da axuda que se recibiu subvención da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Dirección Xeral para o Deporte, utilizando para iso a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 10º.-Incumprimentos.

En caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado poderá anula-la subvención concedida, logo da audiencia do interesado. Neste caso, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose anulada, de acordo co réxime previsto no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro).

Artigo 11º

Nos aspectos non contidos nesta orde haberá que aterse ó disposto no artigo 78º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro), e na demais normativa vixente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os créditos que amparan esta orde figuran no programa 355-A., fomento da actividade deportiva, do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Segunda.-A suma dos créditos empregados para atender esta orde, non poderá exceder dos créditos consignados na aplicación orzamentaria 14.04.355-A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Os créditos referidos nesta orde poderán ser incrementados con achegas económicas destinadas por outras institucións públicas para apoiar calquera dos programas que regula esta e que sexan resultado de convenios que se formalicen con cada unha delas.

Terceira.-A teor do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, sobre a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, a resolución desta liña de subvencións non será notificada ata que non resulten aprobados os créditos adecuados e suficientes que amparen o correspondente gasto, con cargo ós orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral para o Deporte para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o mellor desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude,

Deporte e Voluntariado