DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 2004 Páx. 419

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 3/2004, do 8 de xaneiro, polo que se declara o ano 2004 ano de Xaquín Lorenzo Fernández.

A Real Academia Galega decidiu dedica-lo Día das Letras Galegas do ano 2004 a Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas, eminente etnógrafo galego.

Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, dirixiu o Museo Etnográfico de Ourense e foi presidente do Museo do Pobo Galego, ó que lle doou a súa biblioteca. Pertencente á vella escola do galeguismo culturalista, dedicou boa parte da súa vida á docencia.

Froito de numerosos traballos de campo, deixounos constancia nas súas publicacións dos trazos materiais e sociais da identidade galega que comezaban a desaparecer. Neste sentido publicou moitos e moi salientables artigos sobre etnografía, arqueoloxía e historia na revista Nós e no Boletín da Real Academia Galega. Destaca entre as obras a súa Etnografía. Cultura Material, segundo volume da Historia de Galiza (Bos Aires, 1962).

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xaneiro do dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase o ano 2004 en Galicia ano de Xaquín Lorenzo Fernández, polo que debe constituír unha obriga para tódolos galegos participar na homenaxe debida a este insigne persoeiro da nosa historia.

Artigo 2º

As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a poñer de relevo a obra deste investigador e estudioso que tanto fixo pola cultura galega.

Artigo 3º

Como testemuño da homenaxe a Xaquín Lorenzo Fernández a Xunta de Galicia acuñará unha imaxe conmemorativa de trescentos exemplares numerados.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xaneiro do dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo