DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 2004 Páx. 357

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 29 de decembro de 2003 pola que se convocan as axudas para o ano 2004 correspondentes ós programas sectoriais de recursos naturais, tecnoloxías para a innovación e servicios ó cidadán do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica e se actualizan as bases correspondentes aprobadas polas ordes do 22 e do 29 de abril de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 30 de abril, do 13 e do 15 de maio).

As ordes da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 22 e do 29 de abril de 2002 (DOG do 30 de abril, do 13 e do 15 de maio), aprobaron as bases polas que se rexen as axudas correspondentes ás accións dos programas sectoriais de recursos naturais, tecnoloxías para a innovación e servicios ó cidadán do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. Na disposición décimo cuarta destas ordes, establécese que as ditas bases teñen vixencia ata a finalización do PGIDIT 2002-2005, e que anualmente a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública procederá a publicar unha resolución que especificará o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados a estas, así como aqueles aspectos que se considere necesario actualizar na convocatoria anual.

Conforme o disposto na disposición adicional terceira do Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos, as referencias que a normativa vixente en materia de investigación e desenvolvemento realiza á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento entenderanse efectuadas á Consellería de Innovación, Industria e Comercio e á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento respectivamente.

Na súa virtude, e polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Establecer como prazo de presentación de solicitudes para as axudas correspondentes ás accións dos programas sectoriais de recursos naturais, tecnoloxías para a innovación e servicios ó cidadán do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, exercicio 2004, o período de 40 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG, asignándose a cada unha delas os créditos que a continuación se especifican, se ben todos eles poderán incrementarse en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos:

Segundo.-Co fin de contribuír a palia-las consecuencias do accidente do buque Prestige, terán interese prioritario, sempre que reúnan as condicións de calidade requiridas, os proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica dos programas de recursos mariños (anexo II) e biodiversidade e recursos forestais (anexo III) que aborden aspectos relacionados con aquel.

Terceiro.- As bases polas que se rexerán estas axudas son as recollidas nas ordes do 22 e do 29 de abril de 2002 e publicadas no DOG do 30 de abril, do 13 e do 15 de maio coas modificacións que de seguido se indican:

1. Modifícase a disposición primeira que quedará redactada como segue:

«Primeiro.- Modalidades de axuda e ámbito temporal.

Anualmente convocaranse en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva as axudas que a continuación se indican, como instrumentos ordinarios dos programas sectoriais:

1. Proxectos de investigación aplicada que vaian realizar grupos de investigación consolidados e de excelencia en universidades, organismos públicos de investigación e centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Proxectos de investigación de centros tecnolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Proxectos de investigación industrial de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro.

4. Proxectos de innovación tecnolóxica, desenvolvemento precompetitivo ou proxectos de demostración de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro.

5. Dotación de laboratorios e departamentos de I+D de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro.

As axudas dos puntos 3, 4 e 5, anteriormente citados, enmárcanse no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Como anexos I, II, III, IV,V, VI, VII, VIII, IX, X, XI, XII e XIII a esta orde recóllense as prioridades dos trece programas que integran os tres programas sectoriais:

Programa sectorial de recursos naturais:

-I. Recursos agropecuarios.

-II. Recursos mariños.

-III. Biodiversidade e recursos forestais.

-IV. Recursos enerxéticos e mineiros.

Programa sectorial de tecnoloxías para a innovación:

-V. Biotecnoloxía e tecnoloxías farmacéutica e de ciencias da saúde.

-VI. Tecnoloxías da alimentación.

-VII. Tecnoloxías dos materiais.

-VIII. Tecnoloxías da construcción e conservación do patrimonio.

-IX. Tecnoloxías da información e das comunicacións.

-X. Tecnoloxías ambientais.

-XI. Tecnoloxías de deseño e producción industrial.

Programa sectorial de servicios ó cidadán:

-XII. Ciencias sociais.

-XIII. Sociedade da información.

Estas axudas concédense para a realización de proxectos que se inicien no ano da convocatoria e que teñan unha duración máxima de tres anos, contados desde a data de concesión. Admitiranse custos do proxecto incorridos desde o 1 de xaneiro do ano de concesión da axuda.».

2. Modifícase no punto 1 da disposición segunda o seguinte:

-O parágrafo segundo do punto 1 que queda redactado como segue:

«Para os efectos dos conceptos de grupo consolidado e de excelencia son de aplicación tódalas definicións e criterios recollidos no artigo 2 da Orde do 1 de abril de 2002 publicada no DOG nº 69, do 10 de abril, tendo en conta as modificacións recollidas na Orde do 11 de decembro de 2003 publicada no DOG do 19 de decembro de 2003».

-O parágrafo relativo ó número de proxectos que un mesmo grupo pode ter vixente queda redactado como segue:

«Ningún grupo, e polo tanto cada un dos seus membros poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de promoción xeral da investigación do Plan Galego, pero si poderá simultanear un proxecto do programa de promoción xeral de investigación con proxectos doutros programas do plan, sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente para cada un dos membros do equipo.

Exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do programa marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional e do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico que rematen o mesmo ano no que se solicita o proxecto, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico».

3. Engádese un novo parágrafo ó final do punto 2 da disposición segunda, co seguinte contido:

«Co fin de favorece-la cooperación entre os distintos centros tecnolóxicos da Comunidade Autónoma de Galicia ou con organismos públicos de investigación, poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de centros ou organismos con capacidades complementarias con relación ó proxecto. Neste caso unha das entidades terá a consideración de líder do proxecto, pero cada unha das entidades participantes deberá cubri-lo seu impreso de solicitude indicando que forma parte dun proxecto coordinado e cál será a súa contribución a este. Non obstante, o proxecto será avaliado no seu conxunto aínda que cada entidade deberá tamén achega-la súa xustificación de forma separada e recibirá directamente a axuda que corresponde á súa parte do proxecto. O incumprimento dun dos socios considerarase incumprimento do total do proxecto».

4. Modifícase o punto 3 da disposición segunda que quedará redactado como segue:

«3. Empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro:

Deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Teren o seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Realizaren a actividade obxecto da axuda no ámbito territorial de Galicia.

c) Estaren ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

d) Non teren contraída débeda coa Xunta de Galicia.

e) Posuíren personalidade xurídica propia e suficiente capacidade de obrar e non estaren inhabilitadas para a obtención de subvención pública ou para contrataren co Estado, as comunidades autónomas e outros entes públicos.

f) Os demais esixibles en virtude de normas de dereito preciso».

5. Modifícase a disposición terceira que quedará redactada como segue:

«Terceiro.-Contía das axudas e conceptos subvencionables.

-Para os proxectos de investigación que vaian realizar grupos de investigación consolidados e de excelencia a contía máxima da axuda ascenderá a 100.000 euros e 170.000 euros, respectivamente. No caso de proxectos de investigación de centros tecnolóxicos non se establece límite. En xeral, as axudas solicitadas polos grupos consolidados, os grupos de excelencia e polos centros tecnolóxicos deberán referirse a algún dos conceptos seguintes:

1. Persoal contratado especificamente para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. Estes contratos serán incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. A contratación nos organismos públicos e centros tecnolóxicos públicos

realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade. Excepcionalmente e unicamente para o caso de estranxeiros que non teñan homologado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deportes o correspondente título superior, admitirase, durante un período máximo de dous anos, a substitución do contrato por unha bolsa.

O importe máximo por este concepto será de 60.000 euros para proxectos de tres anos, 40.000 euros para proxectos de dous anos e 20.000 euros para proxectos dun ano.

2. No caso dos centros tecnolóxicos, custo do persoal técnico do centro, que non estea financiado con fondos públicos e que deberá ser especificado no proxecto. A contía máxima será de ata o 60% do custo total do proxecto.

3. Material inventariable indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificado. O material inventariable adquirido con cargo a estas axudas será propiedade do organismo ó que pertence o investigador responsable do proxecto.

4. Material funxible debidamente xustificado.

5. Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

6. Outros gastos (especificaranse no modelo de solicitude).

7. Custos indirectos: imputarase por este concepto un 10% do custo total do proxecto, co fin de resarci-lo correspondente organismo dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.

-Para os proxectos de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro, a contía das axudas terá as seguintes limitacións:

1. Proxectos de investigación industrial: ata un 70% do custo do proxecto.

Enténdese por investigación industrial a investigación planificada ou os estudios críticos que teñan por obxecto a adquisición de novos coñecementos que poidan resultar de utilidade para a creación de novos productos, procesos ou servicios ou contribuír a mellorar considerablemente os productos, procesos ou servicios existentes.

2. Proxectos de desenvolvemento precompetitivo: ata un 50% do custo do proxecto.

Enténdese por actividade de desenvolvemento precompetitivo a materialización dos resultados da investigación industrial nun plano, bosquexo ou deseño para productos, procesos ou servicios novos, modificados ou mellorados, destinados á súa venda ou á súa utilización, incluída a creación dun primeiro prototipo non comercializable. Pode abarcar tamén a formulación conceptual e o deseño doutros productos, procesos ou servicios.

3. Proxectos de innovación tecnolóxica: ata un 50% do custo do proxecto.

Enténdese por proxectos de innovación aquelas actividades que teñen por obxecto a obtención (producción) directa de novos productos ou procesos ou melloras substanciais coñecidas nos xa existentes.

4. Proxectos de demostración: ata o 40% do custo do proxecto.

Son proxectos destinados ó desenvolvemento de experiencias piloto ou demostracións para aplicacións industriais ou para a súa explotación comercial.

Os proxectos de demostración deberán estar apoiados por un proxecto de I+D anterior que fose obxecto de axudas e sexan precisos para a aplicación futura e próxima do resultado do proxecto.

As solicitudes destes proxectos poden incluí-los conceptos seguintes:

1. Custo de persoal técnico da empresa preciso para a realización do proxecto. O devandito persoal e a súa vinculación ó proxecto deberán quedar definidos na proposta. O seu custo non poderá supera-lo 60% do custo total do proxecto.

2. Custo do persoal adicional técnico-científico que contrate a empresa para a realización do proxecto e que no momento da contratación non teña vinculación laboral coa empresa nin a tivese nos dous últimos anos. Na solicitude deberá figura-lo perfil requirido para a persoa que se contrate. A subvención que se poderá conceder por este concepto ascende a un máximo de 60.000 euros para proxectos de tres anos, 40.000 euros para proxectos de dous anos e 20.000 euros para proxectos dun ano. O custo desta contratación non se acumulará á porcentaxe mencionada no punto anterior.

Nos conceptos sinalados nos puntos 1 e 2, non se admiten custos de persoal financiados con fondos europeos.

Os proxectos de investigación empresarial ós que se refire esta orde poderán incluí-la contratación laboral de mozos titulados universitarios e de formación profesional de 2º grao ou ciclo superior. As devanditas contratacións poderán concorrer ós incentivos dos programas de fomento dos contratos en prácticas e para innovación tecnolóxica que, se é o caso, convoque a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

3. Custo de adquisición (non se admitirán custos de utilización nin amortizacións) de equipos e instrumental precisos para a realización do proxecto, na medida en que se dediquen ó proxecto en cuestión, e que estean debidamente xustificados. Admitiranse os alugueres de equipos só en casos específicos e debidamente razoados. O seu custo non poderá supera-lo 60% do custo total do proxecto.

4. Custo de servicios tecnolóxicos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, debidamente xustificados.

Entenderase por servicio tecnolóxico aquela actividade de tipo técnico, diferente á investigación, que deba ser puntualmente prestada por unha entidade externa para que o proxecto obxecto da axuda poida ser desenvolvido.

5. Gastos de adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.

6. Gastos de viaxes relacionados coa execución do proxecto. Será preciso explica-la necesidade da viaxe para a correcta execución do proxecto. Este concepto non poderá supera-lo 10% do custo total do proxecto.

7. Gastos de protección dos resultados do proxecto.

8. Custo de colaboracións externas con universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos, ou outras empresas, precisas para o proxecto e específicas para o seu desenvolvemento, debidamente pormenorizadas e xustificadas. A devandita colaboración externa deberá estar recollida nun contrato ou noutra forma de acordo escrito. O custo da colaboración poderá incluír calquera dos conceptos sinalados nos puntos anteriores, tendo en conta as limitacións porcentuais establecidas para cada un deles. Neste caso, as limitacións referiranse ó custo total da colaboración externa, que en casos excepcionais debidamente xustificados, poderán ser superadas.

-Axudas a empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro para dotación de laboratorios e departamentos de I+D.

Estas axudas poderán alcanzar como máximo o 70% do custo total do investimento que se vai realizar. As axudas poderán referirse a:

1. Custo de adquisición de equipos para investigación. Xuntaranse á solicitude tres orzamentos dos equipos correspondentes.

2. Instalacións e acondicionamentos imprescindibles para o funcionamento dos equipos adquiridos.

3. Custo de consumibles relacionados coa posta en marcha do laboratorio ou departamento de I+D sempre que non superen o 5% do investimento que se vai realizar.

Para este tipo de axudas será imprescindible que a empresa ou agrupación de empresas ou asociación sen ánimo de lucro teña recursos humanos dedicados a I+D e deberá xustificar qué actividades e proxectos se van levar a cabo. Terán prioridade aquelas empresas ou agrupacións de empresas ou asociacións sen ánimo de lucro que teñan realizado proxectos de I+D+I con anterioridade.».

6. Na disposición cuarta, modifícanse os puntos 1 e 5 relativos á documentación que han de achega-las empresas, que quedan redactados do seguinte xeito:

«1. Copia compulsada do CIF da empresa solicitante ou NIF no caso de empresario individual,

xustificante de alta na Seguridade Social, así como xustificante de estar dado de alta no imposto de actividades económicas (IAE) e ó corrente no seu pagamento, ou ben xustificación da correspondente exención.».

«5. No caso de proxectos con colaboración externa, achegarase copia do contrato de colaboración ou outra forma de acordo escrito, asinado polos representantes legais das partes contratantes ou, no seu defecto, unha carta de intencións asinada polo responsable do proxecto na empresa, agrupación de empresas ou asociación sen ánimo de lucro e o investigador principal do equipo de investigación da entidade que realizará ou colaborará no proxecto.».

7. Na disposición cuarta, engádese despois do punto 6, o seguinte parágrafo:

«As agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro e centros tecnolóxicos de carácter privado, achegarán, xunto a súa solicitude, os mesmos documentos que se lle requiren ás empresas».

8. Modifícase a disposición sexta, que quedará redactada como segue:

«Sexto. Avaliación e selección.

A valoración das solicitudes presentadas relativas a proxectos de investigación será realizada por expertos externos, designados polo director xeral de I+D. A selección das solicitudes e a determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección constituída por cinco membros designados polo director xeral de Investigación e Desenvolvemento: un deles actuará como presidente, outro como secretario e, se é o caso, dos tres vocais dous serán propostos pola consellería con competencia no ámbito sectorial ó que se refiren as axudas. Para a selección dos beneficiarios das axudas de investigación, teranse en conta os seguintes criterios:

-Para proxectos de grupos consolidados e de excelencia.

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos.

b) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

c) O interese, relevancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto para a resolución de problemas do sector.

d) A incidencia que na transferencia de tecnoloxía poidan te-los resultados do proxecto proposto a través de empresas ou ben directamente pola propia institución.

e) A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que forman o equipo en proxectos financiados anteriormente.

-Para proxectos de centros tecnolóxicos.

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos.

b) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

c) A incidencia que os resultados do proxecto proposto poidan ter na resolución de problemas do sector así como o interese para o sector productivo.

d) A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que forman o equipo en proxectos financiados anteriormente.

-Para proxectos de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro.

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos.

b) A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

c) A capacidade da empresa para a execución do proxecto.

d) A valoración dos resultados obtidos pola empresa en proxectos financiados anteriormente.

A comisión daralles prioridade ás solicitudes relativas a proxectos coordinados de calquera modalidade. Así mesmo, e no caso de proxectos de centros tecnolóxicos e proxectos de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro, a comisión poderá dar prioridade a aqueles proxectos que pola súa envergadura posúan un grande impacto económico e social e poidan ser considerados de interese estratéxico para o correspondente sector.

-Para dotación de laboratorios e departamentos de I+D de empresas:

a) A valoración científico-técnica realizada polos expertos.

b) Incremento da actividade de I+D das empresas ou asociacións derivado do uso previsto para os equipos solicitados.

c) Recursos humanos que a empresa dedica a I+D.

d) A valoración dos resultados obtidos pola empresa en proxectos financiados anteriormente».

9. Modifícase a disposición oitava, que quedará redactada como segue:

«Oitavo. Libramento da subvención.

-Proxectos de investigación de grupos consolidados e de excelencia de universidades, organismos públicos de investigación, centros públicos de investigación da Comunidade Autónoma e centros tecnolóxicos de carácter público:

A subvención será librada a través do organismo ou centro ó que pertenza o equipo investigador, con

forme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para poder proceder ó libramento dos fondos será preciso que a universidade, organismo ou centro correspondente expida, na data límite do 30 de setembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, a certificación expresiva da realización do gasto, acompañada dos informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese.

Para efectua-lo último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Proxectos de investigación de centros tecnolóxicos privados, de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro e dotacións de laboratorios e departamentos de I+D, de empresas, agrupacións de empresas e asociacións sen ánimo de lucro.

Para poder percibi-las axudas correspondentes, será preciso presentar, na data límite do 30 de setembro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os seguintes documentos:

a) Un resumo da execución da subvención no que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

b) Documentación acreditativa de realización do investimento ou gasto, que consistirá en orixinal e unha copia das facturas e dos seus correspondentes xustificantes de pagamento.

c) No caso dos custos de persoal, tanto técnico propio como adicional técnico-científico contratado, con destino específico ó proxecto, deberá achegarse:

-Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director da empresa, agrupación de empresas, asociación sen ánimo de lucro ou centro tecnolóxico, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ó proxecto que deberá incluí-los seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da S.S. e custo total imputado ó proxecto (Retribucións+S.S.) segundo a dedicación de cada traballador a este.

Poderanse requirir xustificantes de pagamento relativos ós datos que figuran na devandita certificación.

-Un parte de traballo no que figure a dedicación de cada persoa ó proxecto, que deberá recolle-las

horas de dedicación mensual ó proxecto e as sinaturas dos traballadores co visto e prace do investigador principal do proxecto e do responsable de persoal da empresa, agrupación de empresas, asociación sen ánimo de lucro ou centro tecnolóxico.

-Copia compulsada do contrato de traballo, no caso do persoal adicional técnico-científico contratado, con destino específico ó proxecto.

d) No caso de colaboracións con universidades, centros de investigación, centros tecnolóxicos ou outras empresas deberá achegarse copia compulsada do contrato ou acordo no que se estableza a devandita colaboración, asinado polos representantes legais das partes contratantes, se non fose presentado coa solicitude.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realiza-lo pagamento.

f) Certificación acreditativa de encontrarse ó día das obrigas tributarias coas facendas estatal e autonómica expedidas pola axencia tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de encontrarse ó día no pagamento das cotas da Seguridade Social.

Os solicitantes das axudas que se recollen na presente orde que non pertenzan a organismos públicos, poderán acudir individualmente á Axencia Española de Administración Tributaria (AEAT), á Consellería de Economía e Facenda e á Seguridade Social para solicitude dos certificados de estar ó corrente das obrigas tributarias estatais, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, ou formalizar debidamente asinada a autorización que figura nos modelos de solicitude para os efectos de que a Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento poida solicita-la dita información por vía informática.

g) No caso de proxectos plurianuais con importe superior a 30.050,61 euros, xustificante de depósito de aval bancario ou de entidade aseguradora depositado na Caixa de Depósitos da Xunta de Galicia, que deberá cubri-lo importe da correspondente anualidade xunto cos xuros deste calculados ó tipo de xuro legal do diñeiro, vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto.

h) Un resumo, en formato normalizado facilitado pola dirección xeral, no que se reflectirán de forma sucinta os datos de execución do proxecto.

i) Unha memoria, en formato libre, na que se detallará de forma máis extensa o desenvolvemento científico- técnico do proxecto así como os resultados parciais obtidos.

Tódolos datos incluídos nos dous documentos anteriores, excepto cando explicitamente se indique que

formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.

j) Para efectua-lo último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade».

10. Engádense dous novos parágrafos ó final da disposición novena, co seguinte contido:

«As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das que poida conceder esta consellería para o mesmo proxecto.

Polo demais estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto. Non obstante, nos casos de empresas, o conxunto das axudas acadadas non poderán exceder, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o investimento subvencionable, agás nos casos das Pemes, no que poderá acadarse ata o 55%.».

Cuarto.-Suprímese o derradeiro parágrafo da disposición décimo segunda.

Quinto.-Os modelos oficiais de solicitudes, dos que as follas externas se publican como anexos á presente disposición (do anexo XIV ó anexo LXV), estarán ó dispor dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, e na Internet nos enderezos: http://www.dxid.org, http://www.cesga.es/dxid.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

ANEXO I

Recursos agropecuarios (RAG)

Este programa ten como finalidade potencia-las actividades de I+D+I nos sectores agrario e gandeiro. Neste sentido son de interese aqueles proxectos que persigan a diversificación e a mellora da producción nos sectores agrario e gandeiro, mediante

a incorporación de novas especies atendendo á demanda de novos productos, ou mellorando a calidade de especies que xa se producen. Estas melloras poden derivar da utilización de técnicas de producción máis avanzadas, de novos ínputs (por exemplo fertilizantes, forraxes), dos avances na xenética das especies e da mellora das condicións sanitarias da producción animal e agraria (por exemplo, novos métodos de diagnóstico e tratamento de patoloxías). Pode tamén orientarse a proxectos de I+D+I relacionados co control do impacto ambiental o coa mellora da organización productiva, e da comercialización, todo isto sen perde-las características do medio rural galego e a seguridade alimentaria en procesos e productos.

ANEXO II

Recursos mariños (RMA)

Este programa persegue a utilización óptima dos recursos mariños, incluíndo a determinación das bases técnicas da xestión, actuando sobre dúas áreas fundamentais, a pesca e a acuicultura. En canto á pesca, son de interese aqueles proxectos relacionados coa mellora da productividade pesqueira, sobre todo o coñecemento do medio mariño (por exemplo, estudio de caladoiros ou dos fondos mariños), os procesos de captura (por exemplo tecnoloxías de detección, novos aparellos, sistemas de pesca selectiva, sistemas de seguridade a bordo), así como os procesos de conservación (por exemplo, procesos de elaboración, optimización do despezamento, aumento de valor engadido). En canto á acuicultura son de interese os proxectos relacionados co coñecemento das especies mariñas, (procesos de reproducción, cría e engorde, cultivo de novas especies ou mellora das actuais), coa caracterización do medio e a adaptación de novas especies ó medio galego coa finalidade de diversifica-la producción, así como

todos aqueles proxectos relacionados coa xenómica e a proteómica de especies mariñas.

Tamén se consideran de interese aqueles proxectos relacionados coas consecuencias do accidente do Prestige. Neste caso, excepcionalmente e polo seu interese estratéxico, poderán admitirse proxectos solicitados por grupos de investigación que non cumpran algún dos requisitos establecidos na disposición segunda relativa á composición do grupo.

ANEXO III

Biodiversidade e recursos forestais (RFO)

A finalidade deste programa é, por un lado, potencia-los aspectos relacionados coa conservación da biodiversidade dun xeito xenérico mediante traballos de restauración, con especial interese sobre as especies raras existentes en Galicia en perigo de extinción, proxectos de investigación relacionados coa análise da riqueza biolóxica dos espacios naturais

galegos, en especial os incluídos na Rede Natura 2000 e proxectos de investigación sobre as actividades humanas e invasións na biodiversidade.

Este programa tamén ten como finalidade potencia-los recursos forestais de Galicia e a súa mellor utilización. Son de interese os proxectos de mellora da sanidade forestal (por exemplo, investigación sobre pragas e enfermidades, modelos de loita contra pragas, técnicas preventivas de danos, material vexetal de reproducción resistente a enfermidades e pragas) e de técnicas de xestión forestal (por exemplo, modelos de crecemento e táboas de producción de especies galegas, tratamentos culturais máis axeitados ás especies galegas, rexeneración de bosques autóctonos). Tamén teñen interese os proxectos de investigación orientados á diversificación da producción para evita-la excesiva dependencia de certas especies (por exemplo, mellora xenética de especies autóctonas e de especies autóctonas utilizadas para a repoboación, mellora das técnicas de producción de plantas forestais en viveiro e de repoboación). Ademais son de interese os proxectos relacionados coas produccións complementarias

do monte (producción micolóxica, froitos de árbores forestais, plantas medicinais e aromáticas, pastos, etc.) e incendios forestais (por exemplo, investigación sobre devasas, especies pirofitas e ignífugas, retardantes da ignición, efectos ecolóxicos dos incendios).

Así mesmo, recolleranse proxectos relacionados cos efectos e impactos do cambio climático sobre os recursos naturais.

Tamén se consideran de interese aqueles proxectos relacionados coas consecuencias do accidente do Prestige. Neste caso, excepcionalmente e polo seu interese estratéxico, poderán admitirse proxectos solicitados por grupos de investigación que non cumpran algún dos requisitos establecidos na disposición segunda relativa á composición do grupo.

ANEXO IV

Recursos enerxéticos e mineiros (REM)

A finalidade deste programa é potencia-la mellora na utilización dos recursos enerxéticos e mineiros. No tocante ós recursos enerxéticos, son de interese os proxectos relativos á producción de enerxías fósiles mediante sistemas máis limpos e eficientes. Teñen grande importancia os proxectos relacionados coa avaliación de recursos de enerxías renovables, investigación e desenvolvemento de bioenerxías, mellora de compoñentes e sistemas fotovoltaicos, mellora dos sistemas de xeración de enerxía eólica e mellora da enerxía minihidráulica. En relación cos recursos mineiros o interese céntrase en proxectos relacionados coa mellora nos procesos de localización, extracción e elaboración de materias primas, fundamentalmente granito e lousa.

ANEXO V

Biotecnoloxía e tecnoloxías farmacéutica

e de ciencias da saúde (BTF)

Este programa ten por finalidade apoiar actuacións arredor da biotecnoloxía para favorece-la súa aplicación tanto nos sectores primarios (agricultura, gandería, recursos mariños) como en sectores industriais (alimentación, medio natural, farmacia). Son de interese os proxectos de investigación baseados na utilización da xenómica e da proteómica para a resolución de problemas noutros sectores. Como exemplo cabe cita-la mellora xenética de especies acuícolas así como o desenvolvemento de técnicas moleculares para diagnóstico de enfermidades e a producción de vacinas útiles para a acuicultura. En relación coa saúde humana e animal son de interese os proxectos de farmacoxenómica e biotecnoloxía da reproducción e diagnóstico xenético. A aplicación a especies vexetais concrétase en proxectos de mellora xenética de plantas de interese agrario ou forestal. En relación coa tecnoloxía dos alimentos e do medio, son interesantes os proxectos de mellora xenética de bacterias ácido-lácticas e de

microorganismos para a obtención de ingredientes, aditivos e moléculas bioactivas, novas técnicas de análise de calidade e seguridade alimentaria así como a aplicación da biotecnoloxía a procesos de biodegradación e biorremediación. Este programa apoia tamén actuacións relacionadas coa tecnoloxía farmacéutica, mesmo aquelas que non están directamente ligadas á biotecnoloxía. En relación coas ciencias da saúde, son de interese aqueles proxectos de investigación en tecnoloxías sanitarias, seguridade alimentaria e outros relacionados con problemas asociados á poboación galega tales como envellecemento ou nutrición, así como as investigacións relacionadas coas enfermidades de maior morbimortalidade (cardiovasculares, cancro, enfermidades neurodexenerativas, neuropsiquiátricas, enfermidades crónicas, enfermidades infecciosas, etc.) e outras enfermidades e procesos de interese como as encefalopatías, enfermidades raras, etc. Os proxectos relacionados coa incorporación de novas tecnoloxías

á sanidade incluiranse no programa de sociedade da información e os relativos a estudios sociosanitarios terán cabida no programa de ciencias sociais.

ANEXO VI

Tecnoloxías da alimentación (TAL)

O obxectivo deste programa é favorece-lo desenvolvemento do sector da alimentación en xeral, utilizando a I+D+I como vía para mellora-la calidade e a variedade da súa oferta. Con carácter xeral, son de interese os proxectos que teñan por finalidade a diversificación e diferenciación na oferta, novas formas de presentación así como a mellora da cali

dade, salubridade e conservación dos alimentos. Merecen especial atención os proxectos relacionados con productos de especial presencia en Galicia como o leite e os seus derivados, o viño, a carne e as conservas. Para estes subsectores son de especial interese, como exemplo, os proxectos orientados ó desenvolvemento de novos productos, a caracterización de productos tradicionais e de materias primas, o aproveitamento de subproductos, a optimización de procesos de conservación, a avaliación da calidade microbiolóxica do producto final, a automatización e a robotización de procesos de producción.

Tamén se consideran de interese aqueles proxectos relacionados coas consecuencias do accidente do Prestige. Neste caso, excepcionalmente e polo seu interese estratéxico, poderán admitirse proxectos solicitados por grupos de investigación que non cumpran algún dos requisitos establecidos na disposición segunda relativa á composición do grupo.

ANEXO VII

Tecnoloxías ambientais (TAM)

Este programa ten por finalidade favorece-la incorporación a tódolos sectores productivos de procesos máis limpos e respectuosos co medio. Por iso, son de interese proxectos de investigación e desenvolvemento relacionados coa incorporación de tecnoloxías limpas ó proceso productivo (por exemplo, uso eficiente da enerxía, alternativas ó uso de substancias químicas disolventes, desenvolvemento de plásticos e envoltorios biodegradables, monitoriza-lo uso de enerxía e a producción de residuos). Tamén son de interese os proxectos relacionados co tratamento de residuos (por exemplo, afondar no coñecemento dos procesos para o tratamento de residuos, eliminación de substancias contaminantes nas augas de uso industrial, tratamento e valorización de residuos orgánicos urbanos e industriais, novos métodos para recuperar augas e solos, uso das TIC para caracterizar residuos) e coa reducción de emisións atmosféricas (por exemplo, reducir e eliminar emisións de diversos gases, de partículas e de

olores, investigación sobre a contaminación electromagnética, acústica e lumínica).

Tamén se consideran de interese aqueles proxectos relacionados coas consecuencias do accidente do Prestige. Neste caso, excepcionalmente e polo seu interese estratéxico, poderán admitirse proxectos solicitados por grupos de investigación que non cumpran algún dos requisitos establecidos na disposición segunda relativa á composición do grupo.

ANEXO VIII

Tecnoloxías dos materiais (TMT)

A finalidade deste programa é potencia-la investigación en relación cos novos materiais, co obxectivo

último de atende-las necesidades doutros sectores productivos nos que estas tecnoloxías teñen gran relevancia. Os proxectos de interese para este programa refírense á mellora e desenvolvemento de materiais cerámicos (por exemplo, desenvolvemento de cerámicas funcionais, recubrimentos cerámicos, novos tipos de tellas e tellados, biomateriais cerámicos e cementos para cirurxía reconstructiva); proxectos de desenvolvemento e mellora de polímeros e materiais compostos (por exemplo, desenvolvemento de materiais compostos para estructuras reforzadas, novas fibras poliméricas, illantes térmicos, acústicos e ignífugos) e proxectos relacionados cos materiais metálicos no tocante á súa resistencia e vida útil e outras propiedades que lle confiren maior valor engadido (por exemplo avances cara á purificación de metais e no desenvolvemento de aliaxes especiais, técnicas contra a corrosión de metais, aliaxes lixeiras, etc.).

ANEXO IX

Tecnoloxías da construcción e conservación

do patrimonio (CCP)

Este programa ten un dobre obxectivo, por un lado pretende dota-lo sector da construcción de novas solucións baseadas no uso de tecnoloxías avanzadas. Por outro lado trátase de mellora-la conservación do patrimonio mediante o desenvolvemento de técnicas, procedentes da construcción ou doutras áreas, que supoñan unha mellora significativa respecto das utilizadas na actualidade. En canto á construcción, este programa diríxese, por exemplo, a proxectos orientados a minimiza-lo consumo enerxético das construccións, optimiza-la calidade da construcción e maximiza-la súa vida útil, uso de novos materiais e novos tipos de construcción, métodos para a avaliación do estado de estructuras, sistemas constructivos que faciliten o mantemento e a substitución. No que respecta á conservación do patrimonio, son de interese os proxectos que melloren as tecnoloxías de restauración, os de inventario e estudio de elementos históricos, artísticos e arqueolóxicos e os proxectos de busca de novas fórmulas

para rendibilizar de modo sustentable o patrimonio cultural.

ANEXO X

Tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC)

Este programa ten como finalidade potencia-lo avance no sector das tecnoloxías da información e das comunicacións, pero tamén favorece-la incorporación de solucións innovadoras xeradas polo devandito sector ós demais sectores da economía galega. Son de interese para este programa os proxectos relacionados co desenvolvemento de novos equipos baseados nas tecnoloxías da información e as comunicacións para a súa aplicación nos sectores

empresariais, sociais ou para o uso cotián (pesca, transporte, automoción, audiovisual, teleensino, telemedicina, etc.), ou ben aqueles proxectos que se orienten a introducir melloras como a automatización na producción e miniaturización de compoñentes, aumento das posibilidades de interconexión entre equipos, aumento do tempo de autonomía de aparellos portátiles, novas posibilidades da intelixencia artificial, etc. Acóllense tamén a este programa os proxectos relacionados coa mellora das comunicacións (equipos, sinais, transmisións, novos protocolos para redes, etc.). Non son obxecto deste programa os proxectos que teñan por finalidade desenvolver aplicacións informáticas ou contidos para Internet ou audiovisuais, xa que os devanditos proxectos teñen cabida no programa de sociedade da información.

ANEXO XI

Tecnoloxías de deseño e producción industrial (DPI)

Este programa está dirixido a un número limitado de sectores de tipo industrial que, pola súa natureza, precisan das tecnoloxías procedentes de moi diversas áreas científicas e tecnolóxicas. Estes sectores son: madeira e moble, téxtil e confección, automoción, construcción naval, bens de equipo e maquinaria (incluíndo a maquinaria para os sectores enerxético e mineiro), artes gráficas e química, e outros sectores asimilables. Os proxectos de interese para este programa son os que teñen por finalidade a mellora dos procesos productivos ou de deseño, non mediante a adquisición de equipos senón definindo procesos novos ou mellorados, desenvolvendo novos equipos para os incorporar ós devanditos procesos ou adaptando outros xa existentes. Tamén son de interese os proxectos que perseguen a definición de novos compoñentes ou materiais para a incorporación a un proceso productivo concreto, ou aproveitamento de subproductos, as melloras significativas do producto ou a definición de novos

productos.

ANEXO XII

Ciencias sociais (CSO)

Este programa destínase á investigación, ó desenvolvemento e á innovación no ámbito das ciencias sociais e en relación ós temas que, a seguir, se sinalan:

-Educación, é dicir, proxectos relacionados coa innovación e a investigación educativa.

-Saúde pública, é dicir, proxectos relacionados co envellecemento da poboación e co estilo de vida (sedentarismo, nutrición, consumo de tabaco, alcol e outras drogas, accidentes de tráfico, etc.), así como estudios relacionados coa promoción da saúde e prevención das enfermidades, servicios de saúde e

investigación epidemiolóxica. Tamén terán cabida os proxectos de investigación relativos á seguridade e hixiene no traballo.

-Turismo, ocio e deporte, é dicir, proxectos relacionados co estudio da demanda turística e de motivación do ocio, relación entre o turismo e a conservación da paisaxe e do patrimonio, saturación de centros turísticos, diversificación da oferta turística, etc.

Son de interese os proxectos de I+D no ámbito das ciencias sociais, relacionados coa mellora da calidade dos destinos turísticos en Galicia ou que afecten a algún sector determinado (turismo de saúde, náutico, cultural e ecoturismo), así como os orientados á prospección e análise de necesidades de formación neste sector.

-Dereito, economía e empresa, é dicir, investigación relacionada con materias xurídicas, económicas e de xestión empresarial que afecten a calquera dos sectores económicos e sociais relevantes na Comunidade Autónoma galega.

ANEXO XIII

Sociedade da información (SIN)

A finalidade deste programa é atender proxectos de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica relacionados coa extensión da Sociedade da Información en Galicia, fundamentalmente en tres áreas:

-Relacións coa Administración, é dicir, proxectos de I+D+I destinados á creación de contidos dixitais ou audiovisuais e aplicacións informáticas relacionados coa administración pública e en particular ás relacións entre os cidadáns e a Administración.

-Calidade de vida, é dicir, proxectos de I+D+I destinados á creación de contidos dixitais ou audiovisuais e aplicacións informáticas en áreas tales como a sanidade, a educación, o turismo, o lecer ou os deportes, co obxectivo último de mellora-la calidade de vida da comunidade.

Son proxectos de interese os relacionados coa creación de contidos vinculados ó patrimonio cultural ou natural, así como o tratamento e xestión de datos (recursos e servicios turísticos), incluíndo o desenvolvemento de software e comercio electrónico para venda de servicios turísticos.

-Aplicacións a sectores económicos, é dicir, proxectos de I+D+I destinados á creación de contidos dixitais ou audiovisuais e aplicacións informáticas, relacionados con tódolos sectores económicos da Comunidade Autónoma e, en particular, con aqueles nos que poidan contribuír en maior medida ó seu desenvolvemento, tales como transportes, pesca, comercio, audiovisual, etc.

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO