DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 08 de xaneiro de 2004 Páx. 272

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de decembro de 2003 pola que se lle autoriza a ampliación dunha unidade de educación especial ó centro privado Agarimo de Arteixo (A Coruña).

Examinado o expediente presentado polo centro privado Agarimo de Arteixo (A Coruña), no que solicita autorización para a ampliación dunha unidade de educación especial no devandito centro.

Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, quen o remite cos informes correspondentes.

Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4 de outubro), de ordenación xeral do sistema educativo; a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación; o Real decreto 334/1985, do 6 de marzo, de ordenación da educación especial (BOE do 16 de marzo); a Orde ministerial do 30 de xaneiro de 1986 (BOE do 4 de febreiro); o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias; o Decreto 320/1996, do 26 de xullo (DOG do 6 de agosto), de ordenación da educación de alumnos e alumnas con necesidades educativas especiais; o Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro) que o desenvolve.

Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPÓN:

Autorizarlle a ampliación dunha unidade de educación especial ó centro privado Agarimo de Arteixo (A Coruña), segundo os datos que se relacionan no anexo desta orde, facendo constar que, para a súa posta en funcionamento, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta docencia na unidade que se amplía.

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: A Coruña.

Concello: Arteixo.

Localidade: A Baiúca.

Enderezo: Laxobre-A Baiúca.

Denominación: centro privado Agarimo.

Titular: Asociación Agarimo.

Código do centro: 15020431.

Composición resultante:

Educación especial: 3 unidades de psíquicos.

Educación básica de adultos:

Nivel I: 1 unidade.

Nivel II: 1 unidade.

Nivel III: 2 unidades.