DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 08 de xaneiro de 2004 Páx. 268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 449/2003, do 26 de decembro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, do dereito de usufructo da lagoa do mosteiro de Sobrado dos Monxes e a canle saguatoria, situadas no termo municipal de Sobrado (A Coruña).

O mosteiro de Sobrado dos Monxes acordou cederlle á Comunidade Autónoma de Galicia, a título gratuíto, o dereito real de usufructo da lagoa e a canle saguatoria que chega ata a entrada do edificio do mosteiro, segundo consta nos escritos con datas do 27 de febreiro e 21 de abril de 2003, para a conservación, ordenación e mantemento do ecosistema lacustre.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio tramitou o correspondente expediente de aceptación de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 16, 17 e 23 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e 33, 34 e 38 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da dita lei.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o mosteiro de Sobrado dos Monxes acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de decembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión, feita polo mosteiro de Sobrado dos Monxes, a título gratuíto, por trinta anos, do dereito real de usufructo da lagoa e a canle saguatoria ata a entrada do edificio do mosteiro, situadas no termo municipal de Sobrado (A Coruña).

Os ditos bens figuran inscritos a nome do mosteiro de Sobrado dos Monxes no Rexistro da Propiedade de Arzúa, no tomo 180, do libro 11 de Sobrado, folio 35, número 893.

Artigo 2º

O fin da cesión, a título gratuíto, do usufructo dos citados bens é o da conservación, ordenación e mantemento do ecosistema lacustre.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do dereito real no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo

tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.

Santiago de Compostela, vinteseis de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda