DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 07 de xaneiro de 2004 Páx. 207

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2003 pola que se convocan dous cursos sobre o patrimonio en Santiago de Compostela e o Camiño.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de 2 cursos sobre o patrimonio en Santiago de Compostela e o Camiño, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Acadar un coñecemento do patrimonio histórico artístico de Compostela, que lle sexa útil ós voluntarios de protección civil na súa axuda ós milleiros de visitantes e peregrinos desta cidade, e sexan capaces de dar unha información clara, concisa e útil.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de protección civil sitas nalgúns dos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela, e que previamente superasen o curso básico de protección civil.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso é de 30.

2. Duración e datas:

-O primeiro curso terá lugar os días 7, 14, 21, 28 de febreiro e 6 de marzo de 2004, en horario de mañá.

-O segundo curso terá lugar os días 7, 14, 21, 28 de febreiro en horario de tarde e o 13 de marzo de 2004 en horario de mañá.

3. Lugar: en Santiago de Compostela, está por determina-la localización da actividade de aula.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 26 de xaneiro de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

O contido do curso de Patrimonio en Santiago de Compostela e o Camiño.

-Historia do Camiño de Santiago. Importancia de Santiago de Compostela en Europa.

-Santiago de Compostela: coñecementos básicos de servicios que ofrece a cidade para os visitantes.

-Clase práctica en Santiago de Compostela.

-Historia de Santiago de Compostela. Onte e hoxe da cidade.

-A Catedral de Santiago de Compostela.

-Visitas prácticas.

-Coñecementos sobre tradicións e festas en Santiago de Compostela.

-Trato ó peregrino e ó turista que percorre os camiños de peregrinaxe a Santiago de Compostela.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso esporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados con antelación á realización do curso. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de decembro de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade