DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 07 de xaneiro de 2004 Páx. 197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Empresa Pereira, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Empresa Pereira, S.L., con nº de código 3601842 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-11-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 7-11-2003. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 20 de novembro de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Empresa Pereira, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito territorial e persoal.

Este convenio colectivo de traballo é de aplicación obrigatoria á totalidade dos traballadores de Empresa Pereira, S.L., con domicilio social en Vilagarcía de Arousa, r/ Patiño 19, polígono de Trabanca, comprendendo tanto o de carácter fixo como o que se encontra baixo contratación temporal, que estean prestando servicios na actualidade, así como o que ingrese durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación, se ben as condicións económicas deste producirán efectos o día 1 de xaneiro de 2003.

A duración do presente convenio colectivo será de tres anos, desde o 1 de xaneiro de 2003 ó 31 de decembro do 2005. Para o ano 1999 rexerá a táboa salarial anexa.

A revisión salarial correspondente ós anos 2004 e 2005 será a que se sinala no artigo cuarto.

Artigo 3º.-Denuncia.

A denuncia do presente convenio debe realizarse de forma expresa por calquera das partes asinantes do convenio.

A dita renuncia deberá realizarse durante os dous últimos meses previos á súa finalización. De non existir denuncia, observarase o disposto no artio 86 do ET.

Artigo 4º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que lle corresponden ó persoal afectado polo presente convenio son os que figuran na táboa anexa, máis antigüidade, se é o caso.

Para o ano 2004 tódolos conceptos salariais do convenio experimentarán un incremento igual ó IPC real do ano 2003 máis un punto porcentual.

Para o ano 2005 tódolos conceptos salariais do convenio experimentarán un incremento igual ó IPC real do ano 2004 máis un punto porcentual.

Artigo 5º.-Antigüidade.

Mantense o establecido na Ordenanza laboral e no ET, así como nas disposicións legais para as empresas de transporte de viaxeiros por estrada, é dicir, dous bienios ó cinco por cento e cinco quinquenios ó dez por cento todo isto do salario base deste convenio, segundo a táboa anexa.

Artigo 6º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, se é o caso.

Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios e faranse efectivas antes do 31 de xullo, 22 de decembro e 31 de marzo, respectivamente.

Artigo 7º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais que se desfrutarán nun período ou dous. No caso de fraccionamento serán dun día máis.

O desfrute das vacacións farase por anos naturais, é dicir, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de cada ano.

Un dos períodos desfrutarase preferentemente nos meses de verán.

Para o seu desfrute seguirase un sistema rotativo sobre as seguintes bases:

1. A empresa establecerá grupos de traballadores, en función da súa categoría profesional, centro e traballo e necesidades desta, sinalando as quendas e o número de traballadores de cada grupo que poden desfrutalas en cada quenda.

2. Terá validez o sorteo básico establecido en anos anteriores.

3. Seguindo o criterio establecido no convenio anterior, os situados nos primeiros lugares da lista para o desfrute das vacacións de 2003 ata o número igual ó de traballadores máximo por quenda pasarán ó final da lista para escolle-las vacacións do 2004 e así en anos sucesivos.

4. Calquera traballador que se incorpore á empresa neste período de tempo incluirase o primeiro ano ó final da lista e a partir dese momento incluirase na quenda rotativa.

5. Os cadros de vacacións resultantes da aplicación do anterior faranse públicos como mínimo dous meses antes do inicio delas.

6. Se un traballador se atopa de baixa por enfermidade ou accidente na data sinalada para o inicio das vacacións, empezarán a contar desde a data prevista, se esta foi comunicada pola empresa ó traballador cun mínimo de dous meses de antelación, e non empezarán a contar se a comunicación se fixo con menos de dous meses.

Se un traballador fose baixa por enfermidade ou accidente durante o desfrute das súas vacacións, estas non se interromperán e seguirán contando como tales.

Artigo 8º.-Conductor perceptor.

O conductor perceptor cando desenvolve as funcións de conductor e cobrador, percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial igual ó 20% do seu salario base por cada día en que realice ámbalas funcións.

Para ter dereito a esta percepción, deberá realizar ámbalas funcións cunha recadación mínima de 30 euros.

Artigo 9º.-Complemento de quebranto de moeda.

O conductor perceptor, o día que realice as funcións de conductor e cobrador nas condicións do epígrafe anterior, percibirá un complemento de 0,79 A en concepto de quebranto de moeda.

Artigo 10º.-Complemento de transporte.

Como compensación dos gastos que o persoal da empresa ten que efectuar para se trasladar ó centro de traballo, establécese un complemento de transporte para tódalas categorías profesionais de 1,18 euros por cada día efectivo traballado.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores.

A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas de traballo efectivo.

Cando a súa distribución a nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control

e cómputo da xornada verificarase anualmente, respectando, en todo caso, o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, aplicarase o disposto no Real decreto 1561/1995, do 8 de novembro, e demais disposicións específicas para o sector de transportes.

Artigo 12º.-Traballo en domingos e festivos.

Os domingos e festivos, que por necesidades do servicio sexan traballados e o descanso se produza outro día da semana, aboaranse coa cantidade de 13,57 euros a cada traballador, independentemente da súa antigüidade e categoría profesional.

No caso de que excepcionalmente non se puidese desfrutar este descanso, en cómputo mensual, cobrarase co incremento do 140%.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

Enténdese por horas extraordinarias a que excedan das 40 horas semanais, é dicir, que superen a xornada, sen prexuízo do establecido no parágrafo 3º do artigo 11º.

Dadas as peculiares características dos servicios efectuados pola empresa, o persoal desta comprométese a realiza-las horas extraordinarias necesarias para a realización do servicio. O seu importe será o sinalado na táboa anexa.

Artigo 14º.-Axudas de custo.

Ó persoal que por mor do servicio se lle provoquen gastos de comida, cea ou por durmir fóra, terá dereito a recibir unha indemnización que recibirá o nome de axuda de custos, en compensación dos gastos que se lle orixinen, sempre que se produzan conxuntamente estas condicións:

a) Que o servicio o obrigue a se ausentar do lugar ou centro habitual de traballo.

b) Que se vexa obrigado a comer, cear ou durmir fóra do seu domicilio e lugar ou centro habitual de traballo.

A axuda de custos da cea percibirase sempre que remate o servicio despois das 23.30 horas.

O traballador disporá dunha hora para realiza-lo xantar no período comprendido entre as 12.30 e as 16.30 horas. Se tivese que realizalo fóra desta hora recibirá unha axuda de custos de 8,50 euros.

Como compensación deste condicionado, non se establece contía de axuda de custos, pois a empresa é consciente do sentido da responsabilidade do seu persoal e, polo tanto, satisfará o importe total das axudas de custo ocasionadas polo traballador, logo da presentación da factura correspondente, para efectos fiscais.

Non obstante, a empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento do aloxamento e manutención do traballador en substitución da axuda de custos.

Artigo 15º.-Limpeza e conservación do vehículo.

O conductor asignado a cada vehículo da empresa realizará os traballos precisos para que o vehículo se encontre nun estado de limpeza e conservación acorde co servicio que se vai realizar. Tódolos días ó remata-la xornada pasará o autobús polo tren de lavado automático situado no garaxe da empresa. Cando non sexa posible efectuarase a outra hora do día.

Así mesmo e de acordo coas normas que sinale a empresa, cada conductor realizará a respostaxe de carburante do autobús co que realice servicio no surtidor instalado no garaxe da empresa.

Todas estas operacións consideraranse como de traballo efectivo e a súa retribución estará dentro do período de traballo real.

Artigo 16º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará, totalmente ó seu cargo, un seguro colectivo de accidentes a prol dos seus traballadores de 30.005,06 euros por cada un, de xeito que, no caso de falecemento por accidente laboral, invalidez absoluta e permanente derivadas de accidente laboral ó servicio da empresa, a cantidade citada sexa cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social senón un complemento desta.

Artigo 17º.-Situación de baixa por accidente de traballo.

Durante a situación de incapacidade temporal derivada de accidente de traballo, a empresa completará ata o importe da base reguladora, e por un máximo de seis meses, contados desde a data da baixa, a prestación económica aboada pola seguridade social.

Por outra banda, na situación de incapacidade laboral transitoria derivada de enfermidade común que motive hospitalización, a empresa completará durante a hospitalización e ata un máximo de seis meses a prestación da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 18º.-Cómputo de horas.

Os tempos de espera entre dous servicios computaranse como horas normais de traballo se o conductor está suxeito á disciplina do vehículo realizando tarefas de conservación, mantemento ou limpeza e como medias horas se está ó dispor da empresa pero non realiza ningunha tarefa, nin está suxeito á vixilancia do vehículo.

Artigo 19º.-Axuda escolar.

Como reflexo da preocupación da empresa en colaborar cos seus traballadores nos estudios dos seus fillos, establécese unha exuda para a compra de libros dos fillos dos traballadores consistentes no pagamento por parte da empresa, a cada traballador e na nómina do mes de setembro de cada ano, de:

a) 19 euros por cada fillo que estea a realizar estudios de EXB.

b) 25 euros por cada fillo que estea a realizar estudios de ensino secundario.

c) 31 euros por cada fillo que estea a realizar estudios universitarios ou de escolas técnicas.

É imprescindible que os estudios se realicen en centros de ensino oficial, calquera que sexa o seu nivel, quedando exceptuados os estudios non oficiais, tales como academias, idiomas, por correspondencia, etc.

Para cobraren esta axuda deberá xustifica-lo feito de teren realizada a matrícula dos estudios que vai realizar, así como as cualificacións obtidas o curso anterior.

Artigo 20º.-Xantar.

Dada a especial peculiaridade dos servicios que efectúa a empresa, o tempo para xantar poderá ser reducido a unha hora. O horario será entre as 12.30 e as 16.30 horas. Se tivese que se realizar fóra desta hora, recibirá unha axuda de custos de 8,50 euros.

Artigo 21º.-Toma e abandono de servicio.

Por toma e abandono de servicio enténdese o tempo necesario de inactividade investido na toma e/ou abandono do vehículo, situación que non depende directamente do traballo realizado.

Artigo 22º.-Retirada do carné de conducir.

No caso de que, por resolución administrativa ou sentencia xudicial, se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a un ano, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste os seus servicios, esta comprométese a facilitarlle ó productor afectado o posto de traballo máis idóneo, dentro das posibilidades do momento, pero quedará desvinculada de calquera obriga no caso de non aceptación do traballo ofrecido por parte do conductor.

Igualmente, considérase incluída neste artigo a conducción do vehículo particular de cada traballador cando sexa no traxecto do seu domicilio ó lugar de traballo ou regreso, para tomar ou deixa-lo servicio.

Cando a un conductor lle sexa retirado o permiso de conducir, polas causas sinaladas anteriormente, farase coincidir un mes deste período co das vacacións anuais.

Artigo 23º.-Condicións non previstas.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores, Ordenanza laboral para as empresas de transporte por estrada e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 24º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa

aplicación práctica, considerado na súa totalidade, de tal xeito que se por calquera circunstancia algún dos seus artigos fose declarado nulo ou ineficaz, levaría aparellada a nulidade de todo o convenio.

Artigo 25º.-Recoñecemento médico.

A empresa, voluntariamente e logo do acordo cos seus traballadores, levará a cabo un recoñecemento médico a través dos servicios correspondentes das mutuas patronais de accidentes de traballo, ou da forma que consideren máis idónea.

Artigo 26º.-Partes contratantes.

As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

Pola parte empresarial: José Agustín Pereira Fernández, administrador e xerente de Empresa Pereira, S.L.

Polos traballadores: José Ramón Lages Caeiro, delegado de persoal de UGT.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, a comisión paritaria estará formada por dous representantes da empresa e por dous representantes dos traballadores, todos eles escollidos por cada parte.

Táboa salarial (1 de xaneiro de 2003)

Salario

base

Hora

extraordinaria

Xefe de persoal867,03 A/mes7,06 A/hora
Xefe de tráfico867,03 A/mes7,06 A/hora
Administrativo790,96 A/mes6,52 A/hora
Auxiliar administrativo695,66 A/mes5,85 A/hora
Inspector23,69 A/mes6,43 A/hora
Conductor23,48 A/mes6,14 A/hora
Conductor perceptor23,48 A/mes6,14 A/hora
Cobrador20,20 A/mes5,84 A/hora
Mecánico oficial 1ª23,69 A/mes6,43 A/hora
Mecánico oficial 2ª21,38 A/mes5,84 A/hora
Mozo20,35 A/mes5,84 A/hora
Engraxador lavacoches20,35 A/mes5,84 A/hora