DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 07 de xaneiro de 2004 Páx. 173

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de decembro de 2003 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario.

Os plans de formación do profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia perseguen, como obxectivos xerais, mellora-la competencia profesional do profesorado, fomenta-la reflexión crítica sobre a súa actividade cotiá e crear actitudes proclives á investigación e á experimentación educativas.

Coa finalidade de facilita-la participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza distintas actividades de formación orientadas a conxuga-las necesidades derivadas do propio sistema educativo coas demandas xurdidas do mesmo profesorado.

Malia o anterior, a especificidade dalgunhas actividades de formación, ou as características especiais que a súa realización esixe, desaconsella a súa organización pola propia consellería ou polos centros de formación e recursos dependentes dela, sen que iso poida supoñe-la imposibilidade para o profesorado de asistir a este tipo de actividades, e que, de non facilitarse a dita opción suporía discrimina-lo profesorado afectado por tales circunstancias.

É por iso polo que procede establecer un sistema que permita o reintegro, cando menos parcial, dos gastos orixinados pola asistencia a este tipo de actividades de formación do profesorado.

En consecuencia, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.

1. Establece-lo procedemento para o reintegro individual de gastos derivados da asistencia a actividades de formación non organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou os centros de formación e recursos dela dependentes que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español, ou no estranxeiro e que comecen entre os días 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2004.

2. Para facilita-la distribución do orzamento ó longo do ano estableceranse dúas quendas. A primeira abranguerá as actividades que comecen entre os días 1 de xaneiro e 30 de xuño de 2004 e terá unha dotación orzamentaria de 42.500 euros. A segunda será para actividades que comecen entre os días 1 de xullo e 31 de decembro de 2004 e terá unha dotación orzamentaria de 42.500 euros. No caso de que o orzamento dedicado á primeira quenda non se esgotase, pasará a incrementa-lo orzamento da segunda quenda.

3. En ningún caso se concederán reintegros para a asistencia a actividades de formación de carácter regrado conducentes á obtención dun título, así como para actividades de formación inherentes a estudios regrados.

4. Os reintegros individuais financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1. Unha vez repartidas as devanditas contías, as solicitudes de reintegro serán automaticamente denegadas por ter esgotado o orzamento.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia do crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2004.

Segundo.-Poderán solicita-los devanditos reintegros os profesores de niveis non universitarios, con destino en centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en equipos de orientación específicos e os profesores adscritos ós centros de formación e recursos dependentes desta comunidade e sempre que para a asistencia á mesma actividade non perciban axudas de ningún tipo e que non recibisen reintegros individuais nas dúas últimas convocatorias (anos 2002 e 2003). Así mesmo, non se concederán reintegros a aqueles profesores que estean gozando de licencias por estudios durante o período de realización de actividades de formación.

Terceiro.-Os reintegros concederanse para actividades de formación, cursos, xornadas, encontros, conferencias, congresos e outras análogas, directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante, e segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Tipo I, na Comunidade Autónoma de Galicia, ata un máximo de 300 euros.

Tipo II, no resto do territorio español, ata un máximo de 510 euros.

Tipo III, no estranxeiro, ata un máximo de 1.021 euros.

Cuarto.

1. Os/as interesados/as deberán dirixi-la súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da que dependan, directamente ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo menos 20 días naturais antes do comezo da actividade para a que solicitan o oportuno reintegro.

2. Á solicitude engadiráselle a seguinte documentación:

a) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a que se solicita o reintegro.

b) Certificación do director do centro na que se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel e na que se especifique a disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparte. A dita certificación substituirase por outra expedida polo servicio de inspección correspondente no caso de que o solicitante estea destinado nunha escola unitaria.

c) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento exclusivamente. En ningún caso se farán constar gastos de mantenza e aloxamento.

d) Breve explicación dos motivos polos que se desexa asistir á actividade e repercusión da asistencia a esta na súa función docente.

e) Declaración xurada de non ter recibido reintegro individual nas dúas últimas convocatorias (anos 2002 e 2003), así como de non estar gozando de licencia por estudios durante o período de celebración da actividade de formación.

f) Declaración xurada de non percibir outro tipo de axuda para a mesma actividade.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requiriranse aqueles solicitantes que non acheguen os requisitos anteriormente sinalados, para que nun prazo de dez días emenden as faltas ou xunten os documentos preceptivos; de non o faceren, considerarase que desistiron da súa petición e arquivarase o expediente.

Quinto.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa maior brevidade, e sempre dentro dos 10 días seguintes ó da súa recepción, remitiranlle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais os expedientes de solicitude co informe da Inspección Educativa e a súa proposta, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Sexto.

1. O reintegro concederase de forma individual e a súa contía fixarase tendo en conta o centro en que estea destinado/a o candidato/a no momento de cursa-la instancia, as características da actividade, o lugar de realización, os gastos de inscrición e a adecuación ó nivel de docencia ou especialización que imparta o solicitante. En todo caso, terán preferencia aqueles solicitantes que nunca obtiveron reintegro individual.

2. A valoración dos méritos e demais circunstancias da solicitude para a concesión de reintegros serán estimadas por unha comisión que estará integrada por:

Presidente:

-A directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-O xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

-Un funcionario destinado no Servicio de Formación do Profesorado.

-Un funcionario da Inspección Educativa.

-Un funcionario desta consellería, que actuará como secretario.

3. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, á vista da proposta da devandita comisión, resolverá a concesión ou denegación do reintegro solicitado.

Sétimo.-A concesión ou denegación do reintegro seralle notificada directamente ó interesado/a, mediante resolución pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Contra a devandita resolución os interesados/as poderán interpoñer recurso de alzada, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión. As solicitudes entenderanse desestimadas de non existir resolución expresa no prazo de tres meses,

contados a partir da data de solicitude do reintegro individual.

Oitavo.-O aboamento do reintegro tramitarase unha vez que finalice a actividade. Só se aboarán os gastos xustificados. Para iso, o interesado/a deberalle remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, dentro dos dez días seguintes a ter recibido notificación da concesión da axuda por parte desta dirección xeral, e unha vez rematada a actividade, a seguinte documentación:

a) Breve memoria con informe crítico da actividade desenvolvida.

b) Documento orixinal que xustifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade e que especifique o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento, segundo corresponda (billete de avión, de tren, factura da axencia ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehículo propio), tal como se establece no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño). Todo iso en documentos orixinais.

d) Fotocopia debidamente compulsada do certificado de asistencia, expedido pola entidade organizadora. No caso daquelas actividades que rematen no ano seguinte, compromiso expreso de entregar copia do certificado no momento da súa emisión.

e) Declaración xurada de non percibir outro tipo de subvención para a mesma actividade.

Noveno.-Unha vez concedida a totalidade dos reintegros publicarase no DOG a relación dos profesores beneficiarios deles.

Décimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria