DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 05 de xaneiro de 2004 Páx. 124

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 18 de decembro de 2003 pola que se regulan axudas destinadas á prestación de servicios sociais polas corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, recolle, nos seus artigos 74.1º e 74.2º, a obriga de incluír anualmente na redacción dos seus orzamentos as contías necesarias para atende-los gastos derivados do exercicio das competencias que o artigo 26 desta lei lle atribúe á Administración autonómica. Os artigos 75, 76 e 77 establecen a obrigatoriedade por parte das deputacións e concellos de incluír nos seus orzamentos unha partida específica destinada ó mantemento dos servicios sociais.

Por outra banda, a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, prevé axudas e subvencións ós entes locais para programas de actuación.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se fixa a estructura orgánica da dita consellería ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Esta orde regula a convocatoria de axudas e subvencións ás corporacións locais para o financiamento de programas sociais de atención primaria incluídos no Plan Concertado de Prestacións Básicas de Servicios Sociais, de atención especializada e de eliminación de barreiras, de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que establecen os requisitos xerais para as subvencións que conceda a Administración autonómica.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas ás corporacións locais para o financiamento total ou parcial de servicios sociais.

Artigo 2º.-Servicios sociais subvencionables.

Terán o carácter de subvencionables os seguintes:

2.1. Servicios sociais de atención primaria (comunitarios), que desenvolvan programas e presten axudas favorecedoras da participación, integración e benestar social das persoas ou grupos, dentro do medio máis próximo ó usuario e ó seu contorno.

Estes servicios sociais comunitarios prestaranse nos seguintes equipamentos (centros):

-Centros de servicios sociais.

-Centros de acollida.

-Albergues.

-Outros equipamentos de apoio ó traballo social de atención primaria.

Dentro das actividades que se desenvolvan nos centros de servicios sociais ou servicios sociais de base, serán obxecto de financiamento prioritario os seguintes programas básicos de actuación: información, orientación e asesoramento; de atención no fogar e apoio á unidade de convivencia; de prevención e inserción social; de aloxamento alternativo; de fomento de cooperación social e todos aqueles que se poidan levar a cabo desde o primeiro nivel de atención.

2.2. Servicios sociais de atención especializada, dirixidos a sectores da poboación con problemáticas definidas, que precisen dun tratamento particular ou dunha prestación específica e non se poidan resolver desde os servicios sociais de atención primaria, sendo os seguintes a título enunciativo:

-Servicios e equipamentos na área dos maiores.

-Servicios e equipamentos na área da discapacidade.

-Servicios e equipamentos na área da drogodependencia e alcoholismo.

-Servicios e equipamentos na área para a prevención da delincuencia.

-Programas de accesibilidade e eliminación de barreiras.

-Aqueloutros que respondan de forma estable a situacións carenciais de colectivos específicos.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou teñan a titularidade dos centros ou servicios que se mencionan no artigo anterior.

Artigo 4º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son as seguintes:

a) De mantemento.

-De servicios sociais de atención primaria.

-De servicios sociais de atención especializada.

b) De realización de programas básicos de actuación.

-De carácter comunitario, destinados á poboación en xeral.

-De carácter especializado, dirixidos a sectores específicos ós que se refire o artigo 2º 2.2 desta orde.

c) De investimento.

-Adquisición de inmobles.

-Construcción de nova planta.

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Equipamento e mobiliario.

-Accesibilidade e eliminación de barreiras.

Artigo 5º.-Prórroga.

As subvencións outorgadas ós concellos para o mantemento dos servicios sociais de atención primaria durante o exercicio do 2003 considéranse prorrogadas para o exercicio do 2004 conforme os seguintes termos:

a) A contía referente ós gastos de persoal calcularase en función da concedida para o ano 2003, cun incremento igual ó sinalado no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004, respecto ó persoal ó seu servicio.

b) A contía do programa de axuda no fogar será a que resulte de multiplicar 901,52 euros, polo número de unidades familiares atendidas e xustificadas no ano 2003, sen que en ningún caso o importe resultante supere o da subvención concedida no pasado exercicio para esta finalidade.

c) Para a concesión da axuda no exercicio 2004 será necesaria a presentación, con carácter previo, da avaliación do ano 2003, segundo o modelo que se facilitará. Este modelo segue as clasificacións do Sistema de Información de Usuarios de Servicios Sociais (SIUSS), ficha social informatizada que deberán implantar de forma progresiva tódolos concellos galegos, para o que contarán co apoio técnico da Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social

Artigo 6º.-Programa de axuda no fogar.

Sen prexuízo do sinalado no artigo 5º, alínea b), referido á prórroga do programa de axuda no fogar, no caso de cofinanciarse altas de usuarios para esta prestación, será unicamente para novos casos. Polo tanto as novas concesións con cargo a este programa básico da atención primaria de servicios sociais non poderán incluír, en ningún caso, usuarios xa financiados polo concello ou outras entidades colaboradoras.

Darase conta, obrigatoriamente, das novas concesións nunha relación específica que se incluirá na memoria financeira de avaliacion, xustificativa da execución dos programas realizados no 2004, condición indispensable para a prórroga, se fose o caso, do cofinanciamento da axuda no fogar.

Artigo 7º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde, existe crédito adecuado e suficiente con cargo ó proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

a) Para o ano 2004, por un importe total de 16.962.861 A, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, nas aplicacións seguintes:

16.03.212A.460.0 por importe de 14.321.141 A.

16.03.212A.460.1 por importe de 510.000 A.

16.03.212D.460.0 por importe de 747.898 A.

16.03.212A.760.0 por importe de 363.811 A.

16.03.212A.760.9 por importe de 15.025 A.

16.03.212D.760.0 por importe de 362.827 A.

16.03.212D.760.1 por importe de 183.881 A.

16.02.212A.761.0 por importe de 458.278 A.

b) Se é o caso, poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual de acordo co establecido no artigo 58 do texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, con cargo ós anos e aplicacións orzamentarias que se citan:

-Ano 2005.

16.03.212A.760 por importe de 338.000 A.

16.03.212D.760 por importe de 758.000 A.

-Ano 2006.

16.03.212A.760 por importe de 690.000 A.

16.03.212D.760 por importe de 1.051.000 A.

2. A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto no exercicio anterior ós dos orzamentos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano seguinte aprobados polo Consello da Xunta de Galicia neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 8º.-Solicitudes.

1. As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán na Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social, nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, así como en calquera das oficinas de Información Administrativa e de Atención ó Cidadán da Xunta de Galicia, conforme o anexo I para os servicios sociais de atención primaria e anexo II para os servicios sociais de atención especializada onde se incluirán os programas de accesibilidade e eliminación de barreiras.

2. As axudas para servicios sociais de atención primaria efectuaranse nunha única solicitude, incluídas as derivadas da prórroga establecida no artigo 5º a) e b), á que se xuntará unha memoria individualizada, asinada polo técnico competente, para cada un dos servicios, programas e investimentos para os que se solicite a subvención.

3. As axudas referidas a servicios sociais de atención especializada, e ós programas de accesibilidade e eliminación de barreiras articularanse nunha única solicitude, que deberá ir acompañada dunha memoria para cada programa que se vaia desenvolver cos distintos sectores de poboación para os que se solicita atención.

4. A Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social e as respectivas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais prestarán o apoio e asesoramento técnico necesarios.

5. A solicitude e a documentación requirida presentarase por duplicado, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, sen prexuízo da resolución ulterior do expediente

polos órganos provinciais ou centrais competentes, sendo de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 9º.-Documentación.

1. As solicitudes para o financiamento dos servicios sociais, de atención primaria e/ou especializada, deberán ir acompañadas da documentación seguinte:

1.1. Documentación xeral:

a) Certificación do órgano correspondente da Corporación Local, na que conste o seguinte:

-A contía dedicada pola Corporación Local (ou corporacións locais no caso de comparti-lo servicio) ó mantemento e desenvolvemento dos servicios sociais de atención primaria financiados a través do plan concertado (segundo o modelo 1).

No caso de solicitar subvención para servicios sociais de atención especializada deberá emitirse, igualmente, certificación da contía que se achega.

Terase en conta, en todo caso, o disposto nos artigos 75 e 77 da Lei de servicios sociais.

-Acordo do órgano competente da Corporación Local para solicita-la subvención e, no caso de prórroga, de que continúa na prestación dos servicios nas mesmas condicións do ano anterior, para garanti-la continuidade dos programas e prestacións dos servicios sociais.

-Se a dita solicitude se fixese mediante resolución da Alcaldía ou Comisión de Goberno, deberá achegarse certificación do acordo no que se lle dá conta ó Pleno da corporación local do contido da citada petición.

b) Declaración do peticionario da axuda na que figure o conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes para un mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (segundo o modelo 2).

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria xunto coa certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe da subvención concedida (segundo o modelo 3).

1.2. Documentación específica:

a) Para a subvención relativa á axuda no fogar, os concellos deberán ter aprobado o correspondente regulamento municipal, ó abeiro da Orde do 22 de xullo de 1996 pola que se regula o referido servicio.

b) No suposto de solicitudes nas que se inclúan gastos de investimento, xuntarase, ademais, a seguinte documentación:

Adquisición de bens inmobles:

-Certificado do concello no que acredite participar no orzamento da adquisición.

-Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste por parte do vendedor.

-Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade da devandita opción, así como o seu prezo.

Construcción, reforma e adecuación:

-Certificado do concello no que acredite a súa participación no orzamento da obra que se vaia realizar.

-Certificado do concello que acredite o dominio do solicitante sobre o inmoble ou, se este é alugado ou cedido, certificado do propietario no que se fagan consta-las condicións nas que se efectuou esta, e a súa conformidade coas obras que se pretendan realizar.

-Certificado do concello no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

-Memoria e orzamento das obras que se van realizar. No caso de axudas para accesibilidade e eliminación de barreiras, xustificarase o cumprimento do disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Equipamento:

-Orzamento das adquisicións que se pretendan realizar.

Artigo 10º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Emenda de erros.

Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estes reúnen tódolos requisitos recollidos nesta orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados, para que nun prazo de dez días acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolve-lo expediente, coa indicación de que, se así non o fixesen, se considerarán desistidos da súa petición, e se procederá conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Tramitación e comisión de valoración.

1. Unha vez revisados os expedientes, e formalmente completos, remitiranse no caso de solicitudes relativas a servicios sociais de atención primaria á Comisión Central de Valoración e á Comisión Provincial no caso de solicitudes relativas a servicios sociais de atención especializada.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Nos servicios centrais:

-Presidente: director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

-Vicepresidente: subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

-Vocais: dous funcionarios da dirección xeral designados pola conselleira por proposta do director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social. Actuará como secretario un dos vocais.

b) Nos servicios periféricos:

-Presidente: secretario da Delegación Provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-Vicepresidente: xefe do Servicio de Axudas e Programas.

-Vocais: dous funcionarios da Delegación Provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, designados polo seu titular. Actuará como secretario un dos vocais.

-Convocarase un representante da Intervención Territorial, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o seu presidente e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer nun funcionario do mesmo servicio có substituído.

3. A Comisión de Valoración terá en conta os criterios expresados no artigo 7 do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, regulador da atención primaria, en relación coa adecuación dos servicios á planificación da Xunta de Galicia, o cumprimento da normativa en materia de equipamentos e programas básicos, os resultados da avaliación do desenvolvemento das actividades dos servicios sociais comunitarios, así como o esforzo orzamentario das corporacións locais en materia de servicios sociais.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, dos servicios sociais de atención primaria, por proposta da Comisión de Valoración e unha vez fiscalizadas pola Intervención Delegada, corresponderalle á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Estas axudas poderán formalizarse, se é o caso, a través de convenios de cooperación coas corporacións locais.

2. A resolución das axudas, dos servicios sociais de atención especializada, por proposta da respectiva Comisión Provincial de Valoración e unha vez fiscalizadas pola Intervención Territorial, corresponderalles ós titulares das delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, conforme o establecido na Orde do 7 de febreiro de 2003, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da consellería.

3. As resolucións serán motivadas e notificaranselles ás corporacións locais para a execución da axuda outorgada no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó amparo desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que

os dictou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdiccional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 12.2º do Decreto 287/2000.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non fose posible efectualas dentro del e existan fondos dispoñibles. Neste suposto só poderán atenderse solicitudes presentadas dentro do prazo establecido no artigo 10º da presente orde.

3. Será de aplicación ós beneficiarios das axudas establecidas nesta orde o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme co procedemento establecido no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Artigo 15º.-Xustificación e pagamento das subvencións

1. De conformidade co establecido no Decreto 287/2000 e conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do once de decembro de dous mil tres, o pagamento das axudas para mantemento e realización de programas poderá realizarse nos seguintes prazos:

a) O primeiro, do 35% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo, deberá presentarse certificado da Corporación Local da achega municipal, diferenciando a parte que corresponde a atención primaria da dos servicios especializados, segundo se sinala no artigo 9º1.1 a).

b) O seguinte 45% da subvención, sempre que se presente certificación emitida polo órgano competente (segundo o modelo 4), de que os gastos realizados en persoal, mantemento, axuda no fogar e realización de programas igualan ou superan o 80% da cantidade concedida para cada concepto, agás no caso de que nesta data se poida xustificar que o concello realizou un gasto igual ou superior á cantidade concedida para cada concepto; neste caso

procederase ó aboamento do 100% da subvención, tal como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada polo concello certificación expedida, polo órgano competente, de que foi realizado un gasto igual ou superior á axuda concedida en cada un dos conceptos subvencionados (segundo modelo 4), ademais da declaración á que se fai referencia no punto 5 deste artigo.

2. En todo caso, o concello deberá emitir nun prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

3. As actuacións subvencionables deberán realizarse dentro do exercicio 2004. Cando algunha das prestacións non se desenvolva na súa totalidade, por circunstancias que se acreditarán nos documentos correspondentes á avaliación do proxecto financiado, os remanentes de crédito que puidesen existir ó remate do exercicio, quedarán adscritos ó mesmo programa de actuación, de forma improrrogable para o exercicio inmediato seguinte.

4. Para subvencións de capital, a data límite de xustificación do investimento é o 30 de novembro de 2004.

5. Os beneficiarios no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes, para un mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (segundo o modelo 2).

6. A falta de presentación de documentación requirida nesta orde entenderase como renuncia á subvención concedida e, logo de audiencia do interesado, procederase conforme o disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e ocasionará ademais a imposibilidade de prorroga-los proxectos para futuros exercicios.

7. No suposto de subvencións para gastos de investimento, deberase presentar, ademais, certificación emitida polo órgano competente da Corporación Local, sobre a realización do mencionado investimento e expresiva dos importes investidos ou executados na acción subvencionada.

Para os distintos conceptos relativos a gastos de investimento non se realizarán anticipos nin pagamentos parciais.

Artigo 16º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá ó reintegro total ou parcial da contía percibida xunto ós xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá ó reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas e doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase conforme o procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o disposto nos artigos 19 ó 23 do Decreto lexislativo 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 17º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para o seguimento dos proxectos aprobados, co fin de garantir que as prescricións contidas no convenio-programa do plan concertado para o desenvolvemento das prestacións básicas de servicios sociais sexan respectadas.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no prazo dun mes desde que se lles requirise, cantos informes e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade obxecto da subvención concedida.

3. Así mesmo, as entidades locais beneficiarias quedan sometidas ó control financeiro que corresponda á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

4. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais