DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 05 de xaneiro de 2004 Páx. 96

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 18 de decembro de 2003 pola que se establecen subvencións para investimento, mantemento e promoción de actividades destinadas á prestación de servicios sociais polas asociacións e outras entidades de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, recolle no seu artigo 49 que a Administración autonómica poderá establecer subvencións a entidades prestadoras de servicios sociais.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, creada polo Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, con estructura orgánica fixada polo Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, é o órgano responsable da superior dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servicios sociais, sen prexuízo das atribucións doutras consellerías, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Unha das competencias da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais é precisamente realiza-la planificación xeral dos servicios sociais, coordinando as actuacións das entidades prestadoras de servicios sociais, coa finalidade de atender de forma ordenada e global as necesidades, sacarlles rendemento ós recursos dispoñibles, garanti-la calidade na prestación dos servicios e evita-los desequilibrios territoriais, estimula-la cultura da participación e do protagonismo da sociedade na provisión de servicios de atención social.

Na procura do anterior obxectivo, considérase instrumento adecuado o establecemento de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para a prestacións de servicios sociais sempre que cumpran os requisitos legalmente establecidos de adecuarse á planificación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e ó control dela sobre as actividades, servicios ou investimentos subvencionados.

Mediante Real decreto 373/1999, do 5 de marzo, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios da Seguridade Social en materia de asistencia e servicios sociais encomendados ó Instituto Social da Mariña (ISM).

A solicitude, tramitación e concesión das axudas obxecto desta orde axustaranse ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que conceda a Administración autonómica, normativa á que, en conse

cuencia, se adaptará esta orde, atendendo, en todo caso, ós principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e polo Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, para a debida aplicación dos créditos orzamentarios conforme o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento de axudas económicas ás entidades que presten os servicios sociais seguintes:

1.1. Servicios sociais de axuda a domicilio.

1.2. Centros e servicios para persoas con discapacidade.

1.3. Centros e servicios para persoas maiores.

1.4. Centros e servicios de prevención da delincuencia e tratamento de delincuentes, de atención a internos e de reinserción de ex-internos.

1.5. Centros e servicios para persoas en estado de necesidade e marxinados.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicita-las subvencións reguladas nesta orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social das referidas no artigo 32.2º c) da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, que sexan titulares dos centros ou presten algún dos servicios establecidos no artigo anterior, sempre que se atopen inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior.

2. A obtención de subvención para o mantemento de centros dos que sexan titulares as entidades de iniciativa social quedará condicionada á solicitude do permiso de inicio de actividades previsto no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, antes do remate do prazo de presentación das instancias desta orde. A solicitude do permiso de inicio de actividades presentarase en modelo normalizado e irá acompañada da documentación prevista no artigo 21 do citado decreto. En todo caso, será requisito previo para a obtención deste tipo de axuda a acreditación do permiso de inicio de actividades con anterioridade á data da resolución que a recoñeza.

3. Inclúense no ámbito subxectivo desta orde as entidades que, cumprindo cos requisitos establecidos nela, dirixan a súa actividade a traballadores, pensionistas e beneficiarios do sector marítimo-pesqueiro.

4. As entidades que accedan a esta convocatoria deberán dedicarse con carácter preferente, en concordancia cos seus estatutos, á realización de actuacións dirixidas en favor de calquera dos colectivos enumerados no artigo primeiro desta disposición.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De investimento:

-Adquisición, construcción, reforma, ampliación ou mellora de inmobles.

-Equipamento e moblaxe.

b) De mantemento:

-De centros e servicios así como do programa de axuda a domicilio.

-De asociacións e outras entidades.

c) De promoción de actividades:

-De integración social.

-De carácter asociativo ou comunitario.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) Tódalas axudas reguladas nesta orde, por criterio da consellería, poderán estar suxeitas á formalización dun convenio entre a institución beneficiaria e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que poderá ser prorrogado para futuros exercicios nas condicións legalmente previstas.

b) Tanto para as subvencións de investimento como para as de mantemento e promoción de actividades, a subvención poderá significa-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos ou privados, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

c) As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servicios centrais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas ás asociacións de iniciativa social en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia e pola súa normativa de desenvolvemento.

d) As institucións con personalidade xurídica independente que desenvolvan actuacións nun mesmo ámbito territorial, provincial ou supraprovincial, estarán facultadas para solicitar subvencións dirixidas á realización conxunta de actividades con idéntica finalidade. As instancias cursaranse individualmente e cada entidade solicitará unha parte proporcional da axuda, de xeito que a suma resultante das subvencións solicitadas por todas elas non poderá supera-lo custo total da actividade.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente con cargo ó proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004, por un importe 1.361.264,23 euros, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, nas aplicacións seguintes:

16.03.212D.480.0 polo importe de 1.103.581,23 euros.

16.03.212A.482.2 polo importe de 57.379 euros.

16.03.212D.780.1 polo importe de 200.304 euros.

A concesión das axudas reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de subvencións, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano seguinte aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 6º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos que se facilitarán nos servicios centrais ou periféricos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, así como nos centros de servicios sociais, servicios sociais municipais ou en calquera das oficinas de Información Administrativa e Atención ó Cidadán da Xunta de Galicia. A devandita solicitude deberá ir acompañada, ademais de pola documentación requirida para as distintas axudas, pola documentación estatística relativa á institución e ós distintos centros ou servicios xestionados, debidamente cuberta nos modelos conforme os anexos VII, VIII ou IX desta orde, segundo corresponda.

1. Documentos comúns a tódalas axudas:

a) Solicitude segundo o modelo (anexo I).

b) Memoria da institución segundo o modelo (anexo II).

c) Ficha da solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo (anexo III).

d) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe da subvención concedida.

e) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

f) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

g) Declaración das subvencións ou axudas obtidas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou de entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

h) As entidades que solicitasen subvención no exercicio anterior quedarán exentas de presenta-la documentación prevista nas alíneas c), d), e) e f), sempre que non se producisen modificacións no seu contido, circunstancia que será acreditada mediante certificación expedida polo representante da entidade.

2. Documentos específicos para cada tipo de subvención:

2.1. Para subvencións de mantemento:

Carpeta na que conste a identificación do centro, descrición técnica deste, cadro-resumo do persoal, relación de beneficiarios e orzamento de mantemento (anexo IV).

Cando se trate de servicios nos que, polo seu carácter ambulatorio, transitoriedade ou natureza da atención prestada, non sexa posible ou conveniente identificar concretamente as persoas atendidas, substituirase o cadro-resumo e a relación de beneficiarios por unha certificación do director do centro, co visto e prace do presidente da institución, na que se indique o número de beneficiarios ou a frecuencia dos servicios que se prestan, segundo proceda.

No caso dos servicios de axuda a domicilio, a certificación fará referencia ó número de beneficiarios e de horas prestadas.

2.2. Para subvencións de promoción de actividades:

a) Programa das actividades que se pretenden realizar (anexo V):

-Denominación de cada programa ou actividade.

-Resumo do contido de cada programa.

-Colectivo de atención.

-Descrición e fins de cada programa.

-Período de execución. Localización territorial.

-Número de usuarios directos.

-Metodoloxía e instrumentos que se van utilizar.

-Avaliación e seguimento do programa: obxectivos que se pretenden acadar, indicador de impacto utilizado para a súa medición e resultado esperado en relación a cada obxectivo.

b) Orzamento desagregado por partidas dos gastos previstos, así como dos posibles recursos con que se conte para o seu financiamento.

A entidade solicitante que ó abeiro desta convocatoria opte pola realización conxunta dun programa con outras institucións participantes, identificará estas, indicando expresamente o custo total da actividade, a parte proporcional da axuda que solicita cada unha delas e os recursos materiais e financeiros que achegan.

c) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudios e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2.3. Para subvencións de investimento:

2.3.1. Adquisición de bens inmobles:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste a favor do vendedor.

b) Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade desta, así como o prezo e a forma de pagamento.

c) Informe técnico sobre o estado do inmoble.

2.3.2. Construcción, reforma, ampliación ou mellora:

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do inmoble polo solicitante ou, se está en aluguer ou cedido, declaración do propietario na que faga consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta e que esta cumpre cos requisitos establecidos na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Memoria das obras que se van realizar e orzamento de execución material delas.

d) Plan de financiamento da obra.

2.3.3. Equipamento:

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretenden realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a construcción do centro, acreditación de que a obra está totalmente rematada.

Artigo 7º.-Prazo de presentación das solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 8º.-Lugar de presentación das solicitudes e documentación.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse, de conformidade cos modelos normalizados, nos servicios centrais ou periféricos da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Tramitación dos expedientes.

1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 5 de febreiro de 1996, que desenvolve o anterior, emitirá unha certificación relativa ás entidades inscritas, para o efecto de comproba-lo disposto no artigo 2.1º, e remitirállela a tódalas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. As delegacións provinciais ou, cando proceda, os servicios centrais da consellería comprobarán que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirán dos interesados que no prazo de dez días emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixesen se terán por desistidos da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse á Comisión Provincial ou Central de Valoración de Axudas Institucionais, que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

4. A composición das comisións de valoración será a seguinte:

a) Nos servicios centrais:

-Presidente: o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

-Vocais: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais e un subdirector xeral designado polo director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta do director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

b) Nos servicios periféricos:

-Presidente: o secretario provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-Vocais: dous funcionarios designados pola delegación provincial. Actuará como secretario un dos vocais. Deberase convocar, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

5. Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o presidente da respectiva comisión e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da mesma subdirección ou servicio ó que pertenza o substituído.

Artigo 10º.-Criterios de prioridade na valoración das axudas institucionais.

1. Criterios xerais:

-Implantación social da entidade e número de socios ou afiliados.

-Garantías de realización das actuacións propostas.

-A constitución da entidade con alomenos dous anos de antelación á publicación da convocatoria. Exceptúanse confederacións ou federacións de recente creación que estean compostas maioritariamente por federacións ou asociacións de máis de dous anos de antigüidade.

-A complementariedade coas actuacións públicas ou a satisfacción, por parte dos proxectos deseñados, de necesidades sociais non cubertas suficientemente.

2. Criterios específicos:

a) Axudas de investimento:

-O déficit ou a insuficiencia de recursos na zona de influencia.

-A adaptación dos centros e servicios ó cumprimento dos requisitos esixidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e á correspondente normativa en función do tipo de centro, así como á lexislación sobre accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma galega.

b) Axudas de mantemento:

-O mantemento de centros de atención nas áreas de persoas con discapacidade, persoas maiores e marxinación social, atendendo con carácter preferente os equipamentos sociais destinados a persoas en situación de dependencia.

-O mantemento de servicios de atención directa de forma continuada en calquera das áreas de actuación ás que fai referencia o artigo 1º desta orde.

c) Axudas de promoción de actividades:

-O desenvolvemento de programas e a realización daquelas actividades que tendan a posibilitar e fomenta-lo desenvolvemento persoal e a integración social dos colectivos recollidos nesta orde.

-En todo caso, gozarán de preferencia neste epígrafe as solicitudes que formulen entidades xuridicamente independentes para a consecución e o financiamento conxunto de actividades con idéntica finalidade.

Artigo 11º.-Resolución.

1. Delégase a competencia para resolve-la concesión das axudas solicitadas ó abeiro desta orde nos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais segundo o seu respectivo ámbito territorial, unha vez fiscalizadas polas intervencións competentes. Exceptúanse do disposto anteriormente aquelas axudas destinadas a subvencionar investimento, mantemento e promoción de actividades de asociacións ou entidades de ámbito supraprovincial, que serán resoltas pola conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

2. Tanto a concesión como a determinación do importe das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva atendendo ós criterios de prioridade establecidos nesta orde.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaránselles ós interesados para a execución da axuda outorgada no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as dictou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a orde xurisdiccional competente, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación, e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que coiden oportuno.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e con carácter excepcional poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non fose posible efectualas dentro del, por existir fondos provenientes de recursos de subvencións inicialmente concedidas ou doutro tipo de remanentes; neste suposto só se poderán atender solicitudes presentadas dentro do prazo establecido no artigo 7 desta orde.

3. En materia de infraccións e sancións, observarase o disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, e de función pública e actuación administrativa, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Obrigas das entidades subvencionadas.

Os beneficiarios destas axudas deberán:

a) Realiza-la actividade, servicio ou investimento que fundamenta a concesión da subvención. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberanse realizar dentro do exercicio.

b) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinen a concesión da axuda ou subvención.

c) Facer constar, en todo tipo de publicidade e información, a condición de subvencionada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

d) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

Artigo 14º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. De conformidade co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004, as asociacións e outras entidades de iniciativa social quedan exentas de acreditar que están ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración autonómica, agás no caso daquelas subvencións ou axudas para investimento por unha contía superior ós 1.500 euros.

2. Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ó pagamento e xustificación na forma que a continuación se indica, agás nos casos nos que se establezan convenios, nos que se aplicará

o que neles se sinale ademais do establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2004, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2.1. Subvencións de mantemento e promoción de actividades:

Ó abeiro do establecido no artigo 16.2º 1 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e de acordo co disposto por acordo do Consello da Xunta de Galicia do cinco de decembro de dous mil tres, o pagamento destas axudas poderase facer segundo se establece a continuación:

Para aquelas subvencións que non superen o importe de 6.010 euros, poderase acordar no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata o 50% e librarase o 50% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida, mediante un balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou o responsable da entidade, no que se reflectirá que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da axuda, acompañado dos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

Nos demais casos, o pagamento das axudas poderase facer nos seguintes prazos:

a) Un primeiro, de ata o 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación, que poderá acordar no momento da súa concesión.

Para facer efectivo este anticipo, deberanse presenta-los seguintes medios documentais provisionais de xustificación:

1. Para as subvencións de mantemento, unha certificación do director ou responsable da entidade dos gastos realizados durante o exercicio e as cantidades pendentes de pagamento.

2. Para as subvencións de promoción de actividades, unha certificación do director ou responsable da entidade do inicio das actividades.

b) Ata o 80% da subvención concedida poderán acordarse pagamentos parciais a medida que o beneficiario xustifique ter realizado un gasto equivalente mediante certificación do director ou responsable da entidade, xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

c) O 20% restante farase efectivo unha vez xustificada a aplicación da totalidade da subvención para o fin para o que foi concedida, mediante un balance de ingresos e gastos asinado polo presidente ou responsable da entidade no que se reflicta que o gasto realizado foi igual ou superior ó importe total da axuda, xunto cos xustificantes do gasto realizado como consecuencia da actividade obxecto da subvención.

En todo caso, unha vez recibida a resolución da concesión de axuda para o mantemento e promoción de actividades, a entidade beneficiaria deberá remi

tir, no prazo dun mes, certificación acreditativa de que foi aceptada a subvención.

Así mesmo, a entidade deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural conforme o anexo VI, así como unha memoria no caso de promoción de actividades. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

2.2. Subvencións de investimento:

No suposto de subvencións para gastos de investimento, o pagamento e a xustificación efectuaranse de acordo co establecido no artigo 16.2º 2 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En todo caso, deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Subvención para adquisición de inmobles. O aboamento da subvención efectuarase unha vez presentada ante os servicios centrais ou periféricos da consellería, segundo proceda, unha copia da escritura pública de compravenda, que recollerá unha cláusula na que se faga constar que o inmoble obxecto da subvención se deberá manter, polo menos durante trinta anos, destinado á finalidade que serviu de fundamento á petición.

b) Subvencións para construcción, reforma, ampliación ou mellora de inmobles:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificado ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Nas subvencións para a construcción de nova planta, presentarase compromiso asinado polo representante legal da entidade beneficiaria de que o inmoble se destinará, durante 30 anos, á finalidade que serviu de fundamento á petición.

c) Subvención para equipamento e moblaxe:

-Certificado do representante da entidade na que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas, de cada unha das casas subministradoras.

3. Nos dous puntos anteriores, as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro, e nas súas modificacións posteriores.

4. No momento da xustificación final do gasto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo obxecto que corresponde ás axudas reguladas por esta orde.

5. A documentación xustificativa dos gastos realizados deberase presentar antes do 30 de novembro do ano 2004.

Artigo 15º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas e doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase a cabo conforme co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o disposto nos artigos 19 ó 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 16º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

2. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais