DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 05 de xaneiro de 2004 Páx. 90

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 18 de decembro de 2003 pola que se convoca un concurso para o fomento da recollida de pilas usadas en Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións en materia de ambiente e conservación da natureza establecidas nos artigos 27.10º, 11, 15, 29.4º e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril). Ademais, de conformidade co disposto no artigo 7, punto 2.2.2 do Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, ten competencias para o fomento das accións de reducción, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e outras organizacións para a aplicación das accións indicadas. Estas funcións estanse a desenvolver con base en diversos plans, entre os que destaca o Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia.

A finalidade destes premios é dobre: por unha banda téntase conciencia-las futuras xeracións da importancia que ten unha axeitada xestión dos seus residuos, así como a necesidade de que non tiren as pilas usadas nas bolsas de lixo, senón afacelos a que as boten nos contedores específicos para tal efecto; por outra parte, preténdese acadar un máximo de recollida de pilas.

Para tal efecto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia e o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convócase un concurso dirixido a tódolos centros docentes de ensinanzas non universitarias da comunidade autónoma, consistente na IV edición da Liga de recollida de pilas, segundo se establece no artigo 2º.

Artigo 2º.-Bases da IV edición da Liga de pilas.

1. O obxecto desta liga de recollida de pilas é fomenta-la axeitada xestión de pilas usadas entre os alumnos de tódolos colexios de Galicia, premiando aqueles que acrediten ter alcanzado a máis alta taxa de pilas recollidas por alumno.

2. Dada a diferencia de alumnado nos distintos centros, estes agruparanse en tres categorías, segundo o número de alumnos.

a) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2003-2004 inferior a 50.

b) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2003-2004 entre 50-300.

c) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2003-2004 superior a 300.

3. A liga comezará o día seguinte ó da súa publicación no DOG e rematará o 15 de outubro de 2004. Para a súa participación neste concurso, os colexios enviarán debidamente cuberto o formulario do anexo I, co obxecto de acredita-lo número total de alumnos matriculados no centro; este formulario será remitido por fax ou correo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (San Lázaro, s/n 15781, Santiago de Compostela. Fax: 981 54 11 00) antes do 31 de febreiro de 2004.

4. O concello será o encargado da recollida das pilas, logo da chamada do colexio, unha vez que o contedor específico para pilas usadas estea cheo. O colexio, por cada entrega de pilas usadas, cubrirá o formulario do anexo II. O concello acreditará directamente, ou a través da empresa designada por este, o peso dado polo colexio, selando ou asinando a folla normalizada do devandito anexo II.

5. Co fin de facer un seguimento dos resultados da liga, os colexios enviarán por fax á Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental os formularios do anexo II que teñan cubertos unha vez que lle sexan retiradas as súas pilas.

Estes envíos deberán facerse en dúas tandas: antes do 31 de maio de 2004, e ata o 15 de outubro de 2004. Os formularios que non dispoñan da sinatura ou selo do concello ou da empresa designada polo concello para a recollida de pilas, non serán estimados.

O seguimento dos resultados da liga poderá facerse a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente.

6. Para a concesión dos premios calcularase a taxa de quilos recollidos por alumno matriculado, nas distintas categorías, segundo a seguinte fórmula:

Total quilos recollidos por colexio/total alumnos matriculados no colexio.

Ós colexios que acrediten unha maior taxa de recollida de pilas usadas segundo a fórmula adxudicaránselle-los seguintes premios:

a) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2003-2004 inferior a 50.

Primeiro premio: 3.000 euros.

Segundo premio: 2.500 euros.

Terceiro premio: 2.000 euros.

b) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2003-2004 entre 50-300.

Primeiro premio: 3.000 euros.

Segundo premio: 2.500 euros.

Terceiro premio: 2.000 euros.

Cuarto premio: 1.500 euros.

Quinto premio: 1.000 euros.

Sexto premio: 500 euros.

c) Centros educativos cun número de alumnos matriculados no curso 2003-2004 superior a 300.

Primeiro premio: 3.000 euros.

Segundo premio: 2.500 euros.

Terceiro premio: 2.000 euros.

Cuarto premio: 1.500 euros.

Quinto premio: 1.000 euros.

Sexto premio: 500 euros.

En caso de empate nalgún dos premios, a súa contía repartirase entre os gañadores.

Os colexios que obteñan premio recibirán a notificación antes do 30 de novembro do ano 2004. As listas definitivas de premiados pódense consultar na páxina web da Xunta de Galicia.

O orzamento da orde será aboado con cargo á dotación orzamentaria 15.04.342A.640.1

Disposición adicional

A presente orde de axudas tramítase ó abeiro do establecido na Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

-Liga de pilas.

Centro:

Categoría:

Código:

Cidade:

Provincia:

Enderezo:

CP:

Teléfono:

Nº de alumnos matriculados:

ANEXO II

-Liga de pilas.

Centro:

Categoría:

Cidade:

Enderezo:

CP:

Teléfono:

Provincia:

Data:

Quilos:

Selo do concello: