DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 02 de xaneiro de 2004 Páx. 47

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

RESOLUCIÓN conxunta do 16 de decembro de 2003, da División de Recursos Humanos e da División de Asistencia Sanitaria, pola que se publican dous acordos adoptados pola comisión de seguimento do pacto sobre urxencias extrahospitalarias e pola mesa sectorial sobre nomeamentos para gardas médicas de atención especializada.

De conformidade co previsto no pacto asinado coas organizacións sindicais CC.OO., CESMSATSE, CIG, CSI-CSIF, e UGT, con representación na mesa sectorial de negociación do persoal das institucións sanitarias con data do 15 de febreiro de 2001 (DOG nº 44, do 2 de marzo), polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias do Servicio Galego de Saúde, trala negociación levada a cabo ó longo deste ano e rematada o pasado día 12 de decembro no seo da comisión de seguimento, segundo o disposto na norma xeral 6 do pacto, na que se dispón que se farán públicos os acordos realizados no seo da citada comisión, publícase no Diario Oficial de Galicia o anexo I seguinte que recolle o contido do acordo.

Así mesmo, a Administración sanitaria e a representación sindical na mesa sectorial de negociación de persoal das institucións sanitarias do Sergas trala negociación que figura no anexo I, acordan facer extensivo o acordo de cotización ininterrompida ó réxime xeral da Seguridade Social ós facultativos especialistas vinculados mediante nomeamentos para gardas médicas, adaptado ó tipo de prestación neste nivel de atención. No anexo II recóllese o contido deste acordo para a súa publicación xunto co anterior no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2003.

José Ignacio Lema PiñeiroFrancisco José López Rois

Director xeral da DivisiónDirector xeral da División

de Recursos Humanosde Asistencia Sanitaria

ANEXO I

Acordo da comisión de seguimento do pacto polo que se regulan determinadas condicións de traballo no ámbito das urxencias extrahospitalarias.

No ano 2002 acordouse progresar na reducción de horas obrigatorias de atención continuada para o persoal do cadro de persoal desde 360 horas ata chegar a 320, sempre que o permitira a dispoñibilidade de profesionais (DOG nº 156, do 14 de agosto de 2002).

Nos anos 2003 e 2004 a reducción das 320 horas, presentada con carácter xeral, encontra dificultades derivadas da indispoñibilidade de profesionais para cubri-la atención sanitaria principalmente na categoría de médicos de familia na maioría das áreas, sen que poida garantirse a debida prestación de asistencia sanitaria nesas condicións.

A reducción de horas obrigatorias por debaixo das 320 poderíase dar nalgunhas áreas concretas, nas que se dispón de persoal de cadro de persoal e persoal eventual de médicos de familia e tamén de enfermería. Por esa razón se propón un límite xeral fixado en 320 horas, sen prexuízo de que onde sexa posible se procure a reducción por debaixo dese límite. Con ese obxecto, logo de amplo tratamento cos representantes sindicais nas comisións de centro, nalgunha área, ou dispositivo poderíanse determinar como horas obrigatorias por debaixo das 320 e ata o límite de 280, sen prexuízo de que nalgún ámbito concreto e colectivo profesional, sempre que sobre os límites resulten asumibles para garanti-la asistencia sanitaria poidan reducirse as cargas obrigatorias ata as 230 horas.

Nestes ámbitos, trala negociación e completo estudio da viabilidade, e coa publicidade debida, formalizarase a opción de voluntariedade dos profesionais do cadro de persoal.

Con base na recente sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre alta no réxime xeral da Seguridade Social dos vinculados para nomeamentos de atención continuada mediante o compromiso de chamamento para este tipo de prestación, así como tamén as recentes sentencias do Tribunal Supremo sobre a materia, este acordo inclúe tamén o compromiso de formaliza-la dita alta e cotización ininterrompida para o persoal vinculado para a prestación de atención continuada.

ACORDO:

1º Reducción de horas obrigatorias.

De conformidade co previsto no punto 5.8 do pacto cómpre precisa-lo número de horas de atención continuada obrigatorias, para os efectos de progresar na reducción das devanditas cargas asistenciais establecida naquel punto en función das dispoñibilidades organizativas e asistenciais concorrentes.

1. Para tal efecto, establécese con carácter xeral para o ano 2003 como cargas asistenciais obrigatorias máximas o número de 320 horas anuais de atención continuada. Por indispoñibilidade de profesionais para a cobertura da atención continuada nalgún dispositivo tal límite non pode ser asumido manténdose nestes dispositivos en 360 horas no ano 2003. Non obstante o anterior, ó longo do ano 2004 as xerencias das que dependan estes dispositivos procurarán a compensación da prestación sobre 320 e ata 360 horas dos profesionais, na medida que a dispoñibilidade de profesionais o permita.

2. Para o ano 2004 establécese con carácter xeral e provisional o número de 320 horas de cargas asistenciais obrigatorias.

3. Sen prexuízo do disposto con carácter xeral no parágrafo anterior, sempre que os dispositivos de atención urxente extrahospitalaria dispoñan de profesionais suficientes para cubri-la atención continuada nos ámbitos correspondentes, no ano 2004 progresarase na reducción ata achegala ás 280 horas. Alí onde sexa posible a reducción procurarase ata 230 en persoal de enfermería, e , no suposto de dispoñibilidade de voluntarios ou vinculados que garanta a prestación asistencial poderase aplica-la citada reducción en médicos.

As horas obrigatorias para os profesionais médicos e enfermería que se determinen nos diferentes dispositivos de atención urxente extrahospitalaria será obxecto de publicación en cada xerencia, logo de amplo tratamento no seo das comisións de centro.

4. Unha vez coñecida a voluntariedade de realizar horas de atención continuada polos profesionais do cadro de persoal nas distintas áreas e a cobertura por persoal vinculado poderase revisar este acordo no seo da comisión de seguimento do pacto, por se fora posible progresar na citada reducción xeral ó longo do ano 2004.

2º Opción de voluntariedade para a realización de horas de atención continuada.

1. Realizarase unha oferta xeral de opción de voluntariedade para a cobertura de atención continuada para o ano 2004 tomando como base o límite de 320 horas anuais, nas condicións anteriores.

2. Naqueles dispositivos onde sexa posible a oferta nos termos do epígrafe 3 do punto 1º deste acordo, realizarase a oferta de voluntariedade sobre as horas que resulten de límite en cada dispositivo.

3º Garantías e nomeamentos de atención continuada.

Prorrogaranse as actuais garantías de atención continuada ata a formalización da nova oferta de vinculación nos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria prevista para a primeira quincena de febreiro de 2004, trala opción de voluntariedade prevista no punto 2º anterior.

4º Afiliación ininterrompida e cotización ó réxime xeral da Seguridade Social.

Pola División de Recursos Humanos do Sergas, tralos trámites oportunos, logo de negociación no seo da comisión de seguimento do pacto, serán dictadas as instruccións para que as xerencias formalicen a afiliación ó réxime xeral da Seguridade Social de maneira continuada ós aspirantes que resulten seleccionados e vinculados mediante a garantía para cobertura de atención continuada. Para determina-la cotización a efectuar para os ditos traballadores tomaranse a totalidade das retribucións percibidas mensualmente.

Con base no anterior, a oferta de selección para o ano 2004 formalizarase logo da negociación das condicións de traballo que por tal motivo poidan resultar alteradas, tales como o número de horas que se van cubrir. As condicións que resulten da

negociación non afectarán as normas vixentes de selección temporal no Sergas, nas que se dispón que os aspirantes que subscriban as garantías para cobertura de atención urxente extrahospitalaria, cubrirán as demais necesidades de carácter temporal que supoñan vinculación dun mes ou inferior duración, nos ámbitos correspondentes.

ANEXO II

Contido do acordo acadado no seo da mesa sectorial de negociación de persoal das institucións sanitarias do Sergas sobre afiliación ininterrompida e cotización continuada nos nomeamentos para gardas médicas de atención especializada.

Con base nas recentes sentencias dictadas sobre cotización en nomeamentos para cobertura de atención continuada ou gardas médicas, que resolven as dúbidas sobre o sistema de cotización neste tipo de vínculos, no seo da mesa sectorial de negociación de persoal de institucións sanitarias do Sergas acordouse regulamenta-lo réxime de afiliación e cotización continuada ó réxime xeral da Seguridade Social para o persoal facultativo de atención especializada vinculado mediante nomeamento para gardas médicas.

Se ben as sentencias dictadas nesta materia afectan o réxime de atención primaria, sendo idéntico ó réxime xurídico do nomeamento que lle serve de base, acórdase traslada-la regulación da cotización para os vínculos de atención continuada ou gardas de atención primaria ós vínculos de atención especializada, adaptada a súa prestación, distinta da regulada en atención primaria de Galicia.

ACORDO:

A División de Recursos Humanos do Sergas, tralos informes e trámites oportunos, logo da negociación das condicións no seo da mesa sectorial, regulamentará a afiliación e cotización continuada ó réxime xeral da Seguridade Social dos profesionais vinculados para a cobertura de gardas médicas en atención especializada, que a súa cobertura responda a necesidades continuadas e permanentes da institución sanitaria de que se trate.