DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Venres, 02 de xaneiro de 2004 Páx. 28

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 11 de decembro de 2003 pola que se anuncian subvencións para a mellora de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes.

A oferta turística de Galicia está conformada por unha serie de elementos que a configuran como única e diferente, pero ó carón destes elementos distintivos aparecen outros comúns a tódalas ofertas que, a súa vez, son importantes nesta, estámonos a referir ós establecementos cualificados como cafeterías, cafés, bares e restaurantes.

Para os efectos de mellora-los referidos establecementos e así, deste xeito, axudar á mellora global da oferta turística de Galicia é polo que, con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 16 de outubro de 2003 e seguindo os límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas a España para o período 2000-2006 e con base no establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, de acordo co determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda

do 11 de febreiro de 1998, modificada pola ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse axudas destinadas á mellora de establecementos de cafe

tería, cafés, bares e restaurantes en funcionamento. Por iso

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá conceder subvencións ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil) de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento.

As ditas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.05.651A.770.3 e a estas destínase un crédito máximo de 659.766 euros sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á mellora dos servicios sanitarios e as cociñas de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes que impliquen dar cumprimento, na súa totalidade, ás condicións establecidas no artigo 3º.2 desta orde.

Artigo 3º.-Condicións.

1. Será requisito imprescindible para acceder á subvención que os establecementos para os que se solicita estén inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia antes do remate do prazo que, para a presentación de solicitudes, se establece nesta orde. Debendo estar inscrito co nome comercial actual do establecemento e a nome do titular que opte á subvención.

2. Os servicios sanitarios, logo da execución do investimento subvencionado, terán que cumpri-las seguintes condicións:

a) Serán independentes para donas e cabaleiros.

b) Contarán, como mínimo, coas seguintes dotacións:

1. Un lavabo e un inodoro con descarga automática de auga. No caso de servicios de cabaleiros tamén contarán con urinario.

2. Ventilación directa ou asistida con renovación de aire.

3. As paredes, chans e teitos serán impermeables e estarán revestidos de materiais de doada limpeza.

4. Xabón líquido, toallas dunha soa utilización ou secador de mans.

5. Recipiente hixiénico para o depósito do lixo.

3. Respecto das cociñas, poderán ser obxecto de subvención:

-A renovación e mellora de pavimentos e alicatados que deberán ser impermeables e revestidos de materiais de doada limpeza.

-As obras encamiñadas á mellora e garantía da ventilación directa ou forzada en tódalas dependencias.

-A instalación de lavamáns de accionamento non manual en zonas de elaboración, manipulación e envasado de comidas preparadas.

-Bens de equipo tales como renovación de cociñas, cámaras frigoríficas, pranchas, aparellos de conservación de alimentos, etc.

4. Non se considerará obxecto de subvención a adquisición de menaxe, vaixelas ou análogos nin a renovación do mobiliario ou adquisición de pequenos electrodomésticos. Así mesmo, non se considerará subvencionable a instalación de bens de equipo ou moblaxe que non requira a realización de obra.

5. Os proxectos que se subvencionen non poderán estar comezado, e estarán rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde. Non se computará como subvencionable ningún tipo de imposto, taxa ou prezo público.

6. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que vai efectua-la Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

b) Comunicarlle á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

c) A reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

-Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

-Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

-Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-Por revogación da subvención concedida por non terse xustificado o investimento subvencionable.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se contemplan nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica de ata un 40% do investimento subvencionable, cun importe máximo de 3.000 euros no caso de servicios sanitarios, e de 6.000 euros no caso das cociñas.

a) Respecto dos servicios sanitarios, o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 900 euros.

b) Respecto das cociñas, o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 1.800 euros.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica presentarase, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo correspondente á provincia onde se atope o establecemento ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de corenta días hábiles contados desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente ou, no seu defecto, facturas pro-forma ou orzamentos debidamente asinados. (En calquera dos casos o orzamento deberá de especificar se é sen ou con IVE e, neste caso, indicarase o tipo aplicable).

c) Fotografías do estado actual dos servicios sanitarios.

d) Fotografías do estado actual das cociñas.

e) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura cotexada da súa constitución ou modificación, de se-lo caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil na que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que os estatutos son os vixentes.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde polas distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

2. Os interesados emendarán, por petición da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Facultade de inspección.

Desde o momento da presentación das solicitudes realizaranse tódalas inspeccións o comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados ou a execución das obras aprobadas.

Artigo 7º.-Selección das solicitudes e resolución.

A cada expediente xuntarase informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, no que se deberá indicar se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, así como informe do inspector de turismo competente sobre o estado actual dos servicios sanitarios e/ou cociñas. As solicitudes serán estudiadas por unha Comisión Técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes de servicio provinciais de Turismo e os xefes de servicio de fomento e promoción, de investimentos e supervisión técnico-turística e de ordenación do turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe do Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes terase en conta como criterio de concesión os investimentos que determinen unhas dotacións superiores ás establecidas como mínimas nesta orde, así mesmo teranse en conta en orde decrecente os seguintes criterios:

1º A localización do investimento atendendo á súa situación e para isto terase en conta: a localización en áreas rurais con tendencia á despoboación; zonas costeiras con elementos configuradores de producto náutico ou cunha fisonomía tradicional mariñeira; o interese do espacio en relación a figuras de protección ambiental, a declaración oficial como turístico do municipio ou estar incluído o dito municipio ou localidade nun Plan de Dinamización y/ou Excelencia Turística.

2º Análise do destino en relación coa calidade dos accesos, coas infraestructuras básicas e coa oferta de servicios de utilización turística.

3º Que o solicitante sexa beneficiario dun programa de novos emprendedores do Instituto Galego de Promoción Económica.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará ó director xeral de Turismo, os acordos adoptados por esta. Dos acordos adoptados pola Comisión redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra as ditas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos prazos desde o día seguinte ó da recepción da notificación da presente resolución.

A resolución de concesión determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias determinadas nesta orde.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude desta orde terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado o 15 de outubro de 2004.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustifica-lo antes posible e nunca con posterioridade á data indicada, data que é límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento segundo o modelo do anexo II.

3.2. Facturas relativas á obra executada e fotografías do investimento realizado. En calquera caso, as facturas deberán de especifica-los distintos conceptos e prezos unitarios.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas Facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa administración da Comunidade Autónoma.

3.4. Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta

orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

Disposición transitoria

Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados ó abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-A resolución de concesión con base no procedemento e condicións sinaladas no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderase modificar por alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, ou, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Segunda.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, os prazos establecidos no artigo 8º.1 teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. Os ditos prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 15 de outubro de 2004.

Terceira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado nesta orde, poderán solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A directora xeral de Turismo dictará, de ser preciso, as resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Segunda.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 e no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo